Roxelio Pérez González
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 18 de xuño de 1897 Rianxo, España |
Morte | 9 de xullo de 1963 (66 anos) Pontevedra, España |
Outros nomes | Roxerius |
Educación | Escola Normal de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | mestre, pedagogo |
Roxelio Pérez González, coñecido como Roxerius, nado en Rianxo o 18 de xuño de 1897 e finado en Pontevedra o 9 de xullo de 1963, foi un mestre e pedagogo galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Curmán de Manuel Antonio, participou con Rafael Dieste no grupo teatral Os Trece, que fixo varias representacións en aldeas e vilas da ría de Arousa en 1915.
En 1920 rematou os estudos de maxisterio na Escola Normal de Santiago de Compostela. Nestes anos frecuentou o centro republicano e as Irmandades da Fala. En 1919 asistiu, xunto con Antón Villar Ponte, Fray Salvador, Sánchez Andrade e Leandro Pita Romero, á Xuntanza Escolar Nazonalista, celebrada en Santiago.
Participou na fundación do Partido Galeguista en decembro de 1931. A partir deste momento, intensificou as súas colaboracións xornalísticas e diversificou a temática destas. Despois de aprobar por libre os cursos da Escola Superior de Maxisterio de Madrid, obtivo a praza de inspector de ensino primario en 1932 e foi destinado a Pontevedra.
Desde o seu posto de Inspector intentou aplicar a política educativa da Segunda República adaptada ao contexto galego. Traballou pola galeguización do ensino, a realización de conferencias e actos culturais na Galiza rural e pola creación de bibliotecas escolares. Prestou atención á nova escola rural galega, ás escolas agrarias e á práctica dunha pedagoxía activa. Defendeu posturas monolingües respecto ao emprego do galego no ensino.
Entre 1933 e 1936 participou na política nacionalista arredor das figuras de Castelao e Bóveda, e foi elixido vicepresidente da xunta directiva do PG de Pontevedra en 1934. Neses anos viviu a etapa de maior proxección pública como educador: foi secretario da Casa do Mestre de Pontevedra e colaborador habitual do seu órgano de expresión, Escuela Vivida, director do padroado de Misións Pedagóxicas (1934) e coordinador da Página Pedagógica de El Pueblo Gallego.
Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi apartado do seu cargo de inspector o 12 de setembro de 1936. No proceso de depuración resultou cesado o 27 de febreiro de 1937, e foi readmitido nos anos 40.
Obras
[editar | editar a fonte]Publicou traballos sobre temas da súa especialidade, moitos deles escritos en galego, en La Voz de Galicia (1922), Galicia (1924), El Pueblo Gallego (1926-1935) e A Nosa Terra. Colaborou co exilio americano en revistas como Lar e, a partir de 1946, en La Noche na páxina semanal "Plumas y Letras Gallegas". Tamén publicou algúns poemas en galego e castelán. Aínda que o seu pseudónimo máis habitual foi o de "Roxerius", empregou tamén o de "Xelioro".