Sitta krueperi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Sitta krueperi
Estado de conservación
Case ameazada (NT)
Case ameazada[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Sittidae
Xénero: Sitta
Especie: S. krueperi
Nome binomial
Sitta krueperi
(Pelzeln, 1863)
Área de distribución de Sitta krueperi en Oriente Próximo.
Área de distribución de Sitta krueperi
en Oriente Próximo.

Sinonimia

Sitta krueperi, xeralmente chamado gabeador de Krüper, é unha especie de ave paseriforme da familia Sittidae, que vive esencialmente en Turquía.

É de tamaño mediano, mide 12,5 cm de lonxitude. As partes superiores son azuis agrisadas, coa metade frontal do píleo de cor negra en ambos os sexos, aínda que o límite posterior está claramente marcado na femia. A especie ten unha liña negra ou gris que atravesa os ollos, e unha lista superciliar branca ben marcada. As partes inferiores no macho son azuis agrisadas e na femia son grises amarronados, cunha gran mancha vermella en forma de lúa crecente no peito. Este gabeador aliméntase de insectos en verán e sementes, fundamentalmente de piñeiros, en outono e inverno. A época de reprodución é de marzo a maio, e constrúen o niño nun burato dunha árbore. A femia pon de cinco a sete ovos, e os pitiños son alimentados polo macho. Ambos os proxenitores participan na alimentación dos xoves.

Vive nos bosques de piñeiros e outras coníferas de Turquía, Lesbos e o Cáucaso, que segue en boa medida a área de distribución do piñeiro Pinus brutia. Nalgúns lugares pode encontrarse ata os 2 500 m de altura. Esta especie forma parte dos gabedores pequenos do «grupo canadensis» e é moi próximo ao gabeador da Cabilia (S. ledanti), única especie que ten a metade do píleo de cor negra. S. krueperi está ameazado pola perda do seu hábitat provocada pola silvicultura e especialmente polo desenvolvemento turístico na costa turca. O seu número está diminuíndo e a especie considérase «case ameazada» pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza.

Descrición[editar | editar a fonte]

Ilustración de John Gerrard Keulemans representando un espécime macho á dereita xunto a un xuvenil á esquerda.

As partes superiores son azuis agrisadas, coa metade frontal do píleo de cor negra en ambos os sexos e as rémixes primarias e secundarias son marróns agrisadas. A lista superciliar é branca, e destaca unha liña negra atravesando o ollo, algo menos definida na parte posterior do ollo. A gorxa é branca e o resto das partes inferiores son grises claras cunha gran mancha vermella no peito en forma de media lúa. As plumas coberteiras inferiores son branquechas e as plumas son vermellas con puntas brancas.[2] O ollo está rodeado por un anel ocular branco e fino,[2] e o iris é marrón escuro ou canela.[3] O peteiro é gris, coa base da mandíbula inferior e a do culme de cor gris azulada. As patas son grises amarronadas ou grises escuras.[3]

Son aves de pequeno tamaño, que miden 12,5 cm de lonxitude.[2] No macho e na femia a á pregada chega a medir, respectivamente, de 71 a 81 mm e de 68 a 74 mm, e a cola de 33 a 40 mm e de 33 a 38 mm. A medida do peteiro é de 17,9 a 20,2 mm de longo e a do tarso de 16,9 a 19,3 mm. O macho adulto pesa de 10 a 14,3 g.[3] O estudo de 41 medidas diferentes de moitos espécimes de distintas localidades de Turquía mostrou pequenas variacións de tamaño ao longo da súa área de distribución.[4]

O dimorfismo sexual non é moi evidente, sobre todo en verán, cando as plumas están desgastadas, pero o píleo da femia é menos negro e claramente menos definido na parte traseira mentres que no macho é negro brillante e claramente definido.[2] As partes inferiores da femia son máis pálida e difusas, mentres que son grises e azuladas nos machos.[2][5] Os individuos novos distínguense con facilidade, xa que teñen unha plumaxe moito máis opaca e non teñen o píleo negro, na maior parte da mesma é máis escura que o resto das partes superiores. A súa mancha vermella no peito é moi pronunciada, igual que a lista superciliar e a liña ocular. Diferéncianse da femia adulta pola súa plumaxe nova cando as plumas desta están desgastadas e polo píleo escuro.[2]

Os adultos no seu primeiro ano poden ter algo de marrón persistente nas puntas das plumas coberteiras. Os adultos realizan unha muda completa despois da crianza (a mediados de maio e principios de setembro), e en ocasións unha muda parcial antes da época de reprodución (marzo), que afecta especialmente ao peito. Tamén hai unha muda parcial posxuvenil que implica as coberteiras medianas.[3]

S. krueperi forma parte do grupo de especies «canadensis» e é moi próximo a S. ledanti, coa parte dianteira do píleo escura e a marcada lista superciliar branca, pero o S. ledanti ten as partes inferiores de cor crema ou beige e non ten unha gran mancha marrón avermellada.[5] Isto último é característico de S. krueperi, igual que a marcada diferenza entre xoves e adultos.[3]

Comportamento e ecoloxía[editar | editar a fonte]

Vocalizacións[editar | editar a fonte]

O gabeador de Krüper é un paxaro ruidoso e frecuentemente é doado de localizar polos seus gritos.[2] A chamada, descrita como un dvui, emítese nunha serie de «dui-dui-dui-dui», similares aos do verderolo Chloris chloris. Cando está nervioso, produce un «èèhch» áspero, similar ao do gaio, ou un «puik» seco.[5][6] O canto é un «tuituituituitui» nasal, alternando notas altas e baixas cun ritmo variable.[5]

Reprodución[editar | editar a fonte]

Un espécime macho na póla dun piñeiro na illa de Lesbos.
Ovos de Sitta krueperi.

A época de reprodución vai desde mediados de marzo a mediados de maio en Turquía, as datas exactas dependen dos lugares e a altitude. No sur de Anatolia, as postas de ovos empezan a finais de marzo;[7] no Cáucaso, comezan en abril e rematan en maio.[8]

Só producen unha rolada de pitos ao ano. Adoitan colocar o niño no burato dunha conífera lonxe do chan. Un estudo de catro tempadas de cría no sur de Turquía demostrou que os niños se construían de media a case 12 metros de altura, cun intervalo entre os 2,1 e 24 metros, e adoitaban estar orientados ao leste.[7]

Este gabeador xeralmente utiliza cavidades xa existentes e simplemente as limpa, traballo que fai sobre todo a femia, pero pode escavar o seu propio burato nos troncos e pólas mortas. Observouse a posta de ovos na parte superior dun toco ou sobre unha morea de ramiñas onde se esgalla unha póla grande, mais estes sitios de nidificación pouco usuais só adoitan utilizalos en caso de escasa dispoñibilidade de buratos.[8]

A diferenza doutros gabeadores, o gabeador de Krüper non cobre a entrada do seu burato con lama ou resina. O niño da parte inferior está cheo de cachos de codia, madeira podre e escamas das piñas, ou cuberto de musgo, pelo, la e plumas. A femia fai a maior parte do traballo, e pon de catro a seis ovos, normalmente cinco ou seis, que miden 17 × 13 mm e son de cor branca cremosa con pequenas manchas vermellas ou moradas, a maioría concentrados no extremo máis grande. A incubación dura de 12 a 17 días e realízaa a femia soa, alimentada polo macho.[7][8] Tamén cobre as crías dándolles calor, pero ambos os proxenitores están implicados na alimentación.[8]

Os xuvnís aliméntanse principalmente de escaravellos, larvas de insectos e vermes. Como media, chegan a voar catro crías, o que ten lugar aos 15 a 19 días.[7]

Alimentación[editar | editar a fonte]

Vive en solitario, ou en parellas durante a época de reprodución, e a parella permanece coas súas crías. En outono, obsérvanse grupos de dous e cinco espécimes, en ocasións formando parte de bandadas mixtas de alimentación. É unha ave activa, encontra o seu alimento entre as ramas máis pequenas da parte superior de árbores grandes, aínda que tamén noutros niveis da vexetación, posiblemente en arbustos e incluso alimentarse no chan.[8] Este gabeador aliméntase principalmente de insectos durante a época de reprodución, pero cando se volven escasos, en outono e inverno, come sementes de piñeiros e outras coníferas. Recolle os insectos nas pólas, ou atrápaos en voo, e as sementes son extraídas das escamas das piñas co peteiro e despois incrustadas nunha greta das árbores onde as martela co seu peteiro. Tamén garda alimentos para podelos utilizar cando a humidade causa que se pechen as piñas, facendo as súas sementes inaccesibles, e a existencia desta despensa podería explicar a territorialidade destas aves, incluso fóra da época de reprodución.[8]

Parasitos[editar | editar a fonte]

Nun estudo publicado en Turquía en 2012, esta ave hospedaba protistas parasitos sanguíneos dos xéneros Haemoproteus e Leucocytozoon, pero ningún dos 67 individuos estudados estaba parasitado por Plasmodium.[9]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Bosque de Pinus brutia en Turquía.

A especie é case endémica de Turquía, onde é común no oeste de Anatolia, e vive tamén ao longo da costa mediterránea turca nos montes Tauro, e polas costas do mar Negro polo norte do país ata o sur de Xeorxia. Unha poboación que se cre disxunta vive nas montañas caucásicas do extremo suroeste de Rusia, a fronteira de Xeorxia en Adigueya e o distrito federal do Cáucaso Norte, e polo sueste ata Teberda. Tamén vive na illa grega de Lesbos, e é errático na Grecia continental, onde foi vista por exemplo en Tsalónica en outubro de 1955.[8] En 2010, informouse dunha nova zona de nidificación no centro de Anatolia, na provincia de Yozgat e nas montañas Ak. O lugar é un bosque de piñeiros (Pinus sylvestris), e podería conter uns 560 individuos.[10]

Esta especie ten unha estreita relación co piñeiro Pinus brutia e a distribución das aves é case a mesma que a da árbore. Porén, a ave está ausente dos bosques deste piñeiro de Crimea, noroeste de Siria, o Líbano, o norte de Iraq e Acerbaixán, pero pode que vivise no pasado ou incluso pase desapercibido nesas áreas. S. krueperi é unha ave sedentaria, pero é obrigado a pequenas dispersiónss despois da tempada de cría. Houbo no pasado movementos estacionais altitudinais, dalgunhas destas aves, quizais de adultos no seu primeiro ano, que descenden das alturas no inverno para regresar ao bosque mixto caducifolio. A ave aínda se observa comunmente no arboreto de Sochi (Rusia), que ten moitas coníferas.[8]

Vive en bosques temperados de coníferas, desde o nivel do mar ata uns 2 000 metros, e localmente ata a liña e árbores a 2 500 m. En Turquía vive principalmente entre os 1 000 e 1 600 m, e o poboa os bosques de piñeiros Pinus brutia e Pinus nigra, píceas Picea orientalis, abetos Abies nordmanniana e Abies cilicica e cedros do Líbano (Cedrus libani).[8] As densidades de espécimes por quilómetro cadrado son 12,7, 11,6, 8,5 e 7,8, respectivamente, nos bosques de Pinus nigra, Abies cilicica, Cedrus libani e Pinus brutia.[11][12] A maior altitude, pode vivir en cimbros (Juniperus).[8][12] No Cáucaso prefire os bosques de píceas entre 1 000 e 2 000 m, pero tamén bosques de abetos Abies nordmanniana e piñeiros.[12]

Sistemática[editar | editar a fonte]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

A especie describiuna en 1863 o ornitólogo austríaco August von Pelzeln baixo o protónimo Sitta krüperi, de acordo cun material tipo procedente de Izmir (daquela Esmirna). Nomeou a especie en homenaxe ao seu descubridor, o ornitólogo alemán Johannes Theodor Krüper,[13] que traballou en Grecia e estudou as aves dese país, Turquía e Bulgaria. Na división en subxéneros do xénero Sitta, que se utiliza pouco, foi situada no subxénero Sitta (Micrositta) Buturlín, 1916, que tamén inclúe a S. ledanti, S. yunnanensis, S. canadensis, S. villosa e S. whiteheadi. Segundo o Congreso Ornitolóxico Internacional e Alan P. Peterson, non se distinguen subespecies nesta especie.[14][15]

Filoxenia[editar | editar a fonte]

Filoxenia parcial dos gabeadores do
grupo canadensis, segundo Pasquet et al (2014):[16]
grupo canadensis

S. yunnanensis

S. canadensis

S. whiteheadi

S. villosa

S. ledanti

S. krueperi

En 1998, Éric Pasquet estudou o xene do citocromo b do ADN mitocondrial de dez especies de gabeadores, as diferentes especies do grupo de Sitta canadensis,[17], grupo que definiu como formado por seis especies, que son as mesmas que son incluídas no subxénero Sitta (Micrositta) Buturlín, 1916.[18] S. yunnanensis non se incluíu no estudo. Pasquet chegou á conclusión de que o gabeador de Krüper é filoxeneticamente máis próximo ao gabeador de Kabilia, xa que estas dúas especies forman o grupo irmán dun clado que comprende a S. villosa, S. whiteheadi e S. canadensis. En 2014, Éric Pasquet et al publicou unha filoxenia baseada no ADN nuclear e mitocondrial de 21 especies de gabeadores e confirmou as relacións do estudo feito en 1998 no «grupo canadensis», ao engadir o S. yunnanensis, que se encontra como unha das especie máis basais.[16]

As conclusións do estudo son consistentes coa morfoloxía da especie (os gabeadores S. canadensis, S. whiteheadi e S. villosa), incluso a compartición como un carácter derivado do píleo completamente negro que só está presente nos machos, característica única entre Sittidae e familias relacionadas. O segundo clado consiste en S. krueperi e S. ledanti coa sinapomorfía da parte frontal do píleo negro nos machos (este dimorfismo sexual está ausente en espécímes xoves).[17]

Filoxeografía[editar | editar a fonte]

Un estudo sobre a filoxeografía das especies publicouse en 2012 e cobre cinco sitios de mostraxe en Turquía. Os autores concluíron que existen diferenzas xenéticas significativas entre as diferentes localidades, o que demostra que a especie encontrábase en, polo menos, tres refuxios durante o último período glacial. As poboacións do sur son significativamente diferentes das poboacións do norte do país, pero as diferentes poboacións do norte mesturaron intensamente os seus xenes despois do retroceso dos glaciares, e teñen un material xenético nuclear moi similar, aínda que si se observou unha estrutura xeográfica marcada no estudo do seu xenoma mitocondrial.[19]

Situación de conservación[editar | editar a fonte]

A especie é común en Anatolia, pero escasa no Cáucaso. Na illa de Lesbos, o número é supostamente estable a pesar da destrución das árbores vellas causada pola explotación comercial de resina.[8] A modificación do hábitat debido a incendios e a industria madeireira representa un risco de extinción. En Turquía, unha lei que promove o turismo de 2003 aumentou as ameazas ás aves: reduciu a burocracia e fixo máis fácil construír instalacións turísticas e casas de veraneo na zona costeira onde o paxaro foi unha vez abundante, e a perda de bosques é un problema cada vez maior para o gabeador.[12][20] As cantidades estímanse en arredor de 80 000 a 170 000 parellas reprodutoras, 240 000 a 510 000 en total, e están diminuíndo. Por estas razóns, a especie considérase «case ameazada» pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza.[12]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. BirdLife International (2012). "{{{taxon}}}". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2014.3 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 27 de xaneiro de 2015. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Harrap 1996, p. 138
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Harrap 1996, p. 140
  4. Albayrak, Tamer; Besnard, Aurélien; Erdoğan, Ali (2011). "Morphometric Variation and Population Relationships of Krüper's Nuthatch (Sitta krueperi) in Turkey". The Wilson Journal of Ornithology (en inglés) 123 (4): 734–740. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Svensson, Lars (agosto de 2010). Le guide ornitho : Le guide le plus complet des oiseaux d'Europe, d'Afrique du Nord et du Moyen-Orient : 900 espèces. Les Guides du Naturaliste (en francés). Killian Mullarney e Dan Zetterström (ilustradores); Guilhem Lesaffre e Benoît Paepegaey (tradutores). Delachaux et Niestlé. pp. 348–349. ISBN 978-2-603-01695-4. 
  6. Sitta krueperi (Pelzeln, 1863) e su distribución en Oiseaux.net. (en francés).
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Albayrak, Tamer; Erdoğan, Ali (2005). "Breeding ecology of Krüper's nuthatch (Sitta krueperi) near Antalya, Turkey". Israel Journal of Zoology (en inglés) 51 (4): 309–314. doi:10.1560/D4YU-JAPF-6Y65-RF53. 
  8. 8,00 8,01 8,02 8,03 8,04 8,05 8,06 8,07 8,08 8,09 8,10 Harrap 1996, p. 139
  9. Marzal, Alfonso; Albayrak, Tamer (agosto de 2012). "Geographical variation of haemosporidian parasites in Turkish populations of Kruper's Nuthatch Sitta krueperi". Journal of Ornithology (en inglés) 153 (4): 1225–1231. doi:10.1007/s10336-012-0853-z. 
  10. Albayrak, Tamer; Erdoğan, Ali (2010). "A GIS-based approach to assess the population size of Krüper's Nuthatch, Sitta krueperi at a newly found breeding area in Inner Anatolia". Zoology in the Middle East (en inglés) 49 (1): 27–32. doi:10.1080/09397140.2010.10638385. 
  11. Albayrak, Tamer; Bairlein, Franz; Erdoğan, Ali (2010). "Habitat parameters and breeding density of Krüper's Nuthatch Sitta krueperi Pelzeln in southern Turkey" (PDF). Polish Journal of Ecology (en inglés) 58 (3): 545–552. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 16 de decembro de 2014. Consultado o 08 de decembro de 2017. 
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 Ficha na UICN (en inglés).
  13. von Pelzeln 1863
  14. Sitta krueperi Pelzeln, 1863 da orde Passeriformes polo Congreso Ornitolóxico Internacional (en inglés).
  15. Peterson, Alan P. «Sitta krueperi dos Passeriformes» (en inglés).
  16. 16,0 16,1 Pasquet, Éric; Barker, F. Keith; Martens, Jochen; Tillier, Annie; Cruaud, Corinne; Cibois, Alice (abril de 2014). "Evolution within the nuthatches (Sittidae: Aves, Passeriformes): molecular phylogeny, biogeography, and ecological perspectives". Journal of Ornithology (en inglés). doi:10.1007/s10336-014-1063-7. 
  17. 17,0 17,1 Pasquet, Éric (xaneiro de 1998). "Phylogeny of the nuthatches of the Sitta canadensis group and its evolutionary and biogeographic implications". Ibis (en inglés) 140 (1): 150–156. doi:10.1111/j.1474-919X.1998.tb04553.x. 
  18. Matthysen, Erik (2010). "Appendix I: Scientific and Common Names of Nuthatches". The Nuthatches (en inglés). David Quinn (ilustrador). A & C Black. pp. 269–270. ISBN 9781408128701. 
  19. Albayrak, Tamer; Gonzalez, Javier; Drovetski, Sergei V; Wink, Michael (abril de 2012). "Phylogeography and population structure of Krüper's Nuthatch Sitta krueperi from Turkey based on microsatellites and mitochondrial DNA". Journal of Ornithology (en inglés) 153 (2): 405–411. doi:10.1007/s10336-011-0756-4. 
  20. "Turkey: briefing notes on tourism policy and institutional framework" (PDF) (en inglés). The Travel Foundation. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 25 de febreiro de 2009. Consultado o 08 de decembro de 2017. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]