Sitta yunnanensis
Sitta yunnanensis | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() | |||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||
![]() Case ameazada[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Sitta yunnanensis (Ogilvie-Grant, 1900) | |||||||||||||||
Distribución aproximada da especie segundo Simon Harrap.[2]
|
Sitta yunnanensis (xeralmente chamado gabeador de Yunnan) é unha especie de ave da familia dos Sittidae, os gabeadores. É un gabeador pequeno, que mide uns 12 cm de lonxitude. Non presenta un dimorfismo sexual pronunciado. As partes superiores son grises azuladas, que contrastan coas partes inferiores claras e uniformes, de cor rebezo. Ten un fino sobrecello branco, ben distingible cando a plumaxe é fresca, coroado por un trazo ocular negro pronunciado. É un paxaro ruidoso, que produce sons simples e nasais, ás veces en series repetitivas. A súa ecoloxía coñécese pouco: aliméntase de insectos e a reprodución ten lugar contra o mes de marzo.
É unha especie endémica do suroeste da China, achegándose á fronteira con Birmania, onde vive en bosques de piñeiros vellos ata os 4 000 m de altura. É a especie máis basal do "grupo canadensis", no que están incluídos tamén S. canadensis), S. villosa, S. whiteheadi, S. ledanti e S. krueperi. Os efectivos da especie non se coñecen, mais probablemente están decrecendo debido á destrución do hábitat onde vive. Por estas razóns, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza considera este paxaro como "case ameazado".
Descrición[editar | editar a fonte]
As partes superiores son grises azuladas e comprenden o píleo aínda que esta está separada da parte alta do manto por unha zona máis pálida. O paxaro ten un fino sobrecello abrancazado, que se estende ata a fronte e que está sobre o trazo ocular negro, que se alonga notablemente cara atrás sobre os flancos do manto. O ollo está finamente circundado de branco. A meixela e a gorxa son brancos. As partes inferiores son uniformes e claras, de cor rebezo rosa. O peteiro é fino e bicudo e o culme case recto e pode dar a impresión de que a punta do peteiro está dirixida cara arriba.[3] O iris é castaño escuro, o peteiro gris-negro coa base da mandíbula inferior de cor corno ou amarelada. As patas e dedas son grises-negras.[4] A especie é un gabeador pequeno, que mide 12 cm de longo.[3] A á pregada mide de 69,5 a 74 mm no macho e de 67 a 74 mm na femia, a cola de 35 a 41 mm no macho e de 36 a 38 mm na femia. O peteiro mide de 16,8 a 19,5 mm e o tarso de 14,8 a 19 mm. Pesa entre 7,5 e 13 g.[4]
A especie presenta pouco dimorfismo sexual, pero a cor negra do trazo ocular da femia é como media menos intenso e as súas partes inferiores son máis claras e máis grises. A plumaxe é fresca aproximadamente a partir de agosto (despois da muda), e desgástase progresivamente ata a primavera seguinte. Con plumaxe gastada, as extremidades abrancazadas das plumas que forman o sobrecello están especialmente gastadas, e o trazo do sobrecello faise descontinuo ou moi pouco aparente. As partes superiores son máis pálidas, menos azuis. As plumas da cola e das ás desgástanse tamén pero as puntas azuis-grises das rectrices persisten polo menos ata maio. As partes inferiores perden cor e fanse cada vez máis «sucias», e tenden ao branco agrisado.[4] Os individuos novos son máis claros que os adultos, teñen o sobrecello menos marcado e este non se estende ata a fronte, ás veces está case ausente e consiste simplemente nunha beira do píleo máis claro. O trazo ocular é igualmente menos longo, a meixela é gris sucia e non branca. A gorxa é máis branca, pero o resto das partes inferiores son máis pálidas, de cor canela agrisada, aínda que menos pálidas que nun adulto con plumaxe gastada.[3] As partes superiores son máis claras e máis grises.[4] O peteiro dos xoves que abandonan o niño é máis curto e coa base clara.[3] Os adultos efectúan unha muda posnupcial completa (entre xullo e setembro) e ás veces unha muda parcial antes da estación reprodutora (xaneiro-febreiro), que afecta principalmente ao peito.[4]
A especie S. magna pode encontrarse no mesmo tipo de hábitats que S. yunnanensis, mais é bastante máis grande e non ten sobrecello branco. S. nagaensis ten un tamaño máis similar ao gabeador de Yunnan, pero ten vermello nos flancos e carece de sobrecello branco.[3]
Ecoloxía e comportamento[editar | editar a fonte]
Voz[editar | editar a fonte]
Pode escoitarse o canto de S. yunnanensis en xeno-canto.
É unha ave bastante ruidosa. Emite xeralmente pequenos gritos simples, que soan como un nit ou kni, ou produce un tit máis abrupto, un pit baixo e estridente ou un toik baixo e nasal. Un grito nit ás veces repetido, en series de catro a dez segundos a un ritmo de cinco a seis notas por segundo, producindo un kni-kni-kni…, un kit-kit-kit… máis fino, un pi-pi-pi… máis sibilante ou un niew-niew-niew… máis nasal, pero tamén agudo e feble. Produce tamén un grito áspero en schri-schri-schri… ou szi-szi-szi… que lembra o do gaio (Garrulus glandarius) compartido polos outros pequenos gabeadores do Paleártico. Ás veces, este grito convértese nun ziew-ziew-ziew…, emitido en series calmadas de tres notas por segundo. Emite tamén gritos explosivos en series curtas de dúas ou tres notas nasais, que soan quit-quit-quit, schu-schu-schu ou un tui-tui-tui máis fino.[4]
Alimentación e reprodución[editar | editar a fonte]
O réxime alimenticio desta especie non se coñece ben, pero sábese que come insectos que atrapa buscándoos polas ramas dos piñeiros igual que fan os páridos. A reprodución de S. yunnanensis tampouco se coñece. Unha femia recollida o 9 de marzo en Guizhou estaba próxima a poñer ovos e as crías foron recollidas a partir do 21 de maio.[3][5]
Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Esta especie é endémica do suroeste da China. Vive no centro e oeste de Yunnan, no xian de Lushui (xian ~condado, distrito), en Baoshan, no xian autónomo dai et yi de Jinggu, no xian de Shiping e Kunming, ata preto da fronteira de Birmania. Encóntrase tamén no suroeste de Sichuan, no xian de Huidong, en Xichang e no val do Yalong, ata o xian de Yajiang ao norte. Vive tamén no extremo sueste do Tíbet (xian de Zayü, fundamentalmente) e no oeste de Guizhou (xian de Shuicheng).[3] Un estudo publicado en 2003 sobre a distribución das especies endémicas da China puxo en evidencia tres centros de endemismos principais, entre eles os montes Hengduan que albergan a S. yunnanensis e outras especies.[6]

O gabeador de Yunnan é unha especie sedentaria. Habita nos bosques vellos de piñeiros (Pinus) con sotobosque pouco denso e evita os bosque se píceas (Picea) e abetos (Abies) demasiado densos. Ocasionalemente, pode prospectar en pequenos piñeiros de dous ou tres metros de alto, en bosques abertos ou entre árbores dispersos. En verán vive entre os 2 440 e os 3 960¬nbsp;metros de altura, pero descende xeralmente aos vales en inverno, ata os 1 200 metros, aínda que pode permanecer en altitudes máis altas, e foi observada mesmo entre os 2 600 e os 4 000 metros entre novembro e xaneiro no xian de Shuangbai.[3]
Taxonomía e sistemática[editar | editar a fonte]
S. yunnanensis foi descrita en 1900 co seu nome actual polo ornitólogo escocés William Robert Ogilvie-Grant, a partir dun holotipo macho enviado desde o sur de Yunnan polo coronel escocés Alfred Woodrow Stanley Wingate.[7] Na subdivisión en subxéneros do xénero Sitta, pouco utilizada, esta especie está situada no subxénero Sitta (Micrositta) Buturlin, 1916.[8] Segundo o Congreso Ornitolóxico Internacional e Alan P. Peterson, non se distingue ningunha subespecie dentro desta especie.[9][10]
O grupo de especies canadensis comprende seis especies, que son tamén tratadas ás veces como o subxénero Sitta (Micrositta) Buturlin, 1916, que son:[8] S. yunnanensis, S. canadensis, S. villosa, S. whiteheadi, S. krueperi e S. ledanti. En 1953, o ornitólogo holandés Karel Voous e John G. van Marle estimou que o gabeador de Yunnan ocupaba un lugar entre os grupos canadensis e europaea, e ao mesmo tempo que parecía próximo ao grupo canadensis, no cal era un membro próximo ao estado ancestral, tanto en canto á súa distribución coma á súa plumaxe.[4][11] En 1957, Charles Vaurie propuxo aproximar a especie Sitta himalayensis.[12] En 1998, Éric Pasquet estudou o xene do citocromo b do ADN mitocondrial dunha decena de especies de gabeadores, entre elas as diferentes especies do grupo de Sitta canadensis, pero S. yunnanensis non foi incluído no estudo.[13] En 2014, Éric Pasquet et al. publicaron unha filoxenia baseada no ADN nuclear e mitocondrial de 21 especies de gabeadores e confirmaron as relacións do estudo de 1998 no seo do "grupo canadensis", engadindo S. yunnanensis, que se encontra na parte máis basal da árbore filoxenética do grupo.[14]
Na cultura[editar | editar a fonte]
Na China emitiuse unha serie de selos postais que representa a especie entre 2002 e 2006 dedicada aos paxaros endémicos do país.[15][16].
Ameazas e protección[editar | editar a fonte]
En 1987, o ornitólogo chinés Zheng Zuoxin describiu S. yunnanensis como especie rara na China,[17] mais é localmente común nos bosques de piñeiros que subsisten en Lijiang. A súa área de distribución é relativamente restrinxida, e comprende uns 170 000 km2,[18] e a ave desapareceu de varias localidades onde estaba presente ao inicio do século XX.[5] A especie está ameazada pola destrución do seu hábitat e podería ser moi dependente dos bosques vellos de piñeiros, pero parece que tamén pode vivir nos hábitats degradados.[3] Un estudo realizado en 2009 que trataba de predicir o impacto que poderían ter os cambios climáticos na área de distribución de varias especies de gabeadores asiáticos, modelizou dous escenarios; o gabeador de Yunnan podería ver reducida a súa distribución dun 43,6% ao 47,7% desde agora aos anos 2040 e 2069.[19]. Os efectivos da especie non se coñecen, pero parecen en declive, e a especie é considerada pola IUCN como «case ameazada».[20]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ BirdLife International (2012). "{{{taxon}}}". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 30 de xaneiro de 2015.
- ↑ 2,0 2,1 Harrap 1995, p. 46
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 3,8 Harrap 1995, p. 143
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 Harrap 1995, p. 144
- ↑ 5,0 5,1 del Hoyo, Josep; Elliott, Andrew; Christie, David A. (2008). Lynx Edicions, ed. Handbook of the Birds of the World (volume: Penduline-tits to Shrikes; capítulo: Sittidae (Nuthatches): Systematics) (en inglés) 13. p. 136.
- ↑ Lei, Fu-Min; Qu, Yan-Hua; Lu, Jian-Li; Liu, Yao; Yin, Zuo-Hua (2003). "Conservation on diversity and distribution patterns of endemic birds in China". Biodiversity & Conservation (en inglés) 12 (2): 239–254. doi:10.1023/A:1021928801558.
- ↑ Ogilvie-Grant 1900
- ↑ 8,0 8,1 Matthysen, Erik (2010). A & C Black, ed. The Nuthatches (capítulo: Appendix I. Scientific and Common Names of Nuthatches) (en inglés). David Quinn (ilustrador). pp. 269–270. ISBN 9781408128701.
- ↑ COI
- ↑ Zoonomen
- ↑ Voous, Karel; van Marle, John G. (1953). "The distributional history of the Nuthatch Sitta europaea L.". Ardea (en inglés). 41 (extra): 1–68.
- ↑ Vaurie, Charles (1957). American Museum of Natural History, ed. "Systematic notes on Palearctic birds. No. 29, The subfamilies Tichodromadinae and Sittinae" (PDF). American Museum novitates (en inglés) (Nova York) (1854).
- ↑ Pasquet, Éric (1998). "Phylogeny of the nuthatches of the Sitta canadensis group and its evolutionary and biogeographic implications". Ibis (en inglés) 140 (1): 150–156. doi:10.1111/j.1474-919X.1998.tb04553.x.
- ↑ Pasquet, Éric; Barker, F. Keith; Martens, Jochen; Tillier, Annie; Cruaud, Corinne; Cibois, Alice (2014). "Evolution within the nuthatches (Sittidae: Aves, Passeriformes): molecular phylogeny, biogeography, and ecological perspectives". Journal of Ornithology (en inglés). doi:10.1007/s10336-014-1063-7.
- ↑ "Yunnan Nuthatch Sitta yunnanensis". Theme Birds on Stamps (en inglés). Consultado o 15 de decembro de 2014.
- ↑ "China 2002-2006 R31 Bird Stamps Set of 9v fauna birds magpie pheasant". Delcampe.net (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 31 de xaneiro de 2015. Consultado o 15 de decembro de 2014.
- ↑ Zuoxin, Zheng (1987). Science Press, ed. A synopsis of the avifauna of China (en inglés). Pequín.
- ↑ BirdLife International (ed.). "Yunnan Nuthatch - BirdLife Species Factsheet" (en inglés). Consultado o 15 de xullo de 2014.
- ↑ Menon, Shaily; Islam, M. Zafar-ul; Peterson, A. Townsend (2003). "Projected climate change effects on nuthatch distribution and diversity across Asia". The Raffles Bulletin of Zoology (en inglés) 57 (2): 569–575.
- ↑ UICN
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Sitta yunnanensis |
![]() |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Sitta yunnanensis |
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Ogilvie-Grant, William Robert (1900). "[New species from southern China collected by Capt. A.M.S. Wingate]". Bulletin of the British Ornithologists' Club (en inglés) 10: 37.
- Harrap, Simon (1995). Christopher Helm, ed. Chickadees, Tits, Nuthatches and Treecreepers (en inglés). David Quinn (ilustrador). ISBN 0-691-01083-8.
Referencias taxonómicas[editar | editar a fonte]
- COI Sitta yunnanensis. Consultado o 11 de febreiro de 2013
- Zoonomen Sitta yunnanensis. Consultado o 14 de xullo de 2014
- Avibase2 Sitta yunnanensis. Consultado o 14 de xullo de 2014
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Xeno-canto Sitta yunnanensis Ogilvie-Grant, 1900. Consultado o 14 de xullo de 2014
- CatalogueofLife Sitta|yunnanensis Ogilvie-Grant, 1900. Consultado o 14 de xullo de 2014
- CITES Sitta yunnanensis. Consultado o 14 de xullo de 2014
- uBIO - 5137 Sitta yunnanensis Ogilvie-Grant, 1900. Consultado o 14 de xullo de 2014.