Sitta ledanti

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Sitta ledanti (xeralmente chamado gabeador da Cabilia ou de Alxeria) é unha especie de ave da familia dos sítidos que vive en certas partes montañosas de Alxeria. É un gabeador de tamaño medio, duns 12 cm de lonxitude. As partes superiores son grises azuladas, as inferiores son de cor rebezo clara tirando a gris. O macho distínguese da femia pola parte anterior negra do píleo. A especie é sedentaria ; come artrópodos en verán, e sementes en inverno. A estación de reprodución ten lugar de maio a xuño. O niño constrúeno nas árbores, e nel poñen de tres a catro ovos, chocados pola femia. Os pitos son alimentados polos dous pais.

O gabeador da Cabilia é a única especie de aves endémica de Alxeria, onde só vive en certos bosques de coníferas do norte do país na zona da Cabilia. O seu nome científico rende homenaxe a Jean-Paul Ledant, o naturalista amador belga que a descubriu en 1975; a descrición do paxaro realizouna o ornitólogo francés Jacques Vielliard. A nova deste descubrimento sorprendeu moito no mundo da ornitoloxía e foi obxecto dunha cobertura dos medios internacional. A especie está estreitamente emparentada con Sitta krueperi. A ave só ten unha área de distribución relictual e limitada, ameazada polos incendios, a erosión e a acción humana ; a especie é, pois, considerada na Lista Vermella da IUCN como «en perigo».

Descrición[editar | editar a fonte]

É un gabeador de tamaño medio[2], que mide entre 11,5 e 12,5 cm[3], e pesa uns 18 g.[4] As partes superiores son globalemente grises azuladas; a cola presenta unha pequena banda branca subterminal beireada de beige. O ventre é beige asalmonado claro ata as subcaudais; estas últimas son grises na base.[5] O macho ten a fronte negra, e unha liña ocular escura, separadas do píleo por unha longa banda superciliar branca nítida. Na femia, o píleo e a banda superciliar son do mesmo gris que o dorso, e a parte anterior do píleo é algo máis escura (cando a plumaxe está gastada), pero non tanto coma no macho.[2] Nos dous sexos a cara e gorxa son brancas.[3] O iris é negro acastañado, as patas gris chumbo e o peteiro gris azulado.[6] Ten algunhas manchas grises difusas nas subcaudais.[7] A plumaxe dos individuos novos é semellante á da femia, pero máis apagada e cunha banda superciliar pouco aparente;[2] ao abandonaren o niño, o crecemento do peteiro e a pigmentación do mesmo e das patas son incompletos.[8]

No seu hábitat, esta especie non se pode confundir con ningún outro paxaro. O gabeador máis próximo xeograficamente é Sitta europaea que poboa algunhas localidades do Rif;[9] esta especie é máis grande que a da Cabilia, non ten cor negra no píleo e as partes inferiores tenas amarelas (ou brancas en certas subespecies) tirando a laranxa arredor do cu.[3]. O gabeador da Cabilia lembra moito ao gabeador corso (Sitta whiteheadi), mais o píleo negro diferenza os machos: o píleo da especie da Cabilia cobre a parte anterior da cabeza, mentres que no corso cobre toda a cabeza. As partes inferiores son de cor marrón avermellada na especie de Alxeria. Filoxeneticamente é moi próxima a Sitta krueperi, coa parte anterior do píleo escuro no macho e a banda superciliar branca marcada, pero o gabeador de Krüper ten as partes inferiores grises claras e unha gran mancha pectoral marrón avermellada.[3]

Ecoloxía e comportamento[editar | editar a fonte]

Vocalizacións[editar | editar a fonte]

A chamada que emite é a típica dun sítido, un tsiit tsiit[7]. Os adultos utilizan tamén unha chamada asubiante en caso de presenza dun intruso, posiblemente para defender o territorio.[10] O seu canto é un asubío nasal, composto dunha serie de elementos ascendentes, cunha breve nota terminal, repetidos de vagariño, que poden transcribirse como un vuui-di vuui-di vuui-di[3]. É unha repetición de sete a doce frases durante de dous a catro segundos.[2] A paxaro pode igualmente producir un trilo rápido di-du-di-du-di-du, e se é molestado, emitir un cheeh áspero e repetido[3] comparable á chamada dun gaio[2],[7]. As súas vocaliacións poden escoitarse na páxina web de Xeno-canto.

Alimentation[editar | editar a fonte]

Os datos sobre a dieta da especie proveñen principalmente dun estudo realizado en 1978 por dous ornitólogos alemáns.[11] A dieta varía segundo a estación. En verán aliméntase principalmente de insectos (esencilmente eirugas e coleópteros) e arañas que atopa percorrendo os troncos e polas dos carballos[7]. No inverno, os insectos son máis escasos e come sementes de coníferas que lle aseguran un fornecemento constante de alimento.[5],[12] Aliméntase xeralmente só, mais pode formar bandadas mixtas de alimentación fóra da tempada reprodutora.[7]

Reprodución[editar | editar a fonte]

Corte dun niño no tronco dunha árbore.[5].

A estación reprodutora é de maio a xuño en Tamentout e no monte Babor, e empeza máis cedo ou máis tarde segundo a condicións meteorolóxicas e a abundancia de alimento; nas altitudes máis elevadas, pode que comece máis tarde.[7] No Parque Nacional de Taza, o período reprodutor remata a finais de xuño.[12] O niño constrúeno nun burato das árbores,[3] ás veces nun niño abandonado de peto real (Dendrocopos major), nun abeto morto ou nun carballo ou cedro, e está xeralmente situado a entre catro e quince metros do chan.[10] O fondo do niño está forrado con restos vexetais (cachiños de madeira, follas mortas) e animais (plumas de coruxa, pelos de porco bravo). Aínda que a incubación a fain só a femia (o macho non ten placa incubadora), os dous proxenitores alimentan as crías.[10] Nos niños adoita haber tres ou catro pitiños no momento de botaren a voar.[5] Despois da tempada reprodutora os adultos efectúan unha muda completa e os individuos novos unha muda parcial.[8]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Área de distribución do gabeador da Cabilia alxeriano.

É unha especie endémica de Alxeria, única especie de ave nesa situación. Vive en certos relevos da Cabilia, onde se encontra en catro localidades illadas separadas por zonas desaxeitadas para a supervivencia desta especie.[13],[2] Foi descuberta por peimeira vez no monte Babor, a só uns vinte quilómetros da costa mediterránea. O seu hábitat óptimo comprende alí uns 2,5 km2, e a zona só alberga 80 parellas segundo unha estimación de 1985.[14],[2] Tamén foi localizada no Guerrouch, dentro do Parque Nacional de Taza, en 1989[2], este macizo conta cunha poboación máis importante de arredor de 350 individuos. En 1990 descubríronse efectivos máis reducidos noutras dúas localidades próximas a este parque, en Tamentout e en Djimla.[13] A ave podería estar presente noutras carballeiras da pequena cabilia, pero a súa busca nelas foi polo momento infrutuosa.[15]

Esta paxaro vive en bosques de Quercus entre os 350 e 1 120 m de altitude e nos bosques mixtos de carballos, pradairos, chopos e coníferas a partir dos 2 000 m de altitude.[3] Gústanlle os bosques húmidos con grandes árbores que lle ofrezan cavidades para aniñar, principalmente: abetos de Numidia (Abies numidica, unha especie endémica do monte Babor), cedros do Atlas (Cedrus atlantica), especies de Quercus (Quercus afares, Quercus suber e Quercus faginea).[16] O Djebel Babor (monte Babor), dominado polos abetos, ten un clima máis ben fresco e húmido, con neve en inverno ; no Guerrouch, os carballos dominan e o clima é máis cálido e seco.[2] A baixas altitudes, como en Tamentout, os bosques están dominados polo Quercus faginea e as densidade de poboación son bastante máis baixas que en altitudes maiores (por riba dos 1 000 m, onde esta especie é substituída por outros Quercus de folla caduca como Quercus canariensis e Quercus afares.[17] Un estudo feito no monte Babor entre os veráns de 1981 e 1982 mostrou que os factores aparentemente favorables para este gabeador nese macizo eran "a diversidade de especies de árbores, o grosor (ou a idade) das árbores e indirectemente o clima de altitude".[14]

Taxonomía e sistemática[editar | editar a fonte]

Descubrimento e nomenclatura[editar | editar a fonte]

Declaracións de J.-P. Ledant: "Para un naturalista todo encontro cunha especie inesperada é causa de abraio e entusiasmo. Crín primeiro que se trataba do gabeador corso (ou unha variedade desta especie), o que tería sido máis banal que unha especie descoñecida pero moi extraordinario en calquera caso. Non imaxinaba que este puidese ser un descubrimento, convencido de que estaría pouco informado ou pouco documentado."[4]

O gabeador da Cabilia foi descuberto por Jean-Paul Ledant, un enxeñeiro agrónomo belga apaixonado da ornitoloxía, en outubro de 1975[4]. Identificouno como claramente diferente dos outros gabeadores, e escribiu á Academia das ciencias (da que eran membros Henri Heim de Balsac, especialista na faune norteafricana, e Jacques Vielliard, ornitólogo), para informar do seu descubrimento. Os científicos eran inicialmente incrédulos, pero traballaban entón nunha revisión dos sítidos na que se ían incluír os gabeadores corso e de Krüper, e animaron de todos modos a Ledant a tornar ao lugar.[5] Este intentouno varias veces durante o inverno, pero o monte estaba demasiado cuberto de neve para permitir a súa exploración. Ledant foi finalmente acompañado de Vielliard en abril de 1976 para observar as crías nos niños, que nacían máis tardíos nese macizo montañoso en condicións climáticas difíciles. Tiveron que agardar ata xullo para observar o comportamento de alimentación e algúns primeiros voos, e para faceren gravacións e intentos de chamadas aos gabeadores utilizando os cantos dos gabeadores corso e de Krüper. Só censaron entón unha ducia de parellas, pero o 5 e 6 dese mes, Vielliard sacrificou incluso unha parella de adultos que acabaran de alimentar as crías, e eses espécimes serviron de tipos para caracterizar a especie.[6],[18],[19] Estes espécimes foron conservados na casa do descritor e eran o holotipo e paratipo, pero xa estaban gravemente danados despois de 2005 polo ataque de insectos, e foron fimalmente cedidos ao Museo Nacional de Historia Natural de París.[20]

A especie foi formalmente descrita na revista Alauda por Jacques Vielliard en 1976 co seu nome actual, Sitta ledanti. Este descubrimento sorprendeu moito no mundo da ornitoloxía, e o paxaro parecía un supervivente dun mundo perdido, o monte Babor.[2] De feito, en ornitoloxía, a observación dunha especie endémica descoñecida na área mediterránea non se producira desde había case un século, co descubrimento cheo de similitudes do gabeador corso (Sitta whiteheadi) en 1883.[10],[18] No Paleártico, o último paxaro vivo descuberto foi a ave de Afganistán Pyrgilauda theresae, descrfita en 1937, mentres que a avenoiteira Caprimulgus centralasicus, que non foi descrita ata 1960, fora en realidade descuberta en 1929.[2]

En decembro de 1976, o ornitólogo suízo Éric Burnier fixo saber na revista Nos Oiseaux que el mesmo descubrira a especie de maneira independente o 20 de xuño do mesmo ano, antes de saber por unha noticia no xornal Le Monde do 28 de xullo de 1976 que fora precedido no descubrimento e que a especie acaba de ser bautizada.[9],[21] Publicou algúns debuxos e notas de campo, explicando que oíra o canto da ave, e despois de aproximarse a só uns metros dos paxaros, considerou que mesturaban as características do gabeador corso e do de Krüper. O único gabeador coñecido no Maghreb era entón Sitta europaea que vive nalgunhas localidades do Rif e da cordilleira do Atlas marroquí, lonxe do monte Babor, polo que sabía que estaba tratando cunha especie nova.[9]

Filoxenia[editar | editar a fonte]

O gabeador da Cabilia pode ser situado no subxénero, Micrositta, descrito polo ornitólogo ruso Sergei Buturlin en 1916[22], e non comprende ningunha subespecie.[23] Charles Vaurie agrupou en 1957 Sitta whiteheadi, Sitta canadensis e Sitta villosa, que considera moi próximas, no grupo «canadensis».[24] O ornitólogo alemán Hans Löhrl sinalou unha certa diverxencia con Vaurie despois de ter estudado a ecoloxía e os comportamentos dos paxaros americanos e corsos, e publicou as súas notas de campo en 1960 e 1961.[25],[26] Na súa descrición do gabeador da Cabilia de 1976, Vielliard dedicou unha parte do seu artigo ás posibles relacións entre as diferentes especies e a súa historia evolutiva. Suxeriu que Vaurie se fixou demasiado nunha "similitude morfolóxica superficial" para aproximar o gabeador corso ao canadense, e que a especie corsa debía máis ben formar xunto coa Sitta krueperi un grupo denominado "gabeadores mesoxeos" (sitelles mésogéennes), no cal "Sitta ledanti acaba de incluírse providencialmente".[10]

En 1998, Éric Pasquet estudou o xene do citocromo b do ADN mitocondrial dunha decena de especies de gabeadores, incluídas as diferentes especies do grupo de Sitta canadensis[27], que el definiu como formado por seis especies, que correspondían ao subxénero Micrositta[22] canadensis, villosa, yunnanensis, whiteheadi, krueperi e ledanti. A especie Sitta yunnanensis non foi incluída no estudo. Pasquet concluíu que Sitta whiteheadi está próximo filoxeneticamente a Sitta villosa da China e a Sitta canadensis de Norteamérica, estas tres especies forman o grupo irmán dun clado que agrupa Sitta krueperi e Sitta ledanti. As tres primeiras especies estarían incluso suficientemente próximas como para constituír subespecies, rexeitando a teoría mesoxea de Vielliard e confirmando así as conclusións de Charles Vaurie.[27] Porén, co gallo de manter a estabilidade da taxonomía, todos conservan o seu estatuto de especie.[28]

As conclusións do estudo son, de acordo coa morfoloxía das especies, que os gabeadores canadense, corso e chinés comparten como carácter derivado ter un píleo enteiramente negro, presente unicamente nos machos, o que é unha característica única entre os sítidcos e familias emparentadas. O segundo clado, que agrupa os gabeadores de Krüper e da Cabilia, tería como sinapomorfía o ter o píleo negro nos machos; este dimorfismo sexual está ausente nos individuos novos.[27]

Bioxeografía[editar | editar a fonte]

En 1976, o ornitólogo suízo Paul Géroudet suxeriu que os gabeadores mesoxeos poboarían noutrora unha faixa de árbores resinosas bastante continua arredor de todo o Mediterráneo, que se fragmentaría, e só quedarían dela algúns refuxios de difícil acceso onde estas diferentes especies puideron evolucionar illadas.[29] En 1998 estableceuse a súa filoxenia, e Pasquet concluíu que a historia paleoxeográfica do grupo sería a seguinte: a diverxencia entre os dous clados principais do «grupo canadensis» parece que tivo lugar hai máis de 5 millóns de anos, a finais do Mioceno, cando o clado de krueperi e ledanti se instala na cunca do Mediteráneo na época de crise salina messinienne; as dúas especies que o constituían diverxeron hai 1,75 millóns de anos. O outro clado dividiuse en tres, con poboacións que abandonaron Asia polo leste e darían lugar ao gabeador canadense norteamericano, despois, hai aproximadamente un millón de anos polo oeste, marcan a separación entre os gabeadores corso e chinés.[27]

Ameazas e conservación[editar | editar a fonte]

Poboacións e status[editar | editar a fonte]

Cando se descubriu o gabeador da Cabilia, os ornitólogos estimaban que a especie só contaba cunha ducia de parellas e temíase que "a súa rareza atraería os coleccionistas", e que o anuncio do seu descubrimento causaría a súa desaparición.[29] O descubrimento en 1989 da poboación máis importante do Parque Nacional de Taza mostrou que a especie estaba menos ameazada do que parecía e que este endemismo non se limitaba só ao monte Babor.[30] A distribución actual do gabeador da Cabilia parece estar limitada pola dos bosques onde vive, e a fragmentación das poboacións podería indicar que a especie estaba noutros tempo máis espallada, antes de que a deforestación a deixase confinada nos pequenos illotes de verdor nos que habita hoxe.[2] A especie ten unha débil poboación: os seus efectivos poderían non superar os 1 000 individuos. A ave está situada na categoría das especies con entre 250 e 999 individuos maduros, o que corresponde a 350-1 500 individuos en total. Aínda que son necesarias cifras precisas para confirmalo, estes efectivos son considerados en declive debido á redución do seu hábitat que sofre a especie.e[7] A Unión Internacional para a Conservación da Natureza considéraa unha «especie en perigo» desde 1994.[13]

Ameazas[editar | editar a fonte]

A principal ameaza que plana sobre o gabeador da Cabilia é a destrución do seu hábitat. Os incendios, especificamente, destrúen os antigos bosques mixtos das alturas do monte Babor, que son substituídos por vexetación máis pobre, dominada por cedros. O pastoreo de gando e a deforestación ilegal (en monte Babor e Tamentout) son outra ameaza ao seu hábitat, que afecta mesmo no Parque Nacional de Taza.[2],[7] Pódese salientar tamén que a construción, na década de 1970, dunha estrada conduciu á erosión dos solos e a un aumento do risco de incendio, ou incluso a loita antiterrorista na rexión é unha fonte de prexuízos para a especie.[7],[12] O gabeador da Cabilia podería contar con varios predadores durante o seu período de incubación, como a donicela, o leirón careto ou o peto real.[10]

Protección[editar | editar a fonte]

A lei alxeriana sitúa a especie baixo a protección do decreto 83-509 do 20 de agosto de 1983 relativo ás especies animais non domésticas protexidas, fixando unha lista das 32 especies de paxaros protexidos en Alxeria.[31] O gabeador da Cabilia foi obxecto dunha petición realizada en 1980 polo organismo International Council for Bird Preservation (hoxe chamado BirdLife International) que solicitou ao goberno federal dos Estados Unidos de América engadir 60 especies estranxeiras ás listas federais de especies ameazadas.[32] Esta petición foi publicada no diario oficial américano (o Rexistro federal) ao ano seguinte,[33] pero estas especies, entre as que estaba o gabeador da Cabilia, non foron incorporadas ás listas ata 1995.[32]

A poboación meirande encóntrase nunha área protexida, o Parque Nacional de Taza.[12] Para salvagardar a especie sería bo coñecer ben o tamaño das poboacións existentes e as súas preferencias ecolóxicas. Avanzáronse xa algunhas medidas de protección, que propoñen a restauración e preservación do hábitat por medio da reforestación, a plantación de bosques de quecemento fóra dos bosques actuais, e tamén a prevención dos incendios.[7] Este gabeador serve como especie emblemática para a conservación do bosque do Djebel Babor (monte Babor).[34]

O gabeador da Cabilia e o home[editar | editar a fonte]

O descubrimento da especie foi dado a coñecer primeiro en Le Monde o 27 de xullo de 1976 (data do 28), despois difundiuse na prensa mundial e nas revistas máis especializadas como Science et Vie ou La Vie des Bêtes; foi tamén tratada nunha entrevista de Radio France[8]. As autoridades alxerianas mostraron un grande interese polo paxaro: en 1979 organizaron un Seminario internacional sobre a ornitoloxía alxeriana do 5 ao 11 de xuño[8] e o mesmo ano os correos alxerianos imprimiron un selo postal coa imaxe dun macho adulto deste gabeador sobre un tronco boca abaixo[35], dun valor de 1,40 dínares.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Refrencias taxonómicas[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. BirdLife International (2012). "{{{taxon}}}". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 Harrap 1992
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 Svensson, Lars (2010). Delachaux et Niestlé, ed. Le guide ornitho (colección: Les Guides du Naturaliste). ilustrador: Killian Mullarney et Dan Zetterström ; tradutor: Guilhem Lesaffre et Benoît Paepegaey. pp. 348–349. ISBN 978-2-603-01695-4. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Laurence D. (2007). Monde Berbère - Association Culturelle n'Imazighen, ed. "La sittelle kabyle (Sitta ledanti): l'oiseau rare. Interview de J.-P. Ledant." (en francés). interviewLedant. Arquivado dende o orixinal o 27 de agosto de 2008. Consultado o 29 de agosto de 2013. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Vielliard 1978
  6. 6,0 6,1 Vielliard 1976a
  7. 7,00 7,01 7,02 7,03 7,04 7,05 7,06 7,07 7,08 7,09 BLI
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Vielliard, Jacques (1980). "Remarques complémentaires sur la Sittelle kabyle Sitta ledanti Vielliard 1976". Alauda (en francés) 48 (2-3): 139–150. 
  9. 9,0 9,1 9,2 Burnier, Éric (1976). "Une nouvelle espèce de l'avifaune paléarctique: la Sittelle kabyle. Sitta ledanti". Nos Oiseaux (en francés). 33, fascículo 8 (365): 337–340. 
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 10,5 Vielliard 1976b
  11. Gatter, Von Wulf; Mattes, Hermann (1979). "Zur Populationsgröße und Ökologie des neuentdeckten Kabylenkleibers Sitta ledanti Vielliard 1976". Journal für Ornithologie (en alemán) 120 (4): 390–405. 
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 Harrap, Simon; Quinn, D. (1996). Christopher Helm Publishers, ed. Tits, Nuthatches and Treecreepers (en inglés). Londres. 
  13. 13,0 13,1 13,2 UICN
  14. 14,0 14,1 Ledant, Jean-Paul; Jacobs, Paul; Ochando, Bernard; Renault, Jean (1985). "Dynamique de la Forêt du Mont babor et préférences écologiques de la sittelle kabyle Sitta ledanti". Biological Conservation (en francés) 32 (3): 231–254. 
  15. Isenmann, Paul; Moali, Aïssa (2000). Société d'Études Ornithologiques de France, ed. Oiseaux d'Algérie - Birds of Algerie (en fr en). Paris. 
  16. Abdelguerfi, Aïssa; Ramdane, S.A. (2003). Ministre de l'Aménagement du territoire et de l'Environnement, ed. Mises en œuvre des mesures générales pour la conservation in situ et ex situ et l'utilisation durable, y compris les plans, stratégies et législations nationales - Annexes (tomo IV) (PDF) (en francés). p. 125. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de decembro de 2017. Consultado o 08 de decembro de 2017. 
  17. Monticelli, D.; Legrand, V. (2009). "Identification of Algerian Nuthatch". Birding World (en inglés) 22 (8): 333–335. 
  18. 18,0 18,1 Heim de Balzac, Henri (1976). "Commentaires sur la découverte d'un élément imprévu de la faune paléarctique". Alauda (en francés) 44 (3): 353–355. 
  19. Dubois, Alain; Nemésio, André (2007). "Does nomenclatural availability of nomina of new species or subspecies require the deposition of vouchers in collections?" (PDF). Zootaxa (en inglés) 1409: 1–22. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23 de abril de 2014. Consultado o 08 de decembro de 2017. 
  20. Vallotton, Laurent (10.2015). "The Altai Nuthatch: a missing link?". Conference: 9th international meeting of bird curator (en inglés) (Darwin State Museum, Moscou). Consultado o 10.07.2017. 
  21. J.-J. B. (1976). "Un oiseau inconnu découvert en Algérie data=28-07". Le Monde (en francés). 
  22. 22,0 22,1 Matthysen, Erik (1998). Poyser, ed. The Nuthatches (capítulo: Appendix I - Scientific and Common Names of Nuthatches) (en inglés). pp. 270. ISBN 978-0856611018. 
  23. COI
  24. Vaurie, Charles (1957). "Systematic Notes on Palearctic Birds. No. 29. The Subfamilies Tichodromadinae and Sittinae" (PDF). American Museum Novitates (en inglés) (1854): 1–26. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de outubro de 2013. Consultado o 08 de decembro de 2017. 
  25. Löhrl, Hans (1960). "Vergleichende Studien über Brutbiologie und Verhalten der Kleiber Sitta whiteheadi Sharpe und Sitta canadensis L.". Journal fur Ornithologie (en alemán) 101: 245–264. 
  26. Löhrl, Hans (1961). "Vergleichende Studien über Brutbiologie und Verhalten der Kleiber Sitta whiteheadi Sharpe und Sitta canadensis L. II. Sitta canadensis, verglichen mit Sitta whiteheadi". Journal für Ornithologie (en alemán) 102: 111–132. 
  27. 27,0 27,1 27,2 27,3 Pasquet, Éric (1998). "Phylogeny of the nuthatches of the Sitta canadensis group and its evolutionary and biogeographic implications". Ibis (en inglés) 140 (1): 150–156. doi:10.1111/j.1474-919X.1998.tb04553.x. 
  28. Thibault, Jean-Claude; Seguin, Jean-François; Norris, Ken (2000). "Statut taxonomique et origine biogéographique". En Parc naturel régional de Corse. Plan de restauration de la sittelle corse (PDF) (en francés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de marzo de 2016. Consultado o 7 février 2013. 
  29. 29,0 29,1 Géroudet, Paul (1976). "À propos de la Sittelle kabyle". Nos Oiseaux (en francés). 33, fascículo 8 (365): 340–342. 
  30. Bellatrèche, Mohamed; Chalabi, Bouzid (1990). "Données nouvelles sur l'aire de distribution de la sittelle kabyle Sitta ledanti". Alauda (en francés) 58 (2): 95–97. 
  31. "Décret n° 83-509 du 20 août 1983 relatif aux espèces animales non domestiques protégées". Journal officiel de la République algérienne (en francés). 20-08. Consultado o 6 de outubro de 2021. 
  32. 32,0 32,1 Department of the Interior - Fish and Wildlife Service (1995). "Endangered and Threatened Wildlife and Plants; Addition of 30 African Birds to List of Endangered and Threatened Wildlife" (PDF). Federal Register (en inglés) 60 (8): 2899–2905. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de xaneiro de 2017. Consultado o 08 de decembro de 2017. 
  33. Department of the Interior - Fish and Wildlife Service (1981). "Endangered and Threatened Wildlife and Plants" (PDF). Federal Register (en inglés) 46 (91): 26464–26469. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de xaneiro de 2017. Consultado o 08 de decembro de 2017. 
  34. Diamond, Anthony W.; Schreiber, Rudolf L.; Peterson, Roger Tory; Cronkite, Walter (1989). Houghton Mifflin, ed. Save the birds (en inglés). Boston. ISBN 9780395511725. OCLC 19624924. 
  35. (en francés) Kader Bakou. "Le coup de bill’art du Soir - La Sitelle Kabyle est la vie". LeSoirdAlgerie.com. Consultado o 5 de setembro de 2013.