Carlos María Isidro de Borbón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Carlos María Isidro»)
Carlos María Isidro de Borbón
Nome completoCarlos María Isidro Benito de Borbón
Nacemento29 de marzo de 1788
Lugar de nacementoAranjuez
Falecemento10 de marzo de 1855 (66 anos}
Lugar de falecementoTrieste
SoterradoTrieste Cathedral
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítico
PaiCarlos IV de España
NaiMaría Luísa de Parma
CónxuxeMaría Francisca de Braganza e Maria Teresa de Bragança, infanta de Portugal
FillosXoán, conde de Montizón, Fernando de Bourbon e Bragança e Carlos Luís de Borbón
IrmánsMaria Amália de Espanha, Maria Isabel de Bourbon, Maria Luísa, Duquesa de Lucca, Carlota Xoaquina de Borbón, Francisco de Paula de Borbón e Fernando VII
PremiosCabaleiro da orden do Espírito Santo, Cabaleiro da Orden de San Miguel, Cabaleiro da Orde do Vélaro de Ouro, Ordem de Santo André e Gran Cruz da Orden de Carlos lll
Na rede
WikiTree: Bourbon-254 Find a Grave: 42926226 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Carlos María Isidro Benito de Borbón, Infante de España, nado en Madrid o 29 de marzo de 1788 e finado en Trieste o 10 de marzo de 1855, foi o segundo fillo do rei Carlos IV de España e de María Luísa de Parma, e irmán de Fernando VII. Tamén foi coñecido como Don Carlos. Foi o primeiro pretendente carlista ao trono de España co nome de Carlos V de España.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu no Palacio Real de Madrid. Entre 1808 e 1814 viviu prisioneiro de Napoleón en Valençay cos seus irmáns. En 1814 volveu co resto da familia real a Madrid e xurou a constitución de 1812. En setembro de 1816 casou coa súa sobriña a infanta María Francisca de Portugal, filla do rei Xoán VI de Portugal e de Carlota Xoaquina, irmá de Carlos. A parella tivo tres fillos: Carlos Luís (1818-1861), Xoán (1822-1887) e Fernando (1824-1861).

Carlos era unha persoa moi relixiosa, que cría no dereito divino da monarquía e na sucesión lexítima, polo que a pesar dos intentos dos seus partidarios de tomar as armas contra o seu irmán, sempre lle foi fiel.

Pragmática Sanción[editar | editar a fonte]

En maio de 1830 Fernando VII publicou a Pragmática Sanción que permitía ás mulleres suceder ao trono español, ao igual que os seus fillos. O decreto fora orixinalmente aprobado polas Cortes en 1789 pero nunca se promulgara oficialmente. Ata entón Carlos fora o herdeiro do seu irmán.

O 10 de outubro de 1830 a cuarta esposa de Fernando VII, a princesa napolitana María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias, sobriña de Fernando e 22 anos máis nova ca el, deulle unha filla, que levou o nome de Isabel e desprazou ao seu tío da liña de sucesión.

Os apostólicos continuaron a apoiar os dereitos de Carlos ao trono, ao considerar a Pragmática Sanción ilegal e intrigaron a favor de Carlos. En marzo de 1833 Fernando suxeriu a Carlos que se trasladase a Portugal coa súa familia.

En abril de 1833, Fernando chamou a Carlos a xurar fidelidade a Isabel como Princesa de Asturias, mais Carlos rexeitou recoñecela e renunciar aos seus dereitos á coroa polo que Fernando VII reaccionou prohibíndolle volver a España.

Carlos V[editar | editar a fonte]

Tras a morte de Fernando VII o 29 de setembro de 1833, Carlos emitiu o manifesto de Abrantes o 1 de outubro no que declaraba a súa ascensión ao trono co nome de Carlos V e deu comezo á Primeira guerra carlista, entre "isabelinos" -os partidarios de Isabel II-, tamén chamados "cristinos" pola súa nai, que asumira a rexencia- e "carlistas", partidarios de Carlos María Isidro.[1]

En maio de 1834, tras a derrota dos miguelistas na guerra civil portuguesa, Carlos marchou para Inglaterra`pese ás protestas das autoridades españolas, onde chegou o 18 de xuño, pero axiña trasladouse a Francia para entrar en España pola fronteira de Navarra o 9 de xullo. En outubro de 1834 un decreto privouno dos seus dereitos como Infante de España e que foi confirmado polas Cortes en 1847.

Carlos permaneceu en España durante cinco anos e mantivo unha corte itinerante, acompañando ao seu exército, pero sen amosar dotes militares. No verán de 1837 dirixiu a coñecida como Expedición Real, na que á fronte de gran parte dos seus homes marchou por Cataluña e o Maestrazgo ata chegar ás portas de Madrid, pero non se decidiron a atacar e retiráronse acosados por Baldomero Espartero. Tras a expedición Carlos emprendeu unha purga entre os seus principais colaboradores.

En outubro de 1837, logo da morte da súa primeira muller, casou coa súa sobriña María Teresa e en xuño de 1838 nomeou a Rafael Maroto como comandante en xefe, que se dedicou a reorganizar o exército, pero que afrontou escasas accións bélicas. En febreiro de 1839 mandou fusilar a tres xenerais diante a sospeita que estiveran organizando un complot contra el e esixiu a Carlos a destitución de todos os seus opoñentes,

Carlos destituíuno o 21 de febreiro e declarouno traidor, aínda que o 25 de febreiro recuou e accedeu ás súas peticións. Maroto comezou negociacións secretas cos isabelinos que remataron en 1839 coa sinatura do Convenio de Oñate, tamén coñecido como abrazo de Vergara.

O 14 de setembro de 1839 cruzou a fronteira francesa e o goberno francés decidiu instalalo en Bourges coa súa muller e fillo, alí o 18 de maio de 1845 abdicou no seu fillo Carlos Luís, que adoptou o título de Carlos VI. Tras a súa abdicación usou o título de conde de Molina.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Fuentes, Juan Francisco (2007). El fin del Antiguo Régimen (1808-1868). Política y sociedad. Madrid: Síntesis. p. 90. ISBN 978-84-975651-5-8. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]