Real Asociación Numismática do Canadá

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «RCNA»)
Real Asociación Numismática do Canadá
Tiposociedade científica
Campo de traballonumismática
Área de operaciónCanadá
Data de fundación1950
Fundador(es)Jerome Remick
SedeToronto
PaísCanadá
Na rede
http://www.rcna.ca/
Facebook: TheRCNA Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

A Real Asociación Numismática do Canadá (en inglés: Royal Canadian Numismatic Association; en francés: Association royale de numismatique du Canada), coñecida tamén polas súas siglas en inglés RCNA, é unha asociación sen ánimo de lucro canadense fundada en 1950 en Toronto, constituída por coleccionistas de moedas e, en xeral, persoas interesadas pola numismática do Canadá en calquera das súas modalidades. Os seus asociados proceden maioritariamente do Canadá e dos EEUU, aínda que se estenden por moi diversos países do mundo.[1]

Inicialmente denominada Asociación Numismática do Canadá, a entidade engadiu o título de "Real" na súa convención levada a cabo en Otava en 2008, logo da concesión por parte da raíña Isabel II en outubro de 2007.[2]

En ocasións, a RCNA traballa conxuntamente coa Asociación Canadense de Educación Numismática (Canadian Association for Numismatic Education -CAFNE-), unha organización educativa a través da cal financia algúns dos seus seminarios e das súas publicacións.[3][4]

Convencións[editar | editar a fonte]

A Real Asociación Numismática do Canadá celebra anualmente unha convención, en cada ocasión nunha cidade diferente. No transcurso destas convencións desenvólvense actividades moi diversas, como seminarios, foros e simposios educativos, competicións, poxas, visitas a organizacións de carácter numismático ou cerimonias de entrega dos premios establecidos pola entidade.[5][6] Un dos eventos máis característicos destas convencións é a feira numismática que se desenvolve en cada unha delas, co nome de Canada's Money Collector Show, onde comerciantes e coleccionistas establecen as súas relacións comerciais.[7]

Medallas das convencións[editar | editar a fonte]

Con ocasión de cada convención anual, a RCNA emite unha medalla de cobre conmemorativa que se lles entrega gratuitamente aos asistentes, cunha simboloxía da asociación nos seus anversos e motivos alusivos ao lugar de celebración nos seus reversos. Nalgúns casos cúñase tamén unha versión en prata desta medalla, á que se pode acceder mediante compra, a través da web da asociación.[8][9]

Formación numismática[editar | editar a fonte]

A RCNA instituíu en 1995 o seu primeiro curso de numismática canadense por correspondencia, en 12 capítulos, no que xa se viña traballando desde 1992; un proxecto educativo ideado e dirixido por Paul Johnson e financiado fundamentalmente pola Asociación de Servizos Educativos Numismáticos (Numismatic Educational Services Association -NESA-).[10][11]

O bo acollemento deste curso por parte do público levou ao lanzamento, en 2005, dun segundo curso, tamén por correspondencia e en 17 capítulos, que foi presentado durante a convención da Real Asociación Numismática do Canadá dese mesmo ano en Calgary.[12]

Así mesmo, a RCNA conta con programas educativos de iniciación á numismática canadense e outros deseñados particularmente para o público infantil, e colabora con outras institucións no desenvolvemento de xornadas formativas sobre numismática canadense.[13]

Publicacións[editar | editar a fonte]

Desde 1956, a asociación mantén a publicación periódica bilingüe The Canadian Numismatic Journal / Le Journal canadien de numismatique, que contén informacións de interese para os asociados e artigos sobre as máis diversas perspectivas da numismática canadense.[14]

Ademais, con motivo da celebración do 50 aniversario da súa fundación, a RCNA publicou unha historia da entidade elaborada por Paul Johnson:[15]

  • Clute, Stanley. The Canadian Numismatic Association: A Half Century of Advancement in Numismatics. CNA. 1999. ISBN 9781550567328

Premios[editar | editar a fonte]

Durante as convencións anuais entrégase un bo número de premios convocados pola RCNA. Son os seguintes (en cada ligazón pódense consultar as listaxes completas de premiados):[16]

  • Premio J. Douglas Ferguson. Estableceuse en 1969 para galardoar un numismático vivo a quen se lle recoñece a súa contribución ao avance da numismática no Canadá a través das súas investigacións ou das súas publicacións. O premio naceu co patrocinio de J. Douglas Ferguson, daquela presidente honorario da entidade.[17]
  • Premio James E. Charlton Junior. Tamén establecido en 1969, recoñece a mellor presentación nunha exhibición anual por parte de membros da RCNA de entre 16 e 17 anos. O premio leva o premio dese antigo membro da asociación, que deixou un legado económico para o financiar.[18]
  • Premio Guy Potter Literary. Este premio toma o relevo do ata entón denominado Premio Literario da CNA, que foi renomeado en 1978 para honrar a memoria de Guy R. L. Potter, un dos fundadores da institución, da que foi presidente entre 1955 e 1956. Con el recoñécese o mellor artigo orixinal publicado en The Canadian Numismatic Journal no último ano.[19]
  • Premio Memorial Louise Graham. Creouse en 1986 co nome dese antigo membro e directivo da asociación. Diríxese aos clubs asociados á RCNA para recoñecer o maior logro en beneficio dos seus membros.[20]
  • Premio ao Socio da RCNA. Este premio estableceuse en 1990 e con el recoñécese un servizo concreto á asociación por parte dalgún dos seus socios.[21]
  • Premio literario Jerome H. Remick III. Estableceuse en 1995 cos fondos legados por Jerome Remick, antigo membro da asociación. Con el recoñécese o mellor artigo numismático publicado nun xornal dalgunha asociación numismática canadense ao longo do ano.[22]
  • Premio Jean Bullen. Desde 2004, concédeselle á mellor presentación na exhibición anual por parte dun membro da RCNA. O premio leva o premio desa antiga membro da asociación, que deixou un legado económico para o financiar.[23]
  • Premio Paul Fiocca. Concédese desde 2008 para recoñecer as contribucións individuais máis salientables á asociación ao longo do tempo por parte dos membros da asociación. O seu nome honra a figura de Paul Fiocca, que foi editor da publicación periódica Canadian Coin News e do boletín da RCNA: The Canadian Numismatic Journal.[24]
  • Premio Charles D. Moore. Creouse en 2017 co nome dese antigo presidente da asociación, para galardoar a contribución dun numismático profesional á numismática canadense e á RCNA ao longo de varios anos.[25]
  • Premio ao mellor boletín informativo. Concédese en dúas categorías, unha ao mellor boletín informativo publicado por unha entidade asociativa numismática do Canadá de carácter local, e unha segunda ao mellor de ámbito rexional ou nacional.[26]
  • Premio Sheldon Carroll Best of Show. Outórgaselle á mellor presentación dentro das exhibicións que se celebran no marco das convencións anuais.[27]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Home / Accueil". No sitio web da RCNA.
  2. Cywinski, Mario. "CNA becomes Royal". En Canadian Coins News. 19 de gosto a 1 de setembro de 2008. Páxina 1.
  3. "Canadian Association for Numismatic Education (CAFNE) Reception". No sitio web da RCNA.
  4. "Our mandate / Notre mandat". No sitio web de CAFNE.
  5. "RCNA: Another RCNA Convention for the Books". Bank of Canada Museum. 29 de setembro de 2016.
  6. "Educational symposium, workshop coming to RCNA Convention". En Canadian Coin News. 19 de xullo de 2018.
  7. "Conventions". No sitio web da RCNA.
  8. "Official Convention Medals". No sitio web da RCNA.
  9. Cross, W. K. Canadian Association Medals. Vol. II. The Charlton Press. 2008. ISBN 0-88968-152-X
  10. "Royal Canadian Numismatic Association Arquivado 24 de xaneiro de 2019 en Wayback Machine.". En International Coin Associations. Coinsuppleplanet.com.
  11. "Canadian Numismatic Correspondence Course - Part I". No sitio web da RCNA.
  12. "Canadian Numismatic Correspondence Course - Part II". No sitio web da RCNA.
  13. "Educational services". No sitio web da RCNA.
  14. "The CN Journal". No sitio web da RCNA.
  15. "Royal Canadian Numismatic Association history book available". En The E-Stylum. Vol. 12. Nº 40. 4 de outubro de 2009. Numismatic Bibbliomania Society.
  16. "Awards". No sitio web da RCNA.
  17. "J. Douglas Ferguson Award". No sitio web da RCNA.
  18. "James E. Charlton Junior Exhibit Award". No sitio web da RCNA.
  19. "Guy Potter Literary Award". No sitio web da RCNA.
  20. "Louise Graham Memorial Award". No sitio web da RCNA,
  21. "Fellow of the RCNA Award". No sitio web da RCNA.
  22. "Jerome Remick III Literary Award". No sitio web de RCNA.
  23. "Jean Bullen Award". No sitio web da RCNA.
  24. "Paul Fiocca Award". No sitio web da RCNA.
  25. "Charles D. Moore Professional Numismatic Award". No sitio web da RCNA.
  26. "Local & Regional/National Newsletter Awards". No sitio web da RCNA.
  27. "Sheldon Carroll Best of Show Awards". No sitio web da RCNA.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]