Portal:Historia/Artigo destacado/arquivo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Aquí están todas os artigos que están destacados no portal historia:

1[editar a fonte]

Cadro da batalla por Bernaert van Orley.

Na Batalla de Pavía, producida o 25 de febreiro de 1525 en Pavía (Italia), os exércitos de Carlos I de España venceron os de Francisco I de Francia. Como resultado da contenda as tropas francesas tiveron que devolve-lo control do Milanesado ós españois, sendo a consecuencia fundamental desta batalla a supremacía española en Italia e o repregamento de Francia a un papel político secundario durante o século XVI.


2[editar a fonte]

Extensión do Imperio Bizantino cara o ano 550.

O Imperio Bizantino, ou Imperio Romano de Oriente, foi un imperio cristián medieval de cultura grega cuxa capital estaba en Constantinopla ou Bizancio (actual Istambul). As orixes do Imperio Bizantino remóntanse á etapa final do Imperio Romano. Inicialmente abarcaba todo o Mediterráneo oriental, pero co tempo foi sufrindo importantes reducións territoriais.


3[editar a fonte]

Porta dos leóns, en Bogazkale, Turquía; unha das dúas entradas a unha cidade hitita.

Os hititas foron un pobo indoeuropeo que habitou a Asia Menor durante a Antigüidade. Invadiron a Asia Menor central sobre o 2500 a.C. e someteron o pobo autóctono, os hattis, dos que tomaron prestados varios deuses, mitos e ritos. A realeza hitita era moi diferente dalgunhas monarquías contemporáneas, en particular da monarquía exipcia: en efecto, ao contrario do faraón, o rei non era considerado como un deus mentres vivía. As terras hititas pertencían aos deuses, o rei era o seu representante e xestionábaas no seu nome. Só despois da súa morte o rei era divinizado e a súa estatua uníase á dos seus devanceiros.


4[editar a fonte]

Mapa da Grecia clásica

Grecia Antiga é o período da historia de Grecia que durou uns mil anos e rematou coa chegada do cristianismo. Considérase como o alicerce da civilización occidental. A cultura grega exerceu unha poderosa influencia sobre o Imperio Romano, que levou consigo unha versión propia a moitas partes de Europa.

A civilización dos antigos gregos tivo unha influencia enorme sobre a lingua, política, sistemas educativos, filosofía, ciencia e as artes, dando lugar ao Renacemento da Europa Occidental e rexurdiu de novo durante varios movementos "neoclásicos" durante os séculos VIII e XIX en Europa e en América.


5[editar a fonte]

Alegoría da República.

A Segunda República Española foi o réxime político polo que se rexeu España no período que vai dende o 14 de abril de 1931, data de proclamación da mesma, até o 1 de abril de 1939, data da vitoria definitiva do bando autoproclamado nacional (é dicir, o dos alzados contra a República o día 18 de xullo de 1936, chamados así en oposición ós leais a ela, que eran coñecidos como republicanos).

Trala dimisión do ditador Miguel Primo de Rivera en 1930, o rei Afonso XIII tentou devolver ao debilitado réxime monárquico a lexitimidade popular. Para iso, o goberno presidido polo almirante Juan Bautista Aznar convocou unha rolda de eleccións escalonada, comezando polas municipais para seguir coas xerais. Tendo en conta as circunstancias, as eleccións municipais adquiriron un carácter de plebiscito en prol ou en contra da monarquía.

O 12 de abril de 1931 celebrouse a segunda rolda das eleccións municipais. Aínda que cuantitativamente se saldasen coa vitoria monárquica nas urnas, cualitativamente o impulso republicano quedou de manifesto ó triunfar nas grandes cidades, é dicir, os núcleos menos vulnerables á influencia do caciquismo e á perversión do sistema electoral de 1907, que impedía a celebración de eleccións cando non houbese listas enfrontadas. Así o entendeu a elite monárquica e o propio rei, que constataron a falta de apoio popular á orde estabelecida, renunciaron ao emprego da forza e abriron paso á proclamación da República.


6[editar a fonte]

Praza Tian'anmen de Pequín

As Protestas da Praza Tian'anmen de 1989, tamén coñecidas como Masacre da Praza Tian’anmen ou Incidente do 4 de xuño, foron unha serie de protestas lideradas por estudantes, intelectuais e activistas laborais na República Popular Chinesa que ocorreron entre o 15 de abril e o 4 de xuño de 1989. A protesta debe o seu nome á localización da violenta supresión do movemento, a Praza Tian'anmen de Pequín, polo Exército Popular de Liberación. Os manifestantes proviñan de distintos grupos, dende os intelectuais que pensaban que o goberno do Partido Comunista Chinés era demasiado corrupto e represor, ata os traballadores urbanos que pensaban que a reforma económica chinesa chegara demasiado lonxe e que a inflación e o desemprego xeralizado estaban ameazando a súa forma de vida.


7[editar a fonte]

Jacques-Louis David, Leónidas nas Termópilas (1814).

As Guerras Médicas foron unha serie de conflitos que durante a primeira metade do século V a.C. enfrontaron aos gregos cos persas (confundidos polos gregos cos medos, outro pobo iraniano). En particular, as Guerras Médicas refírense a unha ou ás dúas invasións persas do territorio grego europeo en 490 e 480/479, que os gregos lograron finalmente rexeitar. Non todos os gregos loitaron contra os persas; algunhas cidades-estado foron neutrais e outras aliáronse con Persia.

Durante elas libráronse as famosas batallas de Maratón, As Termópilas, Salamina e Platea.


8[editar a fonte]

Explosión dunha bomba de napalm sobre posicións do Viet Cong.

A guerra do Vietnam, chamada tamén segunda guerra de Indochina e guerra de Estados Unidos, foi un conflito bélico que enfrontou entre 1958 e 1975 aos Estados de Vietnam do Sur e Vietnam do Norte, apoiados polos seus respectivos aliados e especialmente, os Estados Unidos que axudaron directamente aos survietnamitas até a súa retirada en 1973, no contexto xeral da guerra fría. A guerra causou a morte, segundo as distintas fontes, de entre 2 e 5,7 millóns de persoas, a meirande parte delas civís, e graves danos medioambientais.


9[editar a fonte]

Patrulla de esquiadores fineses o 12 de xaneiro de 1940.

A Guerra de Inverno (finés: talvisota, sueco: vinterkriget, ruso: Зимняя война) foi un conflito militar entre a Unión Soviética e Finlandia. Comezou cunha ofensiva soviética o día 30 de novembro de 1939 (dous meses despois do inicio da Segunda Guerra Mundial e da invasión soviética de Polonia), e rematou o 13 de marzo de 1940, coa sinatura do Tratado de paz de Moscova. Finlandia cedeu o 11% dos seus territorios previos á guerra e o 30% dos seus activos económicos á Unión Soviética. As perdas no Exército Vermello foron moi altas, e a reputación internacional do país sufriu. As forzas soviéticas non cumpriron o seu obxectivo de conquistar completamente Finlandia, pero gañaron terreo substancial ao longo do lago Ladoga e territorio no norte do país. Os fineses, porén, conservaron a súa soberanía e melloraron a súa reputación internacional.


10[editar a fonte]

Territorio que ocupaba o Imperio Español no continente americano en 1800. Este continente foi no que o imperio ocupou máis superficie. Aínda que tamén estivo presente en Europa, África, Asia e algunhas illas de Oceanía.

Denomínase Imperio español ou Monarquía universal española ó conxunto de territorios de España -ou das dinastías reinantes en España- en África, Asia, América e Oceanía o longo da historia. Tras o Descubrimento de América en 1492, España colonizou grandes extensións de territorio en América, desde o actual suroeste dos Estados Unidos, México, e o Caribe, ata Centroamérica e a maior parte de Suramérica. Estes territorios agrupáronse inicialmente en dous vicerreinados, o da Nova España e o do Perú. Co descubrimento e asentamento de varios arquipélagos do Pacífico a finais do século XVI, incorporáronse ao imperio as Indias Orientais Españolas formadas por Filipinas, Guam e as Illas Marianas, así como as Carolinas e Palau baixo a xurisdición da Nova España.

Alcanzou os 20 millóns de quilómetros cadrados a finais do século XVIII, aínda que a súa máxima expansión produciuse entre os anos 1580 e 1640, durante os reinados de Filipe II, III e IV. Durante os séculos XVI e XVII creou unha estrutura propia, mais non se chamou imperio colonial ata o ano 1768, sendo no século XIX cando adquire estrutura puramente colonial. O Imperio Español foi o primeiro imperio global, porque por primeira vez un imperio abranguía posesións en todos os continentes.


11[editar a fonte]

Explosión do cruceiro de batalla británico "HMS Queen Mary", ocurrido durante a batalla de Xutlandia, o 31 de maio de 1916. Dos 1.266 membros da tripulación, só 20 foron rescatados.

A batalla de Xutlandia (alemán: Skagerrakschlacht) foi unha batalla naval que enfrontou á Grand Fleet da Royal Navy (que tamén incluía barcos e persoal individual da Royal Australian Navy e a Royal Canadian Navy) contra a Hochseeflotte da Kaiserliche Marine durante a Primeira Guerra Mundial. A batalla tivo lugar entre o 31 de maio e o 1 de xuño de 1916 no mar do Norte preto de Xutlandia, Dinamarca. Foi a meirande batalla naval e o único enfrontamento a gran escala do conflito. Foi o terceiro encontro entre acoirazados de aceiro, tras as máis pequenas, pero tamén máis decisivas batallas do Mar Amarelo (1904) e de Tsushima (1905) durante a guerra ruso-xaponesa.

Tralo fin da batalla, ámbalas dúas partes reclamaron a vitoria. Os británicos perderon máis barcos e o dobre de mariñeiros, e a prensa do país criticou o fracaso da Grand Fleet para forzar un resultado decisivo, pero o plan de Scheer de destruír unha parte substancial da frota británica tamén fracasou. A "frota en potencia" alemá continuaba sendo unha ameaza, requirindo aos británicos manter os seus acoirazados concentrados no mar do Norte, pero a batalla confirmou a política xermana de evitar calquera contacto entre frotas. Ao final do ano, despois de máis infrutuosos intentos de reducir a vantaxe numérica da Royal Navy, a Kaiserliche Marine volveu os seus esforzos e recursos á guerra submarina sen restricións coa destrución de barcos aliados e neutrais, o que levaría en abril de 1917 á entrada dos Estados Unidos no conflito.


12[editar a fonte]

Luís XIV, coñecido como "Rei Sol", o seu reinado é considerado como o prototipo de monarquía absoluta.

O Antigo Réxime (Ancien Régime (Vella Orde) en francés) é o termo utilizado polos revolucionarios franceses para referirse aos tempos anteriores ao inicio da Revolución francesa de 1789 (a monarquía absoluta de Luís XVI) e que pasou a denominar a organización social e política da Europa Moderna, onde se fraguou a ruptura definitiva do feudalismo.

As súas principais características eran a monarquía absoluta baseada no dereito divino do rei, no cumio da pirámide social, e unha división social ríxida en tres estamentos: a aristocracia, o clero e o Terceiro Estado.

Todo isto pode aplicarse como equivalente a unha época que, practicamente, coincide co que se coñece como Idade Moderna.


13[editar a fonte]

Barricada en Berlín en xaneiro de 1919

A revolución de novembro de 1918, foi un conflito civil de carácter político acaecido en Alemaña a finais da Primeira Guerra Mundial. Provocou o paso dunha monarquía no Imperio Alemán a unha república pluralista, parlamentaria e democrática.

A revolución comezou como un alzamento de mariños en Kiel; en poucos días abarcou toda Alemaña e forzou a abdicación do Káiser Guillerme II o 9 de novembro de 1918. Os obxectivos de avanzada dos revolucionarios, guiados por ideais socialistas, fracasaron en xaneiro de 1919 ante a oposición dos líderes do Partido Socialdemócrata de Alemaña (SPD). Estes temían un “caos revolucionario” e posteriormente esforzáronse en reconciliar aos partidos burgueses e a elite afín ao Káiser fronte ás novas relacións do poder. Adicionalmente acordaron unha alianza co Supremo Comando Militar alemán e permitiron a sufocación violenta do chamado Levantamento Espartaquista (Spartakusaufstand).

O desenlace formal da revolución ocorreu o 11 de agosto de 1919 coa sinatura da nova Constitución da República de Weimar.