Hochseeflotte

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Hochseeflotte
Tipofrota
Data de fundación1907
Data de disolución1918
PaísImperio Alemán
editar datos en Wikidata ]
Dreadnoughts da Hochseeflotte.

A Hochseeflotte (en galego: frota de alta mar) foi a frota de batalla da Mariña Imperial alemá que participou durante a primeira guerra mundial. Foi creada en febreiro do ano 1907 cando a Heimatflotte pasou a chamarse Hochseeflotte. O almirante Alfred von Tirpitz foi o arquitecto da frota; imaxinou unha forza o suficientemente poderosa como para desafiar o predominio da Royal Navy. O káiser Guillerme II, o emperador de Alemaña, defendeu a frota como o instrumento co cal se apoderaría de territorios de ultramar e faría de Alemaña unha potencia mundial. Ao concentrar unha potente frota de combate no mar do Norte, mentres que a Royal Navy estaba obrigada a dispersar as súas forzas ao longo de todo o Imperio Británico, Tirpitz cría que Alemaña podería acadar un equilibrio de forzas que danaría seriamente a hexemonía naval británica. Este foi o corazón da "Teoría do risco" de Tirpitz, que sostiña que o Reino Unido non desafiaría a Alemaña se a frota desta última lle supuña unha significativa ameaza.

O principal compoñente da frota foron os seus acoirazados, tipicamente organizados en escuadróns de oito barcos, aínda que tamén tiñan outras formacións, como o 1º grupo de exploración. No momento da súa creación en 1907, a Hochseeflotte estaba formado por dous escuadróns de acoirazados, e cara 1914 fora engadido un terceiro. A revolución do dreadnought en 1906 afectou en gran medida á composición da frota; os 24 pre-dreadnoughts da frota foron declarados obsoletos e requiríase a súa substitución. Suficientes dreadnoughts para encher dous escuadróns foron completados para o estoupido da guerra a mediados de 1914; os oito pre-dreadnoughts máis modernos foron usados para constituír un terceiro. Dous escuadróns adicionais de buques máis vellos foron mobilizados ao inicio das hostilidades, aínda que cara o final da guerra esas formacións foron disoltas.

A frota levou a cabo unha serie de incursións no mar do Norte durante o conflito, deseñadas para atraer a unha porción da numericamente superior Grand Fleet británica. Esas operación usaron frecuentemente os rápidos cruceiros de batalla do 1º grupo de exploración para atacar a costa británica como cebo para a Royal Navy. Esas accións culminaron na batalla de Xutlandia entre o 31 de maio e o 1 de xuño de 1916, onde a Hochseeflotte enfrontouse a toda a Grand Fleet. A batalla non foi concluínte, pero os británicos venceron estratexicamente, xa que convenceu ao almirante Reinhard Scheer, o comandante da frota alemá, de que incluso un resultado moi favorable nunha acción da frota non aseguraría a vitoria alemá na guerra. Scheer e outros dos principais almirantes recomendaron entón ao káiser retomar a campaña de guerra submarina sen restricións. A responsabilidade principal da Hochseeflotte en 1917 e 1918 foi a de asegurar as bases navais alemás no mar do Norte para as operacións dos U-boat. Porén, a frota continuou levando a cabo incursións no mar do Norte e destacou unidades para operacións especiais no mar Báltico contra a frota báltica rusa. Tras a derrota alemá en novembro de 1918, os aliados internaron a meirande parte dos barcos da Hochseeflotte en Scapa Flow, onde finalmente foron afundidos polos seus propios tripulantes en xuño de 1919, días antes de que se asinase o Tratado de Versalles.