Arte pop
A arte pop ou a pop-art[1] (arte popular) foi un movemento artístico xurdido a fins da década de 1950 en Inglaterra cuxas características son o emprego de imaxes e temas tomados do mundo da comunicación de masas e a súa aplicación á pintura. Pódese dicir que subliña o valor iconográfico da sociedade de consumo. O termo "pop-art" foi utilizado por primeira vez polo crítico británico Lewwis Gennig en 1962 para definir a arte que algúns xoves estaban facendo co emprego de imaxes populares.
Pode afirmarse que a pop-art é o resultado dun estilo de vida, a manifestación plástica dunha cultura (pop) caracterizada pola tecnoloxía, a democracia, a moda e o consumo, onde os obxectos deixan de ser únicos para producirse en serie. Neste tipo de cultura tamén a arte deixa de ser única e convértese nun obxecto máis de consumo. "A razón polaa que pinto deste modo é porque quero ser unha máquina", afirmaba o máximo expoñente do movemento, Andy Warhol. Tamén é simbólica a afirmación de Richard Hamilton con respecto ó seu desexo de que a arte fose "efémera, popular, barata, producida en serie, xove, enxeñosa". Todas elas, serían calidades equivalentes ás da sociedade de consumo.
Richard Hamilton é considerado o artista que creou a primeira obra da arte Pop: a colaxe titulada ¿Que é o que fai os fogares de hoxe en día tan diferentes, tan divertidos?, que foi exposto na exposición titulada Isto é o mañá na Whitechapel Gallery de Londres en 1956.
(Robert Indiana: Love, Escultura en Taipei, Taiwán)
O Pop en Gran Bretaña
[editar | editar a fonte]En 1961 presentábase a pop-art británica ó público nunha exposición que reunía obras de David Hochney, Derek Boshier, Allen Jones, R.B. Kitaj e Peter Phillips.
As orixes da pop-art encóntranse no dadaísmo e no seu desprezo polo obxecto. Así a todo a Arte Pop descarga da obra toda a filosofía anti-arte de Dadá e encontra unha vía para construír a partir de imaxes tomadas da vida cotiá ó igual que Duchamp fixera cos seus ready-mades . En canto ás técnicas tamén toma do dadaísmo o uso da colaxe e da fotomontaxe.
En Inglaterra, a arte pop empeza a xestarse nas discusións que mantiñan no Instituto de Arte Contemporánea de Londres (ICA) Mark Hamill, Paolozzi e os críticos Lawrence Alloway e Reyner Banham, dende 1952. Estas discusións centrábanse en torno ó impacto que a tecnoloxía moderna e os medios de comunicación de masas estaban tendo na sociedade. Entre outras cousas, nestas discusións desmontouse a pirámide de categorizacións en que as Belas Artes eran o cume equiparadas ó cine, ás artes populares e ás artes gráficas.
A arte de Hamill toma as súas fontes das industrias do consumo e do lecer, da publicidade e tamén da historia da arte. Pode dicirse que o Pop de Kitaj e Hamilton é un pop culto e altamente intelectualizado, case hermético nun sentido que non é o do pop habituais. O outro grande artista Pop da escena inglesa é David Hockney, para quen o herdo do movemento moderno é fundamental e combina fotografías, cadros abstractos e diversos tipos de material gráfico. Xunto con Allen Jones forma a segunda xeración do Pop británico.
O Pop en América
[editar | editar a fonte]En Suramérica o Pop entra en escena e arraiga con máis forza ca en ningún outro lugar, a pesar das reticencias dalgúns críticos (Harold Rosenberg) ó principio, dada a forza que o expresionismo abstracto tiña en tódalas instancias da industria da arte. Así a todo, a imaxinería pop era doadamente asimilable como algo puramente americano e isto era importante naquel continente pois sempre, tanto artistas como coleccionistas, estaban dun certo modo en loita ou competición co europeo. A confirmación disto produciuse coa exposición titulada O Pop Art e a tradición americana no Milwaukee Art Center en 1965. Este aspecto nacionalista era o único que o acercaba á xeración dos expresionistas abstractos; no demais todo é oposto: os artistas pop ironizaban sobre a caligrafía e o aceno característicos dos expresionistas (as obras de Roy Lichtenstein nas que amplifica unha pincelada esquematizada graficamente), ou os enormes cadros de Rosenquist nos que amplifica espaguetis como recordando as nervacións dos drippings de Pollock, e en xeral o interese posto en refugar da obra toda traza da intervención manual do artista.
Os precursores do Pop americano son Jasper Johns e Robert Rauschenberg e o grupo o forman Andy Warhol, Roy Lichtenstein, James Rosenquist, Jim Dine, Robert Indiana, Tom Weselman e Claes Oldenburg. Na periferia do pop americano atópanse Alex Katz, John Chamberlain e Larry Rivers. A pesar desta categorización todos son diferentes entre si. Warhol pretendía eliminar da obra de arte calquera traza ou signo de manualidade; moitas das súas obras están feitas a partir de fotografías proxectadas sobre o lenzo.
Lichtenstein toma os seus motivos das tiras de cómics e amplíaos a enormes dimensións deixando visibles os puntos que resultan do proceso de impresión. Dine combina obxectos reais con fondos pintados. Oldenburg fabrica obxectos da vida cotiá (hamburguesas, navallas etcétera) a tamaños descomunais que instala en ocasións en espazos ó aire libre. Indiana pinta rótulos xigantescos que nos reclaman a atención e nos amoestan.
O Pop en España
[editar | editar a fonte]En España, o Pop estúdase asociado á nova figuración xurdida a raíz da crise do informalismo. Eduardo Regato podería encadrarse nesta tendencia polo seu interese no contorno e a súa crítica do noso medio cultural, utilizando iconas dos medios de comunicación de masas e da historia da pintura, e polo seu desprezo manifesto por calquera estilo establecido. O que se pode considerar como máis autenticamente Pop é Alfredo Alcaín, polo uso que fai das imaxes populares e polo baleiro que confire ás súas composicións.
Tamén o Equipo Crónica formado en Valencia por Manolo Valdés e Rafael Solbes, pola súa utilización de cómics e de imaxes publicitarias, pola simplificación das imaxes e as composicións fotográficas, poden considerarse de tendencia Pop.
Blop Art
[editar | editar a fonte]No ano 2000 nace en Europa o Blop Art, especialmente en Francia onde esta evolución do Pop gaña a súa fama e consumo masivo. O deseño gráfico, os videoclips e artes de discos son os seus principais lenzos, mentres que youtube e myspace son os seus principais medios de difusión. O blop art recibe o seu nome da figura onomatopéica BLOP, típica dos cómics, usados en explosións de globos ou gags de humor.
Artistas notables
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Gran Dicionario Xerais da Lingua, 2009.