Pelecanus erythrorhynchos
Pelecanus erythrorhynchos | |||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Voando en Dallas, EUA
| |||||||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||
'Pelecanus erythrorhynchos' Gmelin, 1789 | |||||||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||||||
Pelecanus erythrorhynchus (lapsus) |
Pelecanus erythrorhynchos, ás veces chamado pelicano branco americano, é unha especie de ave do xénero dos pelicanos. É unha ave acuática planadora que se reproduce no interior de Norteamérica e en inverno móvese ao sur e ás costas ata chegar a América Central e do Sur.[2]
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Esta ave describiuna en 1789 o naturalista alemán Johann Friedrich Gmelin. O seu nome científico significa "pelicano de peteiro vermello", do grego erythros (ἐρυθρός, "vermello") + rhynchos (ῥύγχος, "peteiro").
Descrición
[editar | editar a fonte]P. erythrorhynchos é grande e repoludo e ten unha lonxitude entre 130 e 180 cm, grazas ao seu enorme peteiro, que mide de 29 a 39 cm nos machos e de 26 a 36 cm nas femias. Ten unha envergadura de ás de 240 a 300 cm.[3] Esta enorme envergadura de ás permítelle planar no aire con facilidade durante as súas migracións. O seu peso está entre 3,5 e 13,6 kg, aínda que o normal é un peso entre 5 e 9,1 kg.[4] Informouse dunha masa corporal media de 7 kg.[4] Outro estudo atopou pesos medios menores do que se esperaba; os once machos medidos pesaban de media 6,34 kg e as seis femias medidas tiveron unha media de 4,97 kg.[5] En canto ás medidas estándar, a corda alar mide de 51 a 68 cm e o tarso mide de 9,9 a 13,7 cm de longo.[6] A plumaxe é case enteiramente branca brillante, excepto as plumas rémixes primarias e secundarias que son negras, pero que apenas se ven agás cando voa. Desde o inicio da primavera ata despois de finalizado o período de reprodución a mediados de verán, as plumas do peito teñen un ton amarelo. Despois mudan a unha plumaxe de eclipse, a parte superior da cabeza adoita ter un ton gris, crecen plumas anegradas entre a pequena crista branca e escasa.[2]
O peteiro é enorme e plano na parte superior, cun saco gular grande na parte de abaixo, e, na tempada reprodutora, é de cor laranxa viva igual que o iris, e a pel espida arredor dos ollos e pés. Na tempada reprodutora crécelles unha especie de "corno" ou excrecencia na parte superior do peteiro, situada a un terzo do peteiro desde a punta. É a única especie de pelicano que presenta este "corno". O "corno" cae despois de que as aves se aparearon e puxeron os ovos. Fóra da tempada reprodutora as partes espidas fanse de cor máis clara, e a pel espida facial é amarela e o peteiro, bolsa e pés son de cor carne-laranxa.[2]
Non sendo polas diferenzas de tamaño, os machos e as femias teñen a mesma aparencia. Os paxaros inmaturos teñen plumaxe gris clara con caluga e rémixes pardas máis escuras. As súas partes espidas son grises pálidas. Os pitiños están espidos ao naceren, despois crécelles penuxe branca, e máis tarde mudan á plumaxe inmatura.[2]
Distribución e ecoloxía
[editar | editar a fonte]Esta especie aniña en colonias de varios centos de parellas en illas situadas en lagos salobres e de auga doce remotos do interior do continente norteamericano. A colonia de nidación máis ao norte atópase nas illas dos rápidos do Río Slave entre Fort Fitzgerald, Alberta, e Fort Smith, Territorios do Noroeste do Canadá. Entre un 10 e un 20% da poboación usa a illa Gunnison no Gran Lago Salgado. As colonias máis ao sur están no suroeste de Ontario e no nordeste de California.[2] Hai colonias de nidación tamén en Albany County no sur de Wyoming.
Invernan nas costas do Pacífico e do golfo de México desde California central e Florida ata Panamá polo sur, e ao longo do río Mississippi estendéndose cara ao norte ata polo menos St. Louis, Missouri. Nos seus cuarteis de inverno, raramente se encontran en costas abertas, xa que prefiren os estuarios e lagos. Cruzan os desertos e montañas, pero evitan o océano aberto nas migración. Pero atopáronse paxaros desviados da súa ruta, ás veces arrastrados polos furacáns, no Caribe. Rexistráronse no territorio colombiano por primeira vez en 1997, no illa de San Andrés, a onde puideron chegar varridos polo furacán Marco de 1996. Desde entón, foron observados tamén en territorio continental suramericano, por exemplo en Calamar.[2][7]
O P. erythrorhynchos pode vivir máis de 16 anos. En catividade, o récord na duración da vida destes animais é de 34 anos.[2]
Alimentación
[editar | editar a fonte]A diferenza do pelicano pardo (P. occidentalis), esta especie non se mergulla para procurar a súa comida, senón que captura as súas presas nadando. Cada individuo adoita comer case 2 kg de alimento ao día, principalmente peixes cipriniformes, perciformes, salmoniformes, siluriformes e caránxidos. Outras presas posibles son cangrexos de río e anfibios, e ás veces larvas de píntegas.[8] Os individuos que aniñan en lagos salinos, nos que escasea a comida, poden viaxar a grandes distancias para procurar mellores terreos de alimentación.[2]
P. erythrorhynchos gosta de reunirse en grupos dunha ducia ou máis de individuos para alimentarse, xa que así poden cooperar e acurralar os peixes entre todos. Cando non poden facer facilmente isto, como ocorre en zonas de augas profundas, onde os peixes nadan cara ao fondo para liscar, estes pelicanos prefiren pescar en solitario. En ocasións estas aves tamén rouban a comida, unha práctica chamada cleptoparasitismo. Os pelicanos brancos americanos rouban comida a outros pelicanos, a, gaivotas e corvos mariñoss cando están na superficie da auga, pero nun caso polo menos rexistrouse un roubo en voo a unha garza Ardea herodias.[2][9]
Reprodución
[editar | editar a fonte]Como xa se dixo, reprodúcense en colonias de centos de parellas, que chegan a ser de ata 5.000 parellas nalgúns casos. As aves chegan aos terreos reprodutores en marzo ou abril; a nidación empeza entre inicios de abril e inicios de xuño. Durante a tempada reprodutora, tanto os machos coma as femias desenvolven unha pronunciada excrecencia na parte superior dos seus peteiros. Esta rechamante excrecencia ou "corno" cae ao final da tempada reprodutora.
O niño é unha depresión pouco profunda escavada no chan na que se colocan algunhas poliñas, ramiñas, xuncos ou restos similares. Despois dunha semana de cortexo e construción dos niños, a femia fai unha posta de 2 ou 3 ovos normalmente, pero ás veces só 1 e outras veces ata 6.
Ambos os proxenitores chocan os ovos durante aproximadamente un mes. As crías abandonan os niños de 3 a 4 semanas despois da eclosión; nese punto, xeralmente só sobrevie un xove por niño. Pasan o seguinte mes nunha gardería, onde mudan á plumaxe inmatura e finalmente aprenden a voar. Despois de emplumaren, os pais seguen coidando dos fillos unhas tres semanas ou máis, ata que a familia se separa a finais do verán ou inicios do outono, e as aves xúntanse en grandes grupos en zonas de alimentación ricas en preparación para a migración invernal. Migran ao sur en setembro ou outubro.[2]
Predación
[editar | editar a fonte]Ocasionalmente, estes pelicanos poden aniñar en colonias en illas apartadas, o que se cre que reduce significativamente a probabilidade de predación por parte de mamíferos. O raposo (Vulpes vulpes) e o coiote (Canis latrans) predan con facilidade nas colonias ás que teñen acceso, e o coiote é ademais a única especie que se saiba que caza os pelicanos adultos (que son demasiado grandes para outros depredadores). Varias especies de gaivotas poden comer os ovos e crías de pelicanos, como Larus smithsonianus, Larus delawarensis e Larus californicus), e tamén os corvos. Os pelicanos novos poden ser presas de bufos (Bubo virginianus), miñatos (Buteo jamaicensis), e as aguias Haliaeetus leucocephalus e Aquila chrysaetos. Os pelicanos reaccionan de distinta maneira ante a ameaza de mamíferos que ante a de aves. Aínda que é doado aproximarse a eles cando están alimentándose os adultos poden abandonar temporalmente os seus niños se algunha persoa ou animal mamífero se aproxima á colonia. Pero se a ameaza que se aproxima é outra ave, os pelicanos non abandonan o niño e poden combater e repeler ao intruso pinchándoo cos seus considerables peteiros.[10]
Status e conservación
[editar | editar a fonte]Esta especie está protexida nos Estados Unidos polo Lei do Tratado de Aves Migratorias ou Migratory Bird Treaty Act de 1918. O Departamento de Pesca e Caza de California deulles o status protector de "especie con especial preocupación en California". Porén, a escala global, a especie é dabondo común polo que se califica co status de "pouco preocupante" segundo a IUCN.[1]
A perda de hábitat é a principal causa do fracaso da nidación, e as inundacións e secas son problemas recorrentes. As perdas relacionadas con actividades humanas inclúen o seu enredo en aparellos de pesca, molestias pola navegación de embarcacións e a caza furtiva e, en xeral, a degradación do hábitat.[11]
Produciuse un pronunciado declive desta especie a mediados do século XX, atribuíble a unha excesiva aplicaciópn de pesticidas agrícolas como o DDT, endrín e outros organoclorados, a unha excesiva drenaxe de zonas húmidas e ó aumento da polución. Pero despois a poboación recuperouse ben despois da aprobación e aplicación de leis de protección ambiental estrita, e agora as poboacións están estables ou en lixeiro incremento. Na década de 1980 estimábase que existían máis de 100.000 adultos desta especie na natureza, e contabilizábanse máis de 33.000 niños en 50 colonias no Canadá, e 18.500 niños en de 14 a 17 colonias en Estados Unkidos. A erosión das costas nas colonias de reprodución é un problema en certos casos, como tamén o son os envelenamentos ocasionais en masa cando os pesticidas se utilizan preto das colonias ou áreas de invernación.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 BirdLife International (2012). "Pelecanus erythrorhynchos". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013.
- ↑ 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 Elliott, Andrew (1992): 6. American White Pelican. In: del Hoyo, Josep; Elliott, Andrew & Sargatal, Jordi (eds.): Handbook of the Birds of the World (Vol. 1: Ostrich to Ducks): 310, plate 20. Lynx Edicions, Barcelona. ISBN 84-87334-10-5
- ↑ del Hoyo, J; Elliot, A; Sargatal, J (1996). Handbook of the Birds of the World 3. Barcelona: Lynx Edicions. ISBN 84-87334-20-2.
- ↑ 4,0 4,1 CRC Handbook of Avian Body Masses by John B. Dunning Jr. (Editor). CRC Press (1992), ISBN 978-0-8493-4258-5.
- ↑ CRC Handbook of Avian Body Masses, 2nd Edition by John B. Dunning Jr. (Editor). CRC Press (2008), ISBN 978-1-4200-6444-5.
- ↑ Dorr, Brian S.; King, D. Tommy; Gerard, Patrick; and Spalding, Marilyn G. (2005) "The Use of Culmen Length to Determine Sex of the American White Pelican". USDA National Wildlife Research Center – Staff Publications. Paper 9.
- ↑ Estela, Felipe A.; Silva, John Douglas & Castillo, Luis Fernando (2005): El pelícano blanco americano (Pelecanus erythrorhynchus) en Colombia, con comentarios sobre los effectos de los huracanes en el Caribe [The American White Pelican (Pelecanus erythrorhynchus) in Colombia, with comments on the effects of Caribbean hurricanes]. Caldasia 27(2): 271- 275 [Spanish with English abstract]. PDF fulltext
- ↑ Dan A. Tallman; David L. Swanson; Jeffrey S. Palmer (2002). Birds of South Dakota. Aberdeen, South Dakota: Midstates/Quality Quick Print. p. 10. ISBN 0-929918-06-1.
- ↑ Nesbitt, S.A.; Folk, M.J. (2003). "Kleptoparasitism of great blue herons by American white pelicans" (PDF). Florida Field Naturalist 31 (2): 19–45. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de maio de 2014. Consultado o 12 de abril de 2016.
- ↑ Dewey, Tanya. Pelecanus erythrorhynchos. Animal Diversity Web
- ↑ Blood, Donald A.; Hames, Michael; Graham, Arifin; Pawlas, Richard & Friis, Laura (1993) "American White Pelican" Arquivado 27 de febreiro de 2009 en Wayback Machine. in Wildlife in British Columbia at Risk. Province of British Columbia Ministry of Environment, Lands and Parks. ISBN 0-7726-7466-3
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Pelecanus erythrorhynchos |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Pelecanus erythrorhynchos |
- Vídeos, fotos, e sons de Pelecanus erythrorhynchos na Internet Bird Collection
- American white pelican profile Arquivado 20 de setembro de 2014 en Wayback Machine. en The Nature Conservancy
- American white pelican pictures from 'Field Guide' page on Flickr
- Selos de correos (das Illas Virxes Británicas, Canadá, Cuba, Turcas e Caicos) – con mapa de distribución en bird-stamps.org
- Galería de fotos de Pelicano branco americano en VIREO (Universidade de Drexel)
- Fotos do pelicano branco americano de Klaus Nigge
- Mapa interactivo da área de distribución de Pelecanus erythrorhynchos en IUCN Red List maps