Pazo de Meirás

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pazo de Meirás
Pazo de Meirás 05.jpg
Concello Sada
Provincia A Coruña
Comunidade Galicia
Coordenadas 43°21′27″N 8°17′46″O / 43.3575, -8.29611111Coordenadas: 43°21′27″N 8°17′46″O / 43.3575, -8.29611111
Estilo arquitectónico
Estilo orixinal (románico)
Estilo actual (século XIX)
Estado actual En bo estado
Véxase tamén
Pazos de Galicia

O pazo de Meirás é un pazo situado na parroquia de San Martiño de Meirás (concello de Sada), no cal viviu a escritora galega Emilia Pardo Bazán e que, na actualidade, pertence aos descendentes de Francisco Franco. En decembro de 2008 a Xunta de Galicia declarouno Ben de Interese Cultural (BIC).

Descrición[editar | editar a fonte]

O Pazo de Meirás foi construído a finais do século XIX por riba das ruínas dun antigo edificio derrubado durante a Guerra de Independencia. O seu estilo é romántico. O inmoble consta de tres torres con ameas, de distinto tamaño e de planta cadrada, unidas por un corpo máis baixo, de cantería de granito.

A torre maior, chamada A Torre da Quimera por Emilia Pardo Bazán, é onde se atopaba a súa biblioteca,[1] e está situada á dereita do edificio. As dúas torres frontais están unidas por un pequeno corpo, que forma o amplo vestíbulo do pazo. Entre as torres menores, no lateral dereito do conxunto, atópase a capela, cunha portada románica trasladada doutro lugar. Nesta capela celebrou a súa voda a escritora o 10 de xullo de 1868. Tamén se poden atopar alí pezas arqueolóxicas interesantes, cruceiros, fontes, balaústres ou escudos traídos doutros pazos galegos (Sada, Ximonde, Ermida, Bendaña) especialmente no tempo en que Francisco Franco o empregou como residencia no verán. A maioría destas pezas foron agasallos feitos por concellos e outras administracións durante a estadía de Franco, ou adquisicións da muller do xeneral, Carmen Polo.[2] Entre estes agasallos destacan dúas estatuas do século XII de 1,78 e 1,71 metros de altura respectivamente, pertencentes ao taller do Mestre Mateo extraídas do Pórtico da Gloria en 1947 e regaladas ao caudillo en 1960, ano no que este as instalou no pazo, trasladándoas posteriormente á súa residencia da Coruña. Destacan tamén un cruceiro que representaba ao Santo dos Croques, tamén espoliado do Pórtico da Gloria; a réplica do relevo da praza da Bárbaras da cidade da Coruña; unha fonte de granito barroca do século XVIII e outra rococó do XVII[3].

A propiedade ten unha superficie total 66.792 m², dos cales 2.115 son superficie construída[4].

Historia[editar | editar a fonte]

Nos terreos onde agora se ergue o pazo houbo ata 1809 unha casa forte, queimada en 1809 polos franceses durante a guerra de independencia. Esta primeira construción pertencera á liñaxe dos Patiño de Bergondo, vencellados por enlaces matrimoniais aos Pardo de Lama, devanceiros da escritora Emilia Pardo Bazán, quen posuía o título de condesa de Pardo Bazán, concedido polo rei Afonso XIII en recoñecemento á súa relevancia no mundo literario. No ano 1893 a escritora e mais a súa nai decidiron encargar a construción dun pazo sobre as ruínas anteriores, das que non se conserva nada.

Pazo de Meirás.

Trala morte da escritora o 12 de maio de 1921 e do seu fillo Jaime en 1936, os descendentes lexítimos da escritora, a súa filla Blanca Quiroga de Pardo Bazán e a súa nora Manuela Esteban Collantes, tentaron doar o inmoble á Compañía de Xesús, pero esta non aceptou as condicións postas polas herdeiras. A venda produciuse finalmente a unha comisión que buscaba un pazo como agasallo ao ditador Francisco Franco. O pazo pasou a mans do xeneral o 5 de decembro de 1938. A cantidade da venda varía segundo as fontes entre as 400.000, as 450.000 ou as 725.000 pesetas daquel tempo.

Trala venda do pazo comezaron as obras de remodelación e acondicionamento da leira: amañouse o muro, a estrada desprazouse varios metros e ampliouse, instalouse unha grande porta de ferro na entrada principal, e construíronse garitas de vixilancia e fontes[2], a torre e os principais motivos ornamentais do Pazo dos Bendaña en Dodro foron transladados ó Pazo de Meirás[5][6], para axeitala a ser a residencia de verán do xefe do estado[7].

O xeneral Franco e a súa familia empregaron e seguen a empregar o pazo como residencia durante o verán.

Estas obras sufragáronse parcialmente, cando menos, con colectas nos concellos da comarca e con impostos especiais. Os funcionarios vía reducido o seu soldo para financiar as obras. Os arquivos municipais de Oleiros gardan a suma que os cidadáns dese concello entregaron, 9.000 pesetas, con achegas que ían desde os 25 céntimos ata as 400 pesetas, aínda que tamén se recolleron xoias. Noutros casos producíronse ameazas e extorsións, vendas a prezos irrisorios de terreos que ampliaron a extensión do pazo[8], e doazóns máis ou menos libres baixo a ameaza de desafección co réxime[9].

Logo da morte de Franco, o pazo pasou á propiedade da muller, quen segue sendo a titular malia falecer en 1988. En 1977 casou alí unha das netas, Merry Martínez Bordiú, co xornalista Jimmy Giménez-Arnau. En 1978 produciuse un incendio en estrañas circunstancias[10] que destruíu parte do interior da construción. Durante anos, o inmoble estivo en mal estado ata que foi recuperado e acondicionado de novo en 1996, para a voda doutra das netas de Franco[11]. Na actualidade, o pazo de Meirás é residencia estival da filla de Franco, Carmen Franco[12].

Entre as diferentes utilidades para o pazo baralláronse o establecemento dunha universidade privada[13], un hotel, un casino, unha urbanización de chalés.

Actualidade[editar | editar a fonte]

Porta do muro que arrodea o Pazo.

O 1 de agosto de 2008 o Goberno da Xunta de Galicia puxo en funcionamento os trámites para declarar o Pazo Ben de Interese Cultural (BIC)[14] despois de meses de estudos e valoracións do patrimonio artístico e cultural do pazo[15]. A declaración de BIC constitúe o máximo grao de protección para un inmoble da categoría do pazo e supón a súa consideración como propiedade privada pero de dominio público, polo que os seus propietarios terán que pedir permiso para calquera reparación, reforma ou calquera outro traballo de albanelería que queiran realizar na propiedade. Así mesmo recibirán unha serie de vantaxes fiscais e subvencións para o seu mantemento e restauración[16].

Os trámites para a declaración de BIC por parte da Xunta non estivo exenta de polémica; xa que, dende o primeiro momento, o goberno autonómico bateu coa oposición dos herdeiros da familia Franco, que non autorizaban a entrada dos técnicos da Xunta para a súa avaliación, polo que tiveron que acudir aos tribunais para conseguila.[17].

Por outra banda, a polémica non só atinxe aos herdeiros do Pazo, xa que un movemento popular encabezado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, reclama a devolución das propiedades do Pazo ao "pobo"[18] alegando que o pazo foi unha doazón feita ao Xefe do Estado polo que sería propiedade do Goberno Español e non dos herdeiros de Franco.

Completada a declaración como Ben de Interese Cultural, o edificio deberá abrirse ao público catro días ao mes. Agardándose que o Pazo poidera ser visitado a finais de 2008[19]. Actualmente o pazo é visitable previa solicitude en grupos pequenos facendo unha visita guida. Son visitables os xardíns, a capela, o salón e a biblioteca. Non pode visitarse o andar primeiro, tampouco está permitido tirar fotos do interior do pazo, só da capela. Coa declaración de BIC, existe ademais a posibilidade de proceder no futuro á expropiación forzosa do inmoble no caso de que calquera dos propietarios incumpra algunhas das estritas obrigas de protección e conservación xeral impostas pola consellería de Cultura, aínda que a Xunta estaría obrigada a pagar unha indemnización.[14]. Finalmente foi declarada BIC no Consello da Xunta o 30 de decembro de 2008, coa categoría de sitio histórico[20] A declaración entrará en vigor cando se publique no DOG.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "La quimera de Meirás", artigo no Diario de Mallorca (en castelán).
  2. 2,0 2,1 Breve reseña histórica do Pazo de Meirás, Carlos Babío
  3. "Los Franco exhiben su patrimonio", artigo en La opinión, 29 de xullo de 2008 (en castelán).
  4. "Expropiar el pazo de Meirás costaría unos 4 millones de euros", artigo en La Opinión (en castelán).
  5. Galicia Hoxe "Reclamación de Dodro", no artigo de opinión de Avelino Abuín de Tembra.
  6. El Correo Gallego (20-5-2008) "Dodro pide la devolución de parte de su patrimonio expoliado para Meirás", en castelán.
  7. "El Pazo de Meirás, un regalo demasiado caro para Galicia", artigo en Público, 5 de outubro de 2007 (en castelán).
  8. "Vi cómo unas treinta personas lloraban por perder sus tierras", artigo en La Opinión (en castelán).
  9. "El pueblo reclama el pazo de Meirás", artigo en El País, 10 de agosto de 2007 (en castelán).
  10. O incendio do pazo Meirás no 78 “foi provocado”, segundo o BNG", artigo de Daniel Prieto no Xornal de Galicia, 12 de xuño de 2010.
  11. "Las torres del No-Do", artigo en El País, 10 de agosto de 2007 (en castelán).
  12. "La quimera de Meirás", Diario de Mallorca (en castelán).
  13. "Un obsequio para el Generalísimo, pero a nombre de Carmen Polo", artigo en El País, 22 de xullo de 2007 (en castelán).
  14. 14,0 14,1 "O Pazo de Meirás entra no catálogo de Bens de Interese Cultural", artigo en Vieiros, 1 de agosto de 2008.
  15. "El pazo de Meirás podría abrirse al público tras la evaluación de la Xunta", artigo no Diario de Cordoba, 17 de abril de 2008 (en castelán).
  16. "La quimera de Meirás", artigo no Diario de Mallorca (en castelán)
  17. "Cultura poderá inspeccionar o Pazo de Meirás, pero "sen publicidade"", artigo en El Correo Gallego, 18 de marzo de 2008 (en castelán).
  18. "Decenas de vecinos acuden al Pazo de Meirás para pedir su devolución al pueblo gallego", artigo en El Mundo, 18 de novembro de 2007 (en castelán)
  19. "A familia Franco terá que abrir o Pazo de Meirás ao público", artigo en Galiciae, 1 de agosto de 2008.
  20. "O Pazo de Meirás xa é BIC", artigo n' A Nosa Terra, 30 de decembro de 2008.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]