National Football League

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «NFL»)
National Football League
Fundación20 de agosto de 1920
RexiónEstados Unidos de América Estados Unidos
ComisionadoRoger Goodell
Equipos32
Actual campiónKansas City Chiefs (3º título)
Máis laureadoGreen Bay Packers (13 títulos)
TelevisiónCBS, NBC, ESPN, Fox
Sitio webnfl.com
Temporada 2022

A National Football League (en galego: Liga Nacional de Fútbol Americano), mellor coñecida polas súas siglas en inglés, (NFL), é a maior liga de fútbol americano profesional dos Estados Unidos e está considerada como a máis grande e prestixiosa propiedade deportiva nese país. A NFL toma a figura xurídica de Asociación Deportiva, controlada polos seus propios membros. Foi creada por once equipos en 1920 como a American Professional Football Association (a liga mudou o nome polo de American Professional Football League en 1921, e mudouno novamente en [[1922] polo nome agora vixente]). Actualmente, a NFL está formada por 32 franquías establecidas en diversas cidades e rexións estadounidenses. Divídese en dúas Conferencias: a Nacional (NFC) e a Americana (AFC). Á súa vez cada Conferencia intégrase por catro Divisións (Norte, Sur, Leste e Oeste) e cada unha delas por catro diferentes equipos.

A tempada regular consiste nun calendario de dezasete semanas durante as cales cada equipo ten unha de descanso (denominada bye week), consistindo en seis partidos contra rivais da mesma División, así como varios encontros interdivisionais e interconferenciais. A tempada comeza a noite do xoves da primeira semana completa de setembro (o xoves posterior ao "Labor Day") e prosegue a comezos de xaneiro. Ao finalizar a tempada regular, seis equipos de cada Conferencia disputan os playoffs, un sistema de eliminación directa a un partido entre os doce equipos que culmina no partido polo campionato, coñecido como Super Bowl. Este encontro xógase nunha cidade predeterminada, normalmente nalgunha con equipo na NFL. A semana seguinte dispútase o Pro Bowl, en Honolulu, Hawai, na que se enfrontan ambas as Conferencias, integradas polos seus mellores xogadores dese ano.

A pesar de considerarse o béisbol como o Pasatempo Nacional dos Estados Unidos, o fútbol americano é o deporte máis popular no devandito país.[1] A NFL ostenta a maior asistencia de público por partido de todas as ligas profesionais do mundo, atraendo a 67.000 espectadores en cada partido nas tempadas 2006 e 2007.[2] Grazas á súa tradición, ao principio de colaboración entre os seus membros e á administración con éxito das súas propiedades, a NFL consolidouse como a franquía deportiva por excelencia nos Estados Unidos, cuxo mercado inclúe igualmente entidades como a Major League Baseball (MLB), a National Basketball Association (NBA) e a National Hockey League (NHL), amplamente recoñecidas.

Historia[editar | editar a fonte]

A American Football League[editar | editar a fonte]

O crecemento da NFL a principios de 1958, foi tan rápido e contundente que logrou superar ao béisbol como o deporte favorito dos afeccionados dos estadounidenses. Isto espertou igualmente o interese de empresarios e o seu apetito por adquirir algunha franquía existente ou crear algunha nova. Tal foi o caso do empresario texano Lamar Hunt, quen presentou unha oferta de compra, finalmente rexeitada. Isto orixinou que Hunt e algúns outros homes de negocios decidisen formar con dez equipos unha asociación nova á que chamaron American Football League (AFL), que se convertería nunha seria rival da NFL.

O AFL introduciu novos cambios a este deporte, contribuíndo aínda máis a unha competente rivalidade coa NFL. Tratábase da instalación dun reloxo oficial visible para os afeccionados durante o xogo, os nomes dos xogadores nos xerseis e un sistema ofensivo máis agresivo facilitado pola nova regra de substitucións libres durante o encontro, o que levou finalmente á especialización das posicións. Outra circunstancia que a diferenciaba da NFL era a súa actitude en relación ao colectivo da raza negra: o AFL incluíu a xogadores negros e recrutaba activamente a xogadores en universidades historicamente descartadas e marxinadas pola NFL. Posteriormente, os equipos da NFL incluíron a xogadores negros en posicións tacitamente prohibidas para eles nesa liga, como a de quarterback[3] e middle linebacker.[4] En xaneiro de 1965 houbo un boicot do partido das estrelas da AFL en Nova Orleáns con ocasión da discriminación dos xogadores negros por parte dalgúns hoteis e negocios da cidade. Foi un acto de activismo polas liberdades e dereitos sociais que foi homenaxeado polo Pro Football Hall of Fame. A nova liga tamén se asegurou financieiramente ao decidir compartir, cos demais equipos, as ganancias recibidas polos dereitos televisivos e de despacho de billetes nos seus encontros.

O AFL forzou a expansión da NFL: os Dallas Cowboys foron creados para competir cos Dallas Texans da AFL creados ao mesmo tempo. En 1963, os Dallas Texans cambiaron a súa sede pola de Kansas City e trocaron o seu nome polo de Kansas City Chiefs; os Minnesota Vikings foron unha doazón feita en favor de Max Winter por abandonar a AFL e os Atlanta Falcons foron xunta Rankin Smith para disuadilo de adquirir os Miami Dolphins.

A fusión NFL-AFL[editar | editar a fonte]

A mediados dos anos 60 a tensión chegou ao seu límite. A competición que enfrontaba a ambas as ligas para a adquisición de xogadores, incluíndo Drafts colexiais diferentes, levou a incrementos salariais considerables. En 1965, nunha das loitas máis disputadas, con saldo a favor do AFL, o quarterback da Universidade de Alabama Joe Namath asinou cos New York Jets preferíndoos antes que aos St. Louis Cardinals da NFL por unha marca salarial de $427.000. En 1966, o xerente da AFL Al Davis púxose como obxectivo realizar unha campaña para quitar xogadores á NFL, sobre todo quarterbacks, mais, ás súas costas, varios propietarios de distintos equipos empezaron a tomar contacto para pór fin a esa fría rivalidade entre as dúas grandes ligas.

Nun acordo formalizado polo fundador da AFL Lamar Hunt e o xerente dos Dallas Cowboys Tex Schramm, as dúas ligas anunciaron oficialmente a súa fusión o 8 de xuño de 1966. As ligas terían un Draft común e organizarían un partido de final de tempada que decidise o campión de entre ambas as ligas (posteriormente chamaríase Super Bowl), que co pasar dos anos se convertería no máis alto símbolo do fútbol americano e a celebración que máis espectadores convoca cada ano a nivel mundial. Aínda houbo unha cidade máis que recibiría unha franquía grazas á AFL, Nova Orleáns, que foi obsequiada cun novo equipo na NFL pola aprobación da Public Law 89-800 impulsada por Congresistas federais de Luisiana, que permitía a fusión e que desautorizaba toda excepción relacionada con restricións anti-monopolistas. En 1970, as ligas fusionáronse totalmente nunha nova adoptando o nome actual de National Football League, dividíndose en dúas Conferencias cun número igual de equipos cada unha. Houbo tamén un acordo financeiro polo que os equipos da AFL pagarían un total en conxunto de $18 millóns durante 20 anos. Tamén houbo unha obxección por parte de moitos afeccionados da AFL a respecto da perda, con motivo da fusión, da identidade da súa liga, o seu logo e o seu nome.

A NFL actualmente[editar | editar a fonte]

Partido da NFL de 2005 entre os Tennessee Titans e os Houston Texans no Reliant Stadium, casa dos Texans.

A NFL continuou crecendo, expandíndose varias veces até a súa actual estrutura de 32 franquías, mentres que a Super Bowl se converteu en algo máis que un simple campionato de fútbol americano. Tratándose dun dos eventos máis televisados anualmente nos Estados Unidos[5], converteuse nunha das principais fontes de ingresos publicitarios para as cadeas de televisión que a retransmiten e serve de catapulta aos publicistas para iniciar grandiosas campañas de publicidade de novos produtos. A NFL creceu até tal punto de ser a máis popular en canto a espectadores de todas as ligas estadounidenses.

Unha das razóns que diferenciou á NFL respecto doutras grandes ligas norteamericanas é a aparente paridade entre os seus 32 equipos. A pesar de ser testemuña de equipos dominantes de cando en vez, a liga foi citada como unha das poucas en que calquera equipo ten posibilidades reais de gañar o campionato cada ano.[6] O acordo laboral acordado entre a liga e a Unión de Xogadores (NFLPA), que instaura un sistema de tope salarial, así como a repartición de dividendos entre tódolos equipos, impediu aos clubs máis ricos de asinar aos mellores xogadores, conseguindo así que equipos de pequenas cidades como os Green Bay Packers ou New Orleans Saints teñan a oportunidade de competir pola Super Bowl. Un dos artífices dese acordo foi o antigo xerente da NFL Paul Tagliabue, quen presidiu a liga entre 1989-2006. Cos novos acordos realizados en 1993, renovados en 1998 e 2006, a liga conseguiu manter os niveis salariais máis baixos de todas as grandes ligas estadounidenses e contribuíu a que a NFL sexa a única delas que non sufriu unha folga de xogadores paralizadora de actividades dende 1993.

Dende a chegada de Roger Goodell á presidencia da NFL na tempada 2006, estableceuse como unha prioridade regular a conduta dos xogadores. Varios xogadores de gran talento experimentaron problemas legais, dende Adam "Pacman" Jones a Michael Vick. Nestes casos en particular e noutros en xeral, o presidente Goodell castigou severamente as condutas con sancións duradeiras a quen infrinxan gravemente a política de conduta da NFL. Actualmente a liga ten oficinas en dúas cidades. A oficina principal atópase en Nova York e debido á popularidade da NFL nos estados do Sur e o Sueste, hai unha segunda oficina en Nashville.

Estrutura da tempada[editar | editar a fonte]

NFL Draft[editar | editar a fonte]

Durante o mes de abril, os distintos equipos da NFL buscan engadir aos seus persoais xogadores universitarios a través do "draft da NFL", oficialmente chamado NFL Annual Player Selection Meeting,[7] e que vén celebrando cada ano na cidade de Nova York desde 1965.

O sistema de elección é o seguinte: o equipo con peor balance de vitorias/derrotas da última tempada disputada é quen elixe primeiro, sendo o segundo en elixir o que segundo peor balance presente e así sucesivamente. Con independencia do resultado final da tempada regular, as dúas últimas eleccións resérvanse para os dous equipos que disputaron a Super Bowl, sendo o seu gañador o último en escoller. O Draft consiste en sete roldas. As dúas primeiras lévanse a cabo nun sábado, mentres que as cinco restantes organízanse o domingo. Os equipos teñen un tempo limitado para escoller os xogadores.[8] Se non escollen no tempo predeterminado, pasan a súa quenda aos equipos seguintes. Isto ocorreulle por exemplo aos Minnesota Vikings en 2003.[9]

Os equipos teñen a posibilidade de intercambiar as súas eleccións con outros equipos xa sexa por outras eleccións ou por xogadores, diñeiro ou unha combinación de todas as anteriores. Así como os traspasos de xogadores por xogadores son infrecuentes durante o resto do ano (en comparación con outras ligas deportivas), os intercambios son máis frecuentes a fin de semana do Draft. En 1989, os Dallas Cowboys traspasaron ao running back Herschel Walker aos Minnesota Vikings por cinco xogadores e seis eleccións de Draft para un período de 3 anos. Os Cowboys usarían tales eleccións para intercambialas de novo por novos xogadores e máis eleccións. Consecuencia directa dese traspaso, draftearon a moitas das estrelas que máis tarde axudarían a Dallas a conseguir tres Super Bowls na década dos 90, entre os que se atopaban Emmitt Smith, Russell Maryland e Darren Woodson.[10]

A primeira elección do Draft acostuma centrarse no mellor xogador universitario do momento. Porén, en moitas ocasións os equipos draftean máis en función das necesidades do seu persoal que baseándose no potencial do xogador. Con todo, considérase unha grande honra saír elixido na primeira rolda, e unha honra aínda máis grande, resultar ser o número un do Draft. A última elección, na sétima rolda, é coñecida como Mr. Irrelevant (Sr. Irrelevante) e ten como conmemoración unha cea en Newport Beach (California).

Os xogadores drafteados só poden negociar contrato co equipo que os escolleu (ou con aquela franquía ao que foron transferidos por quen o seleccionou). Porén, aquel ten un prazo dun ano para incorporar ao xogador no seu cadro de persoal. Se non o fan en tal prazo, o xogador pode entrar de novo no Draft para poder ser escollido por outro equipo. Un caso famoso neste sentido foi o de Bo Jackson.[11]

Tempada regular[editar | editar a fonte]

Durante a tempada regular, xeralmente de setembro a decembro, os xogos celébranse os días domingos e os luns á noite. No terzo final da mesma esténdese o programa aos días xoves e sábado. Cada equipo xoga dúas veces co tres rivais da súa división; unha vez contra o catro equipos doutra división da mesma conferencia e contra un equipo das outras dúas divisións da conferencia, facendo un total de doce partidos de conferencia. Ademais, xógase contra os 4 equipos doutra división da outra conferencia. No final da tempada cada equipo xogará dezaseis partidos en dezasete semanas (cada equipo ten unha semana de descanso no decurso da tempada). Os clasificados serán os gañadores de división máis dous clasificados como comodín.

Playoffs polo título[editar | editar a fonte]

A postemporada (coñecida tamén como Playoffs) consta de catro xornadas adicionais ao peche da tempada regular, onde xogan o seis mellores equipos de cada unha das Conferencias (doce en total). Esta é a súa estrutura (tomando como exemplo tan só unha das Conferencias, podendo extrapolarse á outra):

1.Mellor campión de división (1).
2.Segundo mellor campión de división (2).
3.Terceiro mellor campión de división (3).
4.Cuarto mellor campión de división (4).
5.Wild Card con mellor balance (5).
6.Wild Card con peor balance (6).

Os xogos efectuaranse da seguinte maneira:

  • Wild Card:
(6) na casa de (3)
(5) na casa de (4)
  • Divisionais:
Peor gañador (6, 5 ou 4) na casa de (1)
Mellor gañador (3, 4 ou 5) na casa de (2)
  • Campionato de Conferencia:
Peor gañador na casa do Mellor gañador.
  • Super Bowl:
Campión Conferencia Americana - Campión Conferencia Nacional

Super Bowl[editar | editar a fonte]

A postemporada culmina no máximo evento da NFL, o xogo de Super Bowl, que precisa de planeación, programación e implementación exhaustivas, sendo necesario recibir as posturas dos equipos e as cidades que aspiran a figurar como sedes con varios anos de anticipación.

Na seguinte lista enuméranse as franquías con máis títulos nas ligas de fútbol americano profesional dos Estados Unidos recoñecidas polo Pro Football Hall of Fame.

Franquía Campionatos NFL Campionatos AFL Campionatos All-America
Football Conference (AAFC)
Super Bowls Total
Green Bay Packers 9 4 13
Chicago Bears 8 1 9
Cleveland Browns 4 4[12] 8
New York Giants 4 3 7
Pittsburgh Steelers 6 6
Dallas Cowboys 5 5
San Francisco 49ers 5 5
Washington Commanders 2 3 5
Indianapolis Colts 3 2 4
Detroit Lions 4 4
Oakland Raiders 1 3 4
New England Patriots 3 3
Philadelphia Eagles 3 3
Los Angeles Rams 2 1 3
Kansas City Chiefs 2 1 3
Denver Broncos 2 2
Miami Dolphins 2 2
Arizona Cardinals 2 2
Buffalo Bills 2 2
Canton Bulldogs* 2 2
Tennessee Titans 2 2
New York Jets 1 1
Baltimore Ravens 1 1
Akron Pros* 1 1
Cleveland Bulldogs* 1 1
Frankford Yellow Jackets* 1 1
Minnesota Vikings 1 1
Providence Steam Roller* 1 1
Los Angeles Chargers 1 1
Tampa Bay Buccaneers 1 1
New Orleans Saints1 1 1
  • Nota: os campionatos do AFL ou NFL en letra grosa inclúen campionatos gañados durante unha mesma tempada como Super Bowls xogadas entre os campións de AFL e NFL antes de 1970. Por tanto, só se contan as vitorias na Super Bowl, a pesar de gañar as súas respectivas ligas (ex. Packers I-II, Jets III, Chiefs IV). Pola contra, os campionatos NFL-AFL gañados polo perdedor da Super Bowl si se teñen en conta.
  • (*) Franquías desaparecidas
  • 1 Actual campión da NFL

Pro Bowl[editar | editar a fonte]

A tempada finaliza oficialmente coa Pro Bowl que se efectúa unha semana despois da Super Bowl. Desde 1980 dispútase en Honolulu, Hawai. Porén, especulouse coa posibilidade de que a partir de 2009, o Pro Bowl se xoguase unha semana antes da Super Bowl na sede onde se vaia desenvolver esta.[13] No 2010 celébrase o Pro Bowl na mesma sede que a Super Bowl, é dicir, en Miami. E ademais unha semana antes que a Super Bowl. Neste partido congréganse aqueles xogadores que en opinión dos afeccionados, técnicos e xogadores destacaron como os mellores da liga e merecen a oportunidade de representar ás súas correspondentes Conferencias, para pechar con broche de ouro a tempada en quenda da NFL.

Equipos[editar | editar a fonte]

Hai 32 equipos na NFL. Permítese un máximo de 53 xogadores por franquía no seu cadro de persoal, pero só adoitan utilizar a 45 para cada partido durante a tempada regular. Ao contrario da Major League Baseball (MLB), da Major League Soccer (MLS) e da National Basketball Association (NBA), a NFL non ten ningún equipo con sede no Canadá, principalmente polo feito de que nese país existe a Canadian Football League (CFL), liga de fútbol canadense que se asemella ao fútbol americano en varios aspectos. Porén, os Buffalo Bills disputan un partido por ano (fóra da tempada da CFL) en Toronto, Ontario. A maioría dos equipos atópanse situados no Leste dos Estados Unidos: 16 equipos xogan baixo o mesmo fuso horario (Eastern Time Zone), por tan só 10 que o fan no horario central (Central Standard Time Zone). Os seis equipos nos fusos horarios das montañas e do Pacífico encaran un calendario especial cada tempada e non poden xogar na casa antes do mediodía no seu horario local, o que lles achega unha vantaxe canto á súa exposición ou visibilidade nacional.

A maioría das grandes áreas metropolitanas dos Estados Unidos teñen un equipo na NFL. Os Ánxeles, a segunda área metropolitana en canto a extensión do país non gozou de tal privilexio desde 1994 até 2016, aínda que desde 2017 conta con dúas franquías: os Rams e os Chargers agora cos Rams e os Chargers. En 2005, algúns partidos dos Saints tiveron que disputarse en San Antonio, Texas con motivo do Furacán Katrina. Doutra banda, especúlase coa posibilidade de crear unha franquía da NFL en Toronto, a maior cidade do Canadá.

Dende a tempada 2002 os equipos están organizados do seguinte xeito:[14]


División Club Cidade Estadio Capacidade Primeira temporada Adestrador
American Football Conference
East Buffalo Bills Orchard Park, NY New Era Field 71.608 1960 (AFL), 1970 (NFL) Sean McDermott
Miami Dolphins Miami Gardens, FL Hard Rock Stadium 65.326 1966 (AFL), 1970 (NFL) Brian Flores
New England Patriots Foxborough, MA Gillette Stadium 65.878 1960 (AFL), 1970 (NFL) Bill Belichick
New York Jets East Rutherford, NJ MetLife Stadium 82.500 1960 (AFL), 1970 (NFL) Adam Gase
North Baltimore Ravens Baltimore, MD M&T Bank Stadium 71.008 1996 John Harbaugh
Cincinnati Bengals Cincinnati, OH Paul Brown Stadium 65.515 1968 (AFL), 1970 (NFL) Zac Taylor
Cleveland Browns Cleveland, OH FirstEnergy Stadium 67.895 1946 (AAFC), 1950 (NFL) Kevin Stefanski
Pittsburgh Steelers Pittsburgh, PA Heinz Field 68.400 1933 Mike Tomlin
South Houston Texans Houston, TX NRG Stadium 71.995 2002 Bill O'Brien
Indianapolis Colts* Indianapolis, IN Lucas Oil Stadium 67.000 1953 Frank Reich
Jacksonville Jaguars Jacksonville, FL TIAA Bank Field 67.814 1995 Doug Marrone
Tennessee Titans* Nashville, TN Nissan Stadium 69.143 1960 (AFL), 1970 (NFL) Mike Vrabel
West Denver Broncos Denver, CO Empower Field at Mile High 76.125 1960 (AFL), 1970 (NFL) Vic Fangio
Kansas City Chiefs* Kansas City, MO Arrowhead Stadium 76.416 1960 (AFL), 1970 (NFL) Andy Reid
Las Vegas Raiders* Paradise, NV Allegiant Stadium 65.000 1960 (AFL), 1970 (NFL) Jon Gruden
Los Angeles Chargers* Inglewood, CA SoFi Stadium 70.240 1960 (AFL), 1970 (NFL) Anthony Lynn
National Football Conference
East Dallas Cowboys Arlington, TX AT&T Stadium 80.000 1960 Mike McCarthy
New York Giants East Rutherford, NJ MetLife Stadium 82.500 1925 Joe Judge
Philadelphia Eagles Filadelfia, PA Lincoln Financial Field 69.176 1933 Doug Pederson
Washington Commanders* Landover, MD FedExField 82.000 1932 Ron Rivera
North Chicago Bears* Chicago, IL Soldier Field 61.500 1920 Matt Nagy
Detroit Lions* Detroit, MI Ford Field 65.000 1930 Matt Patricia
Green Bay Packers Green Bay, WI Lambeau Field 81.441 1921 Matt LaFleur
Minnesota Vikings Minneapolis, MN U.S. Bank Stadium 66.860 1961 Mike Zimmer
South Atlanta Falcons Atlanta, GA Mercedes-Benz Stadium 71.000 1966 Dan Quinn
Carolina Panthers Charlotte, NC Bank of America Stadium 75.419 1995 Matt Rhule
New Orleans Saints Nova Orleáns, LA Mercedes-Benz Superdome 73.208 1967 Sean Payton
Tampa Bay Buccaneers Tampa, FL Raymond James Stadium 65.618 1976 Bruce Arians
West Arizona Cardinals* Glendale (Arizona) State Farm Stadium 63.400 1920 Kliff Kingsbury
Los Angeles Rams* Inglewood, CA SoFi Stadium 70.240 1937 Sean McVay
San Francisco 49ers Santa Clara, CA Levi's Stadium 68.500 1946 (AAFC), 1950 (NFL) Kyle Shanahan
Seattle Seahawks Seattle, WA CenturyLink Field 69.000 1976 Pete Carroll
* indica un traslado de sede nalgún momento da súa existencia
indica que o club foi un dos membros fundadores da NFL

Sistema de números nos uniformes[editar | editar a fonte]

Na NFL, os xogadores usan os números nas súas camisetas segundo a posición na que xogan. O sistema actual instituíuse na liga o 5 de abril de 1973, coma un medio para que os seareiros e árbitros poidan identificar máis facilmente os xogadores no campo pola súa posición. Dende esa data, os xogadores usan os números asignados dentro dos rangos seguintes, con base na súa posición primaria:

  • Quarterbacks, kickers e punters: Do 1 até o 19.
  • Wide Receivers: Do 10 até o 19 e do 80 até o 89.
  • Running backs e Defensive Backs (Safieties e Cornerbaks): Do 20 até o 49.
  • Offensive linemen: Do 50 até o 79.
  • Linebackers: Do 50 até o 59 e do 90 até o 99.
  • Defensive linemen: Do 50 até o 79 e do 90 até o 99.
  • Tight ends: Do 40 até o 49 e do 80 até o 89.

Os números 0 (cero) e 00 (dobre cero) non son utilizados polos xogadores da NFL desde 1973.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "The Harris Poll - Professional Football Still America's Favorite Sport". Arquivado dende o orixinal o 06 de febreiro de 2010. Consultado o 13 de marzo de 2010. 
  2. "NFL sets paid attendance record". Arquivado dende o orixinal o 26 de xaneiro de 2007. Consultado o 13 de marzo de 2010. 
  3. College Football Hall of Fame[Ligazón morta]
  4. Lamar Hunt[Ligazón morta]
  5. "NFL:America's Choice" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de agosto de 2007. Consultado o 14 de marzo de 2010. 
  6. "The Joys of parity". Arquivado dende o orixinal o 06 de agosto de 2007. Consultado o 14 de marzo de 2010. 
  7. The 2000 Liars Club. Draft makes Broncos coach cloak intentions
  8. "NFL Draft Basics:Time Limits by Round". Arquivado dende o orixinal o 04 de novembro de 2006. Consultado o 14 de marzo de 2010. 
  9. Off-season Overview: Minnesota Vikings
  10. "The Herschel Walker Trade". Arquivado dende o orixinal o 21 de febreiro de 2007. Consultado o 14 de marzo de 2010. 
  11. Bo knows stardom and disappointment
  12. Os libros oficiais da NFL non recoñecen os 4 campionatos AAFC da franquía de Cleveland. Con todo, o Pro Football Hall of Fame inclúeos a parte dos 8 campionatos totais dos Browns.
  13. "Pro Bowl: More moving talk". Arquivado dende o orixinal o 26 de decembro de 2007. Consultado o 14 de marzo de 2010. 
  14. "2002 Realignment". Arquivado dende o orixinal o 07 de agosto de 2007. Consultado o 14 de marzo de 2010.