Mursilis II

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaMursilis II
Biografía
Nacemento1340 a.C.
Morte1310 a.C.
Monarca
Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
RelixiónRelixión hitita Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupacióngobernante Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeGassulawiya
Danuhepa
FillosHalpa-sulupi
 () Gassulawiya (en) Traducir
Hattusilis III
 () Gassulawiya (en) Traducir
Muwatallis II
 () Gassulawiya (en) Traducir
Q1907414 Traducir
 () Gassulawiya (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
PaiSuppiluliumas I Editar o valor em Wikidata
IrmánsZannanza (en) Traducir, Piyasilis I de Karkemish, Arnuwandas II, Telepinu (en) Traducir e Muwatti (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata

Mursilis II, nado cara ao 1340 a.C. e finado cara ao 1310 a.C., foi un rei hitita, fillo de Suppiluliumas I e irmán máis novo de Arnuwandas II.

Títulos e familia[editar | editar a fonte]

Levou os títulos de "Sol meu", "Gran rei", "Rei de Hatti" e "Heroe". A súa muller foi Gasulawiya (Gaššulawiya) que morreu, e a súa morte atribuíuselle a unha maldición da raíña nai Mal-Nikal que foi enviada desterrada a posesións privadas. Coñécenselle tres fillos: Halpa-sulupi (probablemente xefe militar xa antes do seu reinado), Muwatallis (o herdeiro Muwatallis II) e Hattusilis (III) que estaba enfermo e, por unha promesa, (ser consagrado a unha deusa se daba curado) foi sacerdote de Sausga en Samuha durante todo o reinado. Unha irmá do rei de nome Masanauzzi (Maššanauzzi) casou con Masturi, rei de Seha durante o reinado de Muwatallis II.

Fontes[editar | editar a fonte]

A súa biografía pódese reconstruír sobre todo a partir dos seus anais (completos os primeiros dez anos e resumido nunha versión con 21 anos máis o primeiro), e como documentos complementarios o tratado con Duppi-Teshub de Amurru, edicto de confirmación de fronteiras de Niqmepa de Ugarit, regulacións e tratados con Ugarit, tratados con Tagarnalli de Hapalla e con Kupanta-Lamna de Mira e Kuwaliya, tratado con Manapa-Tarhunta de Seha e algún outro texto.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Acceso ao poder[editar | editar a fonte]

Mursilis sucedeu ao seu irmán Arnuwandas II. Era considerado un rei sen capacidade para facer fronte aos desafíos da época, e demasiado xove; ademais era probabelmente tatexo; de pequeno asustárao unha treboada e perdera a fala e aínda que despois se había recuperar volveuna perder un soño; foi asistido por médicos de Ahhiyawa e Lazpa (Lesbos).

O rei encomendouse á deusa solar de Arinna e comezou a facer nomeamentos: ao copeiro da corte, Nuwanza, envíao a Karkemish a axudar a Piyasilis (Sarri-Kusuh) ameazado polos asirios. Ao oeste recoñeceu a Manapa-Tarhunta I de Seha para se asegurar un aliado leal na rexión de Arzawa, contra o reino de Arzawa. A epidemia que matou o seu pai e ao seu irmán durou uns vinte anos e foi unha época de relixiosidade na que a xente (e os reis) se aferraban á relixión para escapar da morte invisíbel da peste.

Primeira campaña, contra os kaska[editar | editar a fonte]

A súa primeira campaña ao cabo dun ano de chegar ao trono foi contra os kaskas que estaban a atacar a cidade hitita de Turmitta; o rei destruíu as dúas principais cidades kaskas da zona: Halila e Dudduska. Chegaron reforzos kaska doutras rexións pero foron derrotados. Cando volvía a Hattusa, os kaskas de Ishupitta, na Terra Alta, negáronse a aportaren os continxentes aos que estaban obrigados (para loitar contra outros kaskas) e o rei atacou a cidade e obrigounos, queimando unha das súas cidades; pouco despois de saír da zona, Ishupitta tornaba a estar en rebelión.

Segunda campaña, contra os kaska[editar | editar a fonte]

no segundo ano, co seu irmán Sarri-Kusuh protexendo Karkemish contra os asirios (ademais puido enviar continxentes á Terra Baixa Hitita ameazada polos ataques do rei de Arzawa) o rei puido volver facer campaña contra os kaskas ao norte, na Terra Alta Hitita, dirixíndose á rexión de Tipiya, que non enviara os continxentes esixidos polo gran rei; a principal cidade da rexión era Kathaidwa que foi destruída e fixéronse moitos prisioneiros cos que volveu á capital, e no camiño volveu a combater en Ishupitta, onde outra vez obtivo a vitoria, pero os líderes da revolta, Pazzanna e Nunnuta, antigos vasalos dos hititas, van poder fuxir, e dirixíronse a Palhwisa (Palhwišša), onde recrutaron continxentes locais, que non foron inimigos para o exército regular hitita, que os derrotou e o rei puido destruír a cidade polo lume e saqueouna; o exército dos kaskas fuxiu; daquela o rei dirixiuse a Istahara onde acampou e desde onde enviou gran á capital; os xefes rebeldes dirixíronse á cidade de Kammamma, e o rei pídelles que os entreguen ou, en caso contrario, destruiría a cidade; a cidade colleu aos dous rebeldes e matounos. Despois someteuse a Mursilis. Isto pacificou o país kaska e o rei pasou o inverno e Ankuwa.

Terceira campaña, contra Arzawa[editar | editar a fonte]

Ao terceiro ano Sarri-Kusuh tivo un enfrontamento coa cidade de Huwarsanasa e con outra cidade da que non conservamos o nome; os xefes rebeldes das dúas cidades fuxiron a Arzawa. Mursilis esixiu ao rei Uhha-Ziti, a extradición dos rebeldes, cousa que o rei de Arzawa refusou. Arzawa estaba aliada co rei de Ahhiyawa, e indirectamente co rei de Millawanda, controlada por Ahhiyawa. O rei de Seha, Manapa-Tarhunta I, era nominalmente leal aos hititas pero en realidade favorecía ao rei de Arzawa; o rei de Hapalla, que se apoderara da metade de Mira e Kuwaliya (Maskhuiluwa mantivo o control da outra metade) era tamén aliado de Arzawa. Wilusa, case sempre aliada dos hititas, neste momento era aliada de Arzawa. Así que case toda Arzawa (no sentido rexional do termo, é dicir, a Anatolia occidental) estaba en mans do rei de Arzawa e os seus aliados.

Ao no obter satisfacción, o rei enviou á zona a dous oficiais, Gulla e Mallaziti, que atacaron Millawanda, onde saíron vitoriosos e volveron a Hattusa con moito botín e prisioneiros. Arzawa atacou entón a parte de Mira que permanecía en mans de Mashwiluwa, que era cuñado de Mursilis: o primeiro ataque foi sobre a cidade de Impaya e o rei de Mira rexeitou aos atacantes pero non os derrotou, e o rei de Arzawa atacou entón Hapanuwa. Mentres, o rei volvera ao norte contra os kaska e operaba na rexión de Ishupitta; a cidade kaska de Pishuru conseguira a hexemonía e reconstruíra a cidade de Palhwisa, que Mursilis incendiara o ano anterior, e o rei hitita incendiouna por segunda vez; os kaskas ocuparon entón a cidade de Kuzastarina, que Mursilis atacou e reconquistou; entón fixo un forte avanve ata a cidade de Anziliya e conquistou os territorios das proximidades.

Despois dirixiu o seu exército contra Arzawa; no monte Lawasa preto do río Sehiriya soubo que un gran raio caera no palacio de Apasa e ferira a Uhha-Ziti. Seguiu adiante e na cidade de Sallapa atopouse cos continxentes enviados desde Karkemish, que eran mandados polo seu irmán Sarri-Kusuh e seguiron xuntos; na cidade de Aura atopáronse con Mashwiluwa que os informou dos efectos do raio (probabelmente un meteorito; un obxecto que era o resto dun meteorito se adoraba en Éfeso aínda no século I cando chegou alí San Paulo). O rei enviou contra os hititas ao seu fillo Piyama-Kurunta e os dous exércitos atopáronse no río Astarpa preto da cidade de Walma; os de Arzawa foron derrotados e retiráronse en desorde ata Apasa perseguidos polos hititas. O rei subiu nun barco e fuxiu da cidade; o seu fillo Piyama-Kurunta fuxiu en barco a Ahhiyawa e non se sabe se ía no mesmo barco có pai. Mursilis foi o primeiro rei que conquistou unha cidade da costa do mar Exeo. Os continxentes de Arzawa reorganizáronse en dous grupos, uns no monte Arinnanda e outros na cidade de Puranda (o resto fuxiu co rei); Mursilis decidiu atacar Arinnanda que estaba nunha unha illa e como non se podían usar carros usou a infantaría para cercar a zona, e, ao faltárenlles a comida e a auga, os de Arzawa rendéronse. Segundo di Mursilis nos anais capturáronse 15.500 civís. Deseguido comezou a cercar Puranda e ofreceulles a rendición, que foi rexeitada e como xa comezaba o inverno e a neve os hititas tiveron que levantar o cerco e pasar o inverno nunha fortaleza no río Astarpa. Naquel inverno Uhha-ziti morreu da ferida do meteorito. O seu fillo Piyama permaneceu no exilio, pero outro, Tapalazunawali, foi na primavera seguinte a terra firme e entrou en Puranda.

Cuarta campaña, contra Arzawa[editar | editar a fonte]

No cuarto ano, Mursilis atacou Puranda. Tapalazunawali decidiu saír e presentar batalla pero o ataque foi rexeitado polos hititas; o cerco retomouse e cortáronse as subministracións de auga. Tapalazunawali fuxiu co seu fillo e algúns seguidores. Mursilis enviou tropas a perseguilo. Tapalazunawali puido escapar (e chegou a Ahhiyawa) pero o seu fillo e demais compañeiros foron capturados. Co líder fóra e sen auga na cidade rendeuse. Outra vez Mursilis dá a cantidade de 15.500 prisioneiros civís. Mursilis pediu a extradición de Tapalazunawali e o rei aqueo concédea inmediatamente xunto cos dous civís que os acompañaban, que foran deportados a algún lugar de Hatti. O reino de Arzawa desapareceu.

Mursilis enviou un exército a destituír a Manapa-Tarhunta de Seha, do que seguramente puido comprobar que o traizoara. Manapa pediu primeiro que non o matasen e que o recoñecesen como vasalo, pero Mursilis rexeitou; entón enviou á súa nai, aos vellos da familia a implorarlle que aceptase a Manapa como vasalo e en canto a nai de Manapa se prostrou aos pés do rei, Mursilis accedeu; Seha e Appawiya quedaron baixo o goberno de Manapa-Tarhunta I. Acto seguido foi a Mira, onde instalou a Mashwiluwa como rei de todo Mira e Kuwaliya e fortificou as cidades de Arsani, Sarawa, e Impanna, e deixou no país unha garda persoal de 600 homes; en Hapalla o reino foi dado a Targasnalli e establecéronse gornicións hititas que o rei tiña que manter.

Con Wilusa fixo un tratado co gobernante chamado Alaksandu (Alexandre) que fora adoptado como sucesor por Kukkuni. Certamente non debía de ser Paris de Troia (coñecido tamén como Alexandre), do tempo da guerra de Troia. O nome de Alexandre foi común, como demostran as taboíñas micénicas.

Quinta campaña, contra os kaska[editar | editar a fonte]

No quinto ano, Mursilis volveu ao norte contra os kaska na rexión do monte Asharpaya; os kaskas dominaban os camiños que levaban á rexión de Pala e seguramente tamén de Tummanna. O rei foi a estas rexións e expulsou os kaskas que controlaban os camiños e perseguiunos cara ao leste ata a terra de Samuha, ata a cidade de Ziulila. Desde alí atacou Arawanna, cuxos habitantes atacaran a terra de Kasiya. Vitorioso retornou á capital.

Sexta campaña, contra os kaska[editar | editar a fonte]

No sexto ano foi contra os kaskas do monte Tarikarimu á terra de Zihhariya, e abordelou o país. Esta campaña foi probabelmente curta.

Sétima campaña, contra os kaska e Azzi-Hayasa[editar | editar a fonte]

Ao sétimo ano os anais non son totalmente lexíbeis: fálase de Exipto, e do rei Tette de Nuhase que se sublevou contra os hititas aliado con Enurta de Barga, probabelmente instigados por Asiria segundo se soubo máis tarde. Un pretendente de Barga chamado Abi-radda, con axuda hitita enfrontouse a Enurta. Crese que Kadesh tamén se sublevou e probabelmente aliouse con Exipto. Mursilis enviou a un oficial chamado Kantuzzili á corte do seu irmán Sarri-Kusuh de Karkemish co pedido de atacar Nuhase. Mursilis asegurou que iría á zona se o rei de Exipto ía alí pero o rei de Exipto foi derrotado por alguén que non se menciona e non foi. Sarri derrotou pronto a Nuhase e a situación se estabilizou.

Mentres pasaba iso, no país Kaska un xefe chamado Pihhuniya da terra de Tipiya, unificou as tribos kaskas e proclamouse rei. Pihhuniya iniciou os ataques cos que logrou o dominio da Terra Alta Hitita e da cidade de Istitina que "pastorean os rabaños kaska". Mursilis esixiu ao rei a evacuación dos territorios ocupados, pero non foi escoitado e Mursilis marchou á Terra Alta Hitita e atacou ao rei kaska, expulsándoo de alí e recuperando os territorios conquistados; os kaska retiráronse seguindo unha política de terra queimada: cidades e campos quedaban abatidos, pero Mursilis pacientemente reconstruíno; o rei chegou a Tipiya, cidade dos kaska, que queimou. Pihhuniya foise prostrar aos pés do rei e foi levado a Hattusa. Foi o único rei coñecido dos kaska.

Mursilis saíu de Tipiya e restaurou Istitina como centro para ado reconstrución das fortalezas da zona. Estando alí decidiu combater contra Anniya, rei de Azzi e Hayasa. Azzi acollera algúns refuxiados hititas inimigos de Suppiluliumas I e agora aparecía unida con Hayasa. Mursilis esixiu o retorno dos exiliados, e o rei Anniya, que non pensaba acceder, respondeu, sen esperar o inicio de hostilidades por parte dos hititas, cun ataque a Dankuwa.

Oitava campaña, contra Azzi-Hayasa e contra os kaska[editar | editar a fonte]

No ano oitavo (noveno do reinado), Mursilis atacou Ura, unha fortaleza de fronteira que pertencía a Anniya. Este accedeu entón a retornar aos exiliados e prometeuno nunha carta, pero non puido cumprir coa promesa xa que seguramente os exiliados xa se puxeron a salvo noutros lugares ou morreran. Cando lle lembraron o incumprimento a Anniya este vai a alegar que tampouco Hatti non cumprira coa entrega dos exiliados de Azzi ao reino hitita. Mentres se facían as negociacións Mursilis decatouse que o que había uns anos conquistara e agora gobernaba Pala, Hutu-Piyanza, había entrar en guerra contra a cidade de Wasumana e había que o axudar; Mursilis envioulle a Nuwanza o seu copeiro, e os dous conxuntamente puideron conquistar e destruír Wasumana e, mentres, foi solicitado en Kizzuwatna polo "hepat" (sacerdote) de Kummani ou Kummanni para celebrar un festival relixioso e deixou as operacións do norte en Nuwanza e foise ao sur. Ao decatarse diso, Anniya de Azzi aproveitou para atacar Istitina e Kannuwara; a primeira foi destruída pero a segunda resistiu o ataque e expulsou os atacantes que a tiveron que cercar. O rei ordenou unha saída pero os presaxios non serían favorábeis e non se fixo.

Novena campaña, contra os kaska[editar | editar a fonte]

No noveno ano, ante o fracaso da revolta a Nuhase, os asirios comezaron a atacar eles mesmos Karkemish. Neste momentos Mursilis estaba en Kummani polo festival relixioso e Sarri-Kusuh de Karkemish reuniuse alí con el e estando alí enfermou e morreu. O ritos da morte fixéronse en presenza do rei. Mursilis enviou a un tal Kurunta á rexión de Karkemish para poñer orde en Nuhase, que talvez volvía a estar sublevado e deulle instrucións de destruír o gran. Kurunta foi á rexión e cumpriu a misión. Nuhase foi abordelado pola fame; Kadesh, rebelde baixo o seu rei Aitakkama, foi asediada (Aziru de Amurru vai permanecer leal e Mursilis II recoñeceu despois como rei ao fillo de Aziru, Duppi-Tesup, e máis tarde ao propio Tuppi-Tessub) e o seu fillo Ario-Tesup ao ver que o gran faltaba na cidade asasinou o seu pai e proclamouse rei declarando a súa lealdade ao Imperio Hitita e deixando entrar na cidade a Kurunta.

Para resolver as cousas o rei pediu os auspicios sobre que facer en Kannuwara, e loxicamente estes habían agora ser favorábeis e enviou ao príncipe Enana-ziti a Nuwanza para comunicarlle os novos augurios favorábeis, fíxose a saída e os asediantes habían ser derrotados e un gran número morreron. Mursilis saíu de Kummani e foi a Ashtata (Emar) onde construíu fortificacións e, estando nesta cidade recibiu a Ario-Tesup de Kadesh e aceptouno como vasalo. Despois foi a Karkemish para establecer un novo rei e proclamou a Sahurunuwa, fillo de Sarri-Kusuh e pouco despois recibiu o xuramento de Talmi-Sarruma como rei de Alepo en substitución de Telipinus I. Desde Karkemish pasou ao norte, a Tegarama, pero xa a estación estaba avanzada e decidiu non atacar Azzi senón que retornou ao sur, a Harran onde recolleu provisións, e pasou ao norte onde atacou a cidade de Yahresa, que atacou de noite por sorpresa e incendiouna; desde alí pasou á rexión de Piggainaresa, onde atacou aos kaskas e abordelou a zona e desde alí retornou a Hattusa e pasou o inverno na cidade de Hakpis ao norte.

Décima e undécima campañas, contra Azzi[editar | editar a fonte]

No décimo ano fixo a campaña de Azzi; Anniya non quería facer fronte aos hititas en campo aberto e puxo á súa xente nas fortalezas máis inaccesíbeis: Mursilis só puido conquistar dúas fortalezas: Aripsa e Duskamma. Aripsa estaba nun promontorio rochoso no Mar Negro, e Duskamma non debía de estar moi lonxe e cando coñeceu a conquista de Aripsa rendeuse voluntariamente. A campaña acabouse sen unha vitoria decisiva.

No ano undécimo retornou a Azzi e "organizouno".

Duodécima campaña, contra Mira e Kuwaliya[editar | editar a fonte]

No ano duodécimo fixo fronte á revolta de Mashwiluwa de Mira. O rei non tiña fillos e con permiso de Mursilis II adoptou ao seu sobriño Kupanta-Kurunta como herdeiro. Inesperadamente un día o rei sublevouse e convenceu á cidade de Pitasa ou Pitassa para que se unise a el. Mursilis foi a Sallapa e convocou a Mashwiluwa intentando chegar a un acordo, pero o rebelde negouse a presentarse e fuxiu á terra de Masa. Mursilis marchou contra Masa e destruíuna en parte; enviou novos mensaxeiros a Mashwiluwa insistindo en que comparecese á súa presenza e ameazando á xente de Masa con destruír o país se non o facía. Os habitantes de Masa capturárono e enviárono ao gran rei, e foi tratado con clemencia (era tío do rei) e foise instalar como a gobernante (sacerdote?) dunha cidade sagrada no río Siyanta. Mursilis recoñece que o fillo adoptivo non participara na revolta e que o tería que castigar só por ser o fillo, pero finalmente nun tratado foi establecido como rei de Mira e Kuwaliya e este soberano polo que se sabe permaneceu sempre leal.

Resto de campañas, contra os kaska[editar | editar a fonte]

No resto dos anos fixo campañas contra os kaska en Pala e Tummanna. Nalgún momento dominou Mitanni directamente ou por unha revolta local contra Asiria.

Morte e sucesión[editar | editar a fonte]

Á súa morte sucedeuno o seu fillo Muwatallis II

Hititas

Segue a:
Arnuwandas II
Mursilis II
Precede a:
Muwatallis II
-