Tipiya

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Tipiya foi unha rexión (Tipiyawa) e unha cidade da Terra Alta Hitita onde se estableceron os kaskas no século –XIV. As principais cidades rexionais eran Tipiya e Kathaidwa. No reinado de Suppiluliumas I este kaskas serían sometidos e obrigados por tratado a achegar continxentes militares ao gran rei hitita, pero á morte do rei, e despois duns meses de goberno de Arnuwandas II, os continxentes xa non serían enviados ao novo rei Mursilis II.

Mursilis II foi á zona na súa segunda campaña militar (terceiro ano de reinado) e á cidade de Kathaidwa, que foi destruída, e fixéronse moitos prisioneiros cos que retornou á capital Hattusa.

De Tipiya foi o rei kaska Pihhuniya. O seu reinado acabou cando a cidade de Tipiya, que facía de capital, foi conquistada e incendiada por Mursilis II. Pihhuniya rendeuse e foi levado a Hattusa.