Puranda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Puranda foi unha cidade do reino de Arzawa ao norte de Apasa, famosa por ser o derradeiro bastión da resistencia aos hititas.

Mursilis II comezou a asediar Puranda despois de conquistar Apasa e derrotar os resistentes en Arinnanda. Ofreceu a rendición sen castigo, que foi refusada, e como xa era inverno e comezaba a nevar, os hititas tiveron que erguer o asedio e pasar o inverno nunha fortaleza no río Astarpa, unha chisca ao norte. Naquel inverno o rei Uhha-Ziti morreu da ferida que un meteorito lle fixera no xeonllo. O seu fillo Piyama-Kurunta permaneceu no exilio, pero outro, Tapalazunawali, foi a primavera seguinte a terra firme e entrou en Puranda. Ao chegar o bo tempo, Mursilis tamén volveu ante Puranda. Tapalazunawali decidiu saír e presentar batalla pero o ataque foi rexeitado polos hititas; o asedio retomouse e cortáronse as subministracións de auga. Tapalazunawali fuxiu co seu fillo e algúns seguidores. Mursilis enviou tropas a perseguilo. Tapalazunawali puido escapar (e chegou a Ahhiyawa), pero o seu fillo e demais compañeiros serían capturados. Co líder fóra e sen auga, a cidade rendeuse. Mursilis dá a cantidade de 15.500 prisioneiros civís, a mesma que Arinnanda.