Hakpis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Hakpis' foi unha cidade do Imperio Hitita, próxima a Hattusa.

A cidade sagrada[editar | editar a fonte]

Nesta cidade estableceuse sobre o -1390 o culto á deusa das tormentas, que antes se facía en Nerik, cidade que fora ocupada polos kaska. Relixiosamente esta mudanza tivo un efecto social importante no imperio.

Reino de Hakpis[editar | editar a fonte]

Sobre o -1300 a hexemonía dos kaskas tíñaa a cidade de Pishuru. Ishupitta e Daistipassa, na Terra Alta Hitita, caeron nas súas mans e volvéronse aliadas súas; os kaska apoderáronse entón das terras de Landa, Marista e algunhas cidades fortificadas dos hititas; os hititas non os puideron conter e os kaskas continuaron avanzando cara ao sur, cruzando o río Marasanda ou Maraššanda (clásico Halys) e chegando ata a terra de Kanis (Kanesh). As cidades de Kurustama, Gazzuira e outra cuxo nome non se pode ler (pero que comeza por Ha...) uníronse aos kaska e atacaron as cidades hititas das inmediacións. Durmitta, importante cidade da zona, tamén caeu en mans dos kaska, que atacaron a comarca de Tuhuppiya e avanzaron sen atopar ningún obstáculo cara á terra de Ippasanama (Ippaššanama), e aínda puideron seguir ata atacaren a terra de Suwatara. Só dúas cidades, unha delas Istahara (a outra non se pode ler) escaparon aos ataques kaska.

Nestas circunstancias, Muwatallis II decidiu crear un reino vasalo ao norte para o seu irmán Hattusilis, coa encarga de conter aos kaska. A corte real fíxose cargo de fortificar Anziliya e Tapikka, que pertencían ao novo reino, pero o gran rei refusou facer campaña en Durmitta e Kurustama, porque xa era responsabilidade de Hattusilis, e retornou á súa capital Tarhuntasa deixando ao seu irmán so cos seus propios recursos. As terras do novo reino estaban case todas nas mans do kaska e o mesmo Hattusilis menciónaas como "terras baleiras" (o reino formábano Ishupitta, Marista, Hisashapa, Katapa, Hanhana, Darahna, Hattena, Durmitta, Pala, Tummanna, Gasiya, Sappa, o río Hulanna, Hakpis e Istahara, as dúas últimas en "servidume", probabelmente administradas, pero non parte do reino) . A capital foi Hakpis. A autonomía do rei era amplía como territorio de fronteira en parte por conquistar e con absoluto control sobre o exército do reino. O novo rei, cunha eficaz combinación de forza militar e de diplomacia logrou en dez anos restablecer a orde e repoboar moitas rexións.

O punto chave da campaña foi a vitoria militar sobre a cidade de Pishuru, cidade que exercía a hexemonía entre os kaska, e que conquistara ata Taggasta por un lado e ata Talmaliya pola outra, e conquistara entre outros Karahna e Marista, dispoñendo dun exército con 800 carros de combate e numerosa infantería; Pishuru foi derrotada decisivamente en Wistawanda, cando o exército kaska se desbandou á morte do seu xefe. Muwatallis só enviou pola ocasión 120 carros e non enviou infantería. A reconquista das cidades hititas que seguiu xa foi sinxela. Hattusilis erixiu unha estela en Wistawanda.

Aínda despois Hattusilis puido enviar forzas ao seu irmán pola batalla con Exipto que se librou en Qadesh, en Siria, sobre o -1390.

Pouco tempo despois, Hattusilis procedeu á súa restauración xa que sufrira ataques illados dos kaska, e novos habitantes serían acollidos na cidade.

Mursilis III quíxoa incorporar aos seus dominios, xunto con Nerik, o que provocou a guerra civil na que este rei foi derrubado por Hattusilis, rei de Hakpis.