Moisés (Michelangelo)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 41°53′37.58″N 12°29′35.9″L / 41.8937722, -12.493306

Moisés
Moisés-Michelangelo-SPV.jpg
ArtistaMichelangelo
Data1513-1515[1]
Técnicatalla
MovementoCinquecento
Dimensións235 cm × {{{largura}}} cm
LocalizaciónIgrexa de San Pietro in Vincoli (Roma (Italia))
Tumba de Xulio II, coas estatuas de Michelangelo Raquel e Leah a esquerda e dereita do seu Moisés.

O Moisés (en italiano: Mosè [moˈzɛ]), é unha escultura de mármore branco realizada por Michelangelo (en galego, Miguel Anxo) Buonarroti entre 1513-1515 na etapa denominada como Alto Renacemento ou Cinquecento, que representa unha interpretación da figura bíblica de Moisés. Está localizada na igrexa romana de San Pietro in Vincoli, destinada acolle-la tumba do papa Xulio II onde, finalmente, foi soterrado a carón do seu tío o tamén papa, Sixto IV.

Encargo e deseño[editar | editar a fonte]

En 1505, o papa Xulio II encomendou a súa tumba ao artista florentino. O proxecto orixinal estaba formado por unha estrutura independente, sen apoio, de tres niveis, con aproximadamente 40 estatuas. Entre elas, a estatua de Moisés salientaría cun pedestal de aproximadamente 3,74 metros de altura e estaría en oposición con outra escultura de San Paulo de Tarso.[2] Trala morte do papa en 1513[3][4], a escala do proxecto reduciuse paulatinamente ata que, en 1542, un contrato final especificou unha tumba cun muro sinxelo e con menos dun terzo das figuras incluídas no proxecto orixinal, atopándose a figura de Moisés no espazo central na seción inferior do monumento. A obra non rematou até 1545.

O proxecto orixinal tiña previsto estar no interior da Basílica de San Pedro, onde están sepultados os demais papas, porén foi realizado na igrexa de San Pietro in Vincoli, na zona do Esquilino. A Casa de Della Rovere, da que Xulio II procedía, era mecenas desta igrexa, e o papa foi cardeal-presbítero por esta igrexa antes do seu nomeamento como representante do Vaticano.

Descrición[editar | editar a fonte]

A estatua foi finalizada durante unha das reanudacións do traballo en 1513. Deseñado para ser visto dende abaixo, e equilibrado por outras sete enormes figuras de temática similar, o Moisés actual, no seu contexto final comparado co proxecto orixinal, dificilmente pode ter o impacto desexado polo artista.

O líder de Israel preséntase sentado, coas Táboas da Lei debaixo do brazo, mentres que coa outra man acaricia os rizos da súa barba. Neste caso concreto, o artista quixo que a escultura de Moisés amosase a súa reacción furiosa cando, despois de recibir os mandamentos de Deus e baixar do Monte Sinaí, descobre que o seu pobo tivera abandonado a adoración Xehová e voltara á idolatría, adorando agora ao becerro de ouro. De novo, Michelangelo emprega unha cabeza virada, concentrando unha expresión de tremenda ira que se reflicte tamén na poderosa constitución da estatua e nos seus ollos: é o que se denomina co concepto italiano de "terribilitá",[5] que se explicaría como unha furia ou unha tensión interna contida. Vemos esta técnica na cara furiosa, o ollar fulminante, o corpo titánico e robusto, a forza muscular de toda a escultura, o dinamismo das dúas pernas en posición de erguerse, mesmo o xesto do brazo esquerdo, cos dedos tensos apertando o moi longa barba. En definitiva, o patriarca mostrase cheo de forza e rabia que xorde da visión impía.

O material empregado é o mármore, o que dá un naturalismo realmente impresionante á obra. O mármore branco, xunto coa luz e os pregos da roupa, fai que a figura teña un certo volume e un gran realismo. Salientan a perfección da anatomía, a expresión do rostro e os músculos en tensión, estes últimos que fan parecer que Moisés se erguerá cheo de furia e rabia. Podemos ver na escultura as características do estilo renacentista, como o naturalismo, a procura da beleza e interese en anatomía humana.

Análise[editar | editar a fonte]

A relevancia dos detalles do corpo e das dobras das roupaxes, que provocan certa tensión psíquica, pódese apreciar estudando minuciosamente a escultura: a protuberancia dos músculos, o inchazo das veas, as grandes pernas, pesadas ao empezar a moverse. Tal e como afirma un escritor, se este titán se erguese, o mundo rompería en anacos. Michelangelo leva a cólera sagrada de Moisés ata o seu punto máis álxido. Non obstante, aparece contida, posto que os pasionais seres do artista teñen prohibida a liberación das súas enerxías. É unha representación neoplatónica, a parte dereita está estable, é a parte divina, por onde lle vén a inspiración, en contraposición a parte esquerda é a parte por onde lle vén o perigo e o mal. Está tenso, vendo como o seu pobo caeu na idolatría. Ten catro elementos neoplatónicos, a terra, representada na perna coas dobras da roupa a xeito de cova. O aire cando respira, percíbese nas aletas do seu nariz, que se expanden. A auga representada nas súas barbas a xeito de fervenza. O lume representados con eses "cornos" (en pintura era doado de representar, cunha luz detrás do personaxe, pero en escultura tivo que empregar este artificio). O sangue flúe de xeito contido, parece que está a apunto de estalar e empezar a berrar, pon cara de non, a súa psique pódese captar a través do seu xesto e o seu mirada,podemos ver o seu pensamento, é un traballo psicolóxico moi estudado.

Cornos[editar | editar a fonte]

Manuscrito medieval representando a Moisés con cornos.

A estatua represéntase con cornos na súa cabeza.[6][7][8][9]< Crese que esta característica procede dun erro na tradución por parte de San Xerome do capítulo do Éxodo, 34:29-356.[10] Neste texto, Moisés caracterízase por ter karan ohr panav ("un rostro do que emanaban raios de luz"),[11] o que San Xerome na Vulgata traduciu por cornuta esset facies sua ("o seu rostro era cornudo"). O erro na tradución é posíbel debido a que a raíz trilítera hebrea krn (en hebreo, as vogais non se escriben) pode ser interpretada "keren", luminosidade, resplandor, ou "karan", corno. Porén, como comenta María Barbero[12], outros investigadores e tradutores dan por boa a versión de San Xerome e sosteñen a vixencia da tradución de "cornos". Tamén Mellinkoff opina que Xerome entende Keren como unha metáfora de "gloria", especialmente, como demontra no seu Comentario sobre Ezequiel, onde escribe que a facianda de Moisés "foi transformada en "gloriosa", ou, como se diría en hebreo, "cornudo".[13][14]

En culturas antigas, coetáneas á escritura da Biblia ou a San Xerome, o feito de representar con cornos algún personaxe importante era unha forma de indicar a súa autoridade e, mesmo, a súa divindade. Por outra banda, tamén afirma Mellinkoff, que na Idade Media e no Renacemento, comprendíase claramente a metáfora[15] posto que a primeira representación de Moisés con cornos apareceu nun un manuscrito anglosaxón do século XI (ca. 1050), unha paráfrase do Pentateuco e Xosué escrita polo monxe Aelfric.[16] Nos seguintes 150 anos, apenas hai representacións de Moisés con cornos[17] pero, de novo, imaxes semellantes foron usuais dende entón en toda Europa Occidental coma nos vitrais das catedrais de Chartres e e Notre-Dame e na Sainte-Chapelle.[18]

Nas Biblias italianas do século XV e XVI aparece que "Moisés baixou do Monte Sinaí con cornos que sobresaen da pel da súa cara" pero a súa representación con cornos decaeu dun xeito moi abrupto.[19] Cando Michelangelo esculpiu o Moisés o erro de tradución xa fora advertido, e os artistas da época substituíran, na representación de Moisés, os cornos por dous raios de luz. Non obstante, Michelangelo preferiu manter a iconografía anterior.

Nun libro aparecido en 2008, o rabino Benjamin Blech enuncióu a hipótese de que, no emprazamento orixinal, os "cornos" nos estaban destinados a ser visibles e que é erróneo interpretalos dese xeito:

"[A estatua] nunca tivo cornos. O artista concibira a Moisés como unha obra mestra non só da escultura, senón tamén dos efectos ópticos especiais dignos de calquera película de Hollywood. Por esta razón, a peza tivo que ser elevada e [colocada] mirando cara adiante, mirando en dirección á porta principal da basílica. As dúas protuberancias na cabeza serían invisibles para o espectador mirando cara arriba dede o piso de abaixo, o único que se tería visto era a luz reflectida neles creando a sensación de que da cabeza de Moisés irradiaba un fulgor sobrenatural "[20]

No momento presente, esta é unha hipótese que está cuestionada.[21]

Restauración[editar | editar a fonte]

En decembro de 2003, rematou unha restauración levada a cabo por Antonio forcellino durante case cinco anos. Ademais de para limpar as estatuas, a restauración conseguíu reabrri unha pequena fenda por tras do grupo escultórico que permitía introducir un foco de luz que iluminaba, orixinalmente a estatua, e que fora cuberta cunha fiestra.[22]

Cultura popular[editar | editar a fonte]

Michelangelo pensaba que o Moisés era a súa creación máis realista. A lenda conta que, ao rematalo, o artista golpeou o xeonllo dereito da estatua e lle dixo " porque non me falas? " sentindo que a única cousa que faltaba por extraer do mármore era a propia vida. No xeonllo dereito pódese atopar a marca de Michelangelo ao golpear ao seu Moisés.[23][24]

O traballo de Michelangelo inspirou outra estatua de Moisés na Fontana dell'Acqua Felice, pero esta de moi discreta calidade.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Sweetser, Moses Foster (1878), Michel Angelo, Boston, Houghton, Osgood and company
  2. Panofsky (1937), p. 566.
  3. Panofsky (1937).
  4. Erwin Panofsky (1937) The First Two Projects of Michelangelo's Tomb of Julius II The Art Bulletin 19(4):561-579
  5. Gallego (2011), p. 276.
  6. Blech & Doliner (2008), p. 238.
  7. Mellinkoff (1970).
  8. Leonard J. Hoenig, MD. (2011) Shedding Light on Michelangelo ’s “Moses” Arch Dermatol. 147(9):1092
  9. Medjuck (1998).
  10. McCullock (2004), p. 82.
  11. (en hebreo) Hebrew - English Bible (According to the Masoretic Text and the JPS 1917 Edition)
  12. Barbero, María. "Los cuernos de Moisés". lalinternadeltraductor.org. Consultado o 14-03-2019. 
  13. Mellinkoff (2008), p. 77.
  14. Medjuck (1998), pp. 98-105.
  15. Medjuck (1998), pp. 74-90.
  16. Medjuck (1998), pp. 13-15.
  17. Medjuck (1998), pp. 61-65.
  18. Medjuck (1998), pp. 65-74.
  19. Medjuck (1998), pp. 74.
  20. Blech & Doliner 2008, p. 238
  21. Mc Bee, Richard (27 de agosto de 2008). "Michelangelo and the Jews: Part II". richardmcbee.com (en inglés). Consultado o 7 de febreiro de 2021. 
  22. Cooperativa IL SOGNO. "Mosè di Michelangelo nella Basilica di San Pietro in Vincoli - Roma". romeguide.it (en italiano). Consultado o 7 de febreiro de 2021. 
  23. Vitoria (2013), p. 33.
  24. Rendina (2002), pp. 554.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]