Xuízo Final (Michelangelo)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
O Xuízo Final
O Xuízo Universal
(Il Giudizio Universale)
Last Judgement (Michelangelo).jpg
ArtistaMichelangelo
Data1537-1541
TécnicaFresco
Dimensións1370 cm cm × 1220 cm cm
LocalizaciónCapela Sistina (RomaCidade do Vaticano Cidade do Vaticano)

O Xuízo Final ou O Xuízo Universal é o mural realizado ao fresco por Michelangelo para decorar a ábsida da Capela Sistina (Cidade do Vaticano, Roma). Michelangelo empezou a pintalo 25 anos logo de acabar de pintar a bóveda da capela.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Desde a construción da Capela Sistina ata 1536, a parede do altar onde agora está o Xuízo Final contiña outros murais da serie das historias de Moisés e de Xesús. Estaban a Asunción, a Natividade de Cristo e o Descubrimento de Moisés.

Máis arriba atopábanse os tres primeiros Papas, onde estaba Simón Pedro. Michelangelo tivo que sacrificar estes frescos de Perugino da zona do altar para pintar a súa obra, o que lle valeu numerosas críticas.

Anteriormente, Clemente VII pediulle que pintase A caída dos anxos rebeldes, pero, trala súa morte, o seu sucesor Paulo III encargoulle que pintase a escena do Xuízo Final.

Descrición, tema e personaxes[editar | editar a fonte]

O Xuízo Final é un enorme conxunto pictórico ao fresco de xénero relixioso cuxo tema é o Xuízo Final, extraído da Apocalipse de San Xoán.

Conxunto central[editar | editar a fonte]

Detalle de Cristo e María.
  • Cristo. É o centro da obra. Cun enérxico e aterrador movemento separa aos xustos dos pecadores. Ten marcadas as mans e os pés como evidencia dos cravos que lle foron postos durante a crucifixión, e unha ferida no peito produto de ser atravesado por unha lanza dun soldado romano. É un dos poucos Cristos que se pintaron cunha expresión de anoxo e ira.
  • María. Xunto a Cristo está María. Medorenta, escóndese xunto ao seu fillo asustada polo movemento violento que fai. Detrás deles hai un escintileo de luz así que reciben todo o enfoque ademais porque se atopan no centro.

Ao redor deles están varios santos, representados sen perspectiva ningunha, rodeándoos por todas as partes. Algúns parecen estar asustados pola acción que acaba de facer Cristo, e outros están inquedos. Para recoñecelos, Michelangelo pintounos cos seus característicos complementos ou cos obxectos cos que foron mártires.

  • San Pedro. Ten nas súas mans as chaves do Paraíso.
  • San Paulo. Recoñéceselle pola súa barba gris e o sobrecello engurrado.
  • San André. Sostén unha cruz en forma de "X", símbolo do seu martirio.
  • San Bertomeu. Ten unha pel na súa man xa que este mártir foi esfolado. Segundo a tradición, dise que Michelangelo pintou a súa cara na pel esfolada do mártir como signo de que el cría non merecer o Ceo, pois estaba atormentado.
  • Santa Catarina. Usa a roda de pugas do seu martirio para evitar o paso aos pecadores que intentan chegar ao Ceo.
  • San Sebastián. Ten sostidas as frechas do seu martirio.
  • San Lourenzo. Sostén a grella do seu martirio.
  • San Brais. Sostén os dous anciños de carda do seu martirio.

Anxos[editar | editar a fonte]

Debaixo deste grupo central (Cristo, María e os Santos) atópase un grupo de anxos coas súas trompetas. Segundo a Apocalipse, suponse que eran sete trompetas, aínda que aquí parece haber oito. Outros dous anxos sosteñen o Libro da Vida e o Libro da Morte, onde están os nomes dos salvos e os condenados respectivamente.

Multitudes laterais[editar | editar a fonte]

Volvendo ao grupo central, estes á súa vez están rodeados dunha gran multitude onde se atopa xente común. Moitos están nun ambiente de relativo pánico, non saben que facer. Entre o tumulto, moitos están atopando os seus familiares e amigos, e están realmente felices, algúns chegan a conmoverse, o que se reflicte nas súas bágoas.

Parte inferior[editar | editar a fonte]

Na metade inferior do fresco, as multitudes divídense en dous: os que están ascendendo ao Ceo, que se atopan á beira esquerda e os que descenden ás tebras, á beira dereita.

As persoas que ascenden son as que estaban na Terra no momento en que Cristo chama a todas as persoas. Moitos están resucitando e son representados como cadáveres. Algúns anxos axudan a subilos ao Ceo, e máis adiante, as mesmas persoas axudan a outras a que ascendan. Na Terra hai algúns demos escondidos en covas. Algúns demos intentan evitar que as persoas ascendan ao Ceo.

Inferno e tebras[editar | editar a fonte]

Ao lado dereito están os condenados que están sendo guindados por anxos e algunhas persoas ás Tebras. Moitos caen e parecen realmente estar moi desesperados. Varios son obrigados a subir á barca de Caronte coa máis espantosa das violencias. Caronte é un dos monstros máis horribles do cadro. Da barca, os condenados son tirados por algúns demos ás Tebras. Aí está Minos, que segundo a historia, ten a cara e as faccións dun dos sacerdotes que criticou o fresco cando Michelangelo o mostrou. Os ríos de lume e o xofre espéranos.

Lunetos superiores[editar | editar a fonte]

Ademais, hai dous lunetos na parte superior do fresco alleos á situación que se viven. No luneto esquerdo, algúns anxos levan a cruz de Cristo, a coroa de espiñas e os cravos da Paixón. No luneto dereito, outros anxos levan a columna da flaxelación de Cristo.

Estilo[editar | editar a fonte]

Como todas as obras de Michelangelo, os seus personaxes manifestan a típica terribilitá ou forza sobrehumana moi visible na figura de Cristo. Os numerosos espidos de descomunal tamaño permiten apreciar a súa preferencia polo canon hercúleo, cunha musculatura moi desenvolvida, superior á das figuras da bóveda.

  • A composición é un remuíño caótico que acentúa a angustia e a fatalidade da escena. As figuras amontóanse nun trebelliño, todas en primeiro plano, sen perspectivas nin paisaxes, e todas elas retortas e desequilibradas, buscan posturas inestables e forzadas, enriquecendo o contrapposto clásico.
  • As súas cores opóñense drasticamente á harmonía cromática do clasicismo renacentista, son moi vivas e contrastadas (ácidas) e o acabado busca intensos contrastes de luz e sombra.

Restauración[editar | editar a fonte]

O fresco foi restaurado xunto coa bóveda Sistina entre 1980 e 1994 baixo a supervisión do comisario do Museos Vaticanos Fabrizio Mancinelli. Antes disto, de 1710 a 1714, o fresco recibiu unha capa de cola, a cal críase que fixaría as cores e evitaría a súa descomposición, pero finalmente, terminou por adherir ao muro todo o po e fume que había na atmosfera da capela polo que a cola escureceuse co tempo e terminou por darlle á pintura un aspecto escuro. Moita xente pensaba que a obra de Michelangelo era así de escura e opaca, cousa que se desmentiu logo da súa recente restauración. A solución consistiu na aplicación de bicarbonato de amonio, de sodio, desogen e carbosilmeticelulosa, entre outros químicos.

O resultado foi inesperado. Descubriuse que esta obra posuía ricas cores vivas e claras. O Xuízo Final non era unha obra escura senón luminosa.

Algúns críticos pensan que a restauración non recuperou a cor orixinal senón que aclarou as capas de pinturas, e que a cor que nós vemos agora, é máis clara que a que pintou Michelangelo.

Michelangelo utilizou moitas técnicas cromáticas, aínda que tamén foi característica a súa virtude polo claro-escuro.

O Xuízo Final durante as súas fases de restauración (1980-1994)
O Xuízo Final antes da restauración.
O Xuízo Final antes da restauración.
O Xuízo Final durante a restauración.
O Xuízo Final durante a restauración.
O Xuízo Final logo da restauración.
O Xuízo Final logo da restauración.

Historia[editar | editar a fonte]

En 1535, o papa Paulo III encargou a Michelangelo, o máis grande fresco xamais pintado que trataría sobre o Xuízo Final e que se situaría na parede do altar da Capela Sistina. O tema estaba relacionado co que sucedera na igrexa nos anos precedentes: a reforma protestante e o saqueo de Roma. Por iso tentábase representar á humanidade facendo fronte á súa salvación.

Unha vez terminada, en 1541, a pintura provocou o escándalo e as críticas máis violentas, pois considerabase vergoñoso que en tan sacro lugar se representasen tantas figuras espidas, especialmente algunhas parellas cuxas posturas podían parecer comprometidas. Segundo algúns bispos, o fresco non correspondía a un recinto tan sacro como a Capela senón a unha taberna.

Acusouse a Michelangelo de herexía e tentouse destruír o fresco. Aínda que o papa Xulio III era tolerante e non se preocupou dos espidos, á súa morte decidiríase a «corrección» do fresco colocando panos de pureza a todos os seus personaxes.

A persoa que se ocupou deste labor, por orde de Pio V, foi Daniele da Volterra, discípulo de Michelangelo, a quen, por este traballo colocouse o sobrenome de «Braghettone» (Pintacalzóns); Daniele morreu dous anos despois de iniciar o traballo, sen terminalo.

Máis adiante, en 1570, cando Michelangelo xa falecera, O Greco propuxo repintar o Xuízo Final pero esta vez, acorde ás ideas da Contrarreforma. Pero para ese entón, o fresco do Xuízo Final xa era tan aceptado entre os relixiosos que o Greco tivo que abandonar Roma por dicir tal tolemia.

A influencia do Xuízo Final noutros artistas europeos posteriores foi enorme; era visita obrigada para os que podían custearse a viaxe a Roma, e difundiuse mediante gravados debidos a artistas como Giorgio Ghisi e Martino Rota.

Escándalo polos espidos[editar | editar a fonte]

Como xa se dixo, o feito de que un número tan elevado de personaxes aparecesen totalmente espidos nun recinto para o culto escandalizou a parte dos responsables da Igrexa en Roma. Un dos que máis expuxeron a indecencia da pintura foi o mestre de cerimonias Biaggio de Cesena.

Coméntase que Michelangelo anoxouse profundamente, non só por alterar a escena inicial, senón tamén pola imposibilidade de recuperala ao seu estado orixinal, dado que as roupas que cobren os corpos están pintadas utilizando a técnica do óleo, mentres que toda a parede estao ao fresco.

Pero Biaggio de Cesena tivo o seu castigo: Na parte inferior dereita da escena, á entrada dos infernos, Michelangelo representou a Minos, o rei do inferno, espido, con orellas de burro, unha serpe enroscada ao seu corpo e cos trazos faciais de Biaggio de Cesana.

Din que o prelado acudiu choroso ao papa Paulo III para pedirlle que ordenase a Michelangelo que o retirase do mural, e que este, cun gran sentido do humor, respondeulle o seguinte:

"Querido fillo meu, se o pintor te puxo no purgatorio, podería sacarte, pois ata alí chega o meu poder; pero estás no inferno e éme imposible. Nulla est redemptio."

Ademais, o Xuízo Final está sobre o altar da capela, e cando o sacerdote, na celebración da liturxia, dirixe a mirada cara ao crucifixo que está situado no mesmo, ten que dirixir inevitablemente a súa mirada cara a un punto do mural: a porta que dá acceso ao inferno.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]