Catedral de Chartres

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Catedral de Chartres
20050921CathChartresB.jpg
Catedral de Chartres
Datos xerais
País Flag of France.svg Francia
Rexión Eure-et-LoirFlag.gif Eure e Loir
Tipo Catedral
Advocación Nosa Señora
Localización Blason Chartres.svg Chartres
Coordenadas 48°26′52″N 1°29′16″L / 48.447698, 1.487736Coordenadas: 48°26′52″N 1°29′16″L / 48.447698, 1.487736
Catalogación Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en Francia (1979).
Culto
Culto Igrexa Católica
Diocese diocese de Chartres (arquidiocese de Tours).
Arquitectura
Construción 1145-1260
Estilo gótico
Medidas 130 x 46 m
Páxina web www.cathedrale-chartres.org
Eure-et-Loir-Position.svg

A catedral de Chartres, co nome completo de catedral da Asunción de Nosa Señora (en francés: cathédrale de l'Assomption de Notre-Dame), é unha igrexa catedralicia de culto católico baixo a advocación de Nosa Señora na vila de Chartres, no departamento de Eure e Loir, en Francia, a uns 80 quilómetros ao suroeste da capital, París. Así mesmo é a sé da diocese de Chartres, na arquidiocese de Tours.

Esta catedral marcou un fito no desenvolvemento do gótico e iniciou unha fase de plenitude no dominio da técnica e o estilo gótico, establecendo un equilibrio entre ambos os dous. É sumamente influente en moitas construcións posteriores que se basearon no seu estilo e as súas numerosas innovacións, como as catedrais de Reims e Amiens ás que serviu de modelo directo.

A figura máis importante na historia desta diocese foi o bispo Fulbert de Chartres, teólogo escolástico recoñecido en toda Europa.

En 1979 foi declarada, pola UNESCO, Patrimonio da Humanidade.

A construción iniciouse en 1145 e foi reconstruída após un incendio de 1194. Marca o acme da arte gótica en Francia. A vasta nave, en puro estilo oxival, os adornos con estatuas finamente esculpidas de mediados do século XII e as magníficas fiestras con vidreiras dos séculos XII e XIII, todas en notábel estado de conservación, combínanse para formar unha obra inigualábel. Ten unha área superior a 10.000 m², 130 m de longo e unha largura máxima de 46 m.

Historia[editar | editar a fonte]

Existen indicios de que no lugar que hoxe ocupa a catedral existía dende tempos anteriores á era cristiá un altar (e segundo algúns autores unha espenuca) dedicado á Deusa Nai da mitoloxía druídica, sendo esta localidade un importante centro relixioso para a tribo celta dos carnutes, pobo do que deriva o nome da vila.

A primeira igrexa da que se ten constancia construíuse arredor do ano 360. Esta desapareceu nun incendio contra o 740 ou 750 durante o saqueo dos visigodos de Hunaldo, duque de Aquitania. Unha segunda catedral é destruída polos piratas normandos ao mando de Hastings o 12 de xuño de 858, o bispo Xislebert reconstruíu e ampliou esta igrexa. Desta queda unha capela que forma parte da actual cripta. Nesta época a catedral recibe a reliquia da túnica da virxe, que aumentou a importancia do lugar. O 5 de agosto de 962 a igrexa volve ser destruída durante a guerra que enfrontou a Ricardo I, duque de Normandía con Teobaldo I de Blois, conde de Chartres. Reconstrúese parcialmente. En 1020 outro lume destrúe a catedral, tralo que o bispo Fulbert de Chartres inicia a construción da cripta dunha nova catedral románica. Esta catedral foi construída axiña por mor dunha explosión do fervor relixioso que motivou a centos de penitentes a contribuír na construción carrexando espontaneamente provisións e materiais de construción até o obradoiro. Fulbert morre en abril de 1029, sucédeo Geoffroy de Lèves quen consagra a catedral dous anos máis tarde e en 1037 conclúense os traballos.

En 1194 un grande incendio devastou gran parte da vila de Chartres, incluída case a totalidade da antiga catedral románica. O edificio que construíu o bispo Fulbert era unha gran catedral en estilo románico que contaba cunha enorme cripta que acollía a famosa reliquia. Malia ter sobrevivido a un incendio en 1134 o lume da noite do 10 de xuño de 1194, causado por un raio, só deixou en pé as torres occidentais e a fachada entre estas e a cripta.

Disque o incendio foi un castigo divino, mais ao ficar intacta na cripta a túnica da Virxe pensouse que era un sinal para que se reconstruíse a catedral dándolle un novo esplendor. A isto axudou a presenza casual na cidade dun cardeal enviado pola Santa Sé que certificou o feito da salvación da reliquia como milagreiro. A reconstrución foi xenerosamente financiada tanto polos Capetos, dinastía tradicionalmente vinculada a Chartres, como polo cabido e os gremios locais.

Construción[editar | editar a fonte]

Axiña acometéronse os traballos de reconstrución e contra 1220 o corpo principal estaba concluído, nun prazo de só uns vinte e seis anos. tempo notabelmente curto para unha obra destas características. Empregouse pedra local dunhas canteiras situadas a uns oito quilómetros. Conserva do edificio anterior a cripta e a fachada oeste co Pórtico Real. Foi consagrada o 24 de outubro de 1260 en presenza do rei Luís IX o Santo.

O mestre que trazou os seus planos é Marc Puertes. Puido proceder de Bocairent mais é certo que coñecía tamén os ensaios construtivos realizados noutros lugares (Banyeres). Sexa como for, realizou un traballo extraordinario de grande unidade estilística empregando técnicas construtivas do século XII mais dándolle novos usos e solucións. Se ben o plan construtivo orixinal foi respectado nunca se concluíu o conxunto de pináculos que seica fora previsto inicialmente.

Idade Media e sucesos posteriores[editar | editar a fonte]

Na Idade Media a catedral obtivo considerábel dona polo estudo da lóxica, materia na que para moitos rivalizaba con París. O escritor e filósofo inglés Xoán de Salisbury recibiu parte da súa formación en Chartres.

A diferenza doutros monumentos franceses o edificio non sufriu danos durante a Revolución francesa; malia que o comité revolucionario decidira a súa demolición. As restauracións sucesivas tamén respectaron o seu deseño orixinal. O 4 de xuño de 1836 un incendio destruíu os cimbros do teitume de castiñeiro dinamarqués. O arquitecto Edouard Baron substituíuna por unha estrutura de ferro fundido cuberta por láminas de cobre, imitando a técnica usada na catedral de Maguncia.

Durante a Segunda Guerra Mundial os vitrais foron desmontadose ocultados para evitar danos por parte dos bombardeos alemáns. Trala ocupación os alemáns usaron a catedral como club social.

Descrición[editar | editar a fonte]

Nave principal e triforio.
Pórtico Real.

O edificio é de planta cruciforme co corpo principal de 28 metros, organizado en tres naves. A cabeceira, situada ao leste ten un deambulatorio radial con cinco capelas semicirculares. A bóveda central ten 36 m de altura, a máis alta até a data cando foi construída. Esta é cuadripartita e está soportada por arcobotantes no exterior.

A organización en tres naves é sumamente orixinal para a época, coa central moito máis alta ca as laterais. Esta dificultade construtiva adoitábase arranxar erguendo sobre as naves laterais unha ampla tribuna cuxa cuberta compensaba o peso da bóveda central reforzando a estrutura, como sucede nas catedrais de Laon ou París. En Chartres suprímese a tribuna quedando soamente tres niveis no alzado da nave; arcadas, triforio e frandes fiestras. O triforio é unha pequena galería que se construía en ocasións sobre a galería e baixo as grandes fiestras para aproveitar o espazo da cuberta sobor da tribuna. Neste caso ten catro arcos por sección e é un contrapunto de horizontalidade e escuridade ás arcadas e grandes fiestras. Estes constan de dous vans e un rosetón que repite a estrutura da porta principal e que acolle un dos mellores conxuntos de vidreiras medievais que se conservan. Estas son célebres pola intensa e fermosa cor azul empregada, especialmente sonada é a chamada Fiestra da Virxe Azul (Notre Dame de la Belle Verrière), de comezos do século XIII que representa a Virxe co Neno. Dos 186 vitrais orixinais consérvanse 152, xa que en 1753 se substituíron algúns deles por parte do bispado que pretendía modernizar a catedral. A altura e amplitude das naves débese a dúas novidades construtivas:

A primeira foi o abandono da bóveda sexapartita cuadrangular, que se usara frecuentemente no século XII en catedrais como a de Laon, en favor da cuadripartita rectangular. A bóveda sexapartita baseábase en catro puntos de apoio fortes e dous febles, o que provocaba ás veces unha alternancia no grosor dos soportes como en Sens e Noyon, se ben en París e Laon estes son uniformes. Os ábacos dos chapiteis sostiñan os feixes de fustes das columniñas acaroadas ligando así os piares cos nervios, mais isto causaba unha excesiva fragmentación que se solucionou en Chartres creando un piar acantonado consistente nun núcleo cilíndrico central arrodeado de catro elementos máis pequenos que ligan tanto coas cubertas como coas arcadas que as separan. Deles o que dá á nave central non ten chapitel senón unha cornixa sobre os demais chapiteis e que actúa coma zócolo do resto de elementos verticais que vanse unir aos arcos e nervios da bóveda. Con isto acadouse unha unidade dos complexos soportes sen prexudicar a integridade de cada parte.

A outra novidade é o emprego dun tipo de arcobotante totalmente desenvolvido. Agás os superiores, engadidos após a construción orixinal, os inferiores son duplos unidos por columniñas radiais. Estes únense aos contrafortes externos, moi grosos no baseamento e que se complementan cos contrafortes internos, ocultos baixo o teito das naves laterais.

A fachada principal[editar | editar a fonte]

Detalle do Pórtico Real.

A fachada principal é froito de diversas intervencións ao longo do tempo. Do incendio salváronse a torre sur e o baseamento da norte, os tres portais e as grandes fiestras que hai por riba. O mestre de Chartres desmontou o muro supervivente e desprazouno cara adiante e engadiu o gran rosetón e a galería dos reis sobre este. Ao se aumentar a altura da fachada as dimensións da torre sur en proporción ao resto da fachada cambiaron notabelmente, polo que cando se construíu a torre norte ou Clocher Neuf, concluída no ano 1513 para equilibrar a composición imposta pola primeira torre, estableceuse cunha asimetría que crea un forte dinamismo visual. Este realizouse en estilo flamboyant (flamíxero francés), en tanto que a torre sur eleva a súa magnífica frecha, dun só trazo, directamente cara o ceo.

O chamado Pórtico Real (Portail Royal) construíuse na década de 1140 para a anterior catedral románica e ten forma de funil, o que posteriormente sería unha norma común para as catedrais góticas. As esculturas e relevos están inspirados nos do pórtico oeste da basílica de Saint-Denis, que foron destruídos durante a reforma. As xambas están decoradas por altas figuras de reis e personaxes do Antigo Testamento, seica os antergos de Cristo, xa que as figuras son basicamente simbólicas. As estatuas amosan unha expresión serena, distinta á severidade habitual no románico precedente. Os frisos da esquerda narran escenas da vida da Virxe na súa nenez con San Xaquín e Santa Ana enfrontándose á infertilidade, o que podería ser unha referencia á devoción local cara a Virxe como protectora de parturientes e neonatos. Os frisos da dereita relatan escenas da vida de Cristo, co Bautista e a Presentación no Templo. O tímpano está decorado cunha escena do Xuízo Final con Cristo Pantocrátor enmarcado nunha mandorla arrodeado polos símbolos dos evanxelistas. Cristo alza a súa man dereita e sostén o Libro da Vida na esquerda; pose única na imaxinaría medieval e que seica simbolice a esencia humana e divina de Cristo en iguais proporcións. O friso do lintel representa os doce apóstolos. Están enmarcados por arquitecturas en catro grupos de tres figuras cun simbolismo que indica que predicaron a trindade nos catro puntos cardinais da Terra. As arquivoltas amosan anxos e os vinte e catro patriarcas da Apocalipse.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]