Casa da Moeda de Baviera

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 48°8′19″N 11°38′37″L / 48.13861, -11.64361

Casa da Moeda de Baviera
Bayerisches Hauptmünzamt

Coat of arms of Bavaria.svg
Escudo de Baviera, usado como logotipo pola
Casa da Moeda de Baviera


Bayerisches Hauptmünzamt.JPG
Un dos accesos ao edificio da
Casa da Moeda de Baviera


TipoEstatal
Fundación1158
MatrizMinisterio de Facenda de bávaro (Bayerisches Staatsministerium der Finanzen und für Heimat).
LocalizaciónMuenchen Kleines Stadtwappen.svg Múnic
Flag of Bavaria (lozengy).svg Baviera
Alemaña Alemaña.
Persoas claveDirector: Günther Waadt.
IndustriaCuñaxe.
ProdutosMoedas e medallas.
Número de empregados63
Páxina webSitio web
Notas
Marca de ceca: D.
editar datos en Wikidata ]

A Casa da Moeda de Baviera (en alemán, oficialmente: Bayerische Hauptmünzamt; "Oficina Central da Casa da Moeda de Baviera") é unha das cinco fábricas de moeda estatais activas en Alemaña, situada en Múnic, e depende do Ministerio de Facenda do Estado de Baviera. As outras cecas do país teñen as súas sedes nas cidades de Berlín, Hamburgo, Stuttgart e Karlsruhe.

Desde 1871, a Casa da Moeda de Baviera utiliza a letra D como marca de ceca nas moedas cuñadas nela.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Previamente ao establecemento dunha casa de moeda en Múnic existira en Baviera unha primeira ceca, fundada en Ratisbona no século IX por Lois o Piadoso.[1]

Foi Henrique o León (1129-1195), Elector de Saxonia e Duque de Baviera, quen autorizou en 1158 a fundación dunha nova casa de moeda en Múnic, na antiga Schrannenplatz, a actual Schrannenplatz. Cando o Ducado de Baviera lle foi transferido en 1180 a Otón I (1117-1183), con el transmitiuse tamén o dereito da cuñaxe de moeda na cidade.[1]

As revoltas populares ocorridas en 1295 contra a desvalorización da moeda polo seu escaso contido de prata acabaron coa destrución do edificio da casa da moeda, que tivo que ser construído novamente en Münzstraße, logo do cal continuou a actividade de cuñaxe, xa que os duques Rodolfo I e Luís IV revalidaron a concesión dese dereito en 1307.[1]

A reforma monetaria do 15 de xullo de 1506 concedeulle á ceca o dereito de cuñar moedas con valores superiores, o que deu lugar á aparición dos primeiros floríns (gulden) de ouro da ceca bávara.[1]

A ocupación austríaca motivou que entre 1705 e 1714 se cuñasen moedas para Austria na Casa de Moeda de Baviera.[1]

Moeda de 2 marcos de Otón I de Baviera (1848-1916), coa marca de ceca D

O século XIX trouxo consigo unha fonda modernización das instalacións da ceca, instaladas en 1809 nun novo edificio coñecido hoxe como Alte Münzen ("a ceca vella") e que entre 1862 e 1863 se expandiu cara a Maximilianstasse. A constitución do Imperio Alemán en 1871 fixo que se centralizase nel a prerrogativa da cuñaxe de moeda e foi entón cando se lle asignaron letras a modo de marca de ceca a cada unha das cecas imperiais. Foi desde este momento cando apareceu o D como marca da Casa de Moeda de Baviera, que se mantén no século XXI.[1]

5 marcos de 1936, coa marca de ceca D
50 pfennig de 1950 coa marca de ceca D

A II Guerra Mundial ocasionou graves deterioracións no edificio, cuxa reconstrución tivo lugar entre 1950 e 1962. Porén, a actividade da ceca continuou inmediatamente despois da guerra, ao encomendárselle en 1945 a cuñaxe de moeda polo Consello de Control Aliado. Debido á escaseza de moeda miúda, en 1947 realizouse unha cuñaxe de emerxencia de moedas de 5 pfennig sobre os discos de cinc que quedaran das cuñaxes da época da inflación alemá, o que constituíu as primeiras emisións da ceca bávara despois da guerra. Ao mesmo tempo, entre 1947 e 1948 comezaron a elaborarse os cuños para as novas moedas divisionarias emitidas consonte a reforma monetaria de 1948, que amosaban a inscrición BANK DEUTSCHER LÄNDER.[1]

En 1972 a ceca de Múnic cuñou todas as medallas entregadas aos deportistas nos Xogos Olímpicos celebrados na cidade. En 1986 as instalacións da fábrica de moeda trasladáronse a unhas novas instalacións distrito de Zamdorf.[1]

A Unificación Alemá de 1990 fixo posible que a ceca bávara transferise o 5 % da súa produción á Casa da Moeda de Berlín, que ata ese momento estivera abastecendo de moeda a República Democrática Alemá.[1]

Moeda conmemorativa de 100 euros coa marca de ceca D, da Casa da Moeda de Baviera

A cuñaxe de moedas para o novo sistema do euro comezou na ceca bávara o 7 de agosto de 1997 e a súa produción en masa iniciouse en 1999, aínda que ningunha destas moedas amosa a súa data real de cuñaxe, senón a da súa posta en circulación, en 2002. Naquel momento, a Casa da Moeda de Baviera levaba xa producidas 3.000 millóns de moedas correspondentes ao novo sistema.[1]

En 2008, con motivo do 850 aniversario da fundación da cidade de Múnic, a ceca bávara emitiu unha serie de once medallas conmemorativas.[1]

Os edificios da Casa da Moeda[editar | editar a fonte]

Edificio da Alte Münze, sede da Casa da Moeda de Baviera entre 1809 e 1986

Despois de alternar diferentes emprazamentos ao longo dos seus seus máis de oito séculos de funcionamento, a Casa da Moeda de Baviera instalouse en 1809 no que hoxe se coñece como Alte Münzen ("a ceca vella") un edificio renacentista construído en 1563 por Earl Albrecht para albergar as cortes das cabalarías e as coleccións de arte do Duque de Baviera Alberte V. A adaptación como casa de moeda levouna a cabo o arquitecto Johann Andreas Gärtner en 1809, cunha fachada de estilo clasicista.[1][2][3]

Na "ceca vella", na noite do 20 ao 21 de setembro de 1906, o empregado Wilhelm Ruff e o soldado Wilhelm König roubaron moedas acabadas de cuñar por valor de 130.030 marcos. Fuxiron a través do leito dun regato subterráneo da cidade que estaba seco naquel momento, polo que pasaron desapercibidos á estrita vixilancia do edificio.[4]

O 16 de xullo de 1986 as instalacións da Casa da Moeda de Baviera trasladáronse a un novo edificio no distrito de Zamdorf.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 "Geschichte". Bayerisches Hauptmünzamt.
  2. Biller, J. H.; Rasp, H. P. (2003). Páxina 167.
  3. Petzet, M. (2000).
  4. Arz, M. (2009). Páxina 71.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Arz, M. (2009). Das verräterische Hinterteil. In: Todsicheres München. Die spektakulärsten Kriminalfälle. Hirschkäfer. Múnic. ISBN 978-3-940839-08-4
  • Biller, J. H.; Rasp, H. P. (2003). München Kunst und Kultur. Stadtführer und Handbuch. Ludwig. Múnic. ISBN 978-3517060729
  • Petzet, M. (2000). Die Alte Münze in München. Arbeitshefte des Bayerischen Landesamtes für Denkmalpflege. Lipp. Múnic. ISBN 978-3874906494

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]