Kreuzer

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Kreuzer de 1840 do landgrave de Hesse-Homburg

O kreuzer (tamén coa variante kreutzer) foi unha antiga moeda europea, inicialmente de prata e finalmente de cobre, cuñada desde o século XIII fundamentalmente en Alemaña, Austria e Suíza, ata a súa desaparición co gallo das principais reformas monetarias alemás e austrohúngaras de finais do século XIX.[1][2][3][4][5][6]

Orixe do nome[editar | editar a fonte]

Groso de prata tirolés cuñado Ca. 1286, que lle deu nome ao kreuzer pola dobre cruz dos seus anversos

A denominación ten a súa orixe no alto alemán medio kriuzære ou kriuzer. A moeda recibiu este nome a partir da dobre cruz que se amosaba nos anversos das primeiras emisións.[7][1][3][4]

Nas rexións de fala francesa onde circulou o kreuzer, este coñeceuse tamén como cruche, e en zonas francófonas de Suíza grafouse como creuzer.[3]

Historia[editar | editar a fonte]

Orixe e expansión[editar | editar a fonte]

A orixe do kreuzer remóntase a unha moeda con valor dun groso que se cuñou a partir de 1271 en Merano, no Tirol do Sur, caracterizada pola dobre cruz (en alemán: kreuz) do seu anverso, que estendeu o seu uso durante os séculos XV e XVI por todo o sur da zona xermana, que incluía, entre outros, o Sacro Imperio Romano Xermánico e a Antiga Confederación Suíza.[3][4]

Kreuzer a nome de Friedrich Karl de Württemberg (1690).

En 1559 propúxose para o Sacro Imperio unha taxa de cambio estable de 60 kreuzer por cada florín (gulden) de ouro, mais só os estados do sur aceptaron este cambio, en tanto que os do norte conservaron o seu groschen. O valor unitario do kreuzer foi fixado en 4,2 pfennig. As moedas baseadas neste padrón suxeitábanse á relación 240 pfennig = 60 kreuzer = 1 florín.[4]

Na súa orixe presentouse como unha moeda de prata, aínda que axiña pasou a ser de billón e sucesivamente foi minguando a súa porcentaxe de dese metal ata se converter, a comezos do século XIX, nunha moeda de cobre.[3][4]

Tálero de convención[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Tálero de convención.
Kreuzers de diferentes estados alemáns do século XIX

En setembro de 1753, o Sacro Imperio acordou adoptar como unidade monetaria de referencia o "tálero de convención" (konventionstaler), unha moeda de prata de 23,39 gramos de peso fino coa que intentaba harmonizar os diferentes táleros que circulaban no seu territorio.[8][9]

Froito desta reforma deuse unha duplicidade do kreuzer: por unha banda estaba o resultante dese acordo (ás veces denominado konventionskreuzer) equivalente a 1/120 do tálero da convención, utilizado en todo o Imperio Austrohúngaro. Pero os estados alemáns do sur adoptaron outro kreuzer máis pequeno (kreuzer landmünze), que viña supor 1/44 do tálero de convención. Na realidade o sistema chegou a ser híbrido, xa que estes estados do sur emitiron moedas con valores de ata 6 kreuzer (landmünze), equivalentes a 5 da convención, en tanto que para as moedas de máis valor utilizaban a denominación en kreuzers da convención.[8]

Desaparición[editar | editar a fonte]

Selo de correos de 3 kreuzer da Confederación de Estados do Norte de Alemaña (1869)

En 1873, logo da unificación de Alemaña e a adopción do sistema decimal para a moeda, o kreuzer desapareceu definitivamente.[4]

Pola contra, o Imperio Austrohúngaro, que adoptou o sistema decimal en 1857, estableceu como unidade un florín con 100 kreuzer. A reforma de 1892 substutíu o kreuzer polo heller como unidade divisionaria, o que supuxo a desaparición do kreuzer nese territorio.[4]

En Suíza, diversos cantóns (Zürich, Lucerna e Soleura) adoptaron tamén o kreuzer, que perdurou ata a introdución do franco como moeda federal en 1850. En Suíza, o kreuzer equivalía á cuarta parte dun batz ou a dous rappen e medio.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Kreuzer". Alfaro Asins, C. et al. (2009).
  2. "Kreuzer". En Amandry. (2001).
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Fadel, L. "Kreuzer (Cruche)". En Dictionnaire historique de la Suisse.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 "Kreuzer". En Münzen Lexikon. Reppa.de.
  5. Tobler, E. (1975-1976).
  6. "Kreuzer". En Deutschen Rechtswörterbuch.
  7. Pfeifer, W. et al. (2005). Etymologisches Wörterbuch des Deutschen. Deutscher Taschenbuch Verlag. Múnic. ISBN 3423325119. Páxina 734
  8. 8,0 8,1 "Konventionsfuß". En Münzen Lexikon. Reppa.de.
  9. "Konventionstaler". En Münzen Lexikon. Reppa.de.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Alfaro Asins, C. et al. (2009). Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid. ISBN 978-84-8181-405-7
  • Amandry. (2001). Dictionnaire de Numismatique. Larousse. París. ISBN 978-2035050762
  • Tobler, E. (1975). "Kreuzerprägungen in der Schweiz". En Helvetische Münzenzeitung. 10. Páxinas 494-497, 529-540
  • Tobler, E. (1976). "Kreuzerprägungen in der Schweiz". En Helvetische Münzenzeitung. 11. Páxinas 1-10, 49-58, 97-109, 147