Saltar ao contido

Cruz de Borgoña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A Cruz de Borgoña.
Distintivo de cola dos avións do Exército do Aire de España.

A Cruz de Borgoña ou Aspa de Borgoña é unha representación da Cruz de Santo André na que os troncos que forman a cruz aparecen cos seus nós nos lugares onde se cortan as ramas.

Este emblema foi incluído nos escudos de armas e nas bandeiras de España, tanto de terra como de mar, desde 1506, época da súa introdución coa Garda borgoñoa de Filipe o Fermoso,[1] até Xoán Carlos I.

A Cruz de Borgoña desapareceu do escudo de armas do rei de España, e do seu estandarte, no reinado de Filipe VI,[2][3] así como nos estandartes, bandeiras, bandeirolas, guións, pendóns e confalóns das Forzas Armadas de España.

Esta cruz tamén é a orixe do símbolo distintivo que marca as colas dos avións do Exército do Aire de España. Varios historiadores aeronáuticos indican que a primeira vez que se pintou a Cruz de Borgoña sobre un aeroplano foi a principios da Guerra Civil española por orde do xeneral Franco sobre un fondo branco, ao tempo que fixo desaparecer a bandeira tricolor da II República, o 8 de agosto de 1936.[4]

Escudo do rei Xoán Carlos I.

Parece ser que a aspa de Borgoña foi o distintivo da facción borgoñoa na Francia da guerra dos Cen Anos, a partir do duque Xoán sen Medo de Borgoña (duque entre 1404 e 1419), xa que Santo André é o patrón de Borgoña.

Foi o rei Filipe I o Fermoso quen, en 1506, tras contraer matrimonio coa raíña Xoana I de Castela, introduciu en España o signo distintivo da casa da súa nai, María de Borgoña.

Como símbolo vexilolóxico, foi o máis utilizado até 1785 nas bandeiras españolas. En terra, esta bandeira, branca coa cruz de Borgoña en vermello, xeralizous con Carlos I[5] e ondeou quizais por primeira vez como insignia española na batalla de Pavia, en 1525 (aínda que as aspas vermellas eran lisas, sen nós, e o exército de Carlos I era máis ben hispano-xermano), e é a máis característica das utilizadas polos terzos españois e rexementos de infantaría do Imperio español durante os séculos XVI, XVII, XVIII e comezos do XIX.

Desde Carlos I, cada compañía tiña a súa propia bandeira, na que a cruz figuraba sobre fondos de moi diversa forma e colorido (nos que ás veces se incluían xeróglifos ou motivos heráldicos do oficial ao mando).

Ao acceder ao trono Filipe II, ordenou que, ademais das bandeiras de cada compañía, cada terzo levase outra en cabeza de cor amarela coas aspas de Borgoña en vermello[Cómpre referencia]. A pesar desta variedade, a cor branca foi a máis utilizada como pano de fondo, sobre todo nas bandeiras coronelas. A este respecto, un decreto de Filipe V dado en 28 de febreiro de 1707 dicía:[6]

E é a miña vontade que cada corpo traia unha bandeira coronela branca coa cruz de Borgoña, segundo o estilo das miñas tropas, á que mandei engadir dous castelos e dous leóns, repartidos en catro brancos, e catro coroas que pechan as puntas das aspas.

Símbolo carlista

[editar | editar a fonte]
Bandeiras dos rexementos españois: Bandeira Coronela co estandarte real que portaba o primeiro batallón, e Bandeira de Ordenanza ou Batallona coa cruz de Borgoña, que portaban o segundo e o terceiro batallón. Se o Rexemento se refundía nun único batallón, superpoñíanse ambas as bandeiras na única. Acompañábanse de catro coroas con catro escudetes da cidade de orixe da unidade. As bandeiras son cadradas, con cada lado de 1,5 m e hastas de 2,5 m (ordenanzas desde 1762).[7]

Posteriormente a 1785, a versión de aspa vermella sobre fondo branco sería tamén a bandeira adoptada polo movemento carlista tras constituírse no século XIX. Na guerra carlista de 1833-1840, a borgoñoa aínda seguía sendo a bandeira do Exército, ou sexa, das forzas regulares liberais (o Exército non adoptou a vermella e amarela até 1843), non sendo empregada polas tropas do bando carlista. Despois da citada unificación de bandeiras en 1843, xurdiu un estandarte militar híbrido cunha pequena aspa borgoñoa na franxa amarela central da vermella e amarela, normalmente debaixo dun escudo redondo coos cuarteis de Castela e León. Contra 1923 ditas aspas borgoñoas das vermello-amarelas do Exército empezaron a gañar en tamaño, superpoñéndose ás franxas vermella superior e inferior (o cal obrigou a recorrer a diferentes matices de vermello).

Aínda que algunhas unidades carlistas si chegaron a utilizar a aspa na Primeira Guerra Carlista de 1833 -cando era só un distintivo das insignias de infantaría, artillaría e enxeñeiros, sen connotacións ideolóxicas aínda-, e na Terceira Guerra Carlista de 1872 probabelmente o sotuer borgoñón só o usaron as forzas gobernamentais, normalmente na franxa amarela das vermello-amarelas, aínda que algunhas unidades mantiveron nas súas bandeiras do modelo anterior á unificación de 1843 (a artillaría e o rexemento "Inmemorial do Rei", que na época da I República (1873-1874) quedou en "Inmemorial" a secas.

A bandeira coa Cruz de Borgoña xunto ás bandeiras de Porto Rico e Estados Unidos no Forte San Cristóbal.

A aspa borgoñoa como emblema político propio carlista foi tardía: foi o 24 de abril de 1935,[8] en época de Manuel Fal Conde,[9] coincidindo coa reorganización do Requeté, por aquel entón un grupo paramilitar clandestino, sendo utilizado posteriormente por rexementos tradicionalistas e requetés carlistas durante a Guerra Civil española dentro do bando nacional.

En mar a fóra, as bandeiras coas aspas de Borgoña empregáronse como bandeiras de proa e como pavillóns da Armada e da Mariña mercante.

En América

[editar | editar a fonte]

Tamén, dende o século XVII, foi o "estandarte vicerreinal" nos vicerreinados da Nova España e se mantivo até os Tratados de Córdoba,[10] asinados o 24 de agosto de 1821 e nos que se recoñeceu a independencia de México.

Durante a guerra da independencia hispanoamericana, os patriotas ecuatorianos da Primeira Xunta de Goberno Autónoma de Quito usaron unha bandeira vermella coa cruz de Borgoña en branco, para indicar a súa oposición á monarquía española. Esta bandeira é coñecida como "bandeira do dez de agosto de 1809".

Hoxe en día moitas bandeiras americanas recordan no seu deseño a Cruz de Borgoña e o seu pasado español como, por exemplo, a bandeira do departamento de Chuquisaca en Bolivia, ou as dos estados estadounidenses de Florida e Alabama.

A bandeira ondea sobre o castelo de San Felipe del Morro e o forte de San Cristóbal en San Juan, Porto Rico.

  1. Barraycoa (2019)
  2. "Armas de Su Majestad el Rey". casareal.es (en castelán). Consultado o 15 de febreiro de 2024. 
  3. Medina Ávila (2005), p. 79
  4. "Cruz de San Andrés". ejercitodelaire.mde.es (en castelán). 25 de decembro de 2009. Archived from the original on 25 de decembro de 2009. Consultado o 15 de febreiro de 2024. 
  5. Box (2014), p. 11
  6. Fernández Duro (1888), p. 101
  7. Scattolin, Roberto A. (abril de 2006). "An Analysis of Shared Values: Spain 1808". www.napoleon-series.org (en inglés). Consultado o 15 de febreiro de 2024. 
  8. "La Cruz de Borgoña, primera bandera de España". carlismo.es (en castelán). 18 de decembro de 2006. Consultado o 15 de febreiro de 2024. 
  9. Box (2014), p. 11
  10. García Murillo e Ernesto Soto Páez (2003), p. 156
  11. Serrador y Aniño (1993), p. 50
  12. Mayor Oreja, Jaime (2004). Tiempo de hoy (en castelán). Ediciones Tiempo, S.A. p. 22. 
  13. Menéndez Pidal de Navascués (2004), p. 261
  14. Martorell (2001), p. 250

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Barraycoa, Javier (2019). Eso no estaba en mi libro de historia del Carlismo (epub) (en castelán). Córdoba: Editorial Almuzara. ISBN 978-84-17954-07-9. 
  • Box, Zira (2014). "Símbolos eternos de España. El proceso de institucionalización de la banderay el himno en el franquismo". En Michonneau, Stéphane; Núñez Seixas, Xosé Manoel. Imaginarios y representaciones de España durante el franquismo (en castelán). Madrid: Casa de Velázquez. pp. 7–23. ISBN 9788490961468 |isbn= incorrecto: checksum (Axuda). 
  • Fernández Duro, Cesáreo (1888). Tradiciones infundadas (en castelán). Madrid: Establecemento tipográfico "Sucesores de Ribadeneyra". 
  • García Murillo, Sofía; Soto Páez, Ernesto (2005). En un día como hoy--: efemérides de la historia de México (en castelán). México: Quarzo Editorial. ISBN 970-732-048-6. 
  • Martorell, Miguel (2001). Historia de la peseta: la España contemporánea a través de su moneda (en castelán). Barcelona: Planeta. ISBN 978-84-08-04087-3. 
  • Medina Ávila, Carlos J. (2005). La institución militar ceremonial, protocolo y símbolos (en castelán). Madrid: Ministerio de Defensa, Subdirección General de Documentación y Publicaciones. ISBN 84-9781-209-3. 
  • Menéndez Pidal de Navascués, Faustino (2004). El escudo de España (en castelán). Faustino Menéndez Pidal Ed. ISBN 978-84-88833-02-0. 
  • Serrador y Aniño, Ricardo (1993). Pendón de la banda. Pendón de la divisa real de Castilla. Guión del rey (en castelán). Madrid: Real Academia Matritense de Heráldica y Genealogía. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]