Jesús Martínez Rivadeneira
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 7 de decembro de 1947 (76 anos) Cangas, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 1967 - 1992 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nacionalidade deportiva | España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Defensa | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Jesús Martínez Rivadeneira, nado o 7 de decembro de 1947 en Cangas de Foz, é un exfutbolista galego-arxentino. Criado na Arxentina, regresou a España en 1968 e militou durante dez anos no Valencia, co que gañou a liga na tempada 1970/71. Xogaba de defensa e foi internacional coa selección española.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Orixes
[editar | editar a fonte]Naceu en Cangas de Foz, sendo fillo de Jesús Martínez Hermida e Francisca Rivadeneira. Aos dous anos de idade, e aínda que a familia rexentaba un bar en Nois, emigrou con seus pais e os seus dous irmáns máis vellos, Gloria e Ramón, á Arxentina, país ao que emigrara tamén boa parte da famiia paterna.[1][2]
Racing de Avellaneda
[editar | editar a fonte]Comezou a xogar ao fútbol na canteira do Club Atlético Mar del Plata, e debutou profesionalmente en 1967 no Racing de Avellaneda, un dos mellores clubs do mundo naquel momento, que viña de proclamarse campión da Copa Libertadores e da Copa Intercontinental. Militou no club de Avellaneda só ata 1968.[3] En agosto dese ano gañou o Trofeo Costa del Sol en Málaga, onde o viu xogar Héctor Núñez, que xestionou a súa fichaxe polo Valencia como recambio para Manolo Mestre, que xa daba síntomas de esgotamento.[4][3]
Valencia
[editar | editar a fonte]Debutou coa camiseta do Valencia nun partido amigable contra o Huracán arxentino.[5] O seu primeiro partido oficial foi na primeira xornada da tempada 1968/69 da Primeira División, contra o Pontevedra en Pasarón. Disputou 22 encontros esa tempada, tendo como adestrador primeiro a Mundo e máis tarde a Joseíto, e marcou o seu primeiro gol contra a Real Sociedad en Mestalla. Durante a seguinte tempada non puido disputar ningún partido, xa que tivo que realizar o servizo militar no Aaiún, pertencente por aquel entón ao Sáhara Español.[1][4]
Na tempada 1970/71, con Alfredo Di Stéfano, proclamouse campión de liga e xogou a final da Copa do Xeneralísimo contra o FC Barcelona no Santiago Bernabéu.[6] Na tempada 1971/72 debutou na Copa de Europa, nun partido contra o Union Luxembourg, e acadou os oitavos de final, onde foi eliminado polo Újpesti Dózsa. Xogou 10 tempadas no Valencia, sumando 232 partidos oficiais e 3 goles.
Últimos anos como futbolista
[editar | editar a fonte]En 1978 fichou polo Levante, co que disputou a primeira edición da Segunda División B, logrando o ascenso a Segunda. En 1979 regresou á Arxentina e formou parte do equipo de Kimberley de Mar del Plata no Torneo Nacional de 1979 que logrou unha vitoria histórica por 2-1 ante o River Plate, finalmente campión do torneo, (partido no que foi expulsado no minuto 77 por unha forte falta ao campión do mundo Beto Alonso). Máis tarde formou parte das filas de Huracán, Quilmes (co que foi subcampión da Primeira División en 1982), Banfield, Colón de Santa Fe, Almagro e Defensores de Belgrano. Colgou as botas en 1992, aos 45 anos de idade.[2]
Selección nacional
[editar | editar a fonte]En 1972 foi convocado por Kubala para disputar coa selección española un partido contra Grecia en Tesalónica, pero caeu lesionado tres días antes nun partido de liga contra o Deportivo da Coruña en Riazor.[1][7] Finalmente debutou coa selección un ano e medio despois, nun partido de clasificación para o Mundial de 1974, contra Iugoslavia no estadio Maksimir de Zagreb. Formou na defensa daquel encontro xunto con Sol e Uría, pero lesionouse á media hora de xogo, sendo substituído por Javier Irureta.[8] Disputou outros tres encontros coa selección ata 1974, contra Iugoslavia de novo, Alemaña do Oeste e Dinamarca.
Trala retirada
[editar | editar a fonte]Despois da súa retirada do fútbol instalouse en Valencia. En 1994 o presidente do Valencia, o seu cuñado Francisco Roig, nomeouno secretario técnico, posto que ocupou durante tres anos, xestionando fichaxes como as de Mazinho, Carboni ou Claudio López.[3] Máis tarde pasou a dedicarse á representación de futbolistas e adestradores, e foi o responsable da chegada a España de Manuel Pellegrini, técnico do que foi axente durante toda a súa traxectoria no país.[4][2]
Palmarés
[editar | editar a fonte]- Valencia
- Primeira División de España (1): 1970/71.
- Levante
- Segunda División B (1): 1978/79.
- Defensores de Belgrano
- Cuarta División da Arxentina (1): 1991/92.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 De Cora, José (7 de decembro de 2020). "Jesús Martínez Rivadeneira". El Progreso (en castelán). Consultado o 17 de xaneiro de 2022.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Fernández, Martín (5 de abril de 2020). "Jesús Martínez, emigrante de Cangas, único mariñano que jugó en la selección española". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 17 de xaneiro de 2022.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 "Ficha de Jesús Martínez". ciberche.net (en castelán). Consultado o 18 de xaneiro de 2022.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Ros, Cayetano (10 de setembro de 2020). "Jesús Martínez: «Paco Roig fuma bajo del agua»" (en castelán). Consultado o 17 de xaneiro de 2022.
- ↑ "Valencia 2-1 Huracán 1968". ciberche.net (en castelán). Consultado o 18 de xaneiro de 2022.
- ↑ Lloret, Paco (4 de xullo de 2020). "Una temporada interminable y una final tardía para el Valencia" (en castelán). Consultado o 17 de xaneiro de 2022.
- ↑ "Sorprendio el Deportivo que arrollo al Valencia". El Pueblo Gallego (en castelán) (17769). 11 de abril de 1972. p. 11. Consultado o 18 de xaneiro de 2022.
- ↑ "España, un equipo". El Pueblo Gallego (en castelán) (18239). 23 de outubro de 1973. p. 13. Consultado o 18 de xaneiro de 2022.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Datos do xogador en BDFutbol (en castelán).
- Datos do xogador Arquivado 18 de xaneiro de 2022 en Wayback Machine. no sitio web oficial da selección española (en castelán).
- Nados en 1947
- Nados en Foz
- Futbolistas de Foz
- Defensas de fútbol
- Xogadores do Racing Club de Avellaneda
- Xogadores do Valencia CF
- Xogadores do Levante UD
- Xogadores do CA Huracán
- Xogadores do Quilmes Atlético Club
- Xogadores do CA Banfield
- Xogadores do CA Colón de Santa Fe
- Xogadores do Club Almagro
- Xogadores do CA Defensores de Belgrano
- Xogadores da selección de fútbol de España