Irlanda celta
Irlanda celta ou Irlanda gaélica corresponde á orde política establecida na illa de Irlanda ata a conclusión da reconquista Tudor de Irlanda. Durante a maior parte deste período, Irlanda foi un mosaico de clans e tribos organizados en torno a catro provincias históricas e que competían continuamente polo control do territorio e os recursos.
A finais do século XII produciuse a coñecida invasión normanda, que situaría a unha parte importante da illa baixo o control da nobreza cambro-normanda. Esta área controlada polos invasores recibiría o nome de Señorío de Irlanda. Porén, durante os séculos seguintes, a Irlanda gaélica recuperaría terreo, ben mediante a conquista, ben mediante a asimilación cultural dos acabados de chegar. A finais do século XV, unicamente unha pequena franxa de terreo en torno a Dublín (coñecida como "Pale") quedaba fóra da influencia gaélica.[1]
Porén, o acceso ó poder da dinastía Tudor en Inglaterra provocaría unha serie de campañas militares para someter a resistencia da nobreza gaélica. En 1541, o Señorío de Irlanda transformouse no Reino de Irlanda, cuxa coroa recaía no rei de Inglaterra e a posterior "Fuga dos Condes" en 1607, significaría a fin da reconquista Tudor da illa e da Irlanda celta propiamente dita.
Estrutura política
[editar | editar a fonte]A orde gaélica estaba formado por un mosaico de reinos que competían polos recursos e polo territorio: expandíanse ou contraíanse segundo a capacidade dos seus gobernantes.[2] A partir do século VII todos estes estados pasaron a estar nomealmente baixo o mando dun Rei Supremo; porén, até o século XI con Brian Boru, este título de Rei Supremo non supoñía ningún poder efectivo ó estilo dos reis da Europa continental. A partir de Boru, a loita polo título de Ard-Rí reduciuse a un fato de familias (O'Brien de Munster, McLochlainn do Cenél nEógain, O'Connor de Connacht). En véspera da invasión normanda de 1169, o proceso de organización territorial estaba practicamente desaparecido e os antigos reinos e subreinos provinciais transformáranse en feudos.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Irlanda do Norte — Unha curta historia" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 10 de novembro de 2012. Consultado o 23 de outubro de 2012.
- ↑ Lei e Xustiza na Sociedade Celta Irlandesa. Extraído do Libro “For a New Liberty” de Murray Rothbard. Capítulo 12 Sobre o Sector Público: a policía, as leis e as cortes. Para Rothbard nesta sociedade había cortes e leis libertarias, que funcionaban dentro dunha sociedade sen goberno, é dicir presentaba trazos dunha anarquía. Os clans ou tuath eran as unidades políticas básicas e formábanse de persoas unidas voluntariamente para propósitos sociais beneficiosos e a suma total dos terreos dos seus membros constituía a súa dimensión xeográfica, é dicir, soamente abarcaban os territorios propios dos seus membros voluntarios.