Ieti

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Recreación dun Ieti.
Este artigo amosa escritos tibetanos. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.

O Ieti, Yeti (do tibetano གཡའ་དྲེད, yeh-teh) ou Abominábel Home das Neves ou segundo os lamas do Himalaia Migu, é o nome que se dá a unha criatura mítica (un críptido) que supostamente vive nas zonas boscosas da rexión do Himalaia, e que se interpreta como un simio xigante bípede emparentado co Pé Grande norteamericano (bigfoot ou sasquatch, outra criatura misteriosa, que viviría nos Estados Unidos ou no Canadá).

Segundo a lenda os ietis serían descendentes dun rei mono que casou cunha ogra. Pero até hoxe, ninguén conseguiu unha proba da súa existencia, contándose só con moitos relatos que o describen. O rexistro visual máis famoso ocorreu co explorador Anthony Wooldridge en 1986. El estaba acampado nas montañas do norte da India, e vería o ieti a algúns metros do campamento. Segundo el, o ieti permanecería inmóbil durante 45 minutos. Despois de que o lugar fora examinado, descubriuse que o ieti avistado non era máis que unha pedra coberta de neve. Anthony Wooldridge admitiu que se enganara.

O goberno de Nepal declarou oficialmente, en 1961, que o ieti existe. [1]

Segundo se di, mide 2 metros de altura, como o seu parente o bigfoot, e tamén se relatou que posúe o mesmo cheiro fétido, característicos das criaturas citadas en varias civilizacións, como o mapinguari, na Amazonia, o sasquach, no Canadá, o bigfoot nos Estados Unidos, Skunk Ape en Florida e o rang Pendek, en Indonesia; todos eles teñen existencia non confirmada.

Investigacións[editar | editar a fonte]

Os que cren na súa existencia considérano un parente distante do orangután e descendente do Ramapithecus que habitou na cordilleira do Himalaia hai millóns de anos; e que polas características que presentaría, posibelmente estea emparentado co Pé Grande e o Wendigo. Porén, non existen probas concluíntes da existencia deste primate. Incluso outras investigacións relacionan ao ieti cos osos.

Segundo outros autores, como o paleontólogo Juan Luis Arsuaga, os primates en xeral e os simios en particular só viven en lugares onde existen froitas todo o ano, é dicir, nas zonas tropicais. Ademais, tampouco hai primates nas estepas, nin nos piñeirais mediterráneos, nin nos bosques de coníferas.[2]

En 1936, o xeólogo suízo Augusto Gansser efectuou unha viaxe de exploración durante 8 meses ao Garhwal, entre o Nanga Parbat e o Everest, no corazón do Himalaia. Tivo entón noticia deste ser, mítico ou real: o ieti.

En abril de 1942, Slavomir Rawicz, polaco prisioneiro dos rusos que fixo o camiño cara á India setentrional despois de evadirse do gulag siberiano, dezaoito meses máis tarde, cando cruzaba algunha parte da fronteira do Tíbet e o Sikkim viu dúas criaturas cuxa silueta recordaba "a un oso ou a un deses grandes simios do tipo do orangutan". Esta información apareceu nun relato controvertido (que serviu, en parte, para escribir o guión da película de Peter Weir (2010) The way back) e cuxa versión francesa foi publicada en 1957. [3]

Se o ieti xa foi mencionado en Europa desde o século XIX, foron as fotos de supostas pegadas traídas pola expedición Shipton ao Everest, en 1951 as que o revelaron ao público xeral occidental.

En 1973 o montañeiro, xornalista e avogado español César Pérez de Tudela afirmou ter avistado, na baixada do Annapurna, o ieti.[4]

En marzo de 1976, a 5.300 metros de altitude, no Rolwaling (Himalaia do Nepal), René de Milleville fotografou unha pegada de pasos na neve moi nidios. Tería a ocasión de comunicar numerosos relatos de aldeáns nepalís testemuñando ter visto o ieti. Daquela, René de Milleville puxo a disposición do Museo nacional de historie natural de París cabeleiras atribuídas ao ieti. Michel Tranier estudou estes pelos e considerou que pertencían a "un primate rubio próximo ao orangután", pero distinto deste último.

En xullo de 1986, nun val perdido do Himalaia, Reinhold Messner ve por premeira vez unha criatura impactante que lle recorda os relatos dos sherpas sobre o ieti [5].

O Dhaulagiri, onde explorou o grupo xaponés de Yoshiteru Takashi.

En 1997, como outros occidentais antes deles, dous aventureiros franceses, Alexandre Poussin e Sylvain Tesson, descubriron, franqueando o Bobang pass na Caxemira india, misteriosas pegadas na neve que non serían, segundo eles, nin as dun home, nin as dun oso. [6].

En 2008 un grupo de investigación xaponés encabezado polo científico Yoshiteru Takashi, líder do proxecto ieti nipón, percorreu durante 42 días a rexión da alta montaña Dhaulagiri IV, deixando constancia de que fotografaron presuntas pegadas duns 45 cm de lonxitude do misterioso primate.

Takashi asegura que volverá a Nepal e ao Tíbet durante os próximos anos e non deixará o proxecto até que o seu grupo obteña probas fidedignas da existencia do ser lendario máis buscado do planeta. [7].

En 2013, un grupo de científicos das universidades de Oxford e de Lausana fixeron un chamamento a aquelas persoas que dicían ter restos destas criaturas. Fíxose unha análise do ADN mitocondrial do xene 12S RNA en mostras de pelo dun animal descoñecido procedentes de Ladakh no norte da India ao oeste do Himalaia e doutras procedentes de Bután. Estas mostras foron comparadas coas que hai no GenBank, a base de datos de secuencias xenéticas do NIH (Instituto Nacional de Saúde) dos EUA, e coincidiron cunha mostra dunha mandíbula dun antigo oso polar atopado en Svalbard, Noruega, que tiña unha antigüidade de entre 40.000 a 120.000 anos.[8] O resultado suxire que, desbotando falsificacións de mostras ou contaminación das mesmas, os osos desas rexións poden ser o chamado ieti. [9] O profesor de xenética evolutiva da Universidade de Cambridge Bill Amos dubidaba que as mostras fosen dun oso polar do Himalaia, pero estaba “convencido nun 90% de que hai un oso naquelas rexións que se confunde cun ieti”. O profesor Bryan Sykes, cuxo equipo realizou a análise das mostras na Universidade de Oxford ten a súa propia teoría. El cre que as mostras poden proceder dunha especie híbrida de oso procedente dun cruzamento entre oso pardo e oso polar. Sykes dixo na BBC:

Creo que este oso, que ninguén viu vivo, pode seguir estando alí e pode ter bastante de oso polar. Pode ser algún tipo de híbrido e o seu comportamento é diferente do dos osos normais, que é o que as testemuñas contan, penso que esta pode ser a fonte do misterio e da lenda.


Características e variantes rexionais[editar | editar a fonte]

O ieti sería un primate veludo, cunha cara que recordaría á dun home. A súa estatura sería de entre 1,50 a 3,75 metros. A súa marcha bipede asemellaríase más á dun úrsido que á dun primate. Isto está en contradición co feito de que as pegadas supostas puideron seguirse ao longo de grandes distancias; un oso non pode, en efecto, marchar de pé máis que algúns metros.

A existencia de seres simiescos lendarios está referenciada en numerosas rexións do mundo:

Interpretacións[editar | editar a fonte]

Para a maior parte dos científicos, antropólogos ou sociólogos, o ieti é unha criatura lendaria relevante da mitoloxía dos grupos humanos do Himalaia. Os argumentos contra a súa existencia real, como da maior parte dos outros críptidos, son numerosos:

  • ausencia de fósiles ou de cadáveres de individuos susceptíbeis de estudarse cientificamente,
  • imposibilidade de que unha poboación vivente se manteña no curso do tempo con menos de 200 ou 500 individuos (e en consecuencia pasar case sen percibir, incluso polas expedicións que se fixeron na súa busca),
  • lixeireza da maior parte das testemuñas e das observacións, ao tempo que a autenticidade de certas probas foi contestada [11],
  • coherencia entre as descricións e os mitos ligados aos homes salvaxes que parecen constituír un tema universal entre as sociedades humanas das montañas (cf. Almasty, Basajaun etc.)[12].

As hipóteses concernentes á orixe e a natureza do ieti son numerosas. Unha delas faino descender dun gran simio que se achou na China do sur no Plistoceno, o xigantopiteco. Outros relaciónano con primates fósiles da India ou co orangután, e algúns co home de Neandertal.

Segundo Bernard Heuvelmans, doutor en zooloxía da Universidade libre de Bruxelas, as tradicións que xiran o redor do home das neves poderían levar a tres tipos de primates cuxas áreas de distribución superpóñense ás veces.

Fóra das numerosas testemuñas, os principais indicios que parecen acreditar a tese da existencia do ieti son as pegadas de pasos característicos na neve, excrementos nos que o estudo parasitolóxico revelaría a presenza de especies de Parasitos intestinais aída descoñecidos e pelos dos que o estudo por un científico do Museo nacional de historia natural de Francia parecen indicar que proveñen dun primate próximo ao orangután.

Certos criptozoólogos como Richard D. Nolane pensan que o xigantopiteco sería verosibelmente o ancestro probábel do ieti e do Bigfoot, o equivalente norteamericano do ieti: o xigantopiteco atravesaría o estreito de Bering para alcanzar o continente americano [13] .

Segundo estas crenzas, existirían en Asia tres especies de ietis. Unha destas especies correspondería aos "homes salvaxes" (principalmente en China). Segundo Bernard Heuvelmans e Boris Porchnev, trataríase de homes de Neandertal que terían sobrevivido ou, segundo outros autoures, serían representantes da especie Homo erectus ou Homo sapiens que evolucionaría paralelemente á nosa especie [14]. Este problema aproximaríase ao estudo de Marie-Jeanne Koffman sobre o Almasty do Cáucaso.

Supostas reliquias do ieti nos mosteiros budistas[editar | editar a fonte]

Suposto coiro cabeludo dun ieti, no mosteiro de Khumjung, en Nepal.

Nalgúns mosteiros de Nepal consérvanse restos supostamente pertencentes ao ieti, pero que posteriormente se demostrou que son dun tipo de cabra local. Por outra banda é moi dubidosa a existencia de simios de semellante tamaño.

Nos mosteiros budistas de Khumjung, Pangboche e Namché Bazam, en Nepal, dise que conservan como reliquias os coiros cabeludos ou escalpos de ietis (ademais dunha suposta man incorrupta no de Pangboche). En 1961, tras un estudo efectuado da cabeleira de Khumjung, deuse a coñecer que pertencía a outra especie de animal, un parente do rebezo, o serau do Himalaia, Capricornis thar, e non a un primate descoñecido. O obxecto en cuestión, é un tipo de carapucha que adoitan utilizar os monxes nas súa danzas rituais. A dos outros mosteiros estaban confeccionadas do mesmo xeito. Estes artiluxios venéranse e son considerados como auténticas reliquias polos monxes do mosteiro porque son antigos (teñen máis de trescentos anos).

O Chuchuna[editar | editar a fonte]

O chuchuna é a versión rusa do ieti. Habitaría supostamente no frío eterno de Siberia e, o mesmo que o ieti e o Pé Grande, dise que sería moi difícil de ver.

S. Nikolayev (membro directivo da Academia Yakutiense) propuxo como explicación que os chuchunas serían uns dos últimos superviventes dos aborixes paleoasiáticos siberianos, que buscaron refuxio nas rexións máis inaccesíbeis dos ríos Yana e Indigirka.

Cultura popular[editar | editar a fonte]

  • En Tintín no Tíbet, o ieti fai a súa máis célebre aparición na banda deseñada. O abominábel home das neves descríbese alí como unha criatura capaz de ter sentimentos.
  • Na banda deseñada Mandrake o mago, o heroe estuda os ietis no Nepal. Descobre que estas criatures son extraterrestres con aparencia humana, transformados, que viñeran á Terra hai milenios e secretemente axudan á humanidade a progresar. O tema dos ietis extraterrestres encóntrase en bandas deseñadas de ciencia ficción.
  • A obra fantástica de Howard Phillips Lovecraft evoca criaturas malfeitoras denominadas Mi-go ou Abominábeis homes das neves, agochadas nos xeos e nas rochas do Himalaia (especialmente en 1930 na novela Os que moumean nas tebras).
  • En Blondin e Cirage descobren os pratos voadores de Jijé (1955), os dous heroes descobren que os ietis son unha especie evolucionada que viven escondidos no Tíbet e viaxan en pratos voadores.
  • En Himalaia (1992) do novelista inglés Nicholas Luard, Iona, unha pequena inglesa de 12 anos, perdida no curso dunha expedición ao Nepal, é recollida por un ieti e vive catro meses entre o seu pobo, alimentada e protexida antes de volver entre os humanos.
  • O Ieti é tamén o popular heroe dos xogos Ietisports, creado por Chris Hilgert. Entre eles: o lanzador de pingüíns, o golf pingüín, a carreira de surf contra dos pingüíns...
  • A palabra "ieti" encóntrase tamén no segundo álbum de Amon Duul II como título principal da obra e en dúas cancións: Yeti (improvisación de 18 minutos) e Yeti talks to yogi (improvisación de 6 minutos).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. [http://www.istoe.com.br/reportagens/10732_MAIS+UM+PASSO+DO+ABOMINAVEL+HOMEM+DAS+NEVES?pathImagens=&path=&actualArea=internalPage.
  2. Jacques Malaterre, La odisea de la especie - serie documental, France 3, RTBF, París, 2002, Depósito legal en España M-40886-2003
  3. Rawicz, Slavomir (1957). À marche forcée, Les Éditions Albin Michel, p.291-303.
  4. «¿El Yeti sigue existiendo?». Blog oficial de Cesar Pérez de Tudela (en español). 
  5. Reinhold Messner : Yeti – Legende und Wirklichkeit. Frankfurt, S. Fischer, 1998, ISBN 3-596-14737-9.
  6. La marche dans le ciel: 5000 km à pied à travers l'Himalaya (1998), Alexandre Poussin et Sylvain Tesson, éditions Robert Laffont, pages 229 et 230.
  7. Des Japonais affirment avoir trouvé des empreintes du yéti dans l'Himalaya
  8. «British scientist 'solves' mystery of Himalayan yetis». BBC. Consultado o 17 de outubro de 2013. 
  9. Alok Jha (17 de outubro de 2013). «Has DNA really solved the mystery of the yeti?». Guardian. 
  10. AFP 27 juillet 2008
  11. Sasquatch (et autres géants velus mythiques)
  12. nome="Demoule">Demoule, J.-P. (1992) - « Sciences de l'Homme : le retour de l'irrationnel ? », La Recherche, número=246, volume=23, pp. 1036-1040.
  13. Richard D. Nolane, Sur les traces du yéti et autres créatures clandestines, Collection Plein Sud, 1998.
  14. Jean Roche, Sauvages et velus, éditions Exergue, 2000.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]