Hadrián

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Hadrao»)

Hadrián é un antropónimo galego masculino. Variedades recoñecidas do nome son Hadriano, Hadrán e Hadrao (ou Adrián, Adriano, Adrán e Adrao se non conservan o H orixinario). As variantes rematadas en -ano e con -i- son máis cultas, mentres que as variantes sen -i- son máis evolucionadas. A forma feminina é Hadriana ou Adriana. Procede do latín Hadrianus, sobrenome da estirpe romana do emperador Hadriano[1], derivado á súa vez do topónimo Adria ou de Atri ou Hatria que á súa vez podería ter a súa orixe no etrusco ou podería estar tamén ligada a un Ariainn das linguas célticas (divindade relacionada co pastoreo e a agricultura). Adrián foi o antropónimo máis usado para nomear os meniños galegos na derradeira década do século XX[2].

Outras linguas[editar | editar a fonte]

As variantes gráficas para escribir as versións deste nome noutras linguas son as seguintes:

  • alemán: Adrian, Adria, Adriaan, Adrijan, Adriaen, Adrián, Adriano, Adrien, Andrigan, Arian, Hadrian, Jadran
  • catalán: Adrià
  • castelán: Adrián, Adriano (papas e emperador)
  • checo: Hadrián, Adrián
  • francés: Adrien (papas), Hadrian (emperador), ás veces mesmo Arien, Adryen, Adrian, Hadrien
  • inglés: Adrian, Adrien, Hadrian (papas e emperador), Ade [ás veces úsase a grafía francesa Adrien (como en Adrien Brody), pero en todo caso sempre se pronuncia con ditongo inicial]
  • italiano: Adriano, Adreano, Adrio
  • neerlandés: Adriaan, Adriaen, Adrianus, Aad, Aarjen, Aat, Ad, Adri, Adrie, Aerjen, Arian, Ari, Ariaan, Arie, Arius, Arjan, Arjen, Erjen, Hadriaan, Hadrianus, Janus, Jari
  • polaco: Adrian
  • portugués: Adriano, Adrião
  • romanés: Adrian, Adi

Personaxes[editar | editar a fonte]

Relixión[editar | editar a fonte]

Aristocracia[editar | editar a fonte]

  • Hadriano: tamén coñecido coma "Publio Elio Hadriano"; emperador de Roma dende 117 ó 138.

Outros[editar | editar a fonte]

Hadrián na cultura galega[editar | editar a fonte]

Na toponimia[editar | editar a fonte]

Concellos en que se encontran parroquias coa advocación de Santo Adrián
Concellos en que se encontran parroquias coa advocación de Santo Adrán
Concellos en que se encontran parroquias coa advocación de Santo Adrao
Distribución conxunta dos concellos en que se encontran parroquias coa advocación de Hadrián en tódalas súas variantes gráficas

Segundo o nomenclátor de Galicia oficial da Xunta, en Galiza hai 15 parroquias consagradas a este santo, aínda que ningunha delas escrita con hache:

Tamén existen os lugares de Santo Adrián (A Pobra do Brollón e O Saviñao), Santo Adrián de Castro (Zas), Adrán (A Laracha, Ordes e Teo), Santadrao (Castroverde, A Pastoriza e Riotorto), Santo Adrao (Vilalba), Santadriao (Pantón) e Santradán (Cobres, Vilaboa).

Á xeografía física corresponde o cabo de Santo Hadrián, en Malpica.

Na literatura[editar | editar a fonte]

Na literatura galega cómpre destacar o influxo deste antropónimo en Otero Pedrayo. Nado un 5 de marzo, puxo este nome a tres personaxes dos seus libros: Adrián Solovio (Arredor de si), Adrián Silva (La vocación de Adrián Silva), e Adrián Soutelo (o tío de Paio, n' Os camiños da vida). Outros personaxes literarios deste nome son Adrián Novoa (Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz) e Adrián Seivane (Baixo mínimos, de Diego Ameixeiras).

Na cultura tradicional[editar | editar a fonte]

Na cultura popular galega hai unha lenda, un refrán e unha cantiga vencellados a Santo Hadrián. A lenda di como segue:

En Corme existe a Pedra da Serpe, que conserva a figura dunha serpe alada. A súa autoría é discutida, pero asóciase aos cultos precristianos ás serpes, relacionado coa chegada dos celtas, que tiñan como símbolo heráldico a serpe. Segundo a lenda, cando San Hadrián andaba predicando pola zona, esta era inhabitable debido a unha praga de serpes. Porén, o santo golpeou o chan co pé e todas foron refuxiarse baixo a pedra, quedando unha delas petrificada en sinal deste feito. Como símbolo da cristianización deste lugar púxoselle unha cruz enriba.

O refrán é: Día de san Adrián, sécalle a primeira raíz ó pan.

A cantiga, con dúas variantes, é:

  • Meu siñor San Adrián/é un santo milagroso/pedínlle un mozo bonito/doume un barbas de raposo.
  • Meu señor San Adrián/é un santo moi milagreiro/pedinlle un home bonito/doume un cara de carneiro.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Dicionario dos nomes galegos. Ir Indo, 1992, páxina 102
  2. "Nomes da poboación". www.ige.eu. Arquivado dende o orixinal o 14 de febreiro de 2022. Consultado o 2022-02-14. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]