Cartas de inverno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa

Cartas de inverno
Autor/a Agustín Fernández Paz
Cuberta Manuel G. Vicente
Lingua galego
Colección Fóra de Xogo (nº 6)
Xénero(s) literatura xuvenil
Editorial Edicións Xerais
Data de pub. maio 1995
Formato 13 x 21 cm.
edición rústica cosida a fío
Páxinas 152
ISBN 978-84-9782-543-6

Cartas de inverno é un libro de Agustín Fernández Paz publicado en 1995 por Edicións Xerais. Nese mesmo ano gañou o Premio Rañolas de literatura infantil e xuvenil. En 2016 saíu do prelo a 35ª edición tras acadar a cifra de máis de 100 000 exemplares vendidos, fito que só acadou na ficción galega outra novela, Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas.[1]

Trama[editar | editar a fonte]

O escritor Xabier Louzao regresa a Santiago de Compostela logo de varios meses en Quebec. Marchara sen avisar ao seu amigo o pintor Adrián Novoa, e á volta atopa oito cartas deste, datadas entre outubro de 1993 e abril de 1994.

Nelas o pintor infórmao de que mercou unha casa de indianos na parroquia de Doroña (concello de Vilarmaior), e que está encantada. Vai contando o proceso de adquisición e restauración, e finalmente os sucesos inexplicables que teñen lugar desde que se muda a ela.

Ao comezo toma os sucesos como brincadeiras: chamadas telefónicas sen sons intelixibles e mensaxes no fax. Pero todo se complica coa aparición dun libro de gravados. Nel aparece un gravado sen título, cunha rapaza mirando pola fiestra. Pero sorprendentemente a imaxe vai mudando, e nun momento dado aparece na parede do gravado o texto "Socorro, Adrián". El comeza a ter medo, e descubre que a habitación do gravado é un cuarto da propia casa que foi tapiado. Rompe o tabique, e descubre no chan do cuarto un acceso a unha cripta, cunha porta de ferro coa imaxe do labirinto do petróglifo de Mogor. Detrás dela hai un ser estraño, inhumano e malvado.

Cando Xabier le todo iso decide ir a xunto seu amigo a axudalo, e desde a casa manda un paquete coas cartas anteriores, fotos do gravado e cunha carta propia á súa irmá, para que avise á policía se non dá noticias en breve.

A irmá (e así comeza a acción no libro) le o texto antes de tempo e avisa a un comisario coñecido, pero poucas horas antes de chegaren á casa, esta ardeu, desaparecendo tanto Adrián coma Xabier.

O comisario desenténdese do caso, pero a irmá segue investigando. Malia que non atopa a porta de ferro que dá acceso á cripta, préndelle lume ao libro dos gravados no lugar que debería estar, e o chan de cemento rompe, dando a entender así que se rompe o maleficio.

Estilo[editar | editar a fonte]

A narración iníciase cun narrador omnisciente falando da irmá de Xabier. Despois vai o texto da carta do propio Xabier, e logo as cartas de Adrián. Séguelle outro texto de Xabier, a narración en primeira persoa da irmá, e finalmente remata o narrador omnisciente.

O texto inclúe elementos da novela de terror do estilo de Edgar Allan Poe ou H.P. Lovecraft (ao que fai mención explícita), con cronotopos como casas antigas encantadas ou seres estraños. Tamén inclúe elementos propios da cultura galega: ademais de falar da arquitectura románica, do castelo de Andrade e de petróglifos, fala de mitos coma a Santa Compaña.

Traducións[editar | editar a fonte]

  • Ao catalán por Josep Franco Martínez co título de Cartes d'hivern publicado en 1997 pola Editorial Bromera, Col. L[2].
  • Ao éuscaro por Jerardo Elortza co título de Neguko gutunak publicado en 1997 por Euskal Liburu eta Kantuen Argitaldaria [3].
  • Ao portugués por Francisco Alba Liñares co título de Cartas de inverno publicado en 1998 por Contemporânea Editora[4]
  • Ao castelán por Rafael Chacón Calvar co título de Cartas de invierno publicado en 1998 por Editorial SM, Col. El navegante[5].
  • Ao bretón por Mark Kerrain co título de Tasmant en ti publicado en 2013 por Sav-Heol[6].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. C., R. (25 de novembro de 2016). "'Cartas de inverno', de Fernández Paz, chega aos 100.000 exemplares cunha edición especial". Sermos Galiza. Consultado o 26 de novembro de 2016. 
  2. Ficha en BiTraGa.
  3. Ficha en BiTraGa.
  4. Ficha en BiTraGa.
  5. Ficha en BiTraGa.
  6. Ficha en BiTraGa.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]