Gerhard Schröder

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Gerhard Schröder
Gerhard Schröder

27 de outubro de 1998 – 22 de novembro de 2005
Precedido por Helmut Kohl
Sucedido por Angela Merkel

Datos persoais
Nacemento 7 de abril de 1944 (77 anos)
Alemaña Mossenberg-Wöhren, Renania do Norte-Westfalia, Alemaña
Partido SPD
Profesión Avogado, político
Alma máter Universidade de Göttingen
Relixión Igrexa Evanxélica en Alemaña

Gerhard Fritz Kurt Schröder, nado en Mossenberg-Wöhren (Renania do Norte-Westfalia) o 7 de abril de 1944, é un avogado e político alemán, pertencente ao Partido Socialdemócrata Alemán (Sozialdemokratische Partei Deutschlands, SPD). Foi o chanceler do seu país dende o 27 de outubro de 1998 ata o 22 de novembro de 2005. Actualmente é presidente da xunta directiva de Nord Stream AG, despois de ser contratado como xerente global do banco de investimentos Rothschild.

Infancia e mocidade[editar | editar a fonte]

Naceu en Mossenberg (Renania do Norte-Westfalia) en 1944, fillo de Fritz e Erika Schröder. O seu pai non o chegou a coñecer pois era soldado da Wehrmacht e faleceu en Romanía cando tiña seis meses. En 2001 foi localizada a súa tumba nunha fosa común nun cemiterio ortodoxo en Ceanu Mare, preto de Cluj. Medrou nunha familia moi humilde formada pola súa nai, que traballaba de obreira nunha fábrica e no servizo doméstico e coas súas dúas irmás máis vellas. Mudáronse a Gotinga, na Baixa Saxonia, onde a súa nai casou de novo con Paul Vosseler, outro obreiro. Do matrimonio naceron dúas medio irmás e un medio irmán.

Con 14 anos abandonou os estudos secundarios ordinarios e comezou a traballar como aprendiz nun comercio de Lemgo, en Renania do Norte-Westfalia. Compatibilizou o traballo coa formación estudando en escolas nocturnas ata superar a avaliación final do ensino secundario (abitur) en 1966. Deste xeito ingresou na Universidade de Gotinga para estudar a carreira de Dereito, licenciándose en 1971. Custeou os estudos grazas ás bolsas da Fundación Friedrich Ebert, vencellada o Partido Socialdemócrata de Alemaña (SPD), e traballando como obreiro na construción.[1] Colexiouse como avogado logo de aprobar os exames oficiais obrigatorios e, en 1978, fundou o seu propio bufete en Hannover. Gañou notoriedade por ser o letrado defensor de Horst Mahler, un dos fundador do grupo terroristas Fracción do Exército Vermello (RAF): conseguiría que fose posto en liberdade e que Horst Mahler vólvese a exercer como avogado.[2]

Militancia e inicios na política[editar | editar a fonte]

Afiliouse ao SPD en 1963, e simpatizaba cos sectores máis anticapitalistas do partido pois se consideraba marxista.[3] Segundo el mesmo, o exemplo de Helmut Schmidt foi determinante na súa inscrición no partido.[1] Elixido xefe da sección xuvenil do SPD, chamada popularmente Jusos, de Hannover, pasaría a exercer como líder federal en 1978, exercendo o cargo 10 anos. Nos anos 70, Schröder admirou a Willy Brandt e a súa Ostpolitik.[4]

O seu primeiro cargo público foi en 1980 cando foi escollido deputado por Hannover no parlamento federal (Bundestag). Os resultados permitiron que o socialdemócrata Helmut Schmidt conservase a chancelería grazas a un pacto cos liberais do FDP. Con todo, a retirada do FDP en 1982 provocou a caída do goberno da SPD e o democristián Helmut Kohl foi nomeado chanceler. Nas eleccións adiantadas de 1983, Schröder revalidou como deputado.

Nesta época, deputado federal e líder das mocidades socialdemócratas, xa amosaba ambicións políticas. Algúns xornais citan unha anécdota, nunca negada, de 1982: un Gerhard Schröder bébedo cuns amigos, agarrou as rexas da Chancelaría Federal de Bonn pedindo que o deixaran pasar.[5] Tamén apostou a a que o SPD chegase a acordos de goberno canda Os Verdes, unha forza política emerxente na RFA e da que desconfiaba algúns socialdemócratas, tal e como propuxo nun artigo publicado no xornal Die Zeit.[6]

En 1986 incorporouse á directiva federal do SPD e renunciou á acta de deputado para ser cabeza de lista dos socialdemócratas nas eleccións de Baixa Saxonia. As eleccións supuxeron un importante incremento do SPD (máis dun 5%) pero insuficiente para formar goberno, pois se impuxo a CDU cun estreito marxe (pouco máis de 2%).[7]

Ministro-Presidente da Baixa Saxonia[editar | editar a fonte]

Logo de catro anos como xefe da oposición, en 1990 volveu ser o candidato dos socialdemócratas para o goberno de Baixa Saxonia. Desta volta, Schröder quedou en primeira posición, asegurando o goberno mediante unha coalición cos Verdes, como defendera anos antes. A coalición "vermella e verde" de goberno tivo importantes diferenzas en política enerxética, industrial e de asilo. Pero a diferenza dos exemplos predecesores de Hesse e Berlín, foi o primeiro que chegou o remate da lexislatura. Schröder volverá a gañar as eleccións en 1994 e 1998, nestas ocasións conqueriu maiorías absolutas.[8]

Sendo ministro-presidente, en 1993, o lexislativo baixosaxón aprobou unha nova constitución que puxo especial énfase no recoñecemento de dereitos como a non discriminación, a protección dos menores e dos animais, a promoción do deporte e a obriga dos poderes públicos na procura de traballo e vivenda para os seus cidadáns.[9]

A alta débeda do Estado federado fixo que, a partir de 1994, Schröder adoptase medidas de austeridade recortando o orzamento da policía e escolar o que implicou as críticas da esquerda. Ademais, cultivou cordiais relacións co empresariado e o mundo financeiro labrando unha imaxe de pragmatismo e moderación que contrastaba co radicalismo da súa mocidade. Unha invitación á Ópera de Viena (Austria) por parte de Volkswagen en 1996 foi moi polémica por producirse no contexto de rigurosidade no gasto público.[10] Con todo, tamén impulsou importantes intervencións públicas para manter a industrias cuxo peche ameazaban numerosos postos de traballo. Así, en 1994, Baixa Saxonia estatalizou a factoría aeronaútica de DASA en Lemwerder, e en 1998 o Estado federado adquiría a maioría do capital social da siderúrxica Preusang Stahl AG xunto co banco público Norddeutsche Bank.[11]

Ascenso no SPD e eleccións federais de 1998[editar | editar a fonte]

En 1993, foi electo novo presidente dos socialdemócratas, o ministro-presidente de Renania-Palatinado, Rudolf Scharping. Este fixo a Schröder responsable de economía, transportes e enerxía. Mais os resultados das eleccións federais de 1994 foron decepcionantes para o SPD: pois a Unión (a coalición entre CDU e CSU) de Helmut Kohl gañaba de novo.[12] Provisionalmente Schröder pasou a ser membro da troika que de forma provisoria dirixiría o partido canda o malogrado candidato a chanceler Scharping, e Oskar Lafontaine, ministro-presidente do Sarre e representante dos socialdemócratas máis á esquerda. Con todo, Schröder foi crítico coa orientación do partido e foi cesado como voceiro económico, máis cando a finais de 1995, Oskar Lafontaine foi elixido presidente do SPD, Schröder foi reposto no seu cargo.

En 1997 asumiu a presidencia do Bundesrat, a cámara alta do parlamento alemán, o que lle deu maior proxección nacional. Nese punto, Schröder tiña a intención de ser o candidato dos socialdemócratas nas próximas eleccións federais, unhas opcións que acrecenta ao ser relixido nas eleccións da Baixa Saxonia de marzo de 1998.[13][14] Esta candidatura materializouse cando congreso extraordinario de Liepzig do SPD fíxose co apoio do 94% dos delegados. Durante estes meses, Schröder presentouse como un renovador dentro do partido, denominando o seu programa como Novo Centro (Neue Mitte) que se correspondía coa "terceira vía" encarnada Tony Blair.[15] A prensa alemá comentaba naquela altura que as afinidades co británico ou con Bill Clinton, non eran só políticas, senón que tamén polos xeitos de comunicarse, moi influídos polas técnicas de mercadotecnia.[16]

Nas eleccións do 27 de setembro de 1998, o democristián Helmut Kohl, que xa se convertera no chanceler máis lonxevo dende Otto von Bismarck, buscaba un novo mandato. As posicións centristas de Schröder precupaban á Unión, que o atacou sementando dúbidas sobre o seu compromiso coa Unión Europea, pois cuestionara tempo atrás a moeda única.[17] Mentres que Schröder recoñecía o rol histórico na reunificación de Kohl pero pedía cambios que modernizaran Alemaña.[18] Finalmente as eleccións déronlle unha importante vitoria ao SPD que acadou 298 deputados,[19] a unha distancia de máis de 50 fronte a coalición democristiá: estes resultados foron considerados históricos pois supuñan a fin da vida política do carismático Helmut Kohl logo de 16 anos de goberno nos que impulsou a integración europea e reunificación e o inicio dunha nova etapa na que o goberno estaría en mans dos socialdemócratas co apoio dos verdes.[20][21]

Chanceler de Alemaña: 1998-2005[editar | editar a fonte]

Ao día seguinte ás eleccións do 27 de setembro de 1998, Gerhard Schröder propuxo formalmente aos Verdes o inicio de negociacións para conformar un goberno de coalición. O acordo recolleu un pacto polo emprego e a formación, a redución do imposto da renda, taxas "ecolóxicas" sobre combustibles e electricidade, o abandono da enerxía nuclear e reformas na lexislación sobre a nacionalidade.Ademais, Os Verdes aceptaban unha liña continuísta no relativo ás relacións exteriores e de defensa.[22] Conseguido o voto maioritario no Bundestag, Schröder conformou un goberno no que cedeu a vicechancelería e a carteira de exteriores ao líder dos seus socios, o ecoloxista Joschka Fischer. Schröder manteríase como chanceler á fronte da coalición SPD-Os Verdes ata 2005.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Biography". Gerhard Schröder. Consultado o 2021-08-12. 
  2. "08.05.98 / Gerhard-Schröder-Biographie: Horst Mahler stellt das Buch eines Konservativen vor". www.jf-archiv.de. Consultado o 2021-08-12. 
  3. Zeitung, Süddeutsche. "Provokation: Kühnert und die alte Juso-Tradition". Süddeutsche.de (en alemán). Consultado o 2021-08-12. 
  4. "Gerhard Schröder". project ALADIN. 
  5. "Would-be chancellor". POLITICO (en inglés). 1998-02-25. Consultado o 2021-08-12. 
  6. "Keine Angst vor den Grünen". 24-9-1982. Consultado o 12-8-2021. 
  7. "Niedersachsen - Wahl zum 11. Landtag am 15. Juni 1986". election.de. Consultado o 12-08-2021. 
  8. "Wahlen und Regierungen in Niedersachsen seit 1945". election.de. 
  9. Nettesheim, Martin; Quarthal, Benedikt (xaneiro-marzo 2011). "La reforma de las Constituciones de los Länder". Revista de Estudios Políticos (151): 281–310. ISSN 0048-7694. 
  10. Online, FOCUS. "Aus dem Takt Gerhard Schröders". FOCUS Online (en alemán). Consultado o 2021-08-12. 
  11. Deutschland, Stiftung Deutsches Historisches Museum, Stiftung Haus der Geschichte der Bundesrepublik. "Gerade auf LeMO gesehen: LeMO Biografie: Gerhard Schröder". www.hdg.de (en alemán). Consultado o 2021-08-12. 
  12. "1994: Das Versagen der SPD – Tagesspiegel". Der Tagesspiegel (en alemán). Consultado o 2021-08-12. 
  13. Bonet, Pilar (1998-02-26). "Las elecciones de Baja Sajonia, vitales para las aspiraciones de Schröder a la Cancillería". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2021-08-12. 
  14. "Basse-Saxe : un scrutin régional déterminant pour les législatives allemandes de septembre". Les Echos (en francés). 1998-02-27. Consultado o 2021-08-13. 
  15. Busch, Andreas; Manow, Philip (2001). White, Stuart, ed. The SPD and the Neue Mitte in Germany (en inglés). London: Palgrave Macmillan UK. pp. 175–189. ISBN 978-0-230-55457-3. doi:10.1057/9780230554573_13. 
  16. "Hollywood an der Pleiße - DER SPIEGEL". www.spiegel.de. Consultado o 2021-08-12. 
  17. Ladrech, R.; Marlière, P. (1999-01-13). Social Democratic Parties in the European Union: History, Organization, Policies (en inglés). Springer. ISBN 978-0-230-37414-0. 
  18. "In Something Like a Debate, Kohl Defends While a Relaxed Schroder Taunts". archive.nytimes.com. Consultado o 2021-08-12. 
  19. "Bundestagswahl 1998 - Der Bundeswahlleiter". www.bundeswahlleiter.de. Consultado o 2021-08-13. 
  20. "News Analysis: Germany's Shift Eastward Helped Schroeder Win". archive.nytimes.com. Consultado o 2021-08-13. 
  21. Millot, Lorraine. "Large victoire des sociaux-démocrates aux élections allemandes.Le triomphe de Schröder met fin à seize ans d'ère Kohl. Avec 41% des voix au SPD contre 35% à la CDU, l'Allemagne change de chancelier mais ne devrait pas connaître un tournant radical.". Libération (en francés). Consultado o 2021-08-13. 
  22. "CIDOB". CIDOB. Consultado o 2021-08-13. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Predecesor:
Helmut Kohl
 Coat of arms of Germany.svg
Chanceler da República Federal Alemá
 
1998 - 2005
Sucesor:
Angela Merkel