Terceira vía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Hillary Clinton e Tony Blair en febreiro de 2009

A terceira vía é unha corrente da ideoloxía social-demócrata en voga a partir da década de 1990. Tenta reconciliar a dereita e a esquerda, a través dunha política económica conservadora e dunha política social progresista. A primeira vista, semella ser unha corrente que presenta unha conciliación entre capitalismo de libre mercado e o socialismo democrático. Xa que os defensores da terceira vía a ven como algo alén do capitalismo de libre mercado e do socialismo democrático. Esta afirmación dá pé á concepción alternativa da terceira vía como "centrismo radical".

A terceira vía ten a súa orixe no goberno laborista que xurdiu en Australia a finais da década de 1980. Gañou popularidade durante o goberno de Bill Clinton nos EUA, sendo tamén defendido pola súa muller, Hillary, durante a campaña presidencial de 2008. Tony Blair e a súa facción dentro do Partido Laborista, o Novo laborismo, foron os defensores máis entusiastas da corrente mentres este foi primeiro ministro británico.

Este pensamento defende un "Estado necesario", no que a súa interferencia non sexa, nin máxima, como no socialismo, nin mínima, como no liberalismo. Tamén defende, entre outros puntos, a responsabilidade fiscal dos gobernantes, a loita contra a pobreza, unha presión tributaria proporcional aos ingresos, co Estado como responsábel d seguridade, saúde, educación e seguridade social.