Gallaecia Petrea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gallaecia en tempos do emperador Diocleciano.

Gallecia petrea é o título da exposición coa que se inaugurou o Museo de Galicia, un dos edificios do complexo da Cidade da Cultura de Galicia. Foi inaugurada o 15 de xuño de 2012 e permaneceu aberta ata o 15 de decembro.

A exposición foi organizada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e pretende facer un percorrido pola construción da cultura e da propia historia de Galicia, desde a prehistoria ata a actualidade, a través da pedra como fío condutor.

Estrutura[editar | editar a fonte]

A colección exposta ó público estivo formada por 341 pezas distintas talladas en pedra, procedentes de diferentes lugares do que foi a Gallaecia, de modo que recolle obra dispersa por Galicia, Portugal e outros territorios da Galicia estremeira, cedida por 91 museos, concellos e outras institucións públicas e privadas que conservan hoxe estas pezas, galegos ou de fóra de Galicia. Case todas son pezas orixinais pero tamén se expoñen algunhas reproducións.

Cada peza estivo colocada sobre un entaboado a modo de simples palés de madeira. Buscouse así unha especie de diálogo da pedra coa outra gran materia prima de Galicia, ademais de ser a mellor opción para no danar as obras. Ó pé, unha sinxela etiqueta indicaba o nome da peza, datación e orixe.

A exposición estruturouse en seis áreas temáticas distribuídas ó longo das catro plantas do edificio, correspondendo á xeoloxía galega e a cinco épocas históricas básicas: Prehistoria, Roma, Medieval, Moderna e Contemporánea.

Colección de rochas de Galicia, de Guillermo Schulz (1832-1834), conservada no Museo Xeomineiro (do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España, en Madrid).

Xeoloxía[editar | editar a fonte]

Esta sección estaba dominada por unha gran fotografía do monte Pindo, cuxa masa granítica foi formada hai 350 millóns de anos. Expúxose, por primeira vez ó público, unha das tres coleccións minerolóxicas reunida por Guillermo Schulz entre 1832 e 1834, así como os cadernos de campo escritos por este xeólogo, base para a súa Descrición geognóstica del Reino de Galicia (1835).

Podía verse, tamén, o manuscrito orixinal da tese de doutoramento do químico Isidro Parga Pondal, lida en 1935, e varias mostras de cuarzo, cuarcita, granito etc.

Puntas de frecha.

Prehistoria[editar | editar a fonte]

A pedra foi un material amplamente utilizado polos habitantes prehistóricos da Gallaecia, non só con fins utilitarios (na exposición representados por machados e puntas de frecha, muíños de man etc.) senón como soporte ornamental e de variadas manifestacións artísticas. Na exposición podíanse ver petróglifos, unha cista reconstruída e gravados nas lousas que conformaban as mámoas, trísceles e outros elementos da cultura castrexa etc. Entre os petróglifos expostos estaba unha das 70 pequenas pezas de lousa do lugar de Fariseu (no Val de Côa, Portugal), a Lousa do Peixe do castro de Formigueiros ou a Laxe das Picadas, retirada do complexo rupestre da Caeira (Poio) ante o risco de destrución pola urbanización da zona. Tamén cómpre destacar a estela da Pedra Alta, atopada en Castrelo do Val e que representa unha figura antropomorfa decorada con armas e un carro.

Miliario romano da Ponte do Burgo (Pontevedra).

Roma[editar | editar a fonte]

A romanización de Galicia estivo presente en estatuas de guerreiros galaicos e a figura feminina da Venus de Vidago (procedente de Chaves, Portugal, e posible imaxe dunha deusa da fertilidade), miliarios e columnas, aras e diversos relevos funerarios e votivos. Un destes foi o relevo de Vilarín (atopado en Becerreá), que representa a ofrenda sacrificial dun boi, unha vaca e un becerro.

Foi chamativa a maqueta de Aquis Querquennis, campamento romano levantado en Bande para a construción da Vía Nova, na que se recolle todo o escavado ata o momento.

Medieval[editar | editar a fonte]

A Idade Media, grazas ó fenómeno do Camiño de Santiago e á escola xerada polo Mestre Mateo en torno ás obras na Catedral e, concretamente, no Pórtico da Gloria, deu lugar á conversión de Santiago nun centro artístico que se difundiu por todo o territorio. A época estivo amplamente representada na exposición mediante lápidas, columnas e, sobre todo, imaxinería relixiosa: tímpanos, cruceiros e esculturas de virxes e santos.

Entre os tímpanos expostos estivo o de San Xoán de Palmou (1150-1160), espoliado e recuperado nunha casa de poxas en Italia. Entre as Virxes, unha Virxe do Leite (principios do XIV) procedente do antigo hospital de San Xoán de Deus, en Pontevedra. Ambas pezas forman parte dos fondos do Museo de Pontevedra.

Moderna[editar | editar a fonte]

Diversas pezas, esculturas e relevos, representan a creación artística da idade moderna. Expúxose un lintel dun baldaquino (procedente da igrexa de San Pedro de Vilalonga (Sanxenxo), un tímpano coa entrada de Xesús en Xerusalén ou o altar pétreo da igrexa de San Salvador de Vilar de Donas (en Palas de Rei). Entre as esculturas, un grupo de alegorías que a Universidade de Coímbra lle encargou a Claude Laprade, en 1702.

A Catedral de Santiago estivo presente a través do debuxo realizado por Juan Esmorís García en 1867.[1] Tamén se expuxo unha maqueta do que tivo que ser o coro pétreo do Mestre Mateo.

Contemporánea[editar | editar a fonte]

A escultura contemporánea tamén estivo presente na exposición, con obras que van desde os primeiros anos do século XX, co Busto de Beluca Varela, de Asorey, ou o Guerrero celta, de Narciso Pérez Rey, ata os últimos escultores contemporáneos sobre pedra como son Manolo Paz, Paco Leiro ou Silverio Rivas.

O comisario de Gallaecia petrea, Fernández Cid, explicou que a idea era establecer un criterio de perdurabilidade, "como se esta exposición se fixera dentro de 50 años".

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Tímpano procedente da igrexa de San Xoán de Palmou (Lalín).  
Relevo do altar de Santiago de Saamasas (Lugo).  
Relevo de Vilarín (Becerreá).  
Baldaquino de San Pedro de Vilalonga (Sanxenxo).  
Lápida fundacional do Mosteiro de San Pedro de Rocas. Esgos.  

Comisarios[editar | editar a fonte]

O comisario xefe da exposición foi Miguel Fernández Cid, pero cada unha das áreas contou co seu propio comisario: Juan Ramón Vidal Romaní na área de xeoloxía; Xosé Ignacio Vilaseco Vázquez, na de prehistoria; Antonio Rodríguez Colmenero, na de Roma; Carlos Valle Pérez, na medieval; Ana Goy Diz, na moderna; e o propio Miguel Fernández Cid na da época contemporánea.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Copia do orixinal que debuxara Fernando de Casas Novoa en 1738 e que conserva, en pésimo estado, o Museo da Catedral compostelá.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Gallaecia Petrea

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]