Feira da carne ó caldeiro e produtos locais de Castro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Caldeiro de carne de becerro cocida, "carne ao caldeiro".

A Feira da carne ó caldeiro e produtos locais é unha festa de exaltación culinaria e de produtos da comarca que se celebra en Castro de Carballedo no mes de abril[1] desde o ano 2001.

A feira[editar | editar a fonte]

No ano 2000, por mor da encefalopatía esponxiforme bovina, produciuse unha diminución na venda de carne de becerro e en Castro decidiuse exaltar a carne ao caldeiro para tirar o medo ás ‘vacas tolas’ e demostrar a confianza no produto. Encargouse da organización a Asociación de Veciños Bubaíño, con Hita Gómez Neira á cabeza e participa toda a xente de Castro. Son os carniceiros do lugar os que preparan a carne de becerro ese día.[2] Comezaron só os veciños, en 2007 xa recibiu axuda da Xunta de Galicia e cos anos foron incorporándose o Concello de Carballedo, a Deputación de Lugo, o Sindicato Labrego Galego e a Caixa Rural.

Durante todo o día hai exposicións de artesanía e venda de produtos da contorna: viño, porco celta, pan, queixos etc. Tamén se fan obradoiros hai actuacións musicais.[3] Cada ano encárgase de dar o pregón algunha figura coñecida da contorna.

O prato principal do xantar é a carne ao caldeiro, pero tamén se pode comer carne richada e polbo á feira.

A carne ao caldeiro[editar | editar a fonte]

Segundo Ramón Rodríguez Porto a carne de becerro ao caldeiro puido nacer arredor da Casa de Cartelos (orixinaria dos Temes). Trouxérona os arrieiros maragatos e axiña se fixo moi popular impulsada polos frades de Oseira.[4] Na contorna o nome tradicional é do "carne cocida" ou "vitela cocida".

Parte do segredo da calidade da carne en Castro está en ter boa materia prima (mellor becerro pinto), botarlle unto castelán e cocer en auga sen cloro con lume lento de carballo, deixala escumar ben e darlle o repouso axeitado. Nas feiras teñen un sistema especial de cocer a carne: díselle ao carniceiro cantos son a comer e el xa prepara anacos de diferentes partes do becerro que engarza nun arame, a ese arame ponlle un número e anota nun papel o nome e o número. Á hora de comer vaise coller a carne, o carniceiro mira o número no papel e tira polo arame correspondente. Este sistema lembra o "alambre de res" mexicano. Tamén se conta que o costume vén de cando cada arrieiro traía os seus anacos de carne atados cun cordel que metía a cocer no caldeiro común.

A tradición era comer as “postas de carne” nunha fonte común, sen pratos, íase picando nos diferentes anacos e así arrefriaba menos. Tamén son típicas as cuncas do caldo que queda no caldeiro tomadas moi quentes na sobremesa. Pode servirse con patacas ou comida con navalla enriba dun anaco de pan de Cea.[5]

Son moitas as festas da carne ao caldeiro en Galicia e ten tamén moita fama a servida nas feiras da Peroxa e da Gouxa.

Tamén é típica de Castro (ou de Forcarei) a "carne richada": carne de vitela cortada en anacos pequenos e fritida, con cebola.[3]

Edicións[editar | editar a fonte]

  • I: abril de 2001.
  • II: abril de 2002.
  • III: abril de 2003.
  • IV: abril de 2004.
  • V: abril de 2005.
  • VI: 26 de marzo de 2006.[6]
  • VII: (20, 21) 22 de abril de 2007. Conferencias de Eloi Villada e Xosé Ramón Cendán[7]
  • VIII: abril de 2008.
  • IX: (18) 19 de abril de 2009.[8] Exposición etnográfica da asociación Barcas do Minho.
  • X: 11 de abril de 2010. Pregón de Mini.[9]
  • XI: 3 de abril de 2011. Pregón de Xosé Lois García,[10] actuación da Banda Cultural de Carballedo.
  • XII: 22 de abril de 2012. Pregón de Afonso Eiré.[11]
  • XIII: 14 de abril de 2013. Pregón de Mercedes González, presidenta da Asociación Galega de Sumilleres.[12]
  • XIV: 4 de maio de 2014. Pregón de José Antonio Rodríguez, de San Mamede.
  • XV: 12 de abril de 2015. Pregón de Xosé Lois Grande Grande.[13]
  • XVI: 10 de abril de 2016. Pregón de Lois Diéguez, actuacións de Mago Dani e Velaísca.
  • XVII: 23 de abril de 2017. Pregón de Xosé Lois González Vázquez, creador do Carrabouxo.[14]
  • XVIII: 8 de abril de 2018. Pregón de Baldomero Iglesias, Mero.[15]
  • XIX: 7 de abril de 2019. Pregón de Anxo González Guerra, actuación dos Chantadinos.[2]
  • En 2020 e 2021 a feira non se celebrou por mor da pandemia da COVID.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Festa da Carne ó Caldeiro". www.concellocarballedo.es. Consultado o 2024-04-11. 
  2. 2,0 2,1 X.M.F (2019-04-03). "‘Feira da Carne ao Caldeiro’, a idea dun pobo para escorrentar o medo ás 'vacas tolas'". Xornal de Lemos. Consultado o 2024-04-11. 
  3. 3,0 3,1 "Ribeira Sacra. Festa da carne ao caldeiro". Ribeira Sacra. Consultado o 2024-04-11. 
  4. Gguerra (2010-11-14). "Os Parentes SCG: Onde se inventou a carne ó caldeiro?". Os Parentes SCG. Consultado o 2024-04-11. 
  5. "Carne ao caldeiro". www.ogalego.eu. Consultado o 2024-04-11. 
  6. "«Carne ao caldeiro» en Carballedo y rosquillas en el barrio de A Ponte". La Voz de Galicia (en castelán). 2006-04-02. Consultado o 2024-04-11. 
  7. "Los vecinos organizan la Feira da Carne ao Caldeiro de Castro". La Voz de Galicia (en castelán). 2007-03-30. Consultado o 2024-04-11. 
  8. "«A carne ao caldeiro de Carballedo cada vez está collendo máis fama»". La Voz de Galicia. 2009-04-14. Consultado o 2024-04-11. 
  9. "Miles de visitantes en la décima Feira da Carne ao Caldeiro de Carballedo". La Voz de Galicia (en castelán). 2010-04-12. Consultado o 2024-04-11. 
  10. "Carballedo celebra el domingo la Feira da Carne ao Caldeiro". La Voz de Galicia (en castelán). 2011-03-31. Consultado o 2024-04-11. 
  11. "Máis de 2.000 persoas disfrutaron da XII Feira da Carne ao Caldeiro de Carballedo". EnComún. 2012-04-27. Consultado o 2024-04-11. 
  12. "Castro de Carballedo celebra mañana su Feira da Carne ao Caldeiro". La Voz de Galicia (en castelán). 2013-04-13. Consultado o 2024-04-11. 
  13. "O Bubaíño serviu uns 1.500 quilos de carne na festa". El Progreso de Lugo. 2015-04-13. Consultado o 2024-04-11. 
  14. "Carballedo celebra el domingo la Festa da Carne ao Caldeiro". La Voz de Galicia (en castelán). 2017-04-19. Consultado o 2024-04-11. 
  15. Isma. "Plataforma temática sobre Galicia en Internet". www.galiciadigital.com. Consultado o 2024-04-11. 
  16. "XX Edición FEIRA DA CARNE Ó CALDEIRO E PRODUTOS LOCAIS 2023 -VIRAL". www.viralagenda.com. 2023-04-23. Consultado o 2024-04-11. 
  17. "María Vázquez lerá o pregón da Feira da Carne ao Caldeiro de Castro". El Progreso. 2024-04-10. Consultado o 2024-04-11. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]