Eugenio Montes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Euxenio Montes»)
Eugenio Montes
Nacemento23 de novembro de 1897
Lugar de nacementoVigo
Falecemento27 de outubro de 1982
Lugar de falecementoMadrid
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Barcelona
Ocupaciónescritor, político, ensaísta e xornalista
CónxuxeNatividad Zaro
PremiosGran Cruz da Orde de Cisneros, Premio Nacional de Periodismo «José Antonio Primo de Rivera», premio Mariano de Cavia e Gran Cruz da Orde do Mérito Civil
editar datos en Wikidata ]

Eugenio Montes Domínguez, nado en Vigo o 24 de novembro de 1900 e finado en Madrid o 27 de outubro de 1982[1], foi un político e escritor galego en lingua galega e castelá. Participou na fundación de Falange Española.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Busto en Bande, na praza de San Roque.

A familia trasladouse a Bande, polo que o escritor se considerou sempre bandés e ourensán. Estudou o bacharelato en Ourense e máis tarde iniciou en Barcelona Filosofía e Letras e Dereito. Rematou as carreiras en Madrid e Oviedo, respectivamente. Doutorouse en Filosofía e Letras cunha tese dirixida por José Ortega y Gasset na Universidade Central de Madrid. Por esta época iniciouse como escritor con colaboracións en xornais de Ourense e Vigo. En 1922 trasladouse a Madrid, afiliouse ao Ateneo e participou no faladoiro de La Ballena Alegre xunto a Rafael Cansinos Asséns, Ramón Gómez de la Serna e Pedro Mourlane Michelena. A través de Ortega colaborou na Revista de Occidente e relacionouse con Miguel de Unamuno e coa vida cultural da Residencia de Estudiantes. Nela coincidiu con algúns poetas da xeración do 27, como Federico García Lorca, Rafael Alberti e Gerardo Diego. Por influencia deste último, optou polo ultraísmo e publicou en revistas desa corrente como Cervantes, Grecia, Ultra, Perseo, Cosmópolis e Horizonte.

En 1926 obtivo a cátedra de Filosofía en Cádiz, onde coñeceu a José María Pemán. Posteriormente estudou dous anos en París, na Sorbona.

Colaborou coa revista Nós, dirixida por Vicente Risco, con poemas en galego que combinaban a vangarda coa tradición. Ao mesmo tempo, publicou noutros diarios e revistas do país. En lingua galega publicou tres obras, os libros de relatos O vello mariñeiro toma o sol (1922) e Tres contos (1930), e o poemario Versos a tres cás o neto (1930). O título está inspirado en Pomes Penyeach de James Joyce (1917, traducible como "Mazás a un penique")[2] ou A ópera dos tres reás de Bertolt Brecht (1928). Tamén foi autor dun ensaio, Estética da muñeira, publicado na revista Nós en 1922.

O vello mariñeiro toma o sol e outros contos, Céltiga, 1922, ilustrado por Cándido Fernández Mazas.

A principios da década de 1930 decidiu dedicarse exclusivamente ao xornalismo. Foi correspondente dos xornais ABC e El Debate en varias capitais europeas. Durante a Segunda República Española, a súa relación con Rafael Sánchez Mazas e José Antonio Primo de Rivera levouno a colaborar na revista monárquica Acción Española, inspirada no tradicionalismo católico español, o integrismo lusitano e as ideas nacionalistas de Charles Maurras.

En 1933 foi cofundador de Falange Española, malia ter un ideario máis próximo ao tradicionalismo monárquico que ao fascismo. Acompañou a José Antonio Primo de Rivera nas súas viaxes á Alemaña nazi e á Italia fascista entre 1934 e 1935. Colaborou con artigos e conferencias a prol do falanxismo, que criticaba de xeito feroz o liberalismo político, tanto antes como durante a Guerra civil española. Trala contenda, Montes continuou no xornalismo como correspondente de ABC e Arriba, e deu conferencias por Hispanoamérica.

En 1963 nomeárono director do Instituto de España en Roma. En 1978 leu o seu discurso de ingreso na Real Academia Española, El romanticismo de los clásicos.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou coa filla da dona da pensión onde vivía e naceron dúas nenas, pero o matrimonio non continuou unido moito tempo. O resto da súa vida compartiuno con Natividad Zaro, con quen casou en 1968 tras o falecemento da súa primeira esposa.

Obra[editar | editar a fonte]

En galego[editar | editar a fonte]

  • O vello mariñeiro toma o sol (Editorial Céltiga, Ferrol, 1922)
  • "Estética da muiñeira", (separables de Nós, números 13 (1-XI-1922);[3] 14 (1-XII-1922)[4] e 15 (1-I-1923).[5]
  • Versos a tres cás o neto (Ed. Nós, A Coruña, 1930)
  • Tres contos (Bos Aires, 1930)

Obras colectivas[editar | editar a fonte]

En castelán[editar | editar a fonte]

  • El viajero y su sombra (Madrid, Cultura Hispánica, 1940)
  • Federico II de Sicilia y Alfonso X de Castilla (1943)
  • Melodía italiana (Madrid, 1944)
  • Elegías europeas (Madrid, Afrodisio Aguado, 1949)
  • La estrella y la estela (1953)
  • Discurso a la catolicidad española (1954)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Carbajosa, M. e Carbajosa, P.: La corte literaria de José Antonio. Barcelona, Crítica, 2003. ISBN 84-8432-452-4 (páxina 22). Outras fontes sitúan o seu nacemento en Bande o 4 de novembro de 1897.
  2. Rodríguez Fer, Claudio (1981): "A poesía galega de Álvaro Cunqueiro”. Grial: 74, 171-181.
  3. Nós 13
  4. Nós 14
  5. Nos 15
  6. "Memoria poética". 14/04/2023. Consultado o 19/04/2023. 
  7. "Posta de largo do libro de poesía “Aires de Pedra”". 16/04/2023. Consultado o 19/04/2023. 
  8. "El libro ‘Aires de poesía’ incluye poemas de la escritora Anisia Miranda". 11/04/2023. Consultado o 19/04/2023. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]