Sistema europeo de xestión do tráfico ferroviario

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «ERTMS»)
As liñas alta velocidade en España están equipadas con ERTMS.

O sistema europeo de xestión do tráfico ferroviario (ERTMS, siglas en inglés de European Rail Traffic Management System) un estándar europeo de seguridade do sector ferroviario.

O ERTMS ten dúas compoñentes:

  • O sistema europeo de control ferroviario (ETCS, European Train Control System), estándar para o control ferroviario.
  • O sistema global para as comunicacións móbiles nas vías de tren (GSM-R, Global System for Mobile Communications – Railway), un sistema de comunicacións de voz e datos tren-terra baseado no GSM pero con frecuencias propias.

O sistema está formado pola infraestrutura en terra, balizas e sinais, e os equipos que levan os trens.

Descrición[editar | editar a fonte]

Pantalla do sistema ERTMS indicando a velocidade do tren (138 km/h) e a máxima que pode acadar.

O sistema está desenvolvido polas empresas Alstom, Ansaldo STS, AZD, CAF, Siemens AG-Invensys, Thales, Mercer e Bombardier. Ademais da Unión Europea é empregado en países como China, Taiwán, Corea do Sur, India, Alxeria, Libia, Arabia Saudita, México, Nova Zelandia ou Australia.

En Europa existen catro anchos de vías diferentes, cinco sistemas de electrificación e vinte sistemas de xestión de sinalización e control. O sistema ERTMS foi primeiramente apoiado por España, Países Baixos e Suíza, países que non tiñan liñas de alta velocidade e sistemas propios.

As funcións de control dos trens está desenvolvido en cinco niveis:

  • ETCS Nivel STM: posibilita que un tren equipado con ETCS circule por liñas dotadas con outro sistema de protección, tanto europeo como o propio do país.[1]
  • ETCS Nivel 0: permite a circulación dun vehículo equipado por unha vía non equipada. Ocasionalmente pode ser complementado con ASFA.[1]
  • ETCS Nivel 1: Transmite información aos trens de xeito pasivo, por medio de balizas e sinais na vía ao paso do tren. Con este nivel xa se consegue unha supervisión continua e permite, nas liñas de alta velocidade españolas, desenvolver velocidades máximas de 300 km/h.[1]
  • ETCS Nivel 2: Introduce as funcionalides do nivel 1, engadindo a sinalización semafórica. Empregando o RBC (Radio Block Center) transmite a posición do tren na vía e informa do percorrido intercambiando información a través da radio. Mellora a capacidade da liña con respecto ao nivel 1, posibilitando -asemade- desenvolver, nas liñas de alta velocidade españolas, velocidades máximas de 350 km/h.[1]
  • ETCS Nivel 3: Determina de xeito activo a posición de cada tren na vía e con respecto aos demais trens. Este nivel permite suplementar a rede de balizas e a rede semafórica.

Os niveis 1 e 2 xa están operativos. O nivel 3 está previsto que entre en funcionamento en 2020[2].

Implantación do ERTMS en Galiza[editar | editar a fonte]

A primeira liña ferroviaria galega dotada deste sistema foi a de alta velocidade Bifurcación do Couto da Torre - Bifurcación da Grandeira -entre as cidades de Ourense e Santiago de Compostela- en decembro de 2011.[3]

En 2016 comezaron as obras de instalación das eurobalizas no Eixe Atlántico entre as estacións da Coruña, Vigo-Urzáiz e Vigo-Guixar, así como no ramal ao porto de Marín e nos tramos que conectan a terminal de mercadorías de San Diego cos anteriormente citados.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Libro de Normas del Maquinista (en castelán). Grupo Renfe. 2016. 
  2. Iglesias Díaz, Ignacio Jorge, Director de Investigación y Desarrollo de de ADIF. Ponencia "Interoperabilidad y ERTMS" presentada en la Asamblea de la Plataforma Tecnológica Ferroviaria Española, Madrid, 28 de maio de 2008.
  3. Europa Press. "Fomento autorizó poner en servicio la línea Ourense-Santiago un día antes de su inauguración" (en castelán). 
  4. "Empeza a instalación do ERTMS no eixo atlántico". El Progreso. Consultado o 25-09-2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Artigos relacionados[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]