O Templo de Debod é un edificio do antigo Exipto localizado actualmente en Madrid. Está situado ao oeste da praza de España, xunto ao Paseo do Pintor Rosales (Parque do Oeste), nun alto onde se atopaba o Cuartel da Montaña (no que se produciu un sanguento episodio da guerra civil española). Ao ser trasladado a España, situouse de maneira que conservase aproximadamente a mesma orientación que no seu lugar de orixe, de leste a oeste.
Ten unha antigüidade duns 2.200 anos. O seu núcleo máis antigo foi quizais erixido baixo o faraónTolomeo IV e decorado posteriormente polo rei nubio Adikhalamani de Meroe cara a 200-180 a. C.. Foi dedicado a Amón de Debod e Isis, aínda que a maioría dos investigadores pensa que a súa erección foi obra de Adikhalamani, cunha intervención posterior de Tolomeo IV. Posúe importantes engadidos de época tolemaica e romano-imperial do século I a.C. ao II d.C..
O templo de Debod cara 1862, coa fachada principal derrubada
O templo de Debod atopábase na pequena localidade que levaba este nome (Debod), na beira do río Nilo, próximo á primeira fervenza, na Baixa Nubia, «país do ouro», ao sur de Exipto, moi preto do lugar onde o Nilo corta o Trópico de Cáncer. Un pouco máis ao norte, na illa de Filae, atopábase o gran santuario da deusa Isis. O templo de Debod formaba indirectamente parte dese santuario, aínda que o seu culto estaba adicado ao deus Amón de Debod. Teolóxicamente ligado a Filae dende o século I a. e. c., tamén tivo unha especial vinculación con outros templos da zona. Esta rexión, fronteiriza co reino de Meroe, foi obxecto de disputa entre os gobernantes exipcios e meroitas até o século I a. e. c., cando o emperador romano Octavio Augusto estabeleceu definitivamente a fronteira.