Paseo de la Castellana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vista desde a Torre Europa.

O Paseo de la Castellana é unha das principais avenidas da cidade de Madrid (España), que percorre a cidade desde a Plaza de Colón, no centro, ata o Nó Norte.

O seu trazado inicial correspondía ao da antiga canle fluvial do arroio da Fuente Castellana (fonte que manaba algo máis ao norte da actual praza do Doutor Marañón), ata os chamados Nuevos Ministerios, onde se atopaba o antigo hipódromo de Madrid. Desde alí fíxose unha prolongación, proxectada en tempos da Primeira República, ata alcanzar case os límites do antigo pobo de Fuencarral, hoxe barrio de Madrid.

Xunto co paseo del Prado e o paseo de Recoletos, a Castellana forma un eixe viario fundamental que atravesa Madrid de norte a sur. Está prevista a súa prolongación cara ao norte por Fuencarral, dentro dun importante proxecto urbanístico coñecido como «Operación Chamartín».

Lugares de interese[editar | editar a fonte]

Tralo seu arranque na Plaza de Colón, o Paseo ten en ambas marxes gran cantidade de edificios públicos, especialmente ministerios e embaixadas de diferentes países. Son edificios que datan de finais do século XIX ata mediados do século XX. Neste primeiro tramo, que é sinuoso e máis estreito que os subseguintes, atópanse as prazas de Emilio Castelar e do Doutor Marañón.

Vista aérea

Tras pasar a praza do Doutor Marañón, atopamos o Museo de Ciencias Naturais e a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais na beirarrúa par, e trala seguinte praza, San Juan de la Cruz, atópanse os Nuevos Ministerios, complexo que agrupa varios edificios públicos.

Unha vez pasados os Nuevos Ministerios, comeza un tramo de avenida posterior ao resto, coñecido entre 1952 e 1981 como Avenida do Xeneralísimo, onde os edificios predominantes son tanto vivendas como oficinas. Neste tramo atópase o complexo financeiro de AZCA, o máis importante da cidade. Este tramo do paseo está interrompido por tres prazas: Plaza de Lima, Plaza de Cuzco e Plaza de Castilla.

Atopamos en torno á Plaza de Lima o Palacio Municipal de Exposicións e Congresos e o estadio Santiago Bernabéu. Ademais, este tramo inclúe dous grandes intercambiadores de transportes, Plaza de Castilla e Nuevos Ministerios.

Pasada a Plaza de Castilla, atópase o último tramo, con características propias dunha autoestrada urbana, posto que carece de cruces a nivel e semáforos na calzada central. No lado impar atópase o novo complexo Cuatro Torres Business Area, nos terreos da antiga cidade deportiva do Real Madrid.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]


Ligazóns externas[editar | editar a fonte]