Giovanni Bellini

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Giovanni Bellini
AlcumeGiambellino
Nacementoc. 1430
Lugar de nacementoVenecia
Falecemento29 de novembro de 1516, 26 de novembro de 1516 e 29 de novembro de 1516
Lugar de falecementoVenecia
SoterradoBasílica de São João e São Paulo
NacionalidadeRepública de Venecia
Ocupaciónpintor, iluminador e debuxante
PaiJacopo Bellini
IrmánsGentile Bellini e Nicolosia Bellini
Movementoestilo veneciano
Xénerospaisaxes
Coñecido porDrunkenness of Noah, The Clemency of Scipio e Allegories
InfluíuTiziano
Na rede
Musicbrainz: a154df1e-35f4-4f37-b62e-f0a6ad11866c Discogs: 2248439 Find a Grave: 191905353 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Giovanni Bellini, tamén chamado Giambellino, nado en Venecia arredor de 1430 e finado na mesma cidade en 1516) foi un pintor do Renacemento. O máis famoso dunha familia de pintores do mesmo sobrenome, era cuñado e amigo de Mantegna, e tivo a Tiziano entre os seus aprendices. Está considerado como renovador da pintura da escola veneciana, movéndoa cara a un estilo máis sensual e policromático. Polo uso de cores claras de secado lento, Bellini creou sombras detalladas, profundidade e ricos coloridos. As súas fluídas paisaxes con cores tiveron un grande efecto no o seu tempo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Madona e o neno

Bellini comezou a debuxar na casa do seu pai Jacopo Bellini, e sempre viviu e traballou en fraternal relación co seu irmán Gentile, ambos os dous pintores. Existen evidencias de que os irmáns serviran como axudantes do pai ata preto dos trinta anos, en traballos en Venecia e Padua. Nos primeiros traballos de Giovanni vese a forte influencia da escola de Padua, especialmente de Mantegna, en detrimento do estilo máis gracioso e fácil do pai. Esa influencia móstrase ata despois de que Mantegna partise para Mantua en 1460. Os primeiros sinais de independencia, nunha fraternal rivalidade, aparecen en A agonía no horto, que tiña unha tea co mesmo tema, ambas tiradas dun debuxo de Jacopo exposto hoxe no Museo Británico. En todas as súas obras iniciais, Giambellino combinaba a severidade do debuxo e a rixidez complexa do drapeado da escola de Padua coa súa propia sensibilidade, sentimento relixioso e condición humana. Foi todo executado en témpera antiga, diluíndo a traxedia da escena cun novo e belo efecto romántico de cor.

Cun modo máis persoal, con menos dureza no contorno, mais non menos forza no sentimento, existen dúas pinturas de Cristo morto levado por anxos, en Rimini e Berlín, un tema relixioso frecuente naquel tempo. Dúas Madonas, tamén en témpera, son sen dúbida anteriores ao primeiro traballo encargado, xunto con Gentile e outros artistas, na Escola de San Marcos, onde pintou, entre outros, O Diluvio e a Arca de Noé. Infelizmente, ningún deses traballos maiores desta especie, para varias escolas, irmandades, confrarías ou mesmo o palacio ducal sobreviviron.

Madureza[editar | editar a fonte]

Agonía no horto

Na década de 1470, realizou unha Transfiguración, hoxe en Nápoles, repetindo o seu estilo veneciano. Tamén a gran peza para o altar da igrexa de Pesaro, A coroación da Virxe, que pode ser vista como os primeiros esforzos nunha forma de arte primeiramente utilizada pola escola rival dos Vivarini. De non moito tempo despois é o célebre cadro pintado en témpera para o altar dunha capela da igrexa de san Pedro e san Paulo, que desapareceu xunto con San Pedro Mártir de Tiziano e Crucifixón de Tintoretto nun desastroso incendio en 1867.

Preto de 1480, moito do tempo e da enerxía de Giovanni foron utilizados nas súas obrigas como conservador das pinturas do gran salón do palacio ducal, que asumiu por un alto pagamento e a concesión de privilexios comerciais. Mentres reparaba obras dos seus antecesores, recibiu a encomenda de seis ou sete traballos, ilustracións das vitorias de Venecia nas guerras entre Frederico Barbarossa e o papado. Eses traballos, executados con moitas interrupcións e atrasos, eran admirados no seu tempo, mais como outros, non sobreviviron ao incendio de 1577.

Moitas obras para igrexas, sexan grandes pinturas para o altar maior ou pequenas Madonas, felizmente conserváronse. Móstrano movéndose gradualmente entre as vellas técnicas do quattrocento e as novas da pintura ó óleo, introducidas en Venecia por Antonello de Messina contra 1473. A vella intensidade patética e a devota sensibilidade saía da escena dando lugar a unha visión máis nobre, serena e elegante. A Virxe co Neno aparece tranquila na súa suavidade, os santos que a acompañan gañan poder, presenza e individualidade, grupos de anxos completan a harmonía da escena. O total esplendor das cores venecianas resplandecen nas figuras, na arquitectura, na paisaxe e no ceo.

Alto Renacemento[editar | editar a fonte]

A festa dos deuses (National Gallery of Art, Washington, D.C.

Un intervalo de poucos anos, sen dúbida pasados nas súas ocupacións no palcio ducal, separan as pinturas para o altar maior de Frari e a Virxe do dux Barbariga, en Murano das obras da igrexa de san Zacarías en Venecia, talvez a máis impoñente de todas, datada de 1505. Outra obra para un altar maior, na igrexa de san Francisco en Venecia, é de 1507. Outros traballos desa época perdéronse no incendio xa referido. Os últimos dez anos da vida do mestre móstrano cheo de encomendas que apenas pode completar. Xa nos anos 1501 a 1504, a marquesa Isabella Gonzaga de Mantua, famosa na súa época e mesmo retratada por Leonardo da Vinci, tivo gran dificultade en obter de Bellini unha Madona e os Santos, hoxe perdida, e que fora pagada anticipadamente. En 1506 ela tentou mediante o cardeal Bembo obter outra pintura, desta vez de cuño mitolóxico, mais non se coñece o paradoiro desa obra. Albrecht Dürer, na súa segunda visita a Venecia en 1506, contou que Giambellino era aínda o mellor pintor na cidade, ben tratado e admirado.

O seu irmán Gentile morreu en 1507, completando Giovanni o cadro Prez de san Marcos que este deixara inacabado. En 1513 era o único mestre do Salón do palacio, empregando o seu pupilo Tiziano como axudante na conservación das obras. A súa última obra foi Festa dos deuses, para o duque Afonso de Ferrara, mais faleceu antes de terminar e a tarefa foi legada aos seus pupilos.

Legado[editar | editar a fonte]

Tanto artisticamente como persoalmente, a carreira de Giovanni Bellini foi, na maior parte do tempo, serena e próspera, da mocidade á vellez, como aconteceu con varios artistas do inicio do Renacemento. Viviu para ver a súa propia escola brillar sobre a dos seus rivais, os Vivarini de Murano. Personalizou moito do esplendor de Venecia no seu tempo e viu a súa influencia propagada por un grupo de pupilos, dous dos cales pode dicirse que superaron o mestre, Giorgione, que só viviu cinco anos máis, e Tiziano, que alcanzou a gloria e viviu moitos e frutíferos anos.

Nunha perspectiva histórica, Bellini foi fundamental para o desenvolvemento do Renacemento Italiano pola súa incorporación de novas estéticas e técnicas, moitas delas aprendidas con Antonello de Messina, que trouxo novidades da súa tempada en Flandres. Popularizou o uso de tintas ao óleo, diferente da témpera usada naquel tempo pola maioría dos pintores. Introduciu tamén modificacións no simbolismo, que se pode ver en obras como San Francisco en éxtase e no altar de 'San Giobbe, onde empregou temas relixiosos por medio de elementos naturais. Contribuíu grandemente coa arte as súas experiencias co uso da cor e de tintas ao óleo na creación dunha nova atmosfera artística.

Obras[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • C. C. Wilson (ed.), Examining Giovanni Bellini: An Art "More Human and More Divine" (= Taking Stock, 3), Turnhout, 2016 (ISBN 978-2-503-53570-8)
  • Oskar Batschmann, Giovanni Bellini (Londres, Reaktion Books, 2008).
  • Rona Goffen, Giovanni Bellini (Yale University Press, 1989).

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]