Eiras, San Amaro
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Eiras | |
---|---|
Vista da aldea de Eiras. Ao fondo, á dereita, o monte de San Trocado e, á esquerda, a chaira onde está o castro de San Cibrao de Las. | |
Concello | San Amaro[1] |
Provincia | Ourense |
Coordenadas | 42°21′11″N 8°03′09″O / 42.35308947, -8.05261765 |
Poboación | 90 hab. (2023) |
Entidades de poboación | 6[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Santa Ouxea de Eiras é unha parroquia do concello ourensán de San Amaro. Segundo o IGE,[2] en 2023 tiña 90 habitantes (51 homes e 39 mulleres).
Xeografía
[editar | editar a fonte]Situada preto da ribeira do Miño, cunha orografía que Otero Pedrayo denominaba como "de bocarribeira", é dicir, nin de montaña nin de ribeira, con suaves e onduladas caídas cara ao val do Miño, ó xeito dos Chaos de Amoeiro. Este nome -Chaos- aparece tamén na microtoponimia da parroquia, referida ó monte do Chao, de carácter comunal. As aldeas que compoñen a parroquia e o casarío disperso esténdense polas abas do monte de San Trocado, a moi moderada altitude.
Cruzan a parroquia tres regatos, o de Xinzo (Farcixo), o da Lavandeira e o da Reguenga. O primeiro vai dar directamente ó río Miño. Os segundos xuntaranse con outro regato procedente da veciña parroquia de Vilar de Rei (Cenlle) confluíndo na Fareixa, onde hai unha pequena pero fermosa caída de auga, con restos de antigos muíños. Actualmente, a Fareixa está a ser estragada polas extraccións dunha canteira, aínda que este lugar da Fareixa xa pertence administrativamente ó concello de Cenlle.
O clima é oceánico suave, con chuvias abondosas, invernos moderadamente fríos e veráns bastante cálidos, que influíron nos seus modos de vida, xa que a gandería e o policultivo foron tradicionalmente as súas fontes de riqueza, incluída a elaboración do viño, con zonas costeiras moi aptas para as vides, coma as ribeiras da Rega e as caídas do sur de Xinzo. No abandono do viño son directamente responsables as decisións políticas que eliminaron do mapa da Denominación de Orixe Ribeiro o concello do San Amaro, sen ter en conta os microclimas e as peculiaridades orográficas e edáficas favorables ó viño en moitos lugares do concello. En canto á minería, tivo explotacións de estaño e de volframio aínda a mediados do século XX, pero sabemos que xa en época romana eran buscadas as areas de ouro nas inmediacións do monte de San Trocado. Mesmo é posible que o estaño puidera ser aproveitado en épocas prerromanas.
Actualmente ten moi pouca poboación e notablemente envellecida, xa que os novos acostuman marchar cara ás cidades en busca de mellor futuro, pero nas súas mellores épocas tivo unha poboación entre 100 e 150 habitantes.
Historia e patrimonio
[editar | editar a fonte]En canto ós vestixios da súa prehistoria, é posible atopar restos dende o Paleolítico superior (achados casuais de bifaces), á Idade de Bronce. Desta época poden ser os petróglifos ou gravados de círculos en rochas, aínda que a súa cronoloxía adoita alongarse incluso ata a época castrexa. Os petróglifos de Eiras están no monte da Ermida, na parte superior dunha rocha chaira e alongada, orientada de norte a sur. Trátase dun panel de cinco insculturas circulares con coviña central e liñas concéntricas. Dúas delas están orientadas cara ao solpor do solsticio de verán, outras dúas cara ao outeiro do castro de San Cibrán de Las, e, outras dúas sinalan o Norte. Barállase a posibilidade de que tales insculturas puidesen ter a finalidade de calendario e mapa simultaneamente.
No mesmo monte da Ermida existen restos de mámoas, con lendas de enterramentos de "mouros", lugar cristianizado coa erección dun sinxelo cruceiro. Un pouco cara ao sur da rocha hai labores mineiros, con vetas de estaño e ouro que posiblemente xa foran explotadas en épocas anteriores á Idade de Ferro, pois o lugar non está moi afastado do poboamento mineiro de Laias, que existía na ladeira sur do San Trocado.
Os castros, sometidos posiblemente ó castro de Lambrica (castro de San Cibrao de Las, entre Las e Ourantes), son pequenos e son a posible orixe dalgúns dos pobos da parroquia. Son evidentes restos castrexos en Castro Martiño (Xinzo) e no monte do Castro de Eiras, os dous en lamentable estado de abandono, pese á proximidade de Lambrica, na única onde se realizan actualmente labores de escavación e consolidación.
Nas paredes da igrexa, próxima ó castro de Eiras, pódense descubrir algúns perpiaños con basta decoración reticulada, de utilización posiblemente romana. Nas súas inmediacións, Rodríguez Colmenero informou sobre a aparición dun mosaico romano, de tégulas e de cerámica, o que pode considerarse como os indicios dunha vila romana antecedente dos pazos e casas fidalgas que aínda hoxe podemos ver ó lado da igrexa de Eiras.
Xa da época romana, o resto antigo máis salientable é unha ara dedicada a Bandua R? Lambricae, que é posiblemente a primeira testemuña escrita do nome do citado castro de Lambrica. Aínda que hai algunhas discrepancias entre os especialistas, o texto da ara podemos interpretalo de xeito prudente: "A Bandua ... Cidade de Lambrica Emilio Reburrino (cumpriu o seu voto)". A súa transcrición literal é "BANDV R? LAMBRICAE AEMILIVS REBURRINVS". Existe ampla bibliografía con interpretacións bastante contraditorias. O único que está claro é que fala de Bandua, de Emilio Reburrino -seguramente un xefe ou potentado local na época romana- e de Lámbrica.
Cómpre subliñar que non existe acordo entre os investigadores sobre o sexo e a identidade de Bandua, un nome que se repite por gran parte da Hispania prerromana occidental, nin tampouco hai acordo acerca da súa función ou dos seus atributos. Algúns relaciónano coa guerra, outros cos límites e cos vínculos... Sábese que se trata dun deus indíxena prerromano que segue a recibir culto tras a romanización na antigas Gallaecia e Lusitania, onde se conservan máis de dúas ducias de aras. En canto á procedencia da ara de Eiras, existen fontes que afirman que procede do castro de San Cibrao das Las e Ourantes (a posible Lambrica), pero non hai probas desa circunstancia. Debemos ter en conta que en Eiras existiu un poboamento prerromano e romano e que a peza ben puido ter a súa orixe na propia parroquia, cuxo territorio -por pura lóxica- sería dependente da citania de Las (Lámbrica), só a 1,5 quilómetros de distancia e que tivo unha poboación intramuros duns 2 000 habitantes. A excesiva poboación que albergaba a citania, na cima dun monte a 470 metros e sen terras aptas para agricultura, non podería alimentarse suficientemente se non se cultivasen as veigas de Las e de Eiras, onde existirían centros agrarios que surtirían a cidade. Estes centros agrarios serán as villae romanas e moitos deles acabarán transformándose en reitorais e pazos.
Cuevillas, en Prosas Galegas, relaciona a Bandua coa deidade prerromana á que se lle deu culto no cume do Santrocado, pero tampouco hai probas que demostren que a ara procede dese lugar. Esta afirmación de Cuevillas, do que chegou a dicirse que regalara a ara ós propietarios do pazo onde estivo hospedado, non deixa de ser mostra evidente das dúbidas que existen acerca da orixe da ara. En resumo, podemos afirmar que non hai constancia das orixes da ara de Bandua. O único que sabemos é que está en Eiras dende tempo inmemorial e que, nas épocas castrexa e romana, a aldea de Eiras ben puido pertencer ó castro de Lambrica, vista a súa proximidade e as grandes dimensións do mesmo, podendo este último ter certo predominio entre as pequenas aldeas circundantes.
En época medieval a parroquia estaba dentro do territorio de Castela, denominado así pola alta densidade de castelos ou casas fortes. Pertencía á xurisdición de Roucos (actual aldea do concello de Cenlle) onde había un castelo (que derrubaron os Irmandiños, situado no lugar do Pereiro, en Cenlle) e unha casa forte, da que aínda se conserva parte na citada aldea de Roucos. Esta xurisdición era do Conde de Ribadavia. Aínda así, dentro da propia parroquia existiu outra pequena xurisdición, chamada "Coto de Pazo" no Catastro de Ensenada, e que ostentaban dous fidalgos da parroquia xa no século XVIII, en 1789: Isabel Eraso e Xoán Tizón.
Tampouco é allea a relación das terras da parroquia coa preeminencia dos grandes mosteiros, os verdadeiros colonizadores do agro na época medieval. Un destes mosteiros que posúe terras na parroquia de Eiras e as arrenda ós fidalgos é o de San Clodio. Como exemplo destas relacións podemos citar un documento de 1259 onde un xuíz chamado García Fernández e a súa muller Urraca venden ó abade de San Clodio a metade do casal de Savariz (sic). Pero os de San Clodio xa debían ter propiedades en Sabariz, pois no 1257 o abade do dito mosteiro xa aforara a dona Marina Arias de Laucía a cuarta parte de Savariz a cambio de dous capóns.
O desenvolvemento de aforamentos e subaforamentos levará ó enriquecemento dos intermediarios, sendo unha das causas da eclosión e auxe da fidalguía rural nos séculos XVII e XVIII, posteriores ó medievo. Algúns dos foreiros destes mosteiros serán, pasadas as xeracións, os futuros posuidores das casas fidalgas, grazas ás ganancias obtidas como intermediarios entre os campesiños e os mosteiros ou grandes señores.
No ámbito eclesiástico, é tamén na Idade Media cando o dominio da Igrexa se consolida na parroquia, coa erección dunha primeira parroquial que contribuirá a aglutinar os fregueses ó seu arredor. Ademais, existiron outros templos na parroquia, coma as capelas dos pazos de Eiras e de Sabariz.
Da época barroca, dominada a terra e a economía polos señores dos pazos, podemos aínda admirar hoxe algunhas das casas señoriais xurdidas dese proceso (O pazo de Sabariz e o pazo de Eiras, entre outras). Do pazo de Eiras, a carón dunha antiga carballa, consta documentalmente a súa fundación no ano 1600 por Xoán Vázquez de Sabariz, aínda que é posible que xa existise algún tipo de hábitat antigo no mesmo terreo, como pode comprobarse pola aparición nas súas inmediacións da ara romana de Bandua. Ademais dos Vázquez, habitaron a casa fidalga de Eiras familias tan coñecidas coma os Varela, os Temes, os Salgado, os Toubes, os Gayoso ou os Tizón, entre outros. Todos eles recordados polos escudos que aínda ornan as fachadas e emparentados con moitas casas fidalgas da comarca e da provincia.
O pazo de Sabariz, afastado das aldeas, e ó que xa nos referimos ó falar dos mosteiros, constitúe un exemplo típico de pazo rural galego vinculado a pequena fidalguía rural. O seu nome significa etimoloxicamente "o suevo rico". Pertenceu ós Vázques, os Temes, os Cárdenas e os Tizón. Entre os elementos típicos que ostentaba están os brasóns, a grande solaina con escalinata, as balconadas cara ao sol do mediodía, a torre, o pombal, a eira, o lagar, a capela, os hórreos... Moitos destes elementos xa están desaparecidos, situación que se repite nos pazos e casas fidalgas espalladas polo rural galego. Na portada do pazo, ademais do escudo acuartelado, existe unha curiosa imaxe barroca, difícil de identificar.
A igrexa parroquial acolle no seu interior un monumental retablo (o retablo maior) realizado polo entallador Francisco Castro Canseco no ano 1704.
Castro Canseco traballou en diversos lugares de Galiza a principios do século XVIII, sendo unha das súas obras máis famosas a fermosa capela do Santo Cristo de Ourense, na que debeu traballar na mesma época en que se fixo o retablo de Eiras. Desta igrexa tamén debemos destacar a "fonte" de pedra existente na sancristía, con desaugadoiro ó exterior. Na sancristía existe unha caixoneira barroca. Tamén pertence á parroquial unha fermosa cruz procesional de prata fabricada a principios do século XIX polo prateiro ourensán Rañoi, con cristo no anverso, acompañado do Sol e da Lúa, e a imaxe da patroa da parroquia (Santa Uxía) no reverso. Ademais, ten imaxes dos evanxelistas e de diversos apóstolos, todas elas en prata sobredourada.
O retablo maior da igrexa, que consta de dous corpos e tres canles, ten columnas salomónicas de cinco voltas, ó xeito barroco, arrodeadas de vides e uvas. Destacan especialmente as imaxes de San Xosé e de San Xoán, situadas orixinariamente na canle do Evanxeo e na da Epístola, respectivamente. Pero tamén é salientable a imaxe de Santa Uxía, a patroa, que ocupaba orixinariamente a parte superior do conxunto e que a principios do século XXI foi modificado na súa disposición, baixando a santa ó corpo inferior do retablo.
Nun retablo lateral os fregueses de Eiras veneran a imaxe da San Bertomeu, o Natanael bíblico, ó que lle adican unha festa cada 24 de agosto.
No exterior da parroquial existe unha curiosa inscrición, posiblemente do século XVII, que nos di "Esta capilla hize / ron y dotaron a su cos / ta Bartolomé Vázquez de Sabariz / Familiar del Santo Oficio de In / quisición y Catalina Vázquez su mujer y herederos".
Está escrita en caracteres propios dos séculos XVI e XVII e acompañada dun escudo coa cruz da Inquisición, unha palma de martirio e unha espada (estes dous últimos atributos de Santa Uxía). Bartolomé Vázquez de Sabariz finou en 1628 e entre os seus fillos, ademais de Rosendo Vázquez de Sabariz, está Xoán Vázquez. Os descendentes de Rosendo Vázquez de Sabariz entroncarán despois cos Cárdenas, tamén no século XVII. A capela á que fai referencia a inscrición é unha edícula anexa á parroquial onde existiron enterramentos fidalgos.
Á porta do pazo de Eiras, ó lado da carballa centenaria, existía un cruceiro derrubado nos anos setenta e desaparecido, ó igual que a estatua de Santo Antonio que presidía o portalón do pazo, roubado nos anos oitenta. Existen na parroquia outros dous cruceiros, un deles con nimbo e pousadoiro, non moi lonxe da igrexa. Algúns autores denominan este tipo de cruceiros nimbados como cruces celtas.
Nos brasóns das fachadas das casas fidalgas tamén os canteiros mostraron toda a súa habelencia. Os apelidos que máis se repiten son os de Temes, Cárdenas, Vázquez, Salgado e Tizón. Hai actualmente na parroquia, á vista dos visitantes, unhas sete pedras de armas, tendo xa desaparecido outras singulares como unha que había na parede da reitoral e outra que pertenceu á Fonte de Poelle. Os dous pazos da parroquia -e tamén a casa reitoral- conservan nas súas leiras fermosos pombais circulares.
Seguindo co patrimonio etnográfico, hai que dicir que a parroquia foi famosa polas súas eiras ou campos de hórreos -alí chamados cabaceiros-. Tamén houbo moitos muíños no regato da Lavandeira, case todos desaparecidos polas mesmas razóns. Os muíños son todos de rodicio horizontal ou de eixe vertical, moi parecidos na súa estrutura a outros muíños dos arredores. Ademais, moitas casas aínda gardan verdadeiros tesouros etnográficos, imprescindibles para que as xeracións futuras poidan coñecer as técnicas e as labouras dos antergos, coma os lagares, os carros, e os demais apeiros, tanto de labranza coma de oficios que se realizaron nos baixos das vivendas.
Tamén son destacables as fontes, especialmente as de A Reguenga e a de Xinzo, que acostuman ter anexo o "tanque de lavar". Hoxe apenas son utilizadas e o seu abandono repercute, igualmente, na súa conservación.
As vivendas tradicionais acostuman mostrar todas a consabida solaina, orientada sempre cara ao sol do mediodía ou da tarde, e que adoitan comunicarse con escaleiras cara ó exterior da vivenda. Cando serve para entrar na casa chámase "patín" e, outras veces, convértese nun longo e fermoso "corredor", no que se colgaban as espigas de millo a secar trala colleita. As máis das veces está cuberto e feito de madeira. Nas casas fidalgas e na reitoral, estas solainas adoitan ser máis monumentais, mostrando ás veces os airosos e decorativos canzorros que as sustentan.
Natureza e agro
[editar | editar a fonte]Na entrada do pobo hai unha monumental carballa, símbolo da parroquia, cuns 4 metros de perímetro, que pode ter uns 400 anos de idade. Foi queimada nos anos corenta do século XX, por culpa dunha trasnada infantil, e hoxe consérvase moi deteriorada, pero non por iso deixa de renovar cada ano. A súa fotografía figura nunha recente publicación das árbores senlleiras de Galiza. Á súa sombra aínda segue a celebrarse a verbena do San Bartolameu, onde seguen a chegar as procesións anuais na honra do santo, terreo dun antigo cruceiro derrubado a principios dos anos setenta. A súa ausencia non era impedimento para que, aínda a finais do século XX, moitas persoas maiores se santiguasen ó pasar polo lugar.
Aínda quedan redutos do que foron as fermosas carballeiras. Ademais dos carballos, tamén foron abondosas as sobreiras ou corticeiras, estas últimas nos lugares máis quentes, ó igual que os érbedos. Nas ribeiras dos ríos abundaron os salgueiros, os ameneiros e algún freixo. Actualmente, a recuperación das ribeiras dos ríos é unha tarefa ardua, debido ás canalizacións da rede de sumidoiros que se fixeron nos anos noventa, onde se guiaron cara aos regatos todas as augas fecais da parroquia e doutros lugares limítrofes. Estas augas destruíron un fermoso ecosistema de ribeira, onde os vellos do lugar aínda recordan unha gran variedade de fauna, especialmente anfibios, invertebrados e peixes. Deles pódese recordar especialmente os tritóns e os "cabaliños do demo" ou libélulas. Hoxe é case imposible atoparse con esta diversidade.
A mediados do século XX, os montes foron repoboados con piñeiros, de fácil venda e crecemento rápido. Hoxe xa se respectan máis as árbores autóctonas pero, aínda así, a súa recuperación vai moi lenta. Os incendios forestais e a busca de "boa leña de carballo" (cortando os exemplares polo pé en vez de practicar "decotas") son os peores inimigos dos nosos montes.
Os cultivos tradicionais que máis se practicaron son os das patacas, o millo e o viño, ó que xa se aludiu máis arriba. Os regatos e os mananciais contribuíron á existencia de pastos abundantes para o seu gando, algunha vez con ovino e caprino, pero maioritariamente vacún, que tamén era empregado nas faenas agrícolas antes da chegada dos tractores. As vicisitudes económicas actuais non permiten a viabilidade dos cultivos, nin sequera da gandería intensiva, moi abondosa ata hai poucos anos.
O abandono do agro e da gandería tamén está a repercutir na flora e na fauna. Así, por exemplo, é difícil atopar certo tipo de cogomelos, porque xa non se estercan os campos ó xeito tradicional. Ademais, a inexistencia de gando repercute tamén na limpeza de leiras, lameiros, montes e, mesmo, nas beiras dos camiños, sendo invadidos por malas herbas e silveiras. Este abandono tamén impide, moitas veces, a realización de simples paseos polos arredores. Moitos animais case desapareceron do contorno, como as pegas ou as lavandeiras, tradicionais compañeiras das labouras agrícolas que hoxe apenas se realizan. Á vez, outros animais inzaron nos montes, coma o porco bravo ou xabaríl. Recentemente realizáronse labores de limpeza e repoboación forestal no monte comunal da Ermida, con plantacións de sobreiras, oliveiras e piñeiros.
Eiras na literatura
[editar | editar a fonte]Non son abondosas, realmente, as referencias literarias a Eiras, pero algunha obra hai que recrea vivencias, costumes ou paisaxes da parroquia noutros tempos. Unha primeira cita é a do poeta da parroquia veciña de Ourantes, Perfecto Sulleiro, que escribe as súas lembranzas da infancia e que publica co título de A beira da vida, pequenas e tenras lembranzas onde se acorda dos arredores da parroquia de Ourantes, describindo nas súas poesías case ó detalle tanto as paisaxes como as vivencias e as preocupacións das xentes das aldeas nos anos da nenez do autor.
En prosa tamén atopamos un exemplo en Da vendima á zafra. Crónica dun emigrante galego en Cuba, de Emilio Comas Paret. Unha novela-relato na que un labrego de Eiras, descendente dunha coñecida familia palaciana e obrigado polas circunstancias a emigrar a Cuba en 1920, con tan só 15 anos, aínda é quen de relatar de vello unha pequena descrición da súa aldea nativa, ademais das súas inquedanzas e anceios persoais, que tivo que completar sempre lonxe de Galiza. Destapa as trampas da sociedade no comercio de inmigrantes e as enfermizas e inxustificadas obsesións dos paisanos galegos pola transgresión dos marcos, así como as penurias que tiveron que pasar os nosos emigrantes polo mundo adiante, especialmente os das décadas finais do século XIX e primeiras do XX. Como homenaxe a este vello emigrante, podemos recordar aquí unha das súas descricións da parroquia: "En Eiras as rúas eran de terra e algunha laxe. Como en toda Galicia o verdín cubría as paredes das casas. Cando chovía, o lamazal que se facía era tremendo. Había que saír da casa con zapatos de madeira, deses que lle chaman zocos, para vadear a lama. Nas rúas plantábanse vides, que logo se cruzaban por enriba e facían como un teito. Era moi bonito e daba sombra e uvas. Alí a propiedade é moi respectada e de fronte a túa casa non había quen cortase un acio."
En 2013 Bautista Álvarez publicou un libro de relatos, Retallos daquela infancia, con dezaseis historias nas que a maioría transcorren en paisaxes de Las (a parroquia natal do autor), Eiras e parroquias lindeiras, entre os anos 30 e 40 do século XX. Trátase do seu primeiro libro de narrativa que, segundo confesa, "anda cerca das memorias". Bautista Álvarez naceu en 1933 na aldea de Loucia, a medio camiño entre as parroquias de Eiras e de San Cibrao das Las.
Lugares e parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Eiras
[editar | editar a fonte]Lugares da parroquia de Eiras no concello de San Amaro | |
---|---|
Eiras, A Touza, A Reguenga, Tralorrío, Xinzo e o pazo de Sabariz son os núcleos tradicionais de habitación. Os cinco primeiros son lugares con poboación agrupada, estando na primeira a igrexa e o cemiterio. Sabariz é un pazo. No último terzo do século XX aparece poboación dispersa nas paraxes da Portela e O Castro. Outro lugar con poboamento disperso é A Ermida, cunha soa casa.
Parroquias de San Amaro
[editar | editar a fonte]
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- DE JUANA, J.(Dir.) e outros (1993). O Arenteiro. Edicións Ir Indo. Vigo. ISBN 84-7680-126-2.
- RIVERA RODRIGUEZ, M. T. (1981). Los pazos orensanos, arquitectura del siglo XVIII en la provincia de Orense. Orense : Caja de Ahorros Provincial, 1981. ISBN 84-85858-11-5.
- RODRÍGUEZ COLMENERO, A.: Galicia Meridional Romana. Universidad de Deusto. 1977.
- GALLEGO DOMÍNGUEZ, O.: La organización administrtiva territorial de la antigua provincia de Ourense a mediados del siglo XVIII. Boletín Auriense, anexo 10. Ourense, 1988.
- GONZÁLEZ ´PÉREZ, C.: "O Castelo e a xurisdicción de Roucos", en Boletín Auriense XIII. Ourense, 1983.
- LUCAS ÁLVAREZ, M.: El monasterio de San Clodio do Ribeiro en la Edad Media: estudio y documentos. Seminario de Estudos Galegos. Ediciós do Castro, A Coruña, 1996.
- LÓPEZ CUEVILLAS, F.: Prosas Galegas. Ed. Galaxia, Vigo. 1982.
- COMAS PARET, E.: Da vendima á Zafra. Crónica dun emigrante galego en Cuba. (Tradución de Xosé M García Crego e Gustavo Luca de Tena). Ed. Sotelo Blanco. Compostela, 2007
- SULLEIRO GONZÁLEZ, P. A beira da vida. Ciento veinticuatro poemas gallegos entresacados de la selección de los 350 que componen la obra. Pról. de X. Fariña Jamardo. Ediciós do Castro, Poesía, 1988, A Coruña. 17x16. 156 pgs. Texto en gallego. ISBN.
- GONZÁLEZ IGLESIAS, F.: "O patrimonio, esquecido, no San Amaro. Análise da situación do patrimonio nun concello rural na provincia de Ourense". Ágora do Orcellón 17. Páx. 38-52. Vigo. Marzo de 2009. ISSN 1577-3205.
- GONZÁLEZ IGLESIAS, F.: "Os petroglifos da Ermida en Eiras, solsticios e territorio". Ágora do Orcellón 18. Páx. 32-45. Vigo. Xullo de 2009. ISSN 1577-3205.
- DE LA PEÑA VIDAL, C.: "A liñaxe dos Toubes". Boletín de Estudios de Genealogía, Heráldica y Nobiliaria de Galicia. Páx. 47-72. Pontevedra. 2004. ISSN 1579-2293.
- PARRILLA HERMIDA MIGUEL: "El valor del agro y sus productos en Galicia en la primera mitad del siglo XVII" en Boletín da Real Academia Galega. Boletín 339. 1961.
- ÁLVAREZ, B.: Retallos daquela infancia. Ed. Xerais. Vigo. 2013. ISBN 978-84-9914-530-3.