Las, San Amaro
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Las | |
---|---|
Capela de San Trocado, no alto do monte do mesmo nome. | |
Concello | San Amaro[1] |
Provincia | Ourense |
Coordenadas | 42°22′11″N 8°02′09″O / 42.36979216, -8.03597059 |
Poboación | 165 hab. (2023) |
Entidades de poboación | 8[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
San Cibrao de Las é unha parroquia do concello de San Amaro na comarca do Carballiño, na provincia de Ourense. Segundo o IGE,[2] en 2023 tiña 165 habitantes (89 homes e 76 mulleres).
Descrición
[editar | editar a fonte]A parroquia limita coas freguesías de Salamonde, Eiras, Ourantes, Freás e Beariz. As entidades de poboación tradicionais son Alemparte, Andrade, Cristimil, Español, Figueiroa, Loucía, Piñeiro e A Torre. Actualmente existe moita poboación dispersa, con modernas construcións unifamiliares, case sempre ó longo das estradas principais.
O topónimo foi obxecto de varias consideracións, chegando a identificarse coa Lansbriga, suposto topónimo que foi lido na ara de Bandua de Eiras, e que se considerou ser o nome do castro. Novas lecturas, non exentas de discusión, propoñen o topónimo Lámbrica para o castro da Cidade, polo que a relación do antigo nome do castro coa actual denominación da parroquia (As Lás) non parece ter sentido. O topónimo Lás da parroquia pode moi ben identificarse con laxes, do céltico lágena, pedra plana (CABEZA QUILES, F.). Na Idade Media está documentado o nome Laas, nun documento de febreiro de 1401, un foro no que os frades de San Clodio do Ribeiro da Avia “(...) damos et outorgamos a foro a vos Iohan Fernandes, morador en Louçia, frigisia de san Çibrao das Lââs, por en tenpo da vosa vida et de Aldonça Peres, vosa muller (...) o noso casar de Tras lo Río, que he en na frigisia de santa Ougea d’Eyras (...)" (M. LUCAS ÁLVAREZ e P. LUCAS DOMÍNGUEZ).
Na parroquia está, no monte da Cidá, ou Cidade (469 m.), onde se atopa gran parte do castro de San Cibrao de Las, un poboado castrexo de grandes dimensións, coñecido tamén como A Cidade. Estivo habitado desde o século II a.C. ata o século II d.C., e con posibles ocupacións esporádicas máis tardías. Porén, o poboamento das Lás achégase ós tempos remotos do Paleolítico (Medio e Superior), dos que apareceron útiles líticos no monte da Chaira, nas inmediacións do castro.
A superficie total do castro aproxímase as 9 hectáreas. Trátase dun óvalo, máis ou menos regular, co eixo maior orientado de norte a sur. Este eixo maior mide, aproximadamente, 452 metros de lonxitude. O eixo menor mide, aproximadamente 253 metros. Comenzamos a descrición polo centro do xacemento, onde se ergue un recinto amurallado, o recinto central, tamén con forma ovoide e co eixo maior en sentido norte-sur, que ten unha superficie de 0,86 hectáreas. Este recinto central posúe portas no eixo leste-oeste.
O recinto medio, onde se situaban as vivendas da poboación arrodea o recinto central. A súa superficie é moito maior que o anterior. Dispón de diversos grupos de vivendas, chamados “barrios”. A muralla deste recinto medio, que arrodea todo o castro, posúe dúas portas nos lados leste e oeste. Polo sector suroeste existe un terceiro recinto, a modo de foxo, pechado por outra muralla máis exterior. Este terceiro recinto só é visible nunha lonxitude de, aproximadamente, 400 metros, aproximándose á muralla do recinto central claramente no sector sur, onde se xuntan as dúas. A anchura deste foxo ten, aproximadamente, 10 metros, pero chega ós 24 diante da porta oeste. Na muralla máis exterior hai outra porta monumental, de xeito que, para entrar no castro polo oeste teríamos que pasar dúas portas antes de chegar ó recinto medio.
Constitúe un castro romanizado, con posible planificación tardía sobre un xacemento anterior. O urbanismo é notable, sendo destacable a grande rúa que cruza todo o castro, comunicando os lados maiores do óvalo, onde se sitúan as portas do castro, atravesando o recinto central. Outras manifestacións de urbanismo son visibles nas canles de evacuación de augas pluviais, para evitar a súa chegada ás cabanas. Tamén existen, cando menos, dous alxibes ou fontes, unha, a máis monumental e coñecida, con planta absidal e escaleiras, está situada dentro da muralla no sector oeste do recinto medio. Presenta na súa contorna unha complicada disposición de muros, posiblemente froito de diversas reconstrucións, e posúe unha saída directa de auga cara ao exterior da muralla, para evitar inundacións nas invernías. O outro alxibe está dentro dos límites da parroquia de Ourantes, no sector sueste do castro, pero fóra da muralla.
As vivendas do recinto medio están agrupadas nos chamados núcleos de habitación, lugares nos que se distribúen cabanas nas que se identificaron usos diversos. Todas as cabanas de cada grupo dan a un lugar común, a modo de patio, polo que se considerou que constituían núcleos habitados por un grupo familiar.
Os materiais arqueolóxicos extraídos das escavacións son innumerables. Destaca unha espada de antenas, fíbulas, doas de colar de pasta vítrea e cerámica de diversa factura, con decoracións incisas. Tamén aparecen restos de época romana, como a cerámica sigillata e as moedas dos séculos I a IV d. de C.
A máxima altura da parroquia está no monte do Santrocado ou monte de San Trocado. A súa altitude é de 550 metros, e está coroada tamén por un castro con restos de murallas derrubadas. As súas dimensións son moito máis modestas que as do castro da Cidade (A Cidade de Lámbrica) e non foi obxecto de intervencións arqueolóxicas importantes. No punto máis alto, edificouse unha capela do San Trocado, na que se celebra unha romaría os días 15 de maio. A capela é sinxela, con reformas algo agresivas nos anos noventa do século XX. Consta dun recinto rectangular de pedra, cun pequeno alpendre na porta principal. Ós lados da porta ten dúas ventás para poder ollar o seu interior, deixar unha esmola ou rezar unha oración. Está orientada de norte a sur, coa porta cara ao norte. Na fachada leste ten unha inscrición dun ano (1739), posiblemente sinalando reformas. Tivo dous bidos ou bidueiros, un a cada lado, dos que hoxe só queda un, ó lado do muro leste. As penedas que hai no chan conteñen inscricións con cruciformes, que anuncian os límites parroquiais e municipais. A romaría do 15 de maio era en común coas freguesías de Ourantes, Eiras e Laias. Alí se reunían todos os veciños da contorna, nun día de celebración, compartindo comida, conversa e música.
A igrexa parroquial está na aldea de Piñeiro. Foi moi reformada no século XX, pero conserva o seu retablo barroco. A casa reitoral tamén foi moi reformada, perdendo a aparencia de casa señorial, o desaparecer a entrada monumental con ameas. Ó seu lado hai un cruceiro, que tivo peto de ánimas. Non ten figuración, pero unha serpe sobe polo fuste tentando chegar á cruz.
A vida económica da parroquia baseábase tradicionalmente na agricultura e na gandería. Tras unha forte emigración nos anos 50 e 60 do século XX, o retorno dos emigrantes nos setenta e nos oitenta encheu de vida económica as aldeas de Las, reformando as vivendas e construíndo outras de nova planta, maioritariamente diseminadas. Pero a agricultura non evolucionou. Só o establecemento de granxas de gandería intensiva (vacún e polos, principalmente) entre os anos sesenta e noventa deu algún pulo económico. Actualmente están en declive, moitas delas pechadas definitivamente, e a xente nova ten que procurar os seus empregos nas cidades.
Lugares e parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Las
[editar | editar a fonte]Lugares da parroquia de Las no concello de San Amaro | |
---|---|
Alemparte | Andrade | Cristimil | Español | Figueiroa | Loucia | Piñeiro | A Torre |
Parroquias de San Amaro
[editar | editar a fonte]
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- VILLAR QUINTEIRO, R.: "El yacimiento paleolítico de A Chaira, San Cibrán de Lás (Ourense)" en Boletín Auriense, t. XXIX. Museo Arqueolóxico Provincial. Ourense, 1999.
- GONZÁLEZ IGLESIAS, Felisindo: "O patrimonio, esquecido, no San Amaro. Análise da situación do patrimonio nun concello rural na provincia de Ourense". en Ágora do Orcellón 17. Páx. 38-52. Vigo. Marzo de 2009. ISSN 1577-3205.
- RIVAS FERNÁNDEZ J. C.: “Nuevas aras romanas y rectificaciones interpretativas en torno a otros epígrafes galaico-romanos ya conocidos”. Boletín Ariense, III. 1973.
- RODRÍGUEZ CAO, C.; RODRÍGUEZ XUSTO, M.; FARIÑA BUSTO, F.: A Cidade. San Cibrán de Lás. Guías do Patrimonio Cultural 4. Fundación Caixa Galicia e Grupo Marcelo Macías. Vigo. 1993.
- CABEZA QUILES, F.: Os nomes de lugar. Topónimos de Galicia: a sú orixe e o seu significado. Ed. Xerais. Vigo. 1992.
- LUCAS ÁLVAREZ, M.; LUCAS DOMÍNGUEZ, P.: El monasterio de San Clodio do Ribeiro en la Edad Media: estudio y documentos. Seminario de Estudos Galegos. Ediciós do Castro. Sada, 1996.
- VV.AA.: Gran Enciclopedia Gallega. T. XVIII. Santiago / Xixón. 1974.