Dorothé Schubarth
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 11 de setembro de 1944 Basilea, Suíza |
| Morte | 6 de setembro de 2023 Basilea, Suíza |
| Actividade | |
| Ocupación | musicóloga, docente, compositora, etnomusicóloga |
| Premios | |
| |
| Descrito pola fonte | Diccionario de escritores en lingua galega |
Dorothé Schubarth, nada en Basilea o 11 de setembro de 1944 e finada na mesma cidade o 6 de setembro de 2023,[1] foi unha investigadora, docente, musicóloga e compositora suíza. Tras facer estudos musicais na súa cidade natal, ampliounos logo en Colonia e Múnic. Rexistrou, xunto con Antón Santamarina, primeiramente o Cancioneiro galego de tradición oral, publicado en 1982,[2] e, posteriormente, o monumental Cancioneiro popular galego en sete volumes, editado en 1984 e dixitalizado en 2012 pola Fundación Barrié.[3]
Recibiu, entre outros recoñecementos, o Premio da Crítica Galicia (1985), o Pedrón de Ouro (2013), dedicóuselle o primeiro Día das Galegas nas Letras no ano 2014, e foi nomeada Mestra da Memoria en 2019 pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Carreira profesional
[editar | editar a fonte]

Dende 1971 ocupou a cátedra de harmonía e contrapunto na Academia de Música de Lucerna.[4] Dende este lugar desenvolveu unha intensa tarefa de pescuda da música popular europea, dando especial atención á zona dos Balcáns e do Cáucaso, así como aos cancioneiros de Alemaña e Francia. Como resultado destes traballos de campo publicou a obra Das Volkslied in Europa. Vielfalt seiner Erscheinungsformen ("O canto popular en Europa. Diversidade das súas formas").[5]
Chegada a Galicia
[editar | editar a fonte]En 1978 chegou a Galicia durante as súas vacacións, coa intención de coñecer a súa música popular. A que ía ser unha breve estadía de descanso deveu, grazas a unha bolsa da Fundación Barrié,[6] en anos de pescudas, viaxes, entrevistas con informantes e centos de gravacións perfectamente conservadas.[4] En 1984, despois dun intenso traballo de recollida, da análise, clasificación e estudo dese material, para o que contou coa colaboración do profesor Antón Santamarina, publicouse o Cancioneiro popular galego, en sete volumes,[7] nunha edición patrocinada pola Fundación Barrié. Esta obra está considerada o máis amplo repertorio da musical popular de tradición oral galega.
Os musicólogos que até aquel momento fixeran estudos sobre a música popular ficaran na superficie do traballo, realizando compilacións de cantigas. Pola contra, Schubarth levou a cabo unha análise en profundidade das melodías, achegando unha proposta crítica de clasificación e propondo teorías sobre as orixes dos diferentes tipos. Ademais, foi a primeira que recoñeceu a importancia das informantes, sendo a primeira pescudadora culta que recolleu os seus nomes. Foron cinco anos de traballo arreo por aldeas, montes e corredoiras, que non remataron coa publicación dos materiais, senón que crearon un vínculo permanente da musicóloga con Galicia. Algunhas das persoas que lle serviron de informantes seguiron mantendo a relación con ela.
No ano 2014, doou os seus rexistros sonoros,[7] 248 CD (copias dixitalizadas das gravacións orixinais) coas correspondentes transcricións a cargo de Antón Santamarina, ao Museo do Pobo Galego, onde foron incorporados ao seu arquivo dixital e ao Consello da Cultura Galega que permite o seu acceso no Arquivo Sonoro de Galicia. Neste mesmo ano, a plataforma de crítica literaria feminista A Sega dedicoulle o Día das Galegas nas Letras.[8] No ano 2020, elaborouse o documental Dorothé na Vila que mostra e reflexiona sobre o traballo de campo realizado pola musicóloga suíza case medio século antes.[9]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]- Premio da Crítica Galicia, VIII Edición, (1985).
- Premio Día do Orgullo Gaiteiro da AOFT Gomes Mouro Ourense (2009).[10]
- Premio Pedrón de Honra (2013).[11]
- Día das Galegas nas Letras (2014).[12]
- Galardón honorífico dos Premios Martín Codax (2017).[13]
- Premio Honorífico da Asociación de Músicos ao Vivo (2017).[14]
- Mestra da Memoria 2019 da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega[15][16]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Hermida, Xermán (8 de setembro de 2023). "Adeus á señora das cantigas: Falece Dorothé Schubarth". Cultura Galega. Consultado o 1 de novembro de 2023.
- ↑ Cancioneiro galego de tradición oral, A Coruña, 1982, ISBN 84-85728-18-1.
- ↑ Daniel Salgado (15 de setembro de 2023). "Dorothé Schubarth, la profesora suiza que retrató una Galicia que se extinguía a partir de su música popular". elDiario.es (en castelán).
- ↑ 4,0 4,1 Sara Gil (23 de agosto de 2020). "Percorrendo os pasos de Dorothé Schubarth na procura da música popular galega". Consultado o 24 de xaneiro de 2021.
- ↑ Asociación de Escritores en Lingua Galega (ed.). "Dorothé Schubarth". Polafías (Sección de Literatura de tradición oral). Consultado o 2021-04-19.
- ↑ Fernández Rei, F. (1999). Ramón Cabanillas, Manuel Antonio e o mar de Arousa: dúas singraduras na construcción dun idioma para unha patria. Real Academia Galega. p. 15.
- ↑ 7,0 7,1 Romero, Bieito (12 de setembro de 2023). "Dorothé Schubarth". lavozdegalicia.es. Consultado o 17 de abril de 2025.
- ↑ Redacción (2014-07-09). "O Día das Galegas nas Letras, dedicado a Dorothé Schubarth". Praza Pública. Consultado o 2023-11-01.
- ↑ 'Dorothé na vila', documental sobre a musicóloga suíza Dorothé Schubart, que investigou a música popular en Galicia (Televisión de Galicia). 23/08/2020.
- ↑ El VI Día do Orgullo Gaiteiro homenajerá a la musicóloga Dorothé Schubarth, a Antón Santamarina y a Faustino Luis Seoane
- ↑ Novás, Gracia (11 de setembro de 2023). "Falece a musicóloga suíza Dorothé Schubarth, autora do «Cancioneiro popular galego»". lavozdegalicia.es. Consultado o 17 de abril de 2025.
- ↑ Marga do Val (15 de setembro de 2023). "Mensaxeiras do lado da música: Dorothé Schubert e Hildegard von Bingen". Nós Diario.
- ↑ "A musicóloga Dorothé Schubarth, premio de honra dos Martín Códax". La Voz de Galicia (en castelán). 2017-03-14. Consultado o 2019-09-13.
- ↑ "Premio honorífico dos músicos para Dorothé Schubarth". Nós Diario. Consultado o 2021-04-19.
- ↑ "A AELG premia Pilar Pallarés, Dorothé Schubarth, Pablo Quintana e María Teresa Horta". Sermos Galiza. 9 de febreiro de 2019. Consultado o 11 de febreiro de 2019.
- ↑ Santamarina, Antón (2019). "Laudatio" (PDF). AELG.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Dorothé Schubarth |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Fernández del Riego, F. (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. p. 726. ISBN 84-7492-465-0.
- Schubarth, Dorothé (2017). "Volta a Bande: Decembro 2015" (PDF). Raigame: revista de arte, cultura e tradicións populares (41): 60–73. ISSN 1136-3207.
- Vilavedra, Dolores, ed. (2000). Diccionario da literatura galega. Obras III. Vigo: Editorial Galaxia. pp. 75–76. ISBN 84-8288-365-8.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Dorothé Schubarth: datos biográficos", páxina da plataforma de crítica literaria A Sega.
- "Dorothé Schubarth e Antón Santamarina", páxina da Asociación de Gaiteiros Galegos.
- Cancioneiro popular galego Fundación Barrié.
- Dorothé Schubart. Polafías. Asociación de escritoras e escritores en Lingua Galega.