Lucerna (en alemánLuzern, en francésLucerne, en italiano e romancheLucerna) é unha cidade da Suíza central, capital do cantón de Lucerna. A cidade levántase á beira do Lago dos Catro Cantóns (Vierwaldstättersee), cunha famosa ponte de madeira (a Kapellbrücke) e á vista dos montes Pilatus e Rigi. Cunha poboación de 81.592 habitantes (2016), Lucerna é a oitava cidade de Suíza.
Lucerna atópase localizada na ribeira superior do Lago dos Catro Cantóns, o cal desauga no río Reuss. A cidade limita ao norte coas comunas de Emmen e Ebikon, ao leste con Adligenswil e Meggen, ao sur con Horw, e ao oeste con Kriens e Littau.
Tras a Reforma protestante do século XVI moitas cidades suízas pasaron a abrazar a nova corrente do cristianismo, mais Lucerna permaneceu fiel á fe católica. Os protestantes, que dominaban a Confederación Suíza ao controlar enclaves tan importante coma Zürich, Berna ou Basilea derrotaron aos católicos na guerra de Vilmerg en 1712, co que Lucerna perdeu a súa posición de control na Confederación.
O 17 de xuño de 2007 os habitantes de Lucerna e os da veciña vila de Littau acordaron en referendo a fusión de ambos os concellos, con efectos a partir do 1 de xaneiro de 2010. O novo concello, que de momento segue a chamarse Lucerna, posúe 76.000 habitantes. Con este resultado, agárdase facilitar o camiño para as negociacións con outras cidades e pobos próximos nun esforzo por crear un sistema unificado de cidade-rexión.
As propostas culturais de Lucerna van dende a cultura máis clásica á cultura alternativa, habendo espazos habilitados especificamente para acoller actos de ambas as dúas opcións. É soado o seu entroido cara a fins do inverno e o seu Festival de Blues no mes de xullo.
Lucerna é a cidade das pontes, que permiten salvar o río Reuss. A máis soada é a Kapellbrücke (Ponte da Capela). Datada en 1333 e con 204 metros de lonxitude, é a ponte de madeira máis vella de Europa e unha das principais atraccións turísticas de toda Suíza. No centro da mesma érguese a Wasserturm (Torre da Auga), unha torre octogonal construída posiblemente antes que a ponte e que foi arquivo da cidade, torre de vixilancia, cámara do tesouro e mesmo prisión e cámara de tortura. Hoxe en día, acolle tendas de souvenirs e o local da asociación de artillaría de Lucerna.