Dorothé Schubarth

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Dorothé Schubart»)
Infotaula de personaDorothé Schubarth
Biografía
Nacemento11 de setembro de 1944 Editar o valor em Wikidata
Basilea, Suíza Editar o valor em Wikidata
Morte6 de setembro de 2023 Editar o valor em Wikidata (78 anos)
Basilea, Suíza Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeSuíza Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónmusicóloga , docente , compositora , etnomusicóloga Editar o valor em Wikidata

Dialnet: 1417783


Dorothé Schubarth, nada en Basilea o 11 de setembro de 1944 e finada na mesma cidade o 6 de setembro de 2023,[1] foi unha musicóloga e compositora suíza. Tras facer estudos musicais na súa cidade natal, ampliounos logo en Colonia e Múnic. Rexistrou, xunto con Antón Santamarina, o Cancioneiro popular galego.[2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Cántigas populares, Biblioteca Básica da Cultura Galega.
Campa familiar.

Dende 1971 ocupou a cátedra de harmonía e contrapunto na Academia de Música de Lucerna.[3] Dende este lugar desenvolveu unha intensa tarefa de pescuda da música popular europea, dando especial atención á zona dos Balcáns e do Cáucaso, así como aos cancioneiros de Alemaña e Francia. Como resultado destes traballos de campo publicou a obra Das Volkslied in Europa. Vielfalt seiner Erscheinungsformen (O Canto Popular en Europa. Diversidade das súas formas).[4]

En 1978 chegou a Galicia durante as súas vacacións, coa intención de coñecer a súa música popular. A que ía ser unha breve estadía de descanso deveu, grazas a unha bolsa da Fundación Barrié,[5] en anos de pescudas, viaxes, entrevistas con informantes e centos de gravacións perfectamente conservadas.[3] En 1984, despois dun intenso traballo de recollida, da análise, clasificación e estudo dese material, para o que contou coa colaboración do profesor Antón Santamarina, foi publicado o Cancioneiro popular galego, en sete volumes, nunha edición patrocinada pola Fundación Barrié.

Esta obra está considerada o máis amplo repertorio da musical popular de tradición oral galega. Os musicólogos que até aquel momento fixeran estudos sobre a música popular ficaran na superficie do traballo, realizando compilacións de cantigas. Pola contra, Schubarth levou a cabo unha análise en profundidade das melodías, achegando unha proposta crítica de clasificación e propondo teorías sobre as orixes dos diferentes tipos. Ademais, foi a primeira que recoñeceu a importancia das informantes, sendo a primeira pescudadora culta que recolleu os seus nomes. Foron cinco anos de traballo arreo por aldeas, montes e corredoiras, que non remataron coa publicación dos materiais, senón que crearon un vínculo permanente da musicóloga con Galicia. Algunhas das persoas que lle serviron de informantes seguen mantendo a relación con ela.

No ano 2014, doou os seus rexistros sonoros, 248 CD (copias dixitalizadas das gravacións orixinais) coas correspondentes transcricións a cargo de Antón Santamarina, ao Museo do Pobo Galego, onde foron incorporados ao seu arquivo dixital e ao Consello da Cultura Galega que permite o seu acceso no Arquivo Sonoro de Galicia. Neste mesmo ano, a plataforma de crítica literaria feminista A Sega dedicoulle o Día das Galegas nas Letras.[6] No ano 2020, elaborouse o documental Dorothé na Vila que mostra e reflexiona sobre o traballo de campo realizado pola musicóloga suíza case medio século antes.[7]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hermida, Xermán (8 de setembro de 2023). "Adeus á señora da cantigas: Falece Dorothé Schubarth". Cultura Galega. Consultado o 1 de novembro de 2023. 
  2. Daniel Salgado (15 de setembro de 2023). "Dorothé Schubarth, la profesora suiza que retrató una Galicia que se extinguía a partir de su música popular". elDiario.es (en castelán). 
  3. 3,0 3,1 Sara Gil (23 de agosto de 2020). "Percorrendo os pasos de Dorothé Schubarth na procura da música popular galega". Consultado o 24 de xaneiro de 2021. 
  4. Asociación de Escritores en Lingua Galega (ed.). "Dorothé Schubarth". Polafías (Sección de Literatura de tradición oral). Consultado o 2021-04-19. 
  5. Fernández Rei, F. (1999). Ramón Cabanillas, Manuel Antonio e o mar de Arousa: dúas singraduras na construcción dun idioma para unha patria. Real Academia Galega. p. 15. 
  6. Redacción (2014-07-09). "O Día das Galegas nas Letras, dedicado a Dorothé Schubarth". Praza Pública. Consultado o 2023-11-01. 
  7. 'Dorothé na vila', documental sobre a musicóloga suíza Dorothé Schubart, que investigou a música popular en Galicia (Televisión de Galicia). 23/08/2020. 
  8. El VI Día do Orgullo Gaiteiro homenajerá a la musicóloga Dorothé Schubarth, a Antón Santamarina y a Faustino Luis Seoane
  9. "A musicóloga Dorothé Schubarth, premio de honra dos Martín Códax". La Voz de Galicia (en castelán). 2017-03-14. Consultado o 2019-09-13. 
  10. "Premio honorífico dos músicos para Dorothé Schubarth". Nós Diario. Consultado o 2021-04-19. 
  11. "A AELG premia Pilar Pallarés, Dorothé Schubarth, Pablo Quintana e María Teresa Horta". Sermos Galiza. 9 de febreiro de 2019. Consultado o 11 de febreiro de 2019. 
  12. Santamarina, Antón (2019). "Laudatio" (PDF). AELG. 
  13. Marga do Val (15 de setembro de 2023). "Mensaxeiras do lado da música: Dorothé Schubert e Hildegard von Bingen". Nós Diario. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]