Saltar ao contido

Diccionario enciclopédico gallego-castellano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Diccionario enciclopédico
gallego-castellano
Título orixinalDiccionario enciclopédico gallego-castellano
Autor/aEladio Rodríguez González
OrixeGalicia
Linguagalego e castelán
ColecciónCasa de Galicia
Xénero(s)consulta
EditorialGalaxia
Formato3 volumes
Páxinasmáis de 2.000
ISBNISBN 84-8288-428-X
editar datos en Wikidata ]
Primeira edición.

O Diccionario enciclopédico gallego-castellano é un dicionario bilingüe galego castelán de 45.673 entradas [1] e coas definicións en castelán, elaborado por Eladio Rodríguez González e publicado postumamente pola Editorial Galaxia en tres volumes en 1958, 1960 e 1961. Considérase o dicionario galego máis importante ata a aparición dos dicionarios monolingües[2] e o último importante baseado na colleita directa. O dicionario de Eladio foi, ademais, a fonte principal para a realización dos dicionarios monolingües modernos do galego[3].

Elaboración

[editar | editar a fonte]

Eladio Rodríguez elaborou o seu dicionario durante gran parte da súa vida, comezándoo entre 1914 e 1916. En 1922 A Nosa Terra comenta que "aínda tardará moito en saír á luz". En 1926 Lesta Meis escribe que o autor aínda vai polo R pero que o dicionario podería estar rematado en cuestión duns meses. A finais da década de 1920 semellaba telo practicamente rematado e suponse que a partir de 1936 só faría algunha corrección e reescribiría algunha entrada [4].

"O autor deixóu crara e amorosamente manuscritas os milleiros e milleiros de cuartelas que constitúen o orixinal completo da obra. Traballóu nelas durante toda a súa vida, sempre engadindo algún dato novo, sempre coa ilusión de as ver saír un día prá imprenta"
Nota editorial que introduce o Diccionario

O dicionario seguiu o modelo do Diccionario de la Real Academia Española. Isto levou á incorporación de castelanismos propios de América innecesarios en galego[5]. Este dicionario tamén incorporou boa parte das entradas dos dicionarios anteriores, moitas veces por medio do dicionario publicado pola Real Academia Galega así como voces procedentes da terra natal do autor. O vocabulario recolle tamén como entrada, con certa incoherencia, algúns topónimos e antropónimos (mesmo algúns hipocorísticos), así como algún xentilicio e dialectalismos (especialmente baseados no seseo implosivo). Discútese o seu carácter enciclopédico, dado que non inclúe biografías nin outros conceptos propios dunha enciclopedia. Só aquelas palabras que designan aspectos da cultura material e espiritual de Galicia -como casa, muíño, antroido, maiordomo, foro, aire, demo etc- desenvólvense nun formato propio dunha enciclopedia mentres o resto das voces —a gran maioría— defínense como en calquera dicionario convencional

Non obstante, o valor do dicionario de Eladio Rodríguez reside na achega en moitas entradas de comentarios de valor etnográfico e fraseolóxico, incluíndo ata 11.363 refráns[6] e locucións.

"Como xa apuntabamos, este é un dos aspectos máis traballados polo autor do dicionario, pois o número de refráns e locucións recollidos posúe un índice de presencia sen precedentes na lexicografía galega
Constantino García (2001), p. 54.

Publicación

[editar | editar a fonte]

Nun artigo publicado en 1928 en A Nosa Terra por Vicente Risco anúnciase a próxima publicación por parte da Editorial Nós do Diccionario en fascículos [7]:

"Este Diccionario contén non somentes infinidade de verbas, senón tamén xiros, excpresións, refráns, historia e todol-os elementos que integran a vida galega e todol-os segredos e variedades da nosa fala. Algo rematado que vén a constituir unha compreta Enciclopedia galega. Como craramente se adiviña resulta unha obra d'unha extensión enorme e por eso o único xeito doado de dal-a â luz é imprentándoa por coadernos. D'ese xeito "Nós" vai a comezar a dirixir circulares para asegurar de momento un necesario número de suscritores. Os coadernos serán quincenais ou decenás según conveñan o rápido remate da obra e abonaranse adiantados os dez primeiros, ou sexa dez pesetas. Sairán con toda regularidade e con compreta garantía para os suscritores"
A Nosa Terra nº 254, 1.11.1928, p. 6.

No limiar do Diccionario, escrito por Otero Pedrayo, este escritor manifesta que o Concello da Coruña xa aprobara en 1933 apoiar a publicación:

"Ficarán cecáis pra sempre no silenzo a xentileza e desinterés de don Eladio, cando xa acordos firmes do Concello da Cruña -por os derradeiros do 1933- aseguraban a pubricación"

Non callou ningún destes intentos e o dicionario non foi publicado ata case 20 anos despois da morte de Eladio Rodríguez. A Editorial Galaxia, co patrocinio da Casa de Galicia de Caracas e grazas ao esforzo de Ramón Piñeiro, editouno en tres tomos: o primeiro en 10 de decembro de 1958, o segundo en 1960 e o terceiro en 1961. En 1980 publicouse unha reimpresión facsimilar e no ano 2001, co gallo do Día das Letras Galegas, unha segunda reimpresión.

A publicación fíxose a partir das cuartillas manuscritas que conservaba Julio Rodríguez Yordi, fillo do autor. Estas cuartillas consérvanse hoxe en día na Fundación Penzol. O volume deste manuscrito era tal que houbo que recortar o material dispoñible por razóns económicas. Este labor foi realizado por Ramón Piñeiro [8]. Asemade suprimíronse numerosas entradas, sobre todo tecnicismos e palabras cultas que coincidían co castelán.

"Noso agradecido sentimento pra os herdeiros do autor; e particolarmente, como persoeiro da confianza de iles e de por sí, ó brilante escritor Don Xulio Rodríguez Yordi, quen con amizade xentil puxo nas mans dos guieiros de GALAXIA o tesouro do libro, a prenda i herdo máis fermosa i entranabre do seu pai. Con amor e respeto, dámolo á pubricidade. Confiamos no trunfo, maino e calado, o xeito de trunfar propio das obras de fondos alicerces, de outa e podente arquiteitura"
Ramón Otero Pedrayo no Limiar do Diccionario

Apéndice

[editar | editar a fonte]

No terceiro volume recóllese un apéndice constituído por 4.639 entradas que non aparecían na obra orixinal de Eladio Rodríguez e un vocabulario castelán-galego baseado no das Irmandades da Fala.

O apéndice foi ordenado por Xosé Luís Méndez Ferrín e Bernardino Graña. Recompila voces achegadas por Cesáreo Saco (procedentes da Terra de Lemos), Novoneyra (O Courel), Bernardino Graña (Cangas e algunhas de Ribadavia), Franco Grande (Tebra), Santos Alonso (A Limia), Ánxel Fole (O Incio e Quiroga), Ramón Piñeiro (Láncara, Lugo e outras zonas da provincia de Lugo), García-Sabell (voces referidas a enfermidades e doenzas recollidas de enfermos de toda Galicia), Ramón Lorenzo Vázquez (A Maía), A. Germade (Sárdoma, Vigo), Benito Fernández Álvarez (Lobios) e Laureano Prieto (Viana do Bolo). Tamén inclúe léxico recollido por Aníbal Otero, José María Pereda Álvarez e Silvio Santiago.

Remata a obra cun vocabulario castelán-galego elaborado sobre a base do Vocabulario castellano-gallego de las Irmandades da Fala de 1933. Neste vocabulario elimináronse arcaísmos e engadíronse voces vivas que non recollía.

  1. Sen incluír as do apéndice, que non se debe a Eladio Rodríguez.
  2. Ernesto Xosé González Seoane: Sobre as fontes lexicográficas galegas do DEGC en Ramón Lorenzo (coord.): Homenaxe a Fernando R. Tato. Universidade de Santiago de Compostela, 2002, p. 145.
  3. Antón Santamarina: O diccionario de Eladio. Algunhas reflexións sobre o seu significado na lexicografía galega. Arquivado 23 de maio de 2010 en Wayback Machine.
  4. Nas voces coro ou diccionario constan datos do ano 1940.
  5. Antón Santamarina (1955), p. 82
  6. Realmente, son 11.961 refráns, pero excluíndo locucións, coplas, castelanismos e repeticións, queda esta cifra de 11.363. Xesús Ferro Ruibal recompilounos e clasificounos tematicamente en 1987.
  7. Tamén en Clodio González Pérez: Eladio Rodríguez González. Toxosoutos, 2000, p. 114.
  8. Nas cuartillas manuscritas pode verse as riscaduras eliminando texto. A Gran Enciclopedia Galega estima que se suprimiu a cuarta parte do orixinal. De feito, as 45.673 entradas case triplican o volume do último dicionario publicado ata a data, o de Carré, de 1928, con 16.840 voces.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]