David Simón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
David Simón
Información persoal
Nome David Simón Rodríguez Santana
Nacemento 16 de decembro de 1988 (35 anos)
Lugar de nacemento As Palmas de Gran Canaria
Altura 1,75 m.
Posición Lateral dereito
Información de club
Club actual PAS Lamia 1964
Número 15
Carreira xuvenil
Atlético Feria
Unión Viera
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
2008–2010 Unión Viera 31 (0)
2010–2014 Las Palmas B 109 (11)
2011–2012Vecindario 33 (2)
2014–2018 Las Palmas 95 (3)
2018–2020 Deportivo da Coruña 40 (1)
2020–2022 Cartagena 30 (0)
2022– Lamia 57 (1)
Partidos e goles só en liga doméstica.
Club: actualizado a 21 de xaneiro de 2024.
editar datos en Wikidata ]

David Simón Rodríguez Santana, nado o 16 de decembro de 1988 nas Palmas de Gran Canaria, é un futbolista español que xoga de lateral dereito no PAS Lamia 1964 da Superliga de Grecia.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezou a xogar ao fútbol nas canteiras do Atlético Feria e do Unión Viera, debutando co primeiro equipo deste último en 2008, na Primeira Rexional Canaria. En 2010 fichou polo Las Palmas Atlético, da Terceira División. Na súa segunda tempada no filial canario, saíu cedido ao Vecindario, da Segunda División B, onde foi titular en case tódolos partidos, pero non conseguiu evitar o descenso do equipo. De regreso ás Palmas, contribuíu no ascenso do equipo á Segunda B.

Para a tempada 2014/15 foi subido ao primeiro equipo da UD Las Palmas, na Segunda División, debutando na categoría na primeira xornada ante o Llagostera, da man do adestrador Paco Herrera.[1] Titular indiscutible no lateral dereito durante o resto da campaña, disputou un total de 45 partidos, sendo unha peza clave do retorno do club á Primeira División tras 13 anos de ausencia. Debutou na máxima categoría na xornada inaugural da campaña 2015/16, fronte ao Atlético de Madrid no antigo Vicente Calderón, e disputou un total de 54 encontros en Primeira durante os seguintes tres anos, marcando un gol ante o Celta de Vigo.[2]

O 27 de xullo de 2018, fíxose oficial a súa fichaxe por tres tempadas polo Deportivo da Coruña, que viña de descender a Segunda.[3] Ás ordes de Natxo González primeiro e José Luis Martí despois, xogou 30 partidos coa camiseta brancoazul na súa primeira tempada, 27 deles como titular, e disputou sen éxito a promoción de ascenso a Primeira. Uha lesión na pube fixo que só puidese xogar 10 encontros na seguinte campaña, na que o equipo acabou descendendo á Segunda B por segunda vez na súa historia.[4]

En setembro de 2020 asinou por unha tempada co FC Cartagena, de Segunda.[5] Disputou 26 partidos na súa primeira campaña, case todos como titular, pero a súa participación caeu na seguinte, na que o técnico Luis Carrión apostou por Julián Delmás.[6] Deixou o equipo en xaneiro de 2022, tras recibir unha oferta do PAS Lamia 1964 da Superliga de Grecia.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Robaina, Nauzet (27 de agosto de 2014). "David Simón sobre su debut: «Es el momento que llevaba años esperando»" (en castelán). Consultado o 21 de xaneiro de 2024. 
  2. Cruz, Jorge (13 de setembro de 2015). "David Simón: "El equipo sacó personalidad"" (en castelán). Consultado o 21 de xaneiro de 2024. 
  3. "David Simón, novo xogador do Dépor 2018-2019". Deportivo da Coruña. 27 de xullo de 2018. Consultado o 21 de xaneiro de 2024. 
  4. Fuentes, Pablo (1 de febreiro de 2020). "La luz al final del túnel para David Simón" (en castelán). Consultado o 21 de xaneiro de 2024. 
  5. "David Simón, velocidad y veteranía para reforzar el lateral derecho". Arquivado dende o orixinal o 28 de outubro de 2020. Consultado o 02 de setembro de 2020. 
  6. 6,0 6,1 Tallón, M. G. (20 de xaneiro de 2022). "David Simón abandona el Cartagena a petición propia para irse a un club extranjero" (en castelán). Consultado o 21 de xaneiro de 2024. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]