Breitkopf & Härtel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Breitkopf und Härtel»)
Breitkopf & Härtel

Bernhard Christoph Breitkopf
Fundación24 de xaneiro de 1719
LocalizaciónWalkmühlstraße, 52
65195 Wiesbaden
Alemaña Alemaña
FundadorBernhard Christoph Breitkopf
Persoas claveJohann Gottlob Immanuel Breitkopf
Gottfried Christoph Härtel
IndustriaEditorial
ProdutosPartituras
Na rede
http://www.breitkopf.com/
Facebook: Breitkopf & Härtel Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Breitkopf & Härtel é unha editorial musical alemá. Fundada en 1719 en Leipzig (Saxonia), é a editorial musical máis antiga do mundo.[1] Breitkopf & Härtel foi o editor orixinal da obra de Johann Sebastian Bach, así como doutros compositores destacados.[2] Actualmente a sede da compañía está na cidade alemá de Wiesbaden (Hessen), e conta tamén con sedes nas cidades de Leipzig, París (Francia) e Londres (Reino Unido), así como na cidade alemá de Taunusstein.[3]

Fundada por Bernhard Christoph Breitkopf, foi posteriormente adquirida por Gottfried Christoph Härtel, con quen a empresa iniciou unha estreita colaboración para a publicación de partituras dos máis importantes compositores como Beethoven, Mendelssohn, Schumann, Liszt, Wagner, ou Brahms.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

Inicios[editar | editar a fonte]

O Goldener Bär de Leipzig foi durante 135 anos a sede da editorial.

A editorial foi fundada na cidade alemá de Leipzig por Bernhard Christoph Breitkopf no ano 1719, probablemente o día 24 de xaneiro.[4] Inicialmente a editorial adicouse á impresión de libros. Uns anos despois da súa fundación, Breitkopf adquiriu o local da pousada "Goldener Bär" ("O oso dourado"), situado ao carón das igrexas de Santo Tomás e San Nicolás, e o oso heráldico segue a ser na actualidade o símbolo da editorial.[5]

En 1725 a editorial sacou unha Biblia hebrea como primeira publicación importante.[6] Non foi ata 1736 cando Breitkopf publicou o libro de corais de Bach Schemellis Gesangbuch, que marcaría a súa evolución cara a edición musical, anunciando o brillante futuro da compañía na publicación de partituras de música clásica.[2] En 1745 Bernhard Christoph Breitkopf deixoulle a editorial ao seu fillo Johann Gottlob Immanuel Breitkopf, quen entre 1754 e 1755 traballou no perfeccionamento da impresión musical mediante tipos móbiles, o que daría como resultado pouco despois no tipo de imprenta "Breitkopf Fraktur".[5] Deste xeito, Johann Gottlob acadaría renome no campo da impresión, mais tamén cómpre destacar a súa destacada lista de compositores, de Telemann a Haydn e Carl Philipp Emanuel Bach, sendo os seus catálogos temáticos de gran valor aínda nos nosos días.[7]

Adquisición da compañía por G.Ch. Härtel[editar | editar a fonte]

Gottfried Christoph Härtel tomou o control da compañía en 1795.

En 1795 a editorial atravesaba dificultades económicas e o editor de Leipzig Gottfried Christoph Härtel tomou o control da compañía, incluíndo o seu apelido ao nome da editorial, pasando a denominarse dende ese momento Breitkopf & Härtel,[5] e pasou a empregar a litografía como técnica de impresión.[7] Dous anos despois da entrada de Härtel, a editorial fíxose cargo da publicación do xornal musical Allgemeine musikalische Zeitung, dirixido por Friedrich Rochlitz. Esta relación entre Breitkopf & Härtel e o xornal prolongouse ata 1848, ano no que a publicación desapareceu para volver de novo en 1866 da man da imprenta de Leipzig, que a editou durante os tres anos seguintes.[8][9]

A principios do século XIX e ata 1872, Gottfried Christoph Härtel comezou a fabricación do pianoforte, o que provocou que a editorial gañase prestixio no eido musical, de feito pianistas como Franz Liszt ou Clara Schumann valoraron moi positivamente os pianos de cola Breitkopf.[10]

A partir de 1809 comezan as primeiras edicións sucesivas e sen interrupción do Op. 67 (Sinfonía Nº 5) ata o Op. 86 (Misa en Do Maior) de Beethoven a raíz dunha visita de Härtel ao compositor alemán en Viena, aínda que anteriormente Breitkopf & Härtel xa publicara as primeiras edicións do seu Quinteto de corda Op. 29 e das súas Variacións para piano Op. 34 e Op 35.[10] Posteriormente faríanse cargo da editorial sos seus sobriños netos Raymund (1810-88) e Hermann (1803-75), comezando na década de 1830, Breitkopf & Härtel unha duradeira e frutuosa colaboración cos representantes da xove xeración de compositores románticos coa publicación de obras como o Cuarteto Nº 2 Op. 9 de Mendelssohn (1830), o Carnaval Op. 9 de Schumann (1837), os Poemas sinfónicos de Liszt (1848), Lohengrin de Wagner (1850), ou os Op. 1 a 5 de Brahms (1854), e outras obras de Schubert, Chopin ou Berlioz, óperas de Meyerbeer, Donizetti, Bellini e Lortzing.[7][10]

Nos anos 1876 e 1877, Breitkopf & Härtel publicou a primeira edición das obras completas de Wolfgang Amadeus Mozart baixo o título Alte Mozart-Ausgabe.[11] Xa en 1850 a editorial comezara a publicar edicións completas da obra de Bach, ás que lle seguiron as de Beethoven (1862) e Mendelssohn (1874), e continuarían coas doutros compositores como Schumann (1879), Schubert (1884), Berlioz (1900). Nesa época comezou a editar a chamada "Volksausgabe Breitkopf & Härtel" (VA), que despois de poucos anos a súa primeira serie recompilou case todas as obras de concerto máis significativas de épocas pasadas; desta edición xurdiría en 1913 a "Edition Breitkopf", que segue a publicarse na actualidade.[10]

Da expansión á segunda guerra mundial[editar | editar a fonte]

Edición de 1926 na que se poden ver as catro cidades nas que estaba presente a editorial.

O crecemento da empresa alemá levouna a abrir varias filiais noutras cidades do mundo a partir de 1883 coa fundación da filial de Bruxelas, á que lle seguiron as de Londres en 1890 e Nova York e 1891, converténdose na principal empresa da industria da publicación de partituras.[7][10] Ao mesmo tempo, a editorial continúa a apoiar e acoller a novas promesas da composición de países de fala non alemá coma o italiano Ferruccio Busoni ou o finlandés Jean Sibelius.[10]

Nos primeiros anos do século XX Breitkopf & Härtel publicou unha serie de edicións conmemorativas, como as adicadas á música alemá. Posteriormente, entre 1926 e 1927, a editorial lanzou unha edición completa de Brahms en 26 volumes realizada por Hans Gál e Eusebius Mandyczewski e editada pola Gesellschaft der Musikfreunde en Viena.[12]

Co inicio da segunda guerra mundial, os bombardeos aliados sobre Alemaña provocaron a destrución de todos os edificios da editorial en Leipzig en 1943, aínda que en 1992 comezou a súa reconstrución.[12]

Traslado a Wiesbaden[editar | editar a fonte]

En 1945, co final da Guerra, a actividade editorial de Breitkopf & Härtel trasladouse á cidade de Wiesbaden. Ao pouco tempo do traslado, a casa central que a empresa tiña en Leipzig foi expropiada.[12]

A editorial continuou a difundir a obra dalgúns dos compositores máis destacados coa publicación en 1960 dunha edición completa de Max Reger en 35 volumes e 3 volumes complementarios en colaboración co Max-Reger-Institut. Amais, Breitkopf & Härtel ampliou o seu catálogo de música contemporánea ao adquirir obras da Editorial Grieg, Colonia (Helmut Lachenmann, Nicolaus A. Huber, York Höller), a partir de 1980, que foi ampliada nos seguintes anos con obras de Adriana Hölszky, Hanspeter Kyburz, Hans Zender, e outros moitos compositores novos.[12]

O crecemento da editorial fixo necesaria a ampliación das oficinas de distribución e almacenamento de Taunusstein, así como o traslado dos departamentos de alugueiro de materiais á mesma cidade en 1984, o mesmo ano que fundou unha nova filial en París. Uns anos despois, en 1991, a empresa recuperou a súa casa central de Leipzig, pasando a denominarse "Breitkopf & Härtel - Wiesbaden, Leipzig, París", e concentrando os seus esforzos en renovar e modernizar o edificio derruído da editorial na rúa Nuremberg de Leipzig.[12]

O catálogo da editorial seguiu aumentando en 1992 co traspaso de Deutschen Verlags für Musik (DVfM), facéndose con numerosas obras de compositores como Gesualdo, Mendelssohn, Hanns Eisler, Siegfried Matthus, Udo Zimmermann, así como numerosos métodos instrumentais que pertencían á editorial fundada en Leipzig en 1954. En 1997 comezou a "Leipziger Ausgabe der Werke von Felix Mendelssohn Bartholdy", publicada pola Academia Saxoa das Ciencias en Leipzig baixo a dirección de edición de Christian Martin Schmidt (Berlín), e ao ano seguinte comezaba a edición completa de obras de Sibelius ("Jean Sibelius Works") publicada pola Biblioteca da Universidade de Helsinqui e da Sibelius-Seura de Finlandia baixo a dirección de Fabian Dahlström (Turku), e a partir de 2000 Glenda Dawn Goss (Helsinqui).[12]

Novo milenio[editar | editar a fonte]

Dende o cambio de século, Breitkopf & Härtel ten colaborado con outras editoriais musicais como G. Henle Verlag.

Breitkopf & Härtel continuou a ampliar o seu catálogo coa adquisición de novas editoriais como Musica Rara (Montreux, Francia) no ano 2000 ou Nepomuk Musik Verlag (Basilea, Suíza) en 2011. Ademais no ano 2000 a editorial entrou en Internet, e en 2002 comezou a "Hanns Eisler Gesamtausgabe" (HEGA) como continuación da publicación "Eisler: Gesammelte Werke" (EGW). Amais fíxose cos materiais de orquestra segundo as novas edicións completas de Beethoven e Brahms (G. Henle Verlag, Múnic) en 2003, e a partir de 2006 coproduciu con Henle outras edicións, e adquiriu os materiais de orquestra da "Eulenburg Orchestral Series" (EOS) pertencentes a Schott Music.[13]

En 2001, a editorial comezou a serie "Breitkopf PÄDAGOGIK", publicando numerosos libros de práctica musical e métodos de ensinanza que teñen recibido galardóns como o "Deutschen Musikeditionspreis", e que presentan algunhas das técnicas máis innovadoras da investigación da pedagoxía musical.[14]

Logotipo[editar | editar a fonte]

Escudo do Goldener Bär de Leipzig.

O logotipo de Breitkopf & Härtel representa a un oso sostendo un escudo. A imaxe actual da marca vén da antiga pousada de Leipzig, o Goldener Bär (traducido ao galego como "O oso de Dourado"), que Bernhard Christoph Breitkopf adquiriu ao pouco de fundar a editorial e que estaba representada por un oso suxeitando un escudo co nome da pousada. O emblema co oso non sempre foi empregado, e o deseño non sempre foi o mesmo, variando entre as edicións co nome da compañía ás que inclúen unha versión esquematizada que é a imaxe actual da compañía ou as representacións máis clásicas como a edición de Beethoven e Brahms de 2003 coproducida con G. Henle Verlag. Tamén en 2005 e editorial creou un novo deseño de portada para a serie "Breitkopf Urtext" (empregado por primeira vez na nova edición de Klaus Döge do Stabat Mater de Dvořák) que non inclúe o logotipo.[13]

Breitkopf & Härtel e Bach[editar | editar a fonte]

A primeira publicación musical de Breitkopf & Härtel foi o Schemellis Gesangbuch (1736), que contiña varios corais de Bach e que foi publicado aínda en vida do compositor de Eisenach, cando Gottfried Christoph Härtel aínda non entrara na editorial. A relación da editorial con Bach continuou, difundindo a súa obra grazas á publicación en 1850 da integral da súa obra.

En 1908, a biografía de Bach do xove organista alsaciano Albert Schweitzer subliñou a relación da editorial con Bach. O libro de Schweitzer, que representou a última investigación dunha nova xeración de estudosos, segue a ser unha obra importante para a musicoloxía e a práctica musical. O propio autor mantivo unha estreita relación coa editorial, que se pon de manifesto na carta manuscrita que en abril de 1960 enviou a Breitkopf & Härtel para agradecerlle a felicitación polo seu 85 aniversario e na que di:[12]

Vostedes mimaron con afecto ao vello rapaz que cumpre anos. De feito, a min mimáronme moito. Recibín cartas de amigos e descoñecidos de todo o mundo. O que máis me emocionou foi decatarme de que a idea do profundo respecto pola vida ábrese o seu camiño. Ter lanzado esta idea é o logro propiamente dito da miña vida.

— Albert Schweitzer[15]

[editar | editar a fonte]

O catálogo de Breitkopf & Härtel conta actualmente cuns 1.000 compositores, unhas 8.000 obras e 15.000 edicións ou libros sobre música, tendo editado a integral da obra de varios compositores como J. S. Bach.[16] Breitkopf parece empregar os números de placa de xeito cronolóxico.[6]

Destaca o traballo da editorial a prol da difusión da música contemporánea, tendo publicado dende os seus inicios partituras de compositores no seu tempo. Actualmente están no catálogo de música contemporánea de Breitkopf & Härtel compositores como Jörg Birkenkötter, Theo Brandmüller, Manuel Hidalgo, Adriana Hölszky, Nicolaus A. Huber, Márton Illés, Hanspeter Kyburz, Helmut Lachenmann, Siegfried Matthus, Misato Mochizuki, Isabel Mundry, Michael Obst, José María Sánchez Verdú, Steffen Schleiermacher, Cornelius Schwehr, Martin Smolka, Siegfried Thiele, Hans Zender ou Udo Zimmermann entre outros.[17]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Adelmann, Marianne (1974). Paddington Press, ed. Musical Europe: An Illustrated Guide to Musical Life in 18 European Countries. p. 252. ISBN 978-0-8467-0031-9. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Elkin Music International (ed.). "Breitkopf" (en inglés). Consultado o 20 de xullo de 2014. 
  3. Breitkopf & Härtel (ed.). "Contacto" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 29 de xullo de 2014. Consultado o 22 de xullo de 2014. 
  4. Sadie, Stanley (1980). Macmillan Publications, ed. The New Grove Dictionary of Music and Musicians. Londres e Nova York. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Breitkopf & Härtel (ed.). "La historia de Breitkopf & Härtel. 1719 - 1799" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 07 de outubro de 2014. Consultado o 19 de xullo de 2014. 
  6. 6,0 6,1 International Music Score Library Project (ed.). "Breitkopf und Härtel" (en inglés). Consultado o 20 de xullo de 2014. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 answers.com (ed.). "Oxford Grove Music Encyclopedia: Breitkopf & Härtel" (en inglés). Consultado o 22 de xullo de 2014. 
  8. Karl Kügle. ripm.com, ed. "Allgemeine musikalische Zeitung" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 19 de xullo de 2011. Consultado o 21 de xullo de 2014. 
  9. Rehding, Alexander. Oxford University Press, ed. Music and Monumentality: Commemoration and Wonderment in Nineteenth Century Germany. p. 246. ISBN 978-0-19-988889-4. Consultado o 21 de xullo de 2014. 
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 10,5 Breitkopf & Härtel (ed.). "La historia de Breitkopf & Härtel. 1800 - 1899" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 07 de outubro de 2014. Consultado o 22 de xullo de 2014. 
  11. Görner, Rüdiger; McLaughlin, Carly (2007). Peter Lang, ed. Mozart -- a challenge for literature and thought (en inglés). p. 161. ISBN 978-3-03911-177-0. 
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 12,5 12,6 Breitkopf & Härtel (ed.). "La historia de Breitkopf & Härtel. 1900 - 1999" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 07 de outubro de 2014. Consultado o 22 de xullo de 2014. 
  13. 13,0 13,1 Breitkopf & Härtel (ed.). "La historia de Breitkopf & Härtel. 2000 - hoy" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 07 de outubro de 2014. Consultado o 27 de xullo de 2014. 
  14. Breitkopf & Härtel (ed.). "Breitkopf Pädagogik - Books" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 15 de agosto de 2014. Consultado o 27 de xullo de 2014. 
  15. "Sie haben das alte Geburtstagskind herzlich verwöhnt. Überhaupt bin ich verwöhnt worden. Aus allen Himmelsgegenden habe ich von Freunden und Unbekannten liebe Briefe erhalten. Was mich am meisten bewegte, war, aus diesen zu erfahren, dass die Idee der Ehrfurcht vor dem Leben ihren Weg macht. Denn diese Idee aufgebracht zu haben, ist die eigentliche Leistung meines Lebens."
  16. Hofmeister XIX (ed.). "Publishers by B. Breitkopf <Leipzig>" (en inglés). Consultado o 27 de xullo de 2014. 
  17. Breitkopf & Härtel (ed.). "Música contemporánea en Breitkopf & Härtel" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 18 de xullo de 2014. Consultado o 27 de xullo de 2014. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Oscar von Hase: "Breitkopf und Härtel". In: Allgemeine Deutsche Biographie (ADB). Band 3, Duncker & Humblot, Leipzig 1876, S. 296–303.
  • Edvard Grieg: Der Briefwechsel mit dem Hause Breitkopf & Härtel, die Briefe von Frederick Delius an Nina und Edvard Grieg und andere ausgewählte Schreiben. (Briefwechsel, Bd. 2), Hänsel-Hohenhausen, Egelsbach St. Peter Port (UK) 1994, ISBN 3-8267-1123-8.
  • Thekla Kluttig: Nur Briefe berühmter Komponisten? Archivgut von Leipziger Musikverlagen als Quelle für die Musikwissenschaften, in: Die Musikforschung 66 (2013), Heft 4, S. 391–407.

Outros artigos[editar | editar a fonte]