Saltar ao contido

Stabat Mater

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Crucifixión de Cristo, por un mestre anónimo (cara a 1410), para o castelo de Pähl, hoxe no Museo Nacional Bávaro (Múnic).[1] Trátase dun exemplo de Stabat Mater nas artes plásticas.

Stabat Mater ("Estaba a Nai", en latín) é unha secuencia (himno ou tropo do Aleluia gregoriano) atribuída ao papa Inocencio III e ao franciscano Jacopone da Todi, e datada no século XIII. Comeza coas palabras Stabat Mater dolorosa ("estaba a Nai sufrindo"). Como pregaria, medita sobre o sufrimento de María, a nai de Xesús, durante a crucifixión do seu fillo.

Non se debe confundir co himno Stabat Mater Speciosa, atribuído ao mesmo autor, que narra o gozo de María polo nacemento do seu fillo.

É unha das composicións literarias á que máis se lle puxo música: preto de 200 compositores de distintas épocas, xéneros, estilos e visión musical. As versións máis interpretadas son as de Giovanni Battista Pergolesi e Gioachino Rossini, pero hainas tamén de Giovanni Pierluigi da Palestrina, Josquin des Prés, Luigi Boccherini, Joseph Haydn, Alessandro Scarlatti, Domenico Scarlatti, Antonio Vivaldi, Giacomo Meyerbeer, Franz Liszt, George Henschel, Antonín Dvořák, Giuseppe Verdi, Karol Szymanowski, Francis Poulenc, Isidre Jover, Josef Rheinberger, Krzysztof Penderecki, Salvador Brotons, Arvo Pärt, Pilar Jurado e Karl Jenkins.[2]

Artes plásticas

[editar | editar a fonte]
Relevo do trasepto dereito de San Nazaro Maggiore[3] de Milán, Bonino da Campione (século XIV).
"Calvario" da Ponte de Carlos, de Praga (1683-1714).
James Tissot (1886-1894) representa a escena desde o punto de vista oposto ao habitual, co que Cristo se ve de costas, semioculto pola cruz, a Virxe queda á dereita do espectador e San Xoán á esquerda.

Nas artes plásticas, Stabat Mater é un tema da arte cristiá que representa a Virxe de pé, á dereita de Cristo crucificado (é dicir, á esquerda do espectador), entanto que o apóstolo Xoán, tamén de pé, se representa á esquerda de Cristo (é dicir, á dereita do espectador), reproducindo a escena evanxélica durante a que Cristo pronunciou a terceira das "sete palabras": Muller, aquí tes o teu fillo.[4]. Aquí tes a túa nai (Xoán, 19: 26-27).[5][6] É habitual que se dispoña a escena como parte superior de retablos e coros altos, e conforma moitas das Crux triumphalis e é a estación número doce dos viacrucis.[7] As representacións máis xerais da escena (con inclusión dos dous ladróns, a lanzada de Longino, o Espasmo da Virxe[8] ou mesmo outras escenas da Paixón) adoitan recibir a denominación de "Calvario". Propúxose unha interpretación simbólica da Virxe como a Igrexa, e de San Xoán como a Sinagoga, enlazando esta escena coa da descuberta da tumba baleira, que converte as tres Marías nas primeiras testemuñas da Resurrección fronte á incredulidade dos apóstolos homes.[9][10]

As convencións compositivas do tema mantéñense esencialmente ao longo da pintura medieval e renacentista, malia se introduciren variacións iconográficas de moitas clases (se Cristo agoniza ou está xa morto, se as figuras están serenas ou expresan dor, ou se se inclúen outras figuras, que poden mesmo ser anacrónicas -santos posteriores, doadores etc.-). En cambio, a partir da pintura barroca prefírense composicións menos ríxidas para a representación da Crucifixión e, mesmo cando as figuras principais baixo a cruz sigan sendo San Xoán e a Virxe, adoitan disporse de xeito distinto; por exemplo, xuntos ao mesmo lado, rompendo a simetría propia do modelo Stabat Mater (así o fan Simon Vouet ou Rubens), seguindo os precedentes de obras anteriores nas que o tema non é propiamente a escena na que Cristo se dirixe ao seu discípulo e á súa nai, senón outros momentos, como a lanzada, ou o desmaio da Virxe.

Texto da secuencia

[editar | editar a fonte]

Os versos da versión latina están compostos en tetrámetros trocaicos.

Versión latina medieval[11]
  1. Stabat Mater dolorosa Iuxta crucem lacrimosa, Dum pendebat filius. Cuius animam gementem Contristatam et dolentem Pertransivit gladius.
  2. O quam tristis et afflicta Fuit illa benedicta Mater unigeniti Quae maerebat et dolebat. Et tremebat, cum videbat Nati poenas incliti.
  3. Quis est homo qui non fleret, Matrem Christi si videret In tanto supplicio? Quis non posset contristari, Piam matrem contemplari Dolentem cum filio?
  4. Pro peccatis suae gentis Jesum vidit in tormentis Et flagellis subditum. Vidit suum dulcem natum Morientem desolatum Dum emisit spiritum.
  5. Eja mater fons amoris, Me sentire vim doloris Fac ut tecum lugeam. Fac ut ardeat cor meum In amando Christum Deum, Ut sibi complaceam.
  6. Sancta mater, istud agas, Crucifixi fige plagas Cordi meo valide. Tui nati vulnerati Tam dignati pro me pati, Poenas mecum divide!
  7. Fac me vere tecum flere, Crucifixo condolere, Donec ego vixero. Juxta crucem tecum stare Te libenter sociare In planctu desidero.
  8. Virgo virginum praeclara, Mihi jam non sis amara, Fac me tecum plangere. Fac ut portem Christi mortem, Passionis eius sortem Et plagas recolere.
  9. Fac me plagis vulnerari, Cruce hac inebriari Ob amorem filii, Inflammatus et accensus, Per te virgo sim defensus In die judicii.
  10. Fac me cruce custodiri, Morte Christi praemuniri, Confoveri gratia. Quando corpus morietur Fac ut animae donetur Paradisi gloria. Amen.
Tradución a galego[12]
  1. Estaba a nai dolorosa ao pé da Cruz, lacrimosa, en tanto que pendía o Fillo, cuxa alma xemente, contristada e doente atravesou a espada.
  2. Oh! Que triste e aflixida estivo aquela bendita nai do unixénito! Languidecía e doíase a piadosa nai que vía as penas do seu excelso fillo.
  3. Que home non choraría se vise a nai de Cristo en tanto suplicio? Quen non se entristecería contemplando a nai co seu doente Fillo?
  4. Polos pecados da súa xente viu a Xesús nos tormentos e dobregado polos azoutes. Viu o seu doce fillo morrendo abatido ao entregar o seu espírito.
  5. Oh, nai! Fonte de amor! Faime sentir a túa dor, contigo quero chorar. Fai que o meu corazón arda no amor do meu Deus e en cumprir a súa vontade.
  6. Santa nai, eu rógoche que me traspases as chagas do crucificado no corazón. Do teu fillo malferido que por min tanto sufriu reparte comigo as penas.
  7. Déixame chorar contigo, condoerme polo teu fillo en tanto que eu estea vivo. Xunto á Cruz contigo estar e contigo asociarme no pranto é o meu desexo.
  8. Virxe de virxes preclara, non te amargues xa comigo, déixame chorar contigo. Fai que chore a morte de Cristo, faime partícipe da súa paixón, fai que quede coas súas chagas.
  9. Fai que me firan as súas chagas, fai que coa cruz me embriague e co sangue do teu fillo. Para que non me queime nas chamas, deféndeme ti, Virxe santa, no día do xuízo.
  10. Cando, Cristo, deba irme, concédeme que a túa nai me guíe á palma da vitoria. Cando o corpo sexa morto, fai que á alma sexa dada a gloria do paraíso. Amén.
  1. Hochschloss Pähl. Na versión alemá da Wikipedia. [En alemán]
  2. GAVIRA, Susana. "Música para las 'Madres dolorosas'. ABC.es".  [En castelán]
  3. Basilica di San Nazaro in Brolo. Versión italiana de Wikipedia. [En italiano]
  4. De Bles, Arthur (2004) [1925]. How to Distinguish the Saints in Art by Their Costumes, Symbols and Attributes. Kessinger Publishing. páxina 35. [En oinglés]
  5. Pasaxe da Biblia. Na web oficial do Vaticano. [En castelán]
  6. Jacinto Quirarte, The Art and Architecture of the Texas Missions, 2010. Páxina 181: "The Virgin Mary is most prominently shown in scenes of the Crucifixion, either in wall paintings or in arrangements of sculptures".
  7. Exemplos en Commons.
  8. Jiménez Rodríguez. El pasmo, una singular advocación mariana Arquivado 09 de maio de 2016 en Wayback Machine.. ABC.es. [En castelán]
  9. O tema de "a Igrexa e a Sinagoga" vénse representando desde a Idade Media, habitualmente simbolizado en dúas imaxes femininas, unha delas cegada por unha venda.
  10. Juan Carmona, Iconografía cristiana: guía básica para estudiantes. Akal, Madrid, 2008, Páxina 118. [En castelán]
  11. Version de Analecta hymnica mediiaevi 1886-1922, 55 volume. A consolidation of the history and texts of hymns of the Catholic Church 500-1400. Vol. 54. Páxina 312. Difire nalgunhas estrofas da versión actualmente máis utilizada [1] Arquivado 24 de setembro de 2015 en Wayback Machine.
  12. Tradución a galego da presentada en castelán pola Conferencia Episcopal Española. [2] Arquivado 13 de abril de 2009 en Wayback Machine.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]