Dinastía baltinga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Baltingos»)

Baltos[1] ou Baltingos, foi unha das principais liñaxes entre os visigodos que rivalizou cos Amalos ou Amelungos (que despois se converteron na liñaxe real dos ostrogodos) polo poder entre os godos. Gobernaron os visigodos dende o 395 até o 531 e os conduciron como federados do Imperio romano cando este estaba en decadencia, chegando a crear o reino visigodo de Tolosa e despois o reino visigodo de Toledo.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O nome provén de Baltha (Balþa ou Balþs en godo), un vocábulo que Xordanes traduciu por audaz, como un epíteto para se referir á liñaxe de Alarico I.[2]

A súa nobre liñaxe era só superada polo de Amali, porque proviña da familia dos Balthi, quen pola súa astucia e valentía recibiran entre os da súa raza o nome de Baltha, é dicir, audaz.

Debate sobre a orixe[editar | editar a fonte]

O historiador austríaco Herwig Wolfram suxeriu na súa obra History of the Goths que os Baltos podían seren orixinarios da illa de Baltia[3] (tamén chamada Basília — literalmente "terra do rei" — na obra Historia Natural de Plinio, o Vello); que segundo descricións, era un gran pedazo de terra situado a tres días de viaxe a navío da "costa dos escitas". Supón, igualmente, que a forma latina do nome desa familia era orixinalmente Balti en vez de Balthi.[3] O historiador danés Arne Søby Christensen, por outra banda, ten serias dúbidas sobre a existencia da familia e suxire que a súa mención na obra de Xordanes e na Orixe dos Godos de Casiodoro (a fonte principal de Xordanes) é unha construción literaria do século VI para contrapor unha liñaxe visigoda fronte a dos Amalos;[4] esta hipótese tamén é apoiada por Peter Heather[5] quen chega a considera-la a posibilidade da existencia de familias cos nomes Amal e Balto, mais rexeita as afirmacións de Casiodoro e Xordanes de que existisen no século IV.[6]

Segundo a descrición presente na obra Gética do escritor bizantino do século VI, Xordanes, a dinastía dos Baltos foi fundada co nomeamento, en 395, de Alarico I (reinado 395–410) como rei dos visigodos. Tal episodio sería reflexo da neglixencia de Arcadio (reinado 395–408) e Honorio (reinado 395–423), que estaban, segundo opina o autor, dilapidando as dúas divisións do Imperio Romano e optaron por negligenciar os pagamentos concedidos aos godos desde o reinado do pai deles Teodosio I (reinado 378–395). A súa familia, segundo Xordanes, era famosa e nobre, ficando en importancia só por debaixo da dos Amalos que gobernaban os ostrogodos.[7] Para o historiador Wolf Liebeschuetz, esa afirmación contida na Gética pode ser improcedente e sería máis aconsellábel supor que Alarico era un home novo e que os Baltos se tornaron excepcionais a través das súas realizacións heroicas e non por un pasado nobre.[8]

A orixe dos Baltos, no entanto, aínda é motivo de debate. Non se sabe con exactitude a identidade dos pais de Alarico, sendo posíbel que fose fillo de Alavivo,[9] un nobre tervíngo do século IV que estivera relacionado, ao carón de Fritixerno, nos planos de cruzamento co seu pobo dende a Dacia até as terras interiores do imperio romano por mor da invasión dos hunos. Alavivo, foi capturado e asasinado cara o 376 ou 377[10][11] durante un banquete ofrecido en Marcianópolis polo xeneral Lupicino, tras un incidente no interior da cidade.

Tamén son coñecidos outros tres nobres tervingos do século IV: os xuíces Ariarico, Aorico e Atanarico, todos eles emparentados; mais aínda se discute se pertencían aos Baltos e cal era a relación deles con Alarico.[3] García Moreno suxeriu que Fritixerno sería outro membro precoz dos Baltos, aínda que dunha póla secundaria, o que explica a súa disputa polo poder con Atanarico anos antes da migración dos tervingos no 376.[12] Wolfram, á súa vez, considerou que os xenerais godos Alica, que serviu no 324 durante a Segunda guerra civil de Constantino e Licinio,[13] e Modares, que serviu durante a Guerra Gótica de 376–382, tamén foron Baltos.[9][14]

Historia[editar | editar a fonte]

Alarico e os seus descendentes[editar | editar a fonte]

No 366 un membro desta facción, Atanarico, dirixiu os visigodos e axudou ao emperador Valente na súa loita contra o rebelde Procopio, proclamado emperador no 365. Derrotouno e fíxoo fuxir até Calcedonia no 367, o que non impediu que os tervingos entrasen en guerra contra o Imperio romano de Oriente até o 369. Cando os godos se dividiron en ostrogodos e visigodos, Atanarico mantivo o mando entre estes últimos.

Valente favoreceu a elección de Fritixerno (376) como xefe dos visigodos que, coma Atanarico, era ariano. Fritixerno morreu no 383 e, seguramente, os baltos retornaron ao poder entre os visigodos con Badengaudo, que reinou pouco tempo até morrer no 387, e sucedeuno seu fillo Alarico I, quen foi recoñecido por todos e tomou o título de rei contra o 398. Segundo Xordanes, tras ser elixido rei, Alarico persuadiu aos seus homes para establecer un reino propio en vez de continuar servindo aos romanos.[15] Organizou un exército e saqueou as provincias balcánicas e Grecia até ser repelido pola arremetida dos exércitos liderados polo ministro e xeneral Estilicón. Nos primeiros anos do século V, Alarico desprazouse co seu pobo á Italia, onde atacou varias cidades. A pesar diso, os seus éxitos foron relativos e varios reveses marcaron o paso do seu pobo pola rexión. Un dos últimos feitos realizados por el, antes da súa morte, foi o Saqueo de Roma no 410. Tras falecer ese mesmo ano, sucedeuno no trono visigodo o seu cuñado Ataúlfo, que reinbou entre o 410 e o 415.[16] Mentres varios autores consideran a Ataúlfo como membro da familia, exclusivamente, polo casamento dunha irmá súa con Alarico, os historiadores García Moreno e Herwig Wolfram suxeriron que igualmente podería ser Balto de nacemento, pois sería fillo de Alateo[17] ou de Modares.[14] Sexa como for, sábese que Ataúlfo tivo un fillo coa princesa romana Gala Placídia que foi bautizado como Teodosio e nomeado como herdeiro seu, porén este faleceu na infancia e foi sepultado en Barcino (actual Barcelona).[18]

O seguinte membro mencionado da familia foi Teodorico I (reinado 419–451), que casou con algunha filla de Alarico, de nome descoñecido. Cando asumiu o trono, xa había algúns anos[19] que os visigodos estaban asentados na Galia e o xermolo do Reino visigodo de Tolosa estaba xa creado por mor da concesión de territorios a Walia (reinado 415-418), feita polo emperador Honorio no 418. Baixo Teodorico, o Reino Visigodo comezou a se expandir gradualmente a costa da debilidade do Imperio Romano, porén seu avace foi interrompido polas acometidas do xeneral Flavio Aecio e pola invasión de Atila, o Huno (reinado 434–453) na Galia.

A invasión huna provocou a creación dunha coalición romano-visigoda que conseguiu detela na batalla dos Campos Cataláunicos, e os hunos foron rexeitados.[20] Dado que Teodorico pereceu no campo de batalla, sucedeuno o seu fillo Turismundo (reinado do 451-453).

Teodorico, a maiores de Turismundo, foi tamén o pai de Frederico, Ricimer, Himnerido, dos reis Teodorico II (reinado do 453-466) e Eurico (reinado do 466-484) e de dúas damas de nome descoñecido, das cales unha casou co rei suevo Requiario I (reinado do 488-456) e a outra casou co rei vándalo Hunerico (reinado do 477-484).[21][22]

O reinado de Turismundo foi moi curto pois foi asasinado polo seu irmán Teodorico. Con este monarca, os visigodos avanzaron en dirección a Hispania, onde ocuparon amplas zonas dos antigos territorios romanos.[23][24] Mais tamén Teodorico foi asasinado e sucedido polo seu irmán Eurico. Este foi un gobernante enérxico que procurou expandirse pola Galia e consolidar os territorios de Hispania en detrimento do Reino Suevo da Gallaecia.[25]

Eurico faleceu no 484 e foi sucedido por seu fillo Alarico II (reinado 484–507). Baixo Alarico, probabelmente despois de 494, a dinastía dos Baltos uniuse á dinastía dos Amalos mediante o matrimonio de Alarico con Teodegoda, a filla do rei Teodorico, o Grande (reinado 484–526).[26] Segundo Ana María Jiménez, ese foi o seu único casamento lexítimo, e el precisou abandonar a muller con quen convivía e que xa lle tiña dado un fillo (Xesaleico).[27] Ao casar cunha princesa ostrogoda, conseguiu reforzar o seu poder dinástico,[28] e co nacemento do fillo de Teodegoda, Amalarico, recoñeceu a superioridade dinástica da súa esposa ao bautizar o seu fillo cun nome que engadía Amal, a dinastía epónima, e o sufixo reiks, rei. Ao mesmo tempo, Teodorico adoptou en armas ao seu xenro, o que implicaba certa subordinación militar.[27]

Foi tamén baixo Alarico que os francos de Clodoveo I (reinado do 481–511) conquistaron o norte da Galia. Posteriormente, tras unha breve guerra, Alarico foi forzado a acabar cunha rebelión en Tarraconense, probabelmente provocada pola recente inmigración visigoda a Hispania debido a presión dos francos. No 507, os francos atacaron novamente, desta volta aliados cos burgundios, e na batalla de Vogladum, próxima a Poitiers, Alarico II foi morto e, de seguido, a capital visigoda en Tolosa saqueada.

Cara o 508, os visigodos perderon case tódalas súas posesións na Galia, agás a Septimania no sur.[29] Aproveitándose da confusión política, Xesaleico (reinado do 507–511) tomou o poder, porén poucos anos despois foi deposto por Teodorico, o Grande, que instalou ao seu neto Amalarico (reinado do 511–531) no seu lugar. Amalarico, con todo, aínda era un neno e o poder da Hispania permaneceu controlado polo xeneral e rexente ostrogodo Teudis.[30] Foi soamente trala morte do seu avó no 526 que Amalarico conseguiu o control do seu reino, mais este reinado tampouco duraría moito, pois foi derrotado no 531 polo rei merovínxio Quildeberto I (reinado do 511–558) e, entón, asasinado en Barcelona,[31] co que rematou a dinastía dos Baltos.

Pólas secundarias[editar | editar a fonte]

Herwig Wolfram propuxo que os reis burgundios, que asumiron o trono trala deposición liñaxe dos reis nibelungos (Xebica, Gundemaro I, Xislario e Guntario) no 434, eran descendentes dos Baltos. Para el, a alegación de parentesco entre o rei Gundioc e o xuíz Atanarico presente nas fontes está explicada por unha posíbel asociación con Walia. O seu fillo Gundebaldo é considerado como neto, sobriño ou polo menos parente de Ricimer, cuxa nai era filla de Walia. Para Wolfram, rebatendo a teoría dalgúns estudosos de que Walia non sería un Balto, o monarca visigótico puido terse asociado á dinastía mediante casamento[32] con algunha filla de Alarico tal como Ataúlfo e Teodorico I fixeran, garantíndolles así acceso ao trono.[33] Os burgundios descendentes de Gundioc continuaron a reinar até 532, cando o último rei desa liñaxe, Gundemaro III (reinado 524–532), foi prendido polos francos e o Reino de Borgoña foi dividido entre Teodeberto I (reinado 533–548), Quildeberto I (reinado 511–558) e Clotario I (reinado 511–561).[34]

García Moreno fai mención doutros dous individuos, Fretimundo e Freda, que tamén son considerados Baltos por el. O primeiro foi un emisario activo durante o reinado de Teodorico I que fora enviado á corte do rei suevo Hermerico (reinado 410–441), mentres o segundo foi un nobre que recibiu unha carta de Ruricio de Limoges.[12] Igualmente, opina que a dinastía dos Baltos non desapareceu coa morte de Amalarico senón que, baseándose na aliteración dos nomes visigodos, o rei Atanaxildo puido pertencer, igualmente, á dinastía real. Outros puntos que apoian esta hipótese son a mención realizada por Venance Fortunat da sublime liñaxe nobre (nobilitas) que as fillas de Atanaxildo, Brunilda e Galsuinta, pertenceron e os privilexios gozados por Brunilda na Galia: a ela lle foi conferido o dereito de levar consigo á Austrasia o famoso misorio de prata dado a Turismundo polo xeneral Aecio e, ademais, recibiu o apoio especial da nobreza borgoñona, que alegaba descender dos Baltos, e que xa teríase unido mediante matrimonio aos Baltos. Finalmente, Moreno aínda evoca esa hipotética liñaxe ao lembrar que Hermenexildo nomeou o seu fillo con Ingunda, a filla de Brunilda, e neta de Atanaxildo con vistas a reforza-la súa posición diante do seu pai Leovixildo (reinado 568–586).[35]

Lista de reis Baltos[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. VV.AA. (1987). "Baltos". Gran Enciclopedia Larousse 3. Barcelona: Planeta. p. 1136. ISBN 84-320-7373-3. 
  2. North (1997), p.144
  3. 3,0 3,1 3,2 Wolfram (1990), p. 32
  4. Christensen (2002), pp. 321-322
  5. Liebeschuetz (2015), p. 113
  6. Christensen (2002), p. 321
  7. Xordanes (551), XXIX. 146
  8. Liebeschuetz (2002), p. 78
  9. 9,0 9,1 Wolfram (1990), pp. 33-34
  10. Burns (1994), p. 26
  11. Heather (2005), p. 164
  12. 12,0 12,1 García Moreno (2007), p. 344
  13. Kulikowski (2006), p. 191
  14. 14,0 14,1 Wolfram (1997), p. 23
  15. Xordanes (551), XXIX.147
  16. Martindale (1980), p. 43-48
  17. García Moreno (2007), p. 339
  18. Martindale (1980), p. 1100
  19. Lee (2008), p. 48
  20. Collins (2008), p. 113
  21. Procópio (2014), p. 563
  22. Wolfram (1990), p. 202
  23. Barbero (2005), p. 165
  24. Heather (20089, p. 24
  25. Barbero (2005), pp. 167-171
  26. Liebeschuetz (2015), p. 114
  27. 27,0 27,1 Jiménez Garnica (2010), p. 271
  28. Sirago (1999), p. 12
  29. Collins (2008), pp. 113-114
  30. Barbero (2005), p. 175
  31. Barbero (2005), pp. 177-178
  32. García Moreno (2007), p. 340
  33. Wolfram (1990), p. 33
  34. Martindale (1980), p. 517
  35. García Moreno (2007), p. 345

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

En inglés[editar | editar a fonte]

En español[editar | editar a fonte]

  • Jiménez Garnica, Ana María (2010). Nuevas gentes, nuevo Imperio: los godos y Occidente en el siglo V. Madrid: UNED. ISBN 978-84-362-6174-5. 

En italiano[editar | editar a fonte]

  • Sirago, Vito Antonio (1999). Amalasunta: la regina (ca. 495-535). Colección Donne d'Oriente e d'Occidente. Milán: Editoriale Jace Book. ISBN 88-16-43509-7. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]