Alateo
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | século IV (<376) valor descoñecido |
| Morte | 387 (Gregoriano) Río Danubio |
| Actividade | |
| Ocupación | monarca, soldado, señor da guerra, político |
| Familia | |
| Fillos | Ataúlfo |
| Descrito pola fonte | Paulys Realenzyklopädie der klassischen Altertumswissenschaft |
Alateo (ou Odoteo, denominado así por Claudiano; en latín: Alatheus/Odathaeus),[1] morto no 387, foi un xefe e caudillo grutungo. As súas orixes son incertas. Mentres García Moreno afirma que, probabelmente, era un membro da dinastía dos Amalos e que fora pai do rei Ataúlfo (r. 410–415),[2] outros historiadores discrepan desta idea.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Alateo aparece citado por vez primeira no 376 na obra de Amiano Marcelino. Nese momento, trala morte de Vitimiro, o caudillo dos grutungos, loitando contra os hunos, quedou encargado como rexente xunto con Sáfrax, de protexer a Viderico, o fillo de Vitimiro.[3] Nesa época, segundo o relato, posuía un estatuto equivalente ao do dux romano. Despois de seren derrotados polos hunos, xunto con Sáfrax, comandou ao grupo dos grutungos que se negaron a seren dominados polos hunos até as beiras dos Dniester.[4]
No 376, os dous caudillos xunto a outro oficial gótico chamado Farnobio, marcharon cara ao Danubio,[5] cando os tervingos de Fritixerno acababan de cruza-lo río co permiso imperial do emperador Valente (reinado 364-378),[6][7] pero a eles non se lles concedeu.
Guerra Gótica de 376–382
[editar | editar a fonte]Finalmente, conseguiron cruza-lo río e penetrar no imperio romano[8] e, dende ese momento, comandou varias incursións contra o Imperio Romano de Oriente entre 376 e 387. Así,no 377, aliados cos nobres tervingos Fritixerno e Alavivo, derrotaron un exército romano na batalla de Ad Salices (baixo Danubio). Pouco despois, participou xunto con Sáfrax, de novo aliados cos tervingos, na batalla de Adrianópole (378),[9] durante a cal comandou a maior parte da cabalaría grutunga. O seu papel foi decisivo na destrución do flanco esquerdo da cabalaría romana durante a batalla e o posterior cerco á infantaría pesada dos xenerais Traxano e Víctor, que deu a vitoria ao bando bárbaro.
Trala batalla de Adrianópole, separáronse dos tervingos e saquearon varias cidades de Tracia e o norte de Grecia e partiron cara a Panonia, que tamén foi saqueada.[10][11]
Asentamento en Panonia
[editar | editar a fonte]Finalmente, conseguiron negociar a paz co emperador occidental Graciano (reinado 367–383),[10][11] quen firmou un tratado polo que os seus grutungos poderían asentarse en Panonia.[2] Alateo e Sáfrax permaneceran tranquilos durante un tempo mais polo 386, cando intentaban atravesar o Danubio para se internar no Imperio romano, foron derrotados polo xeneral romano Prómoto, ás ordes de Teodosio I o Grande. Trala derrota, asentouse na desembocadura do Danubio cos seus homes, ata que decidiu enfrontarse de novo a Prómoto no 387, sendo esta a súa última batalla, xa que morreu durante o combate coas tropas romanas.[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Smith (1867), p. 90.
- ↑ 2,0 2,1 García Moreno (2007), p. 339.
- ↑ Kulikowski (2007), p. 126.
- ↑ Christensen (2002), p. 142.
- ↑ Heather (2003), p. 46.
- ↑ Frassetto (2003), p. 46.
- ↑ Wolfram (1990), p. 72.
- ↑ Jorgensen (2009), p. 52.
- ↑ MacDowall (2001), p. 36.
- ↑ 10,0 10,1 Martindale (1971), p. 802.
- ↑ 11,0 11,1 Heather (2003), p. 50.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Christensen, Arne Søby (2002). Cassiodorus, Jordanes and the History of the Goths: Studies in a Migration Myth (en inglés). Copenhague: Museum Tusculanum Press. ISBN 9788772897103.
- Heather, Peter (2003). The Visigoths from the Migration Period to the Seventh Century: An Ethnographic Perspective (en inglés). Woodbridge, Suffolk: Boydell & Brewer Ltd. ISBN 1843830337.
- Heather, Peter (2018). Emperadores y bárbaros. (en castelán). Barcelona: Crítica. ISBN 978-84-17067-78-6.
- Jorgensen, Christer (2009 [2007]). Grandes batallas. Los combates más trascendentes de la Historia (en castelán). Barcelona: Parragon Books. ISBN 978-1-40755-248-4.
- Kulikowski, Michael (2007). Rome's Gothic Wars (en inglés). Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 0-521-84633-1.
- Smith, William, ed. (1867). Dictionary of Greek and Roman Biography and Mythology (en inglés). Boston: Little, Brown and Company.
- Wolfram, Herwig (1988). History of the Goths (en inglés). Berkeley: University of California Press. ISBN 9780520069831.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]| Predecesor: Vitimiro |
Rei dos grutungos | Sucesor: |