Fritixerno
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | século IV |
| Morte | c. 378 |
| Caudillo dos Tervingos | |
| 376 – 380 ← Alavivo | |
| Datos persoais | |
| Relixión | Arianismo |
| Actividade | |
| Ocupación | monarca |
| Carreira militar | |
| Participou no conflito | batalla de Adrianópole |
| Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Granat Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Paulys Realenzyklopädie der klassischen Altertumswissenschaft |
Fritixerno (en gótico Frithugarnis; en latín, Fritigernus) (? ? 380), foi rei dun dos grupos de godos tervingos de 376 a 380[1] e foi un caudillo militar que dirixiu a unha parte dos tervingos na fronteira romana do Danubio e províncias dos Balcáns durante os reinados dos emperadores Valente (reinado 364-378) e Teodosio I (reinado 378-395).
Enfrontouse ao xuíz tervingo Atanarico, pois non aceptou a persecución dos cristiáns levada a cabo por Atanarico e enfrontouse a el nunha guerra civil. Descoñécese a cronoloxía desta guerra civil, pero sábese que Fritixerno contou coa axuda do emperador Valente e o exército aliado puido derrotar a Atanarico.
No ano 376, debido á presión militar imposta pola chegada dos hunos ás proximidades do Mar Negro, así como pola migración dos grutungos, Fritixerno iniciou negociacións para asentar a aqueles tervingos que marcharan con el no imperior das fronteiras romanas. Valente concedeu permiso para que os tervingos baixo o seu mando e baixo o mando de Alavivo se establecesen en Moesia Secunda, pero debido aos malos tratos por parte dos oficiais Lupicino e Máximo, estalou unha guerra entre romanos e godos, a Guerra gótica (376-382), que remataría coa morte de Valente na batalla de Adrianópole no ano 378.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]
Rival de Atanarico, outro gran xuíz ou caudillo visigodo, Fritixerno (cuxo nome significa "Desexando a paz") foi apoiado polo emperador romano Valente principalmente pola súa adhesión ao arianismo,[2] unha forma de cristianismo moi estendida nesta época e coa que Valente simpatizaba, mentres que Atanarico permaneceu fiel á relixión xermana pagá porque pensaba que o espallamento do cristianismo provocaría o abandono das tradicións godas.[3]
No 376, coa aparición dos hunos, os godos baixo o mando de Atanarico intentaron resitir pero este foi derrotado o que provocou o saqueo do seu territorio e que a maior parte dos godos non recoñecesen a súa autoridade e elixiron a Fritixerno e Alavivo mentres os tervingos que permaneceron fieis a Atanarico agocháronse nos Cárpatos. Polo despois, xa baixo o mando destes dous solicitaron a Valente permiso, que este concedeu, para cruzar o Danubio e instalárense en territorio romano, onde os hunos non poderían alcanzalos. O permiso foi concedido polo apoio de Fritixerno a Valente cando este loitou contra Atanarico.[1][4] Foron instalados na provincia de Mesia e, a cambio de seren tratados como cidadáns romanos, como contraprestación, debían ofrecer continxentes militares cando se solicitase. Aos poucos, empezou Fritixerno a ter serios problemas para gobernar ao seu pobo, debido en gran parte ao feito de que moitos seguidores de Atanarico tamén lograron cruzar o Danubio. Estímase que a cifra total dos que conseguiron cruzar o Danubio estaría polos douscentos mil.[5] Neste momento, Alavivo aparece como líder dos tervingos por diante de Fritixerno, posiblemente por ter unha posición aristrocrática máis elevada.[1]
Guerra Gótica
[editar | editar a fonte]En 377, os visigodos pediron axuda ao Emperador para combater as fames negras que estaban arrasando as súas terras. Os gobernadores destas terras, Lucipino e Máximo, non só non solucionaron o problema, senón que o acrecentaron coa súa actitude belixerante. Sen outras alternativas máis que loitar ou morrer, Fritixerno conduciu ao seu pobo á guerra, conquistando en pouco tempo gran parte da provincia veciña de Tracia, moito máis rica.
Batalla de Adrianópole (378)
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Batalla de Adrianópole (378).
A crise continuou no 378, e o 9 de agosto dese ano Fritixerno vingou a derrota que sufrira o seu pobo na batalla de Naissus, 109 anos antes, inflixindo ao Imperio romano a súa maior derrota militar en séculos, a batalla de Adrianópole.
A vitoria de Fritixerno pronto levou aos visigodos a controlar a maior parte da península Balcánica, incluída Grecia. Só pequenas áreas e cidades, como Atenas e Constantinopla, quedaron libres do seu saqueo, en parte debido á falta dos instrumentos de asedio adecuados no exército de Fritixerno.
Fritixerno continuou vencendo aos romanos durante os dous anos seguintes á súa gran vitoria, gañando o recoñecemento como rei da maioría dos visigodos instalados no Imperio. Cando morreu, Atanarico converteuse en rei da totalidade dos visigodos e asinou finalmente a paz cos romanos.
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 3 Wolfram (1990), p. 72.
- ↑ Wolfram (1964), p. 69.
- ↑ Wolfram (1990), p. 69.
- ↑ Frasseto (2003), p. 46.
- ↑ Martos Rubio (2011), p. 107.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Frassetto, G. (2003). Encyclopedia of Barbarian Europe. Society in Transformation (en inglés). Santa Barbara, CA: ABC-CLIO. ISBN 9781576072639.
- Hughs, Ian (2013). Imperial Brothers: Valentinian, Valens and the Disaster at Adrianople (en inglés). Barnsley: Pen and Sword. ISBN 1848844174.
- Martos Rubio, A. (2011). Breve historia de Atila y los hunos (en castelán). Madrid: Ediciones Nowtilus. ISBN 9788499670164.
- Wolfram, Herwig (1990). History of the Goths (en inglés). Berkeley / Os Ánxeles / Londres: University of California Press. ISBN 9780520069831.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]| Predecesor: Alavivo |
Caudillo dos Tervingos 376 – 380 |
Sucesor: Alarico I |