As actas escuras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

As actas escuras
Autor/aRoberto Vidal Bolaño
LinguaGalego
Xénero(s)Teatro
EditorialA Nosa Terra
Data de pub.2005
FormatoTapa dura
Páxinas146
ISBNISBN 978-84-96403-58-1

As actas escuras é unha obra de teatro de Roberto Vidal Bolaño. A peza, un drama histórico, foi gañadora en 1994 do segundo certame Camiño de Santiago de teatro profesional, que requiría unha trama relacionada co Ano Santo Xacobeo. En 2009 foi levada a escena polo Centro Dramático Galego con dirección de Xúlio Lago.

Trama[editar | editar a fonte]

A Belén:
sempre cara ó vento comigo
facendo realidade
éste e outros soños imposibles.

—Dedicatoria do autor. Refírese a Belén Quintáns López, segunda muller de Vidal Bolaño.

A acción desenvólvese en Santiago de Compostela entre 1879 e 1884. A primeira escena é unha prolepse que ten lugar en 1884. Don Mauro está no seu leito mortal, e o seu sobriño dille que o papa León XIII declarou que os restos achados son auténticos e que proclamou 1885 como Ano Xacobeo a pesar de non caer en domingo o 25 de xullo. Don Mauro pídelle ao sobriño que queime uns documentos.

Catedral de Santiago, na que discorre parte da acción.

A trama principal ten lugar en marzo de 1879, mentres o cardeal Miguel Payá y Rico estaba á fronte da arquidiocese compostelá, cunhas escavacións no altar maior da catedral compostelá na procura dos restos do Apóstolo Santiago e dos seus discípulos Anastasio e Teodoro, que soterrara o arcebispo San Clemente en 1589 para defendelos dos ataques de Francis Drake.

Don Mauro é un historiador e dominico duns cincuenta anos e con problemas de visión, vello amigo do cardeal Payá. Chega a Compostela co seu sobriño Casiano, membro da Institución Libre de Enseñanza que traballa como historiador na Biblioteca Nacional de España. Logo de chegar en tren á estación de Cornes (Conxo) van á catedral. Alí López Ferreiro amósalles as escavacións, e dilles que os ósos humanos están a ser analizados por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela, que determinaron que pertencen a tres persoas distintas.

Don Mauro e o sobriño van á pousada. Así, sábese que Don Mauro trouxo o seu sobriño a Compostela non só para que o axudase nas pescudas, senón para afastalo de Rosarito, unha muller casada que abandonou o seu home para evitar os malos tratos e que traballa de cupletista nun cabaré.

Despois de pasaren pola pousada, Don Mauro vai falar con Rey Vicente (alter ego de Andrés Rey Varela), xornalista director de El Porvenir e La Reforma, de marcada tendencia católico-tradicionalista. Teñen unha discusión sobre a tendencia do cardeal logo do Concilio Vaticano I e sobre a política en España durante o reinado de Afonso XII, logo da aprobación da Constitución española de 1876 polo goberno de Cánovas del Castillo.

Os cóengos da catedral discuten sobre se a presenza de Don Mauro e o seu sobriño, ao que tachan de krausismo e de seguidor de Giner de los Ríos, será boa para os propósitos da curia, ao enfrontarse os estudos científicos coa fe e tradición relixiosas.

Logo de escoitar as explicacións sobre as análises dos restos humanos por parte do químico Casares (reitor da universidade compostelá), o cura dominico e o seu sobriño comezan a formular unha teoría, pola cal o arcebispo San Clemente borraría todo rastro que puidese facer pensar que os restos non pertencen a Santiago o Maior e os seus seguidores, mesmo suprimindo un capítulo do Códice Calixtino e mudando os manuscritos da Historia Compostelá, uns anos despois de que Ambrosio de Morales visitase Compostela por orde do rei Filipe II. Finalmente, Don Mauro e o seu sobriño expoñen a súa teoría á curia, que malia todo decide seguir adiante co proceso de autentificación por parte do papa.

Na última escena, outra prolepse, vólvese ao leito de morte de Don Mauro, coidado polo seu sobriño e Rosarito. O sobriño dille que queimou os textos nos que expuxeran a súa teoría, e que non foran tidos en conta pola curia. Finalmente, antes de morrer, Don Mauro pídelle a Rosarito que lle cante un cuplé.

O cardeal Payá. Retrato de Román Navarro propiedade da Deputación da Coruña.

Narración[editar | editar a fonte]

Tempo e espazo[editar | editar a fonte]

A trama desenvólvese na vila de Santiago de Compostela. Os exteriores teñen lugar na estación de tren de Cornes e as ruelas da zona vella, incluído un bar e unha barbería. Como espazos interiores aparecen diversas estancias da catedral e os seus anexos (o arquivo-biblioteca, o altar maior, o tellado, a sancristía, a sala capitular) e outros lugares como o mosteiro de Antealtares, a fonda onde se hospedan Don Mauro e o sobriño, a casa de López Ferreiro, e a vivenda de Don Mauro.

O tempo histórico é a finais do século XIX, durante a Restauración borbónica, época na que chegou a Santiago de Compostela o ferrocarril. Respecto ao tempo narrativo a trama dura cinco anos: unha prolepse na primeira e última escena ambientada en 1884, e a acción principal abrangue tres días de marzo de 1979 (escenas 2 a 11, 12 a 25 e 26 a 29). A obra ten 30 escenas, cunha estrutura circular: as escenas 1 e 30 discorren no leito de morte de Don Mauro, e as escenas 2 e 29 teñen lugar na estación de tren.

Lingua[editar | editar a fonte]

A maior parte da obra son diálogos entre os personaxes. As acoutacións sitúan a obra no seu espazo e falan dos personaxes, mais tamén describen de xeito poético elementos como a luz ou os efectos visuais e sonoros (fume, a sirena do tren...).

Personaxes[editar | editar a fonte]

Na obra participan 26 personaxes: Don Mauro, Casiano, Rosarito, Payá e Rico, López Ferreiro, Casares, Labín, Xan de Nartallo, Rey Vicente, 4 cóengos, 2 homes, 2 mulleres, O Barbeiro, O Tarelo, Limpabotas, Rapaz, Un maleteiro, Criada, Patroa, Camareiro e Doutor.

Xosé Manuel Olveira "Pico", Don Mauro na versión do CDG de 2009.

Hai cinco personaxes reais: o cardeal Payá, López Ferreiro, o reitor Casares, Labín Caballero e Rey Vicente. Xan de Nartallo é un personaxe de ficción baseado nun canteiro que participou nas escavacións da catedral que aparece noutras obras, como Galicia Feudal (Victoria Armesto, 1969), na que se conta como ficou cego por mor da emoción. Outros personaxes reais que aparecen mencionados son Ambrosio de Morales, o Arcebispo de Toledo, Filipe II, Timoteo Sánchez, Juan Francisco Masdeu, Francisco Freire, Laureano Calderón, Augusto González de Linares, Darwin, Galileo, Giner de los Ríos, León XIII, Juan de San Clemente, Alfredo Vicenti ou Ferro Caaveiro.

Edicións[editar | editar a fonte]

En 1994 gañou o premio Camiño de Santiago, convocado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, estando composto o xurado por personalidades como Ricardo Salvat, Manuel Guede Oliva, José María Paz Gago e Mabel Rivera. Malia que nas bases da convocatoria se estipulaba que as obras premiadas serían publicadas e unha delas representada, As actas escuras non apareceu impresa até 1997.

Nese ano foi publicada por Edicións A Nosa Terra e a AS-PG nun volume conxunto coas obras O circo de medianoite de Manuel Lourenzo e Maremia de Euloxio Ruibal. En 2003 foi publicada en lingua castelá por Editorial Hiru, traducida por Rebeca Quintáns. En 2005 saíu un volume, de 144 páxinas en tapa dura, promovido polo concello de Santiago de Compostela e editado pola Nosa Terra con ilustracións de Pepe Carreiro, prólogo de Néstor Rego e introdución de Manuel Quintáns Suárez.

No ano 2009 foi representada polo Centro Dramático Galego con dirección de Xúlio Lago e co elenco formado por César Cambeiro, Ricardo de Barreiro (Casiano), Ursia Gago Jouse García, Mónica García, Teté García, César Goldi (Rei Vicente, Labín), Xoán Carlos Mejuto, Fernando Morán (López Ferreiro), Xosé Manuel Olveira "Pico" (Don Mauro), Rodrigo Roel, Pepe Soto (Xan de Nartallo), Agustín Vega (Cardeal Payá) e Marcos Viéitez.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]