Arona, Tenerife
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Illas Canarias | ||||
Provincia | Provincia de Santa Cruz de Tenerife | ||||
Illa volcánica | Tenerife | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 86.624 (2024) (1.059,1 hab./km²) | ||||
Lingua oficial | lingua castelá | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 81,79 km² | ||||
Bañado por | Océano Atlántico | ||||
Altitude | 630 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcalde | Francisco Jose Niño Rodriguez (en) | ||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 38640 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 38006 | ||||
Outro | |||||
Irmandado con | |||||
Sitio web | arona.org |
Arona é un municipio canario pertencente á provincia de Santa Cruz de Tenerife. Está situado no sur da illa de Tenerife.
É o terceiro municipio máis poboado de Tenerife, tras Santa Cruz de Tenerife e San Cristóbal de la Laguna, e o quinto do Arquipélago Canario. Polo tanto Arona é o gran núcleo urbano do sur da illa e tamén o municipio meridional máis poboado das Canarias.
Ten unha extensión de 81,79 km² e unha poboación de 75.339 habitantes (INE 2011). A súa altitude é de 610 metros sobre o nivel do mar na capital homónima que está no interior da illa.
Xeografía
[editar | editar a fonte]Marcando o extremo sur da illa, coa Punta Salema, supón unha franxa de terreo que queda delimitada cara ao oeste polo barranco do Rey, que descende no seu límite con Adeje, ata dividir en dous a localidade de Playa de las Américas. Pola contra, o seu límite cara ao leste con San Miguel supón unha liña practicamente recta, do mesmo xeito que cara ao norte, que zigzaguea ao redor da cota dos 900 metros de altitude, na súa fronteira con Vilaflor de Chasna.
Desprovisto de cumes, aparece un espazo que descende suavemente cara ao litoral, e onde se intercalan algúns relevos máis destacados. No litoral alternan os pequenos cantís e unha costa baixa, tanto rochosa, como con praias de area.
Aparecen en toda esta zona materiais xeolóxicos, correspondentes ás distintas series volcánicas que formaron a illa.
Historia
[editar | editar a fonte]Sobre a orixe do municipio de Arona hai poucos datos e os que hai áchanse dispersos. Refírense case exclusivamente á tradicional existencia dalgúns asentamentos tras a conquista. Viera y Clavijo fálanos deste núcleo de Arona, xunto cos do Valle e Cabo Blanco, ao referirse a Chasna por outro nome Vilaflor.
A ermida de San Antón Abade foi construída ao parecer polo fillo de Antón Domínguez o Vello, no século XVII, por atoparse a súa vivenda lonxe de Vilaflor. A ermida foi erixida en parroquia por auto de separación de 30 de marzo de 1796, separándose da igrexa matriz de Vilaflor.
Con todo, a pesar destes modestos principios, o municipio coñeceu nos últimos anos un espectacular crecemento. Los Cristianos, a mediados do século pasado, non era máis que un pequeno porto pesqueiro e unha canteira; hoxe é punto importante na recepción do turismo.
A súa poboación, sensible aos problemas xurdidos coa caída dos prezos da cochinilla, o afundimento da agricultura, os efectos da primeira guerra mundial e da guerra civil, que provocaron a emigración, viuse, con todo multiplicada por nove nun século, dando idea da importancia do desenvolvemento alcanzado por este municipio sureño.
Localidades
[editar | editar a fonte]- Arona
- Cabo Blanco
- La Camella
- Los Cristianos
- Playa de las Américas
- Palm-Mar
- Costa del Silencio
- Chayofa
- Cho
- Guargacho
- Guaza
- El Fraile
- Parque la Reina
- Las Galletas
- Buzanada
- Valle San Lorenzo
- La Sabinita
- Túnez
Economía
[editar | editar a fonte]O sector terciario constitúe a base da riqueza deste municipio sureño, que soubo explotar as características do seu clima (cálido, seco e cun sol permanente) para crear un importante enclave turístico. Máis do 60% da súa poboación traballa neste sector.
A actividade agrícola, intensa, concéntrase no chamado Val de San Lorenzo. Alí cultívase o plátano, en crecentes superficies, destinado aos mercados peninsulares.
Xunto á bananeira, pero sen chegar a alcanzar a súa importancia, dedícanse terreos á produción de tomates, papas, pementos e flores (en invernadoiro) destinadas á exportación a países de Europa.
As leiras non adoitan ser excesivamente grandes, sendo as maiores as situadas cara á costa, as de mediana extensión sitúanse no centro do municipio, mentres que as pequenas ocupan as zonas máis altas.
A gandería atópase en franco declive, pois ás dificultades derivadas da escaseza de augas, únese o atractivo de máis cómodas ganancias no sector servizos.
Lugares de interese
[editar | editar a fonte]- Montaña de Guaza: espazo natural protexido, de orixe volcánica.
- Paraxe natural do Roque de Jama, de orixe volcánica.
- Miradoiro de La Centinela, con vistas do Val de San Lorenzo.
- Igrexa parroquial de Arona, con retablo e imaxes da Virxe da Concepción, de Francisco García Medina (1739), San Xosé e o Cristo da Saúde.
- Parque Central de Arona, espazo verde de 4 hectáreas, con palmeiras tropicais e rochas típicas da zona.
Festividades
[editar | editar a fonte]Dentro das variadas festas que se celebran as do Cristo da Saúde e a Virxe do Rosario, o primeiro domingo de outubro e o luns seguinte, atraen moitas persoas de todo o sur.
Desde verán de 2005 celébrase no municipio o Festival de música Aguaviva Canarias.
Deporte
[editar | editar a fonte]En Arona existen diversas asociacións e entidades que se dedican á promoción do deporte como o Club Deportivo Furia Arona. Tamén se disputou o XVI Torneo Internacional Alevín de Fútbol 7, con vitoria para o Atlético de Madrid. En fútbol destaca tamén o Club Deportivo Marino, da localidade de Los Cristianos.
Cidades irmandadas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Arona, Tenerife |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sitio web oficial Arquivado 24 de abril de 2018 en Wayback Machine. (en castelán)
- Arona no sitio web oficial de Turismo de Tenerife (en castelán)